Ambientación: Música
clásica
Canto: Camiñarei na presenza do Señor
REFLEXIÓN AO COMEZO
Co tempo de coresma
case cumprido, e despois do esforzo por ir deixando atrás toda a dureza de
pedra que non axuda a que o noso corazón sexa capaz de latexar desde o que une,
axuda, anima e nos fai estar preto dos demais, queremos comezar esta
celebración de perdón e misericordia na que Deus quere, outra vez, saír ao noso
encontro para dicirnos: vén, non teñas medo, camiña ata aquí, a porta está
aberta, deixa atrás o que non te fai feliz, e participa desta festa de alegría
e esperanza que é o perdón vivido desde a presenza e a oración compartida da
comunidade.
Dispoñamos logo os corazón
para abrirnos a Deus e recoñecer que non sempre temos estado á altura do que El
e os irmáns nos merecen.
LECTURA DA PALABRA
1ª lectura
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO
LIBRO DA APOCALIPSE
Isto di o Amén, a testemuña fiel e
lexítima, o comezo da creación de Deus. Mira que hai tempo que estou a petar na túa porta. Se alguén escoita a miña
voz e abre a porta, eu entraría cabo del e cearía con el e el comigo.
Ao vencedor outorgareille sentar onda
min no meu trono, do mesmo xeito que tamén eu vencín e sentei cabo do meu Pai
no seu trono.
Quen teña
oídos, escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.
Palabra do Señor
Grazas a Deus
Salmo
Camiñarei á vista do Señor na terra da vida
Con que lle pagarei ó Señor
todo o ben que me fai?
Alzarei a copa da salvación,
invocando o nome do Señor;
Moi custosa é ós ollos do Señor
a morte dos seus amigos.
Ai, Señor, que eu son o teu servo,
servo teu e fillo da túa serva,
a quen ti rompíche-las cadeas!
Ofrézoche sacrificios de loanza,
invocando o nome do Señor.
Cumprirei os meus votos ó Señor,
á vista de todo o seu pobo,
Canto: Déixate querer
Evanxeo
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Os xudeus comezaron a murmurar de Xesús, porque
dixera ''Eu son o pan que baixou do ceo '', e dicían:
-¿Non é este Xesús, o fillo de Xosé?. Non lle
coñecémo-lo pai e maila nai?. Como di, logo ''Eu baixei do ceo''?.
Xesús respondeulles:
- Non esteades aí a
murmurar. Ninguén pode vir onda min, se non o trae o Pai que me mandou e eu
resucitareino no derradeiro día. Está escrito nos profetas: ''todos serán
ensinados por Deus'': todo aquel que
escoita ó Pai e aprende, vén onda min.
Non
porque alguén vise ó Pai; o único que viu ó Pai é o que estaba onda Deus; con
toda verdade volo aseguro: quen cre, ten vida eterna.
Eu son o
pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o
pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. Eu son o pan vivo que
baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu
darei, é a miña carne, para a vida do mundo.
Palabra do Señor
Gloria a ti Señor Xesús
HOMILÍA
v
A porta de Deus sempre está aberta: El non pon dificultades. Somos nós os que ranqueamos
unha e outra vez diante dela sen decidirnos a entrar.
v
El peta tamén na
nosa porta, pero facémonos os xordos... e a nosa xordeira acaba por facer dano
aos demais, porque:
o
Utilizámolos para o
que nos convén
o
Moitas veces
tratámolos como se foran cousas que podemos mover ao noso antollo.
v
Diante destas actitudes
que tantas veces temos, o Señor segue a invitarnos, chamarnos e abrirnos a man;
por iso, como nos di o salmo, non debemos perder a capacidade de agradecer. E
aquí todos temos que mirar con fondura ao noso interior para recoñecer que
moitas veces non son as actitudes de agradecemento cara aos demais, senón as de
orgullo, as que van aparecendo no cotián da nosa vida. Que mellor momento ca este
para recoñecelo e poñernos en camiño de cambiar deixándoas atrás. Porque, se o
Señor non cansa nunca e segue abríndonos as portas e dándonos oportunidades,
como non imos estar agradecidos?. Pero tamén: como non facer o mesmo nós cos
demais?. A diferenza del, nós si que cansamos rápido e pechamos a porta, porque
os nosos medos son máis grandes que a confianza.
v
A segunda idea para
axudarnos a situar os textos que vimos de ler fálanos de deixar atrás un
costume, polo que vemos xa moi vello, e que ten aniñado tanto en nós que nos
resulta difícil afastalo. É o de murmurar. Si, iso que tantas veces facemos de
veciños, amigos, ou mesmo de xente á que non coñecemos, pero da que falamos de
oídas dicindo o que non é , e que tanto dano fai. Como ocorría cos xudeus,
tamén esta actitude a practicamos en exceso, e o que é máis grave, moitas veces
nin nos damos conta do dano que nos fai e do mal que con ela facemos. Ben
podemos esta tarde facer o esforzo de recoñecelo e afastala de nós, porque
senón vai ser moi difícil que escoitemos canto nos di o Señor e poidamos ir a
El.
v
Deixemos logo que
repouse esta palabra para que nos axude a recoñecer todo canto temos que deixar
atrás, do que pedir perdón, tanto a Deus coma aos irmáns.
DECÁLOGO PARA A REFLEXIÓN PERSOAL
1.
A porta de Deus
sempre está aberta. Podemos dicir o mesmo da nosa?. A cantas persoas lle temos
pechado a porta da acollida, do sorriso, da escoita ou da tolerancia?.
2.
Están os nosos
oídos dispostos a prestar atención ao que nos din as persoas que nos queren e
se preocupan por nós, cando nos empeñamos en facer o que nos peta, sabendo que
esa decisión non é a mellor para nós?.
3.
As nosas ansias de
destacar, de querer ser máis, de aparentar o que non somos, vannos facendo
superficiais e indiferentes a canto pasa ao noso redor?. Somos conscientes do
dano que nos facemos e que facemos, ao actuarmos así?.
4.
Somos invitad@s por
Deus a aprender dos demais porque non o sabemos todo. Habitualmente actuamos
así, ou o noso é facer oídos xordos a canto poidan corrixirnos, ensinarnos ou
dicirnos os demais?.
5.
A Deus témolo que
ir descubrindo no que podemos facer de bo para que os que están ao noso lado
sexan felices. Temos isto en conta cando nos relacionamos cos da casa, cos
amigos ou cos comapañeir@s de traballo?. Ou imos buscando o Deus creado á nosa
imaxe e semellanza, como se fora o “buffet” dunha casa de comidas, e collemos
del só o que nos interesa e non nos esixe nin complica a vida?.
6.
Un aspecto
importante na vida de todo crente é a súa relación de contacto, diálogo e
comunicación con Deus. Sabendo isto, somos capaces ao longo do día de buscar
algún momento para darlle grazas, para poñer a nosa vida nas súas mans ou para
pedirlle que nos alente e anime nos momentos nos que nos dá o baixón?.
7.
Nun momento no que
para moitas familias o pan é escaso, a pesares de que nós non sexamos nin
potentados nin millonarios, buscamos a ocasión de dar, compartir ou renunciar a
un pouco do noso para que outros poidan comer?. Ou somos dos que se xustifican
no seu egoísmo dicindo: non están tan mal, se eu o necesitara non mo darían?.
Non debemos esquecer que Xesús insistiu en que non é mellor quen dá máis, senón
quen comparte o que ten.
8.
Honestidade,
traballo, responsabilidade, verdade e confianza son actitudes que constantemente
nos chama a vivir o Evanxeo. Inda que na sociedade os exemplos de moitos son os
do engano, a mentira ou a preguiza, nós esforzámonos por non renunciar á
invitación de Xesús de vivir o que fai feliz aos demais e non o que os
entristece e os considera non como persoas, senón coma cousas?
9.
Os que non
aceptaban a Xesús andaban sempre a murmurar del. Porén, nós dicimos que somos
os que o queremos, mesmo nos chamamos os seus seguidores. Esforzámonos por non
murmurar dos demais, por non caer no costume de criticar sen razón nin
fundamento, por non andar malmetendo con contos e mentiras?.
10.
Cando participo na
Eucaristía son consciente de que é un momento de esperanza, de festa, de
encontro comunitario no que rezamos xuntos, compartimos xuntos, escoitamos a
palabra para que asente ben a nosa vida, e sentimos o gozo de comer o pan
consagrado; pan de perdón, misericordia e reconciliación. Ou somos dos que
vimos e vemos, pero nin estamos co corazón nin participamos con alegría e
esperanza compartindo o agasallo que nos fai Xesús de quedar con nós?.
EU CONFESO
PERDÓN
û
Porque nos poden as
rutinas e fáltanos o gozo de vivir a fe con sinceridade e sinxeleza, SEÑOR, AFASTA DE NÓS O CORAZÓN DE PEDRA.
û
Porque falamos moito dos demais: criticándoos,
dicindo deles o que non é ou buscando facelos de menos, CRISTO, AFASTA DE NÓS O CORAZÓN DE PEDRA.
û
Porque nos gusta dar sentencias sobre os
outros, pero non admitimos que nos digan que os equivocados somos nós, que non
sempre facemos as cousas ben, que tamén o mal é froito do que nos facemos, e
non podemos achacarllo ao demais, SEÑOR,
AFASTA DE NÓS O CORAZÓN DE PEDRA.
ABSOLUCIÓN INDIVIDUAL (mentres soa música de
fondo que invite a orar en silencio)
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Agradecid@s porque Deus, unha vez
máis, saíu ao noso encontro, abriunos a súa porta e invitounos a entrar,
dicimos:
GRAZAS POLA TÚA
MISERICORDIA
1.
Para que non
estraguemos coa nosa irresponsabilidade o gozo do perdón hoxe recibido, OREMOS.
GRAZAS POLA TÚA
MISERICORDIA
2.
Para que a alegría do teu perdón non a
estraguemos nunca ao testemuñar a nosa fe e esperanza cos feitos que realizamos
cada día, OREMOS.
GRAZAS POLA TÚA
MISERICORDIA
3.
Para que saibamos
agradecerche, e non só con palabras, a grandeza de ofrecernos un camiño de
realización e crecemento persoal, que non se fai desde o engano nin a mentira,
senón desde a confianza e a verdade, OREMOS.
GRAZAS POLA TÚA
MISERICORDIA
4.
Para que poidamos vivir e participar con sentido de
esperanza e festa, de renovación e creatividade, de unión e colaboración este
tempo que nos leva ata a pascua, OREMOS.
GRAZAS POLA TÚA
MISERICORDIA
Grazas, Pai, por volver darnos novos
folgos e ilusións para seguir mostrando na nosa vida que a fe non é un atranco,
senón o camiño para ser felices. P.X.N.S. Amén.
NOSO PAI Canto: No
camiño do amor....
PAZ
COMUÑÓN Canto: Benaventurados
ORACIÓN FINAL
Agradecid@s por ter celebrado con gozo esta experiencia
de misericordia e cambio persoal, poñemos, Señor, ao teu dispor, a nosa vida,
para que a través dela vaiamos mostrando a forza da túa palabra, a esperanza da
túa invitación a ser xermolo de vida comunitaria; e o amor que recibido de ti,
invítasnos a desenvolver compartíndoo cos que neste momento de dificultade
necesitan da nosa man, do noso corazón de da nosa axuda material. P.X.N.S.
Amén.
Comentarios