Ir al contenido principal

21 domingo TO C

FRONTE AO ELES OU NÓS DOS HOMES, O PLAN DE SALVACIÓN DE DEUS CHÁMANOS Á UNIVERSALIDADE: TOD@S, EN CRISTO FOMOS SALVAD@S

PÓRTICO
Pensar en global, vivir e actuar en local. Esta expresión, que seguro temos escoitado moitas veces, resume claramente o que queremos dicir ao manifestar que a fe é unha invitación que nos abre á universalidade -polo que non é excluínte- de aceptar e acoller por riba de cores, relixións ou linguas a todas as persoas. Pero esta universalidade concrétase, móstrase e realízase no achegamento dos que temos ao lado: familiares, veciños, amigos... o que é sempre unha chamada de atención para que non caiamos na divagación de facer da fe ilusión de boas intencións, pero incapaz de actuar no concreto, mirando de fronte ás persoas, tendéndolles a man e chamándoas polo seu nome.
Que todo canto agora imos celebrar e compartir, nos axude a espertar do sono das boas intencións baleiras, e nos traslade ao compromiso real e concreto de termar e preocuparnos de quen nos necesite...sexa ou non dos “nosos”.


O PERDÓN
  • Para que a indiferenza non atope eco nin no noso corazón nin nos nosos comportamentos, SEÑOR, QUE O DESPREZO NON ANIÑE EN NÓS.
  • Para que nunca deamos as costas ao sufrimento dos que están máis preto de nós, desviando o noso desinterese polos demais coa falsa preocupación por aqueles que, sabéndoos lonxe, dicimos querer, CRISTO, QUE O DESPREZO NON ANIÑE EN NÓS.
  • Para que non esquezamos nunca que a universalidade do amor cristián pasa pola dispoñibilidade cara aos que temos ao noso lado, SEÑOR, QUE O DESPREZO NON ANIÑE EN NÓS.


REMUÍÑO
O Deus cristián non é un Deus excluínte. El non crea guetos sectarios nos que só poden entrar uns poucos elixidos. Non. Como acabamos de escoitar no texto de Isaías, o Deus que acompañou e termou de Israel deixounos unha mensaxe de universalidade, de non rexeitamento, de non deixar a ninguén nas beiras. As portas da súa mensaxe están sempre abertas para tod@s. El é claro no seu legado, pero, témolo nós, que nos chamamos seguidores seus, o mesmo de claro?. Polos nosos comentarios, polas nosas indiferenzas, polos silencios diante de situacións inxustas... moitas veces parece que teñamos perdido esa claridade. E se fose así, deberiamos preguntarnos en que cremos, ou que sentido e importancia ten a nosa fe. Porque a fe, sendo unha mensaxe de salvación desde a que ir orientando e desenvolvendo a nosa vida cara un futuro en esperanza –resucitar e entrar a formar parte da compaña de Deus, logo de ter chegado ao final do noso camiño persoal- non é algo abstracto e cheo de neboeiras, senón que se vai clarificando e adquirindo contornas de comprensión no vivir e actuar segundo os grandes eixes: valores e actitudes, que continuamente imos descubrindo nos textos da palabra de Deus. E non nos vale dicir que iso é imposible,de que é algo utópico –entendido este como irrealizable, e non como motivador de esforzo continuo polo aínda non acadado- e, como tal, irreal. Vivir a fe para un cristi@n ten que ser unha tarefa continua de ir convertendo esa oferta de salvación en xestos, comportamentos e maneiras de vivir que vaian mostrando, na nosa relación con nós, co mundo e cos demais, que tomamos a Deus en serio. Que El non é unha distracción nin tampouco un “tapaburatos” das nosas limitacións e incapacidades. A universalidade de fe da que tantas veces temos escoitado falar, ou nos mesmos temos falado, ten que irse despregando a través do noso comportamento concreto e real –nunca abstracto nin xenérico– alí onde esteamos. Desde ela, e vivida deste xeito, poderemos entender a razón que nos leva a chamarnos irmáns uns aos outros, rompendo co reducionismo da irmandade adscrito unicamente aos lazos do sangue. A irmandade de quen ten ao Deus cristián como sentido e referente da súa vida –nós– vennos dada porque compartimos non só a intelixencia e a liberdade cos demais, senón por ter sido creados, modulados á súa imaxe e semellanza, o que nos fai dignos de respecto e iguais. Entrando así no sagrado que o mesmo Deus nos merece, recoñecémolo naqueles aos que chamamos irmáns –“nada hai verdadeiramente humano, que non atope eco no corazón dun cristián” G.s 1- e comparten con nós a súa andaina no mundo. Non é o sectarismo pechado do gueto, senón a apertura gozosa aos demais, como entendemos e podemos vivir o ser homes e mulleres de fe.  E como nos di o Salmo 116, a nosa tarefa é ir polo mundo e anuncialo coa coherencia da nosa vida.
O Señor dinos: arredade de min os que non practicades a xustiza. Pero claro, para algunhas persoas iso é menos importante. A xustiza, a austeridade, o ben común, a participación... son pecata minuta, naderías, cousas sen importancia. Porque claro, a verdade é que ás veces dentro da nosa Igrexa temos comportamentos que son ou para botar a correr e non parar ou para botar a chorar e non parar. Así, rapidamente se pon o grito no ceo por unha xenuflexión mal feita, por non axeonllarse na consagración, por comulgar na man, por asistir a unha celebración da palabra...; rapidamente facemos sinónimos pecado e sexo, pecado e muller; rapidamente se nos di que debemos ser persoas frías e calculadoras, que a sexualidade é mala e hai que reprimila, que ..... pero nunca se nos fala de que os inxustos non teñen cabida no Reino de Deus. E así seguimos: facendo da relixión un negocio rendible, vagueando e racaneando o noso traballo e a nosa entrega, despilfarrando, explotando, facendo distincións entre a xente segundo teña máis ou menos cartos, máis ou menos estudos ou segundo o posto laboral que ocupe e que nos permita utilizala de cando en vez, querendo sempre saír na foto... porque iso,.... iso non ten que ver coa fe, verdade?. Pois mire, non, vostede está entrando pola porta ancha, pola porta fácil, pola porta da fe desencarnada. Esa non conduce á salvación, vai errado no camiño. Porque é verdade que a salvación esixe esforzo, renuncia, sacrificio, valentía, coherencia.... pois pasa polo camiño da xustiza e da fraternidade. Por iso a súa porta é estreita, porque esixe de nós unha fe comprometida coa xente, coa sociedade, co mundo, e non co noso grupo burbulla. Por iso para salvarnos, grazas a Deus, non fai falla presentar un currículum con haber-debe, coma unha libreta do banco, senón que cómpre practicar a xustiza e o amor. Por iso é complicado, porque o noso egoísmo e a nosa soberbia son tan grandes, que non caben por esa porta. Por iso, hoxe máis ca nunca, podemos dicir, sen medo a equivocarnos: non son tod@s @s que están nin están tod@s @s que son. Non podía ser de outro xeito: un Deus universal, ofrece unha salvación universal que se desenvolve no día a día do achegamento de uns aos outros.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
Porque queremos romper con un xeito de rezar que nos deixa indiferentes diante dos acontecementos da vida, unimos a nosa palabra e o noso corazón e dicimos xunt@s:
QUE A INDIFERENZA NON GUÍE A NOSA ORACIÓN

  • Para que saibamos ser Igrexa asumindo que temos unha tarefa e un compromiso, que nos leva a  estar no mundo de xeito activo e liberador, convertendo o noso actuar en oración, e buscando na oración forza e ilusión para o noso actuar, OREMOS.
QUE A INDIFERENZA NON GUÍE A NOSA ORACIÓN
  • Para que alí onde esteamos, non deixemos pasar a ocasión de ser testemuñas gozosas na construción do Reino, esforzándonos sempre por estar atentos a ofrecer o noso tempo a quen puidera necesitalo, OREMOS.
QUE A INDIFERENZA NON GUÍE A NOSA ORACIÓN

  • Para que sexamos testemuñas de consolo, acompañamento, achegamento, solidariedade e paz nas relacións cos nosos veciños, manifestando deste xeito que é posible vivir a universalidade dos valores do Evanxeo no concreto das nosas relacións cos que temos ao lado, OREMOS.
QUE A INDIFERENZA NON GUÍE A NOSA ORACIÓN

Señor, que saibamos poñer en relación a nosa oración coa concreción do noso actuar cos que temos máis preto, pois só así conseguiremos que a túa mensaxe sexa universal e chegue a tod@s sen exclusión: aos enferm@s, aos tristes, aos que están sós, aos enganad@s, aos abusad@s, aos explotad@s... P.X.N.S. Amén.


PARA A REFLEXIÓN
Non viñeches para xulgar os nosos erros e as nosas tonterías
senón a buscar a quen anda perdido,
a defender a quen está acusado,
a liberar a quen está cautivo,
a curar a está ferido,
a acoller a quen está desamparado,
a lavar a quen está manchado,
a sandar a quen está enfermo,
a erguer a quen caeu,
a salvar a quen se sente culpable,
a devolverlle a dignidade a quen a perdeu.


Ti que cres en nós,
Ti que esperas de nós,
Ti que nos amas máis que nós mesmos,
Ti que es maior que todos os nosos pecados,
recréanos e danos un futuro novo e mellor.


CANTOS
    • ENTRADA: Amigos nas penas
    • LECTURAS: Deixade esta terra
    • OFERTORIO: Grazas Señor, graciñas
    • COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...