A PAZ SÓ PODE SER FROITO DA XUSTIZA
PÓRTICO
Os cristiáns e as cristiás non podemos ser persoas fatalistas, que nos resignemos diante dunha situación inxusta, buscando por riba de todo tranquilidade e unha falsa paz. Tampouco podemos ser persoas inmobilistas, que xustifiquemos a orde actual das cousas, sen traballar ilusionadamente, nun esforzo creador e solidario, por un mundo mellor. Asemade, tampouco debemos ser persoas rebeldes que, movidas polo resentimento, botemos abaixo todo para asumir o lugar daqueles @s que derrubamos. Porén, @s seguidores de Cristo vivimos e actuamos movidos pola paixón e pola aspiración de colaborar nun cambio total da humanidade.
As lecturas que imos escoitar hoxe invítannos a non desfalecer neste camiño, a non desanimarnos. Que nos deixemos engaiolar por esta Palabra de vida e esperanza.
O Perdón
- Pedimos perdón, Pai, porque mentres que Ti nos falas de entrega, valor, coraxe e esforzo, nós buscamos un milleiro de escusas tras as que agochar a nosa covardía e o noso medo, por iso che dicimos, SEÑOR, ÉNCHENOS CO TEU AMOR.
- Pedimos perdón, Cristo, porque mentres Ti nos invitas a prenderlle lume a todo o que dificulta o crecemento do teu Reino, nós queremos servir a dous señores, por iso che rogamos, CRISTO, ÉNCHENOS CO TEU AMOR.
- Pedimos perdón por non deixarnos levar pola forza do Espírito, o que fai que non busquemos que se cumpra a túa vontade, senón os nosos caprichos, por iso che pedimos, SEÑOR, ÉNCHENOS CO TEU AMOR.
REMUÍÑO
- A paz verdadeira, a que Cristo veu traer á terra, non pode consistir nun conformismo resignado diante das inxustizas, das desigualdades e das marxinacións, nin nun sistemático silencio por medo a perder o noso status. A figura do profeta Xeremías que descubrimos na primeira lectura, pode representar a vida de cada un/unha de nós, ou alomenos, algúns momentos da mesma. Xeremías tiña o corazón partido entre o amor a Deus, que o elixira como profeta, e o amor ao seu pobo, que se afastaba do verdadeiro camiño. Que facer?. Hoxe, en moitas ocasións, tamén a nós se nos presenta esta mesma dualidade: a de deixarnos adormecer na branda almofada do conformismo, irnos illando e repregando, declararnos en retirada, calar diante de tantas inxustizas, consentir que se siga pisando a dignidade de tantas persoas…. ou, pola contra, dar testemuño da nosa fe no noso mundo, transmitindo sen medo a mensaxe que recibimos, aínda que as veces non sexa política, social ou xerarquicamente correcta, aínda que as veces teñamos que dicir cousas que non son agradables de escoitar, aínda que o noso xeito de actuar non lle guste ás altas instancias?. Nunha palabra, reclámase COHERENCIA, aínda que iso nos traia problemas, como lle ocorreu ao profeta. Así, mentres que algunhas persoas mal entenden a paz como comodidade, tranquilidade, que ninguén me amole… a paz d@ seguidor/a de Xesús é a de quen se dá no servizo aos demais, preocupad@ en buscar solucións aos problemas alleos, porque os fixo propios.
- A frase de Xesús no evanxeo de hoxe “non vin traer a paz, senón a guerra e a división”, mal entendida ou quitada do seu contexto, venlle coma anel ao dedo a todas aquelas persoas que, dentro da nosa Igrexa, se comportan coma auténticos cans de presa, criticando, crispando, envelenando, protestando sistematicamente por todo, berrando (porque seguen convencid@s de que a intensidade do son emitido e a dose de razón que contén son magnitudes directamente proporcionais); pois parece que lles dá a razón de que a Igrexa ten que ir contracorrente, que a sociedade e o mundo son lugares de perdición…Porén, o lume do que nos fala Xesús ten máis que ver co lume do amor e do Espírito que habita nos nosos corazóns.
- Por iso cómpre que revisemos a nosa vida e ver se o lume que a quenta é o do amor. Porque non nos enganemos: cando falla o amor, falla o lume que move a vida. Sen amor, a vida apágase, vexeta e remata extinguíndose. Quen non ama, péchase e íllase cada vez máis (co cal cabería preguntármonos se as persoas das que falabamos non perderían a súa capacidade para amar de tanto escondela e negala). Substituír o amor pola doutrina relixiosa, a orde ou o coidado do culto fai que o cristianismo perda o seu poder transformador. Cando nos sacudiremos de riba esta “domesticación” da nosa fe e perderemos o medo a exercer coma verdadeir@s discípul@s de Xesús?. Porque se só buscamos no evanxeo e no seguimento de Cristo un consolo e un bálsamo para os nosos males, ou a garantía de obter unhas grazas de Deus, quedámonos na superficialidade. O evanxeo, a fe, é algo revolucionario, dinámico e ata inquietante… pero paga a pena arriscarse!.
Oración da comunidade
Ti, Señor, es quen mellor coñece as necesidades da nosa vida. Acolle as que agora che presentamos comunitariamente dicindo xunt@s:
QUE A TÚA PAZ VEÑA SOBRE NÓS
- Acompaña, Señor, o quefacer da túa Igrexa para que, deixando de lado posturas pechadas, inmobilistas, agresivas e intolerantes, sexa no medio do mundo a voz profética do Deus amor, que nos chama á coherencia. OREMOS.
QUE A TÚA PAZ VEÑA SOBRE NÓS
- Alenta o camiño das nosas comunidades para que nunca caiamos no erro de despreocuparnos do noso compromiso cristián de traballar pola paz, pola xustiza, pola igualdade, pola fraternidade. OREMOS.
QUE A TÚA PAZ VEÑA SOBRE NÓS
- Axúdanos a cada un e a cada unha de nós para que sempre sexamos persoas pacíficas e pacificadoras, que nos fixemos no positivo e no nobre dos demais, traballando xunt@s polo ben común, OREMOS.
QUE A TÚA PAZ VEÑA SOBRE NÓS
Grazas, Señor, porque nos chamas a ser profetas no noso mundo da túa grande mensaxe de amor. PXNS. Amén.
Para A REFLEXIÓN
Cando asumimos responsabilidades que ninguén quere, descubrimos a paz.
Cando traballamos pola xustiza, facilitamos a paz.
Cando non criticamos por detrás, construímos a paz.
Cando sabemos abrirnos aos demais, facemos medrar a paz.
Cando nos interesamos polos problemas do mundo, facemos subir o valor da paz.
Cando adicamos tempo a servir, elevamos a paz.
Cando devolvemos ben por mal, somos apóstol@s da paz.
Cando non temos medo da verdade, somos profetas da paz.
Cando nos poñemos ao lado d@s marxinad@s, poñemos á marxe a violencia.
Cando por riba de todo, o outro é persoa, dignificamos a paz.
Cando compartimos os nosos bens, facemos crible a paz.
Cando atopamos a vida compartida, poñemos fundamentos para a paz.
Cando implicas aos outros a vivir, sementamos a paz polo mundo.
Cando amamos como Cristo ama, florece en nós a paz.
Só cando esteamos cans@s de buscala, a paz virá buscarnos.
CANTOS
- ENTRADA: Vinde axiña
- LECTURAS: Benaventurados
- OFERTORIO: Señor Xesús
- PAZ: Señor escólleme
- COMUÑÓN: Ide e pregoade
Comentarios