Ao pe do teu caxato sentín o meu sosego
PÓRTICO
CONFIANZA. Esta podería ser a palabra que mellor define e se achega
a este tempo de Pascua e á celebración deste terceiro domingo pascual.
Confianza en Deus por riba das desconfianzas que nos fan sentir os que falan,
din e se manifestan coma os seus representantes e para os que non hai sosego -senón
moitas valgadas sombrías-, para os que todo son males, desconfianzas, condenas
e imposicións. A pesares deste xeito de actuar por parte dos que queren seguilo
sendo pastores das comunidades ás que están chamados a servir, o Deus que en
Xesús vence á morte, segue a dicirnos que nesas valgadas sombrías nas que todo
parece saír mal, El nin se esquece nin se vai: está, permanece, continúa á nosa
beira. É o único e verdadeiro Pastor.
Que nesta mañá que nos reunimos para escoitar, compartir e celebrar a
confianza en Cristo Pastor, renovemos o noso compromiso de manter sempre firmes
as nosas conviccións e a nosa esperanza, unidos a aqueles que, na súa pequenez
e limitación, dan o mellor de si para que as comunidades ás que acompañan e
serven sentan, gocen e descubran a presenza da mensaxe do Resucitado non de
palabra, senón no actuar confiado, ledo e sinxelo ao servizo da nova creación á
que Cristo resucitado nos abre e ensina a continuar.
O PERDÓN
ö Bendito, Xesús Resucitado, que como Pastor bo, non nos abandonas á nosa
sorte, SEÑOR, QUE NON PERDAMOS A
CONFIANZA EN TI.
ö Bendito, Xesús Resucitado, que como Pastor bo, non queres que aniñen en nós
a desconfianza e o afán de dominio sobre os demais, CRISTO, QUE NON PERDAMOS A CONFIANZA EN TI.
ö Bendito, Xesús Resucitado, que como Pastor bo, non queres que agromen na
nosa vida nin manipulación nin o engano cara aos demais, SEÑOR, QUE NON PERDAMOS A CONFIANZA EN TI.
REMUÍÑO
û O cuarto domingo de pascua celebramos o día do Bo Pastor. Esta celebración
é sempre unha chamada a tod@s @s cristiáns, pastores ou non, para que dirixamos
a nosa mirada ao interno das nosas comunidades e reflexionemos de que maneira estamos
vivindo o compromiso adquirido no bautismo de ser testemuñas de Xesús
confesando a fe na resurrección, desde o noso actuar cotián alí onde
desenvolvemos as nosas tarefas laborais, familiares, sociais e tamén eclesiais.
É un bo momento para preguntarnos de que xeito asumimos e tomamos en serio a
afirmación que tantas veces dicimos: Cristo é o noso guieiro e a nosa
esperanza. El é o noso Pastor, a quen seguimos na súa persoa e na súa mensaxe.
Pero este noso seguimento non é algo teórico e desconectado do que cada día
facemos desde que nos erguemos ata que nos deitamos. Todo o contrario. Afirmar
que Cristo é o noso Pastor debe enchernos da responsabilidade de actuar sempre
téndoo a El como referencia do que facemos. E isto atínxenos a tod@s, non só a
aqueles que un día foron ordenados para o servizo das comunidades. Así, tamén
aos segrares lles corresponde o seu labor de facer que quen os preside o faga
con criterios evanxélicos, de servizo, de entrega xenerosa, humilde e sinxela...,
afastados do foco do “estrellato“ no
que moitas veces teñen/mos caído. E aquí, por calar, por permitilo, por
criticar e non actuar, tod@s, segrares tamén, temos parte de culpa. Xa é hora
de deixar de estar como cristiáns obedientes e calados, namentres o actuar dos
nosos pastores se vai afastando do proxecto evanxelizador de Xesús. O pastor,
como non o era Xesús, non é un burócrata nin unha persoa que busca medrar e
ascender no escalafón eclesial como se fose un “yupi con alzacuellos”; todo o
contrario, quen queira ser pastor ha aprender a estar con quen sufre, visitar a
quen está enfermo, consolar a quen se sente triste, defender a quen non é
respectado nos seus dereitos. Nunha palabra, utilizando unha expresión do Papa
Francisco na Misa da consagración do Crisma no día de Xoves Santo, os que
queiran ser pastores da Igrexa teñen que deixar os despachos, os pazos e as
alfombras vermellas, para “cheirar como
as ovellas”. É dicir, para estar ao lado daqueles aos que din servir, polos
que din preocuparse e nos que, desde o desenvolvemento do seu ministerio
sacerdotal, descobren a presenza de Xesús poñendo o seu corazón, as súas mans,
o seu tempo e o seu saber facer ao dispor de cant@s o necesiten. Os pastores
das nosas comunidades non poden formar un aparte do resto dos membros das
mesmas. Han ser sinxelos, humildes e sempre esperanzados. Non poden ser os
cartos, o poder ou o “status” o que guíe as súas vidas. Por iso é tan
importante que a celebración deste día a comprendamos e vivamos co corazón,
cantos nos chamamos e sentimos cristiáns, xa que a nosa tarefa non está
unicamente en colaborar e participar nas celebracións, nin tampouco se pode
reducir a criticar o que os pastores fan, senón en abrir a man e colaborar con
eles para que se fagan máis humanos, cercanos e sensibles aos problemas das
súas xentes. Tal e como Xesús invitou a vivir aos que estaban dispostos a
seguilo. Se renunciamos a isto e non os axudamos, non temos ningún dereito nin
a criticalos nin a pedirlle que fagan o que nós non somos capaces de axudarlles
a descubrir.
û Os textos que acabamos de proclamar márcannos con claridade que este é o
camiño que debemos seguir. O testemuño e o esforzo de tantos pastores que, en
diferentes momentos da historia da Igrexa pero tendo sempre como guieiro ao
Pastor Xesús, foron poñendo de manifesto que é posible vivir un ministerio
sacerdotal en actitude de servizo, no medio dos “gozos e esperanzas, das
tristuras e angustias” das persoas que conformaban as comunidades. Hoxe mesmo,
tamén é posible facelo se tod@s, pastores e comunidades, sabemos estar á altura
do que a sociedade e as persoas que a conforman nos piden que sexamos. Xa
quedan moi atrás os tempos dos pastores soberbios, autoritarios, mando e
pensamento único, movidos pola taxa dun servizo relixioso, prestado moitas
veces de xeito rotinario e sen capacidade de expresar a transcendencia de
relación con Deus e a paixón e o amor pola que viven, senten e sofren aquel@s
aos que din servir. Porque os pastores non poden ser nin profesionais nin
funcionarios, senón servidores dispostos a transmitir a alegría e a esperanza de
saber que Cristo é resposta e a súa mensaxe, camiño. Neste día renovemos a nosa
confianza en Deus, espertemos do sono que nos leva a criticar, pero non a
colaborar, e traballemos xunt@s para ser comunidades vivas e ledas, que
testemuñan coa súa vida e o seu facer, que seguir a Cristo paga a pena.
û Neste camiño de esperanza, Xesús, Bo Pastor, é sempre compañeiro para que
sexamos capaces de pasar de ser comunidades de conservación, tristes e
consumidoras de ritos, a ser comunidades vivas desde as que somos capaces de
compartir a alegría de renovarnos para que a forza da mensaxe de Xesús chegue
con ollos sempre abertos, proxectos novos e renovadores á nosa sociedade tan de
volta de todo diante da frustración e o engano dos poderosos.
RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo
fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se
reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por
iso, pregúntovos:
·
Credes no
Deus da luz e
da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza
nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.
·
Credes en
Xesucristo, o seu
Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo
tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres
e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a
percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?. Si, creo.
·
Credes no
Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, enfortecendo
as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do
derrotismo?. Si, creo.
·
Credes na
Igrexa, comunidade
nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e
caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión
recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o
seu corazón e a súa voz?. Si, creo.
·
Credes na
esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración,
facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores
do Reino, no aquí e agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con
El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a
vencer a morte?. Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar
e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida.
P.X.N.S. Amén.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Co Señor, Pastor bo e
xeneroso, compartimos agora a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:
QUE SINTAMOS O GOZO DA TÚA PRESENZA
*
Para que en todas as
comunidades cristiás gocemos de pastores sinxelos, cercanos, ledos e abertos a
tender a man a quen o necesite, OREMOS.
QUE SINTAMOS O GOZO DA TÚA PRESENZA
*
Para que saibamos
acoller con alegría, alentar con esperanza e animar con participación aos
pastores das nosas comunidades parroquiais, OREMOS.
QUE SINTAMOS O GOZO DA TÚA PRESENZA
*
Para que a Igrexa non
esqueza nunca que o servizo dos seus pastores esixe estar sempre ao lado de
quen sufre, de quen se sente excluído, de quen está necesitado de que o
escoiten e lle tendan unha man; e non ao lado de quen oprime, explota e ten
poder, OREMOS.
QUE SINTAMOS O GOZO DA TÚA PRESENZA
Pastor bo e xeneroso,
que entre tod@s os que conformamos as comunidades cristiás, saibamos recuperar
a frescura da fe que nos invitas a vivir con humildade, sinxeleza e sentido
participativo e comunitario. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
A Igrexa necesita pastores–Cristo, por iso lle pedimos ao “dono da mes para
que envíe obreiros a súa mes”. Os pastores han identificarse en todo con Cristo
Pastor
·
Facéndose pobres e
desprendidos, con Cristo empobrecido, a fin de poder evanxelizar aos pobres.
·
Facéndose humildes,
con Cristo humillado e servidor, para estar máis preto dos débiles e pequenos.
·
Facéndose
misericordiosos, con Cristo compasivo, para estar máis abertos nas miserias
humanas.
·
Facéndose pacíficos,
con Cristo Paz, pata chegar a ser instrumentos de reconciliación.
·
Facéndose limpos de
corazón, con Cristo transparencia divina, para poder descubrir as presenzas de
Deus.
(Caritas, Yo creo, yo espero...en el amor. Cuaresma e
Pascua, p.191)
CANTOS
*
ENTRADA: O Señor é o meu Pastor
*
LECTURAS: Cantádelle ao Señor
*
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
*
COMUÑÓN: No colo de miña nai
Comentarios