QUE NUNCA TEÑAMOS MEDO DA TENRURA:
QUÉROTE....
QUE PALABRA TAN FERMOSA CANDO SE DI CO
CORAZÓN!
PÓRTICO
Paz e
ben. Os discípulos non se decataban de que Xesús estaba alí, con eles, ao seu
lado. E non eran capaces de recoñecelo porque inda non se deran conta de que a
súa presenza non necesita anunciarse nin mostrarse con grandes roupaxes e
pontificais barrocos. Non, El vaise facendo pequeno na sinxeleza das cousas de
cada día: na ledicia de facer ben o traballo, no tempo dedicado a falar coa
muller e cos fillos, cos pais, cos avós, cos veciños, cos amigos...na palabra
que sabe recoñecer o ben que outros fixeron as cousas… no saber aproveitar cada
un dos momentos da nosa vida para dar resposta positiva á invitación do
“sígueme“ que nos fai. Non teñamos medo, superemos a desconfianza. El está ao
noso lado. Aprendamos a dicirlle:”aquí estou, Señor, e sabes que?. Quérote!”.
O PERDÓN
Aínda que ás veces non nos esforzamos
por recoñecerte nas cousas pequenas de cada día, e non traballamos para facelas
ben, SEÑOR, TI SABES QUE TE QUERO.A pesares de que nos cremos mellores que os demais, que non aceptamos que as persoas poidan cambiar, que levamos conta das ofensas que nos fan os irmáns e que non damos oportunidades para o cambio, CRISTO, TI SABES QUE TE QUERO.
Pese a que moitas veces temos medo ou vergoña de manifestar a nosa fe, e somos capaces de negarte para quedar ben, SEÑOR, TI SABES QUE TE QUERO.
REMUÍÑO
·
Se hai unha insistencia ao longo de
todo o tempo de pascua nos textos que iremos proclamando, é a de ser
testemuñas. As mulleres, os apóstolos, Paulo… foron testemuñas dunha profunda
experiencia de Deus que lles cambiou a vida: a uns de xeito radical, a outros
pouco a pouco, pero o caso foi que o acontecido con Xesús xa non volveu
deixalos indiferentes. Unha das consecuencias disto foi que pouco a pouco ían
perdendo os medos. Xa non se sentían desamparados, solos e incomprendidos. Do
mesmo xeito que tod@s eles percibiron e viviron isto, tamén nós hoxe somos
invitados a testemuñar a alegría de saber que o Deus no que cremos é un Deus de
vida e para a vida.
·
A iso é ao que se refire Xesús cando
nos di que temos que botar as redes ou apacentar. Mal interpretada, esta
invitación pode levarnos a caer nun proselitismo erróneo que tantas veces unha
boa parte da nosa Igrexa utilizou e mesmo utiliza e que tan malos resultados
lle deu e lle está dando. Botar as redes para que o Señor as encha significa
achegarse, confiad@s en que El camiña connosco, a todas as persoas para
ofrecerlle o que somos e o que temos, o noso esforzo e a nosa axuda para ir
construíndo entre todos comunidade, Igrexa, Reino… Pero ollo, non desde a
imposición ou desde a obediencia cega, senón desde a invitación. Porque temos
que desenganarnos: no medio dunha sociedade que se esquece e mesmo ás veces parece
querer matar a Deus, a Igrexa, que non o esquezamos, somos tod@s nós, seremos
cribles se coas nosas accións, coas nosas palabras, cos nosos xestos… nunha
palabra, se, co noso talante estamos dispost@s a ser testemuñas daquel que, o
día de Xoves Santo que tan fresco temos na nosa vida, nos invitou a pasar polo
mundo vivindo as palabras amor, solidariedade e servizo, non como anónimas
senón co rostro e o nome de tantas persoas que ao noso carón saben vivilas e
testemuñalas. Polo tanto non se trata de berrar moito, de dicir palabras
fermosas, de laiarse de que outro tempo pasado foi mellor… trátase máis ben de
mirar cara adiante co optimismo e coa ledicia de sabérmonos querid@s e
agarimad@s por un Deus que é amor e que nos invita a facelo presente no mundo
sendo, coa nosa vida, homes e mulleres sementadores de esperanza e de ilusión.
Porque, con qué criterio predicamos a Deus e non acompañamos aos nosos irmáns e
irmás cando sofren?. A fe, malia que lle pese a demasiados, non é só cuestión
de culto, de templo, de sancristía, senón que tamén ten unha dimensión social
que en demasiadas ocasións esquecemos, porque compromete a nosa vida a xornada
completa. Certamente é importante non faltar á celebración do domingo, orar
diante do Santísimo, rezar o rosario… pero non é menos importante non explotar
ás viúvas cobrando estipendios inxustos, dar conta dos cartos da comunidade,
acompañar a quen sofre a perda dun ser querido, alentar a quen se sente
precisado do noso tempo, do noso sorriso, da nosa man.... Iso tamén forma parte
da vida de fe. E esas son as redes que se nos invitan a botar hoxe: as da
cercanía, do diálogo, da escoita, do agarimo, da xustiza, da compaña....
·
Así é como daremos razón da nosa
esperanza: se temos sempre presente que non podemos disociar a vida e a fe, o
que cremos do noso actuar, o que rezamos do que facemos… Non temos a posesión
absoluta da verdade, temos que confiar na xente, dar oportunidades… coma fai
Xesús hoxe con Pedro. A pesares de telo negado tres veces, hoxe o Señor volve
darlle unha nova oportunidade. Que nós tamén, nesta nova oportunidade que se
nos abre co tempo pascual, saibamos facer presente ao Resucitado ao noso redor
dende as redes evanxélicas.
RENOVACIÓN DAS
PROMESAS BAUTISMAIS
(A poder ser, desde a fonte bautismal)
Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron
por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para
escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso,
pregúntovos:
·
Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o
noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que
nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.
·
Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo
Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se
erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o
amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos
chamamos seguidores seus?. Si, creo.
·
Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que
vai actuando na nosa vida, enfortecendo as nosas comunidades e invitándonos a
non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?. Si, creo.
·
Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e
que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na
escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que
a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?.
Si, creo.
·
Credes na esperanza da
resurrección, que
compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus
entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí a agora
do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde
compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?. Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar
e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida.
P.X.N.S.Amén.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor,
sabemos que Ti nos queres incondicionalmente; por iso che dicimos:
QUE AS NOSAS REDES SEXAN SEMPRE AS DO AMOR
Pola
Igrexa, por cada un e cada unha de nós, para que sempre botemos as nosas redes
para favorecer a todas aquelas persoas que nesta vida foron situadas nun lugar
escuro e apartado da sociedade, OREMOS
QUE AS NOSAS REDES SEXAN SEMPRE AS DO AMOR
Polas
nosas comunidades, para que sexan comunidades vivas, esperanzadas e
esperanzadoras, non excluíntes, alegres, agarimosas, e así fagan presente no
noso mundo ao Resucitado, OREMOS.
QUE AS NOSAS REDES SEXAN SEMPRE AS DO AMOR
Por
cada un e cada unha de nós, para que sempre vaiamos pola vida coma Xesús,
botando as redes do amor, coas mans estendidas cara todas as persoas,
denunciando a utilización e a opresión do pobre, e abert@s á xustiza e á
esperanza, OREMOS.
QUE AS NOSAS REDES SEXAN SEMPRE AS DO AMOR
Grazas,
Señor, porque a pesares de que moitas veces queremos ir por libre, Ti segues a
confiar en nós e a subir á ventá do faiado esperando a nosa volta. Grazas por
estar sempre aí. PXNS. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
(Preparamos fotocopias para repartirllas á xente e
rezámola tod@s xunt@s)
Señor, Ti sabes que sempre te quixen,
e que sigo queréndote.
Ti sabes que te quero.
A pesares da miña soberbia e do meu orgullo,
a pesares dos meus medos e infidelidades,
Ti sabes que te quero.
A pesares do cansazo e do abandono de tantos días,
a pesares da miña cachola de pedra,
Ti sabes que te quero.
A pesares de que me custa adiviñarte entre a xente,
a pesares do torpe que son para verte vestido de
pobre,
Ti sabes que te quero.
A pesares das miñas dúbidas de fe,
da miña esperanza vacilante,
do meu amor posesivo,
Ti sabes que te quero.
A pesares das bravuconadas dalgúns días,
da apatía e da desgana doutros,
a pesares dos meus pés cansos,
das miñas mans sucias,
do meu rostro desencaixado,
Ti sabes que te quero.
A pesares de que me custa quererme a min mesmo,
a pesares de que non sempre te entendo,
a pesares das liortas nas que me meto,
Ti sabes que te quero.
Quérote, Señor,
porque Ti me quixeches primeiro,
e non renegaches de min,
a pesares de ser zote e fráxil.
Quérote, Señor,
porque sempre confías nas posibilidades que teño de
ser,
xunto contigo,
aquí, no meu posto,
servidor fraterno.
CANTOS
¨ ENTRADA: Unha xuntanza de amor
¨ GLORIA: Gloria a Deus, gloria ao Pai....
¨ LECTURAS: Canta, aleluia
¨ OFERTORIO: Camiñar sen Xesús
¨ COMUÑÓN: Déixate querer
Comentarios