Ir al contenido principal

2 Domingo Pascua A 2014

Descarga o ficheiro
FRONTE AO PENSAMENTO ÚNICO, DEAMOS GRAZAS POLA INVITACIÓN Á PLURALIDADE E Á TOLERANCIA
ESCOITA ACTIVA
        A luz do cirio pascual fainos tomar conciencia de que estamos de festa, de que a ledicia da Pascua témola que ir vivindo e desenvolvendo en cada unha das tarefas que vaiamos facendo. Pascua é paso e reorientación do camiño. Un paso que deixa lonxe o que sería máis doado para nós: deixarnos ir e investir o tempo en laios e queixas, para tomar en serio, e comezar de verdade, a poñer banzos que nos axuden a crecer en positividade, respecto, aceptación do que pensan outros, e por riba de todo, crecer en esperanza. Moitas cousas son posibles se nos implicamos e cremos nelas. Cristo abriunos o camiño, participemos desta andaina.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
(Podemos substituír esta parte pola aspersión á comunidade e o canto A auga do Señor)
û  Para que non deixemos agromar o que non nos esixe e converte a nosa vida en mediocridade, SEÑOR, QUE UNAMOS EN VEZ DE DIVIDIR.
û  Para que non deamos entrada no noso corazón a contos, suposicións ou bulos sobre os demais, CRISTO, QUE UNAMOS EN VEZ DE DIVIDIR.
û  Para que non deixemos que as nosas comunidades parroquiais esmorezan pola nosa falta de ilusión e esperanza, SEÑOR, QUE UNAMOS EN VEZ DE DIVIDIR.
PALABRA ENRAIZADA
*    Aqueles primeiros cristiáns tiñan algo que a nós, se nos miramos á cara cando participamos nas celebracións, nos falta: ilusión. Ilusión por reunirse, ilusión por coñecer, ilusión por aprender, ilusión por dar testemuño coa súa vida daquela boa nova que non querían gardar para eles, senón comunicarlla aos demais. E esta ilusión ía facéndoos persoas que puñan sempre as metas, os obxectivos, mesmo os logros, -inda que fosen pequenos-, por riba dos atrancos e dificultades. Somos nós tamén así, persoas claras, sinceras, gozosas de compartir e buscar a unión?. Eles eran testemuñas porque a súa confianza e a súa convicción facían que non tiveran medo. E nós?. Eles escoitábanse uns aos outros, botábanse unha man cando era preciso, corrixíanse sen que isto supuxera unha ofensa para quen recibía a corrección... Podemos preguntarnos: que nos queda de todo isto?. Que facemos para non deixar esmorecer a frescura dunha fe renovada na Pascua e chamada a ser xermolo de esperanza nunha sociedade cansada, abúlica, triste e con pouca esperanza?. Dámonos conta desta responsabilidade, ou xa temos tan adaptada á nosa comenencia a fe que todo isto nos esvara?.
*     A insistencia neste tempo de Pascua en lembrarnos o importante que é ser sinxelos e afastar de nós a tentación do orgullo, da soberbia e da superioridade ten que levarnos a ir dando pasos para que a nosa vida cambie e non se mova continuamente na rutina do de sempre se ten feito así e na que tantas veces insistimos. Quen se cre mellor e máis importante cós demais non é consciente de que precisa dar grazas, de recoñecer o que outros fan para que nós poidamos estar mellor e ser máis felices. Non é só de ben nacidos ser agradecidos; senón que no agradecemento, os que nos chamamos seguidores de Xesús, estamo sa mostrar o que é un alicerce da nosa fe: recoñecer ao outro como un igual, non como un inimigo que me odia e quere o peor para min, senón coma aquel que me acolle, me escoita e se preocupa de min e do que fago; non para fiscalizarme, senón para axudarme e facerme a vida máis doada. E esta invitación a facer do agradecemento non unha rutina, senón un valor a potenciar cada día, fainos nacer de novo á esperanza. Fai que recuperemos -a pesar de que moitas veces os feitos, as novas e as decisións que tomamos parezan dicir o contrario-, a alegría e a confianza nas persoas. Porque ao lado dos que saen nas noticias por facer barrabasadas hai moitas outras persoas -millóns, deberiamos dicir-, que sen ser famosas nin ter unha cámara diante, fan da súa vida un canto de entrega e xenerosidade cara aos demais. Ese é o algo novo que trae a resurrección de Xesús, e que nós, ao mellor nin o sabemos nin o queremos saber, porque implicaría que teriamos que ser tamén nós brisa de solidariedade, acollida e axuda para quen nos necesite... inda que non supoña iso o minuto de gloria no telexornal, nin nos faga famosos; pero si plenamente satisfeitos e realizados como seguidores do Mestre. A este nacer é do que nos fala Pedro, e ao que nos chama.
*    Por iso, como ocorreu cos apóstolos, tamén nos chega hoxe Xesús a nós para dicirnos: paz convosco. Que aproveitemos o tempo da nosa vida, das nosas relacións, do noso facer e tecer comunitario para ser portadores e potenciadores desa paz alí onde esteamos. E non dubidemos nin teñamos medo: Xesús sempre chega. El non se vai. Somos nós os que nos esquecemos e lle damos as costas. Recuperemos a súa paz e camiñemos desde a súa alegría.
FRATERNIDADE ORANTE
Na paz desexada por Xesús, abrimos o corazón para acollela e compartila comunitariamente dicindo:
QUE A CONFIANZA GUÍE OS NOSOS PENSAMENTOS E ACCIÓNS
*       Para que este tempo de Pascua sexa un tempo de renovación, alegría e acollida compartida en toda a Igrexa, OREMOS.
QUE A CONFIANZA GUÍE OS NOSOS PENSAMENTOS E ACCIÓNS
*       Para que este tempo de Pascua estimule a nosa vida comunitaria e  nos leve a emprender proxectos que axuden a sentirse máis acompañadas ás persoas das nosas comunidades que están enfermas, solas ou sen gañas de vivir, OREMOS.
QUE A CONFIANZA GUÍE OS NOSOS PENSAMENTOS E ACCIÓNS
*       Para que nós, os que participamos cada domingo nas celebracións non as convertamos en rutina, costume ou tradición, que nos leve ao aburrimento e á incapacidade de transmitirlle aos que veñen detrás de nós a alegría do crer, OREMOS.
QUE A CONFIANZA GUÍE OS NOSOS PENSAMENTOS E ACCIÓNS
Grazas, Señor, por este tempo de pascua que nos fai renovar a esperanza e romper con unha fe anémica e desencarnada, que esquece e prescinde do que pasa ao noso redor. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Cantádelle ó Señor, porque é bo,
porque a súa misericordia dura por sempre.

Que o diga a casa de Israel:
o seu amor é eterno;
que o diga a casa de Aharón:
o seu amor é eterno;
que o digan os que temen ó Señor:
o seu amor é eterno.

Empurran, empurran para tirarme,
pero o Señor é o meu auxilio.
O Señor é a miña forza, o meu cantar,
El é a miña salvación.
Óense cantares de gozo e de vitoria
nas moradas dos xustos:
a dereita do Señor é valente,

A pedra que desbotaron os canteiros
convértese en pedra do esquinal.
Isto é cousa do Señor,
admirable feito á nosa vista.
Este é o día en que obra o Señor:
relouquemos e alegrémonos nel.

CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Ti es camiño e verdade
  • LECTURAS: Oh Señor, escólleme
  • OFERTORIO: A Cristo cantamos na luz que alumea
  •  COMUÑÓN: Bendito Ti, Señor Resucitado

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...