Ir al contenido principal

2 Pascua

Descargar o ficheiro
FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER
PÓRTICO
Paz e ben!. Hai hoxe dúas semanas que nos xuntabamos nesta mesma igrexa para celebrar o domingo de Ramos, o pórtico da Semana Santa, a entrada de Xesús en Xerusalén para celebrar a festa da Pascua. Lembrábasenos aquela mañá que, malia que o camiño non é doado, non debemos perder o sorriso, a ilusión, a esperanza....porque sabemos que o Resucitado camiña ao noso carón. Non vale parar; tampouco renunciar a avanzar e a mirar cara adiante. Porque a resurrección nos abre un novo camiño, porque sabemos que a nosa vida ten un novo sentido, porque o mundo está preñado de esperanza, porque a tristura e a dor deixan paso a un novo amencer de compromiso e liberación... que mellor que xuntarnos nesta mañá de domingo para celebrar, compartir e descubrir a presenza daquel que nos vén traer a paz. Veña, non sexamos coma Tomé. Recoñezamos os seus sinais. Non deixemos que o arco da vella que Deus pon na nosa vida pase de longo sen decatarnos da súa existencia.

O PERDÓN
  • Porque somos especialistas en botarlle vinagre ás feridas dos demais, non para curárllelas, senón para aumentar a súa dor, SEÑOR, QUE RESUCITEMOS A UNHA VIDA NOVA.
  • Porque camiñamos cun corazón mesquiño, que non é capaz de sementar nos demais a alegría e a esperanza de que o mundo pode cambiar, CRISTO, QUE RESUCITEMOS A UNHA VIDA NOVA.
  • Porque non somos capaces de compartir o que temos, o que somos e o que valemos, poñéndoo en común para o servizo da comunidade, SEÑOR, QUE RESUCITEMOS A UNHA VIDA NOVA.

REMUÍÑO
Na noite de pascua fomos invitad@s a queimar os colectores cheíños ao longo da coresma coas actitudes derrotistas e desalentadoras que mancaban o noso camiñar cara á resurrección. Ao longo desta cincuentena pascual, a primeira lectura, tomada do libro dos Feitos dos Apóstolos quere ser para nós e para as comunidades das que formamos parte, un espello no que mirarnos para este camiño novo que comezamos aquela noite. Estamos, pois, chamad@s a volver ás actitudes dos primeiros cristiáns: esperanza, alegría, confianza, perda de medo..... testemuñando deste xeito que é posible vivir a ledicia da resurrección na nosa vida.

Unha vida que sabemos que é unha búsquea continua de seguridades, de comodidades, de instalacións: queremos ter un bo traballo, que sexa fixo, unha vivenda en propiedade, un coche, uns aforriños no banco (por se acaso)... e ás veces, as máis das veces, queremos que a nosa fe tamén sexa unha fe de seguridades. Coma os discípulos, tamén nós estamos coas portas ben pechadas ao novo, ao que chega, ancorados no pasado. É a nosa única preocupación: as miñas intencións individuais (non vaia ser que o Señor non salve se a intención é de máis dun), os meus rosarios, os viacrucis, os xoves eucarísticos.... e, para que?. Para sentir a nosa conciencia tranquila cun cumpro + minto, cunha morea de prácticas rutinarias, baleiras de sentimento, afastadas da nosa vida e que non comprometen a nada. Sempre estamos a falar de Xesús, pero afogámolo por tradicións, costumes e rutinas que o relegan a un segundo ou a un terceiro plano. Ás veces somos nós mesmos quen o facemos desaparecer: reunímonos no seu nome, pero pechámoslle o noso corazón; dámonos a paz, pero seguimos sen falarlle ao veciño; escoitamos o seu Evanxeo, pero non deixamos que pouse no noso corazón.

Porque a novidade da resurrección non trae xa todo definitivo, non despexa tódalas dúbidas. É un camiño que temos que facer, como o fixo a primeira comunidade. Aínda que a lectura de hoxe fala de conversións masivas e de entusiasmo na predicación, iso non quitou a dúbida, o rexeite da persecución e o medo por parte dos cristiáns. Acaso o exemplo do apóstolo Tomé non é o noso moitas veces?. Necesitamos a forza do Resucitado que a atopamos na súa palabra feita vida, no seu corpo feito alimento e na comunidade reunida que é expresión unánime da nosa fe.

Porque sabemos que o mundo de hoxe; ese que tantas veces criticamos e queremos superar, volve as costas á Igrexa. A xente nova cada día é menos crente, cada vez desconfía máis da Igrexa. Non abonda con culpar aos outros. Hai que erguer, no medio do mundo, signos cribles da presenza de Deus, do amor entrañable de Xesús por toda a xente, comezando polos últimos da terra. Ese é o signo que se está a pedir: non un Evanxeo feito de rebaixas e de compracencias, senón de bens compartidos, pero, por riba de todo, de compartir a vida, o que somos, o que sentimos, o que valemos e o que queremos. Si os demais, aqueles nos que nos di Xesús que temos que aprender a descubrir, ver, recoñecer, non significan nada para nós; se pasamos ao seu lado e somos incapaces de achegarnos e dicirlle como estás, que che pasa, por que choras... é que o noso corazón segue a ser de pedra e a Pascua aínda non chegou a nós. Felices os que sen veren, traballan, arriscan, loitan e se esforzan por facer familias, parroquias, barrios, países, mundo onde se busque o que une e non o que enfronta; se busque o amar e non dogmatizar; se busque propor e non impor. Benia aos que cren sen ver!.

RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
(A poder ser, desde a fonte bautismal)
 
Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:
·        Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.

·        Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?. Si, creo.

·        Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, enfortecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?. Si, creo.

·        Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?. Si, creo.

·        Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí a agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?. Si, creo.

Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Señor, estamos a vivir a ledicia da Pascua. O teu Fillo resucitou, e iso enche de sentido a nosa vida. Por iso, agradecidos e confiados, dicímosche:
GRAZAS POLA FONTE DA VIDA
· Pola Igrexa, para que este tempo de Pascua a cuestione a mirarse a si mesma con sinceridade, preguntándose se o abandono masivo de tantos cristiáns e cristiás non se deberá a que a resurrección só é unha palabra ritual, e non forza que dinamiza a vida da sociedade, OREMOS.
GRAZAS POLA FONTE DA VIDA
· Polas nosas comunidades, para que o tempo de Pascua sexa de verdade un camiño novo no que sexamos quen de pechar vellas feridas, de esquecer antigas xenreiras e desencontros, de desinstalarnos dun pasado que xa non é, OREMOS.
GRAZAS POLA FONTE DA VIDA
· Grazas porque no noso interior, a pesar do cansazo e o desánimo que nos cercan por veces, atopamos a túa voz que nos anima, a túa auga que refresca a nosa existencia, o teu pan que se converte en nós en pulo de vida e de esperanza. OREMOS.
GRAZAS POLA FONTE DA VIDA
Grazas, Pai, porque segues a confiar en nós, porque segues a facerte presente na nosa vida para alentala e darlle forzas. PXNS. Amén

PARA A REFLEXIÓN

No medio da sombra e da ferida
pregúntanme se creo en Ti.
E digo que teño todo cando estou contigo:
o sol, a luz, a paz, o ben, a vida.
Sen Ti, o sol é luz descolorida;
sen Ti, a paz é un cruel castigo;
sen Ti, non hai ben nin corazón amigo;
sen Ti, a vida é morte repetida.

Contigo o sol é luz namorada;
contigo a paz é paz florida;
contigo o ben é casa acolledora;
contigo a vida é compromiso.
Porque se me faltas Ti, non teño nada:
nin sol, nin luz, nin paz, nin ben, nin vida.
(Sobre unha idea de Martín Descalzo en Cáritas, Coresma e Pascua 2013 páx. 173)

CANTOS

ENTRADA: Que ledicia a miña
GLORIA: Gloria a Deus, gloria a Deus...
LECTURAS: Xesús é Señor
OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas
COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...