Ir al contenido principal

17 Domingo TO A

SÓ QUEN TEN UN CORAZÓN QUE SABE ESCOITAR ENTENDE QUE SOMOS DIGNIDADE

Descarga o ficheiro
ESCOITA ACTIVA
Utiliza a primeira lectura de hoxe unha expresión que nos dá a clave para entender por que as persoas somos moito máis importantes que calquera outro ser vivo. Cando a Salomón se lle di que pida o que queira, contra do que puidera parecer, el non pide posesións, poder, prestixio ou medios materiais, senón algo que hoxe, acostumados como estamos a medir ás persoas non polo que son senón polo que teñen, nos chama a atención: un corazón escoitador. É dicir, sensible, cercano, preocupado polos demais e capaz de ser cos outros, non máis cós outros nin mellor cós outros. Toda unha lección para cantos seguen a pensar que a felicidade e a realización persoal está en todo o que diga relación co verbo posuír.

Que participemos nesta celebración coa mellor disposición a facer da nosa vida un compromiso por saber acoller, escoitar e acompañar a tantas persoas que imos descubrindo necesitadas de palabras de apoio, axuda e esperanza.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Dános un corazón disposto a escoitar, SEÑOR, ABRÁNDANOS O CORAZÓN.
  • Dános un corazón sensible para acoller, CRISTO, ABRÁNDANOS O CORAZÓN.
  • Dános un corazón sabio para acompañar e deixarnos corrixir, SEÑOR, ABRÁNDANOS O CORAZÓN.

PALABRA ENRAIZADA
  • Esa dignidade que posuímos todas as persoas non sempre é percibida polos demais, o que leva a que fagamos guerras, nos vaiamos dando morte uns aos outros e mesmo sexamos capaces de enganar, para conseguir medrar e ter recoñecemento social, a base de traizóns e mentiras. Non hai máis que ver como cada día os xulgados e os cárceres se van enchendo de persoas que teñen actuado así. A diferenza do rei Salomón, para todas estas persoas o sentido das súas vidas non está en ter un corazón capaz de escoitar, senón un corazón duro e de pedra que utiliza aos demais para as súas comenencias e busca única e exclusivamente o seu interese. Que lonxe da mensaxe cristiá, inda que vaian á misa ou se pavonen de ser crentes, mesmo dos que máis e mellor cumpren os ritos e gardan normas e dogmas!. A diferenza deste xeito de actuar, o camiño que se nos abre desde a palabra que hoxe temos escoitado non pasa por pedir para nós, senón por saír ao encontro dos demais. A fe ofrécenos -non impón- un camiño de comportamento ético que encerra un final de plenitude e salvación. O reinado de Deus ao que constantemente invitaba Xesús terá o seu cume na salvación –cercanía de Deus– da que gozaremos no remate do camiño. E a ela non se pode chegar máis que a través dunha vida impregnada de humanización e capacidade de descubrir ao outro coma un igual. Non vai chegar, inda que quen o diga berre ou use o seu poder para impoñelo, polo cumprimento das normas da ortodoxia ou da persecución dos que pensan distinto e buscan outras maneiras de facer presente a Deus nas súas vidas. A dignidade e a xustiza han ir xuntas para poder gozar do corazón escoitador que Salomón, e con el todos nós, lle pedimos a Deus.
  • Xustificad@s nunha mesma dignidade, esta non está para ser contemplada ou para poñela nunha vitrina a fin de que a miren os demais e nos loen e aplaudan. A dignidade que recibimos de Deus, e pola que Xesús deu o mellor de si, é a mesma que nos fai entender por que é posible que recemos xuntos, inda que pertenzamos a credos distintos; é a mesma que posibilita que unamos esforzos para sacar proxectos nos que as persoas -non as ideas- sexan o primeiro; é a mesma pola que no canto de ser forofos da nosa relixión, chámasenos a ser dialogantes e capaces de escoitar outras visións ou perspectivas que nos poden enriquecer humana e espiritualmente. E isto é así porque a raíz da que partimos é a mesma: Deus créanos por amor e ponnos no mundo para que fagamos dese amor sentido e guieiro da nosa vida. O que pasa é que moitas veces esquecemos isto, o que nos leva a pensar que cadaquén ten a verdade, que esta é única, e, xa sexa polas boas ou polas malas, como é a nosa e é única, non cabe máis que impoñerlla aos demais. Que lonxe do que Paulo lles dicía aos romanos!. Á verdade pódese chegar por varios camiños, o importante é que cheguemos, sen que ninguén se arrogue a exclusiva da viaxe. O Papa Francisco insiste coas súas palabras, cos seus escritos e o que é máis importante, cos seus xestos constantemente, para saber tender pontes de relación é unión desde os que facer do noso traballo cotián unha esperanza de dignificación do ser humano.
  • Só deste xeito seremos capaces de atopar o tesouro do que hoxe nos fala o evanxeo: o Reino dos ceos. E coma todo tesouro, non se debe agochar, senón, inda que moitos non o queiran entender, coidar e compartir. Quen coida o que considera un gran ben e sabe poñelo ao servizo dos demais atopa unha ledicia interior que ninguén lle pode quitar. Iso debéranos pasar a nós os cristiáns. O tesouro é o evanxeo; un evanxeo que debemos coidar e mostrar aos demais a través da nosa vida. Porque se o tesouro non loce, para que o queremos?. Por moito que esteamos bautizados, vaiamos á misa, fagamos moitas promesas e novenas… se logo non somos capaces de ser sensibles á dor dos demais, non nos preocupamos polo que pasa ao noso redor ou nos desentendemos do esforzo por ser xustos, solidarios e dispoñibles a botar unha man a quen nolo pida, dificilmente poderemos falar con sinceridade e convicción do gran tesouro que é o evanxeo. A diferenza dos tesouros ao uso, que se esconden e hai medo a que os demais os coñezan, o tesouro do evanxeo é alegría, é paz, é xustiza, é igualdade para tod@s. E iso non se pode agochar, senón que hai que dalo a coñecer para poder ser compartido. Aquí está o alicerce da proposta de Xesús. Traballemos día a día para vivila e comunicala.
FRATERNIDADE ORANTE
E que mellor tesouro que poder unirnos nunha mesma oración dicindo xunt@s: QUE O TESOURO DO EVANXEO ENRAÍCE NA NOSA VIDA
*       Para que desde a Igrexa saibamos ser no mundo testemuñas de respecto pola dignidade das persoas; sen deixarnos influenciar por modas, presións ou relativizacións do ser humano aos intereses dos poderosos, OREMOS.
QUE O TESOURO DO EVANXEO ENRAÍCE NA NOSA VIDA
*       Para que nas nosas comunidades parroquiais saibamos dar testemuño de pluralidade sen renunciar á alegría do evanxeo que nos chama a non xustificar comportamentos inxustos e violentos, OREMOS.
QUE O TESOURO DO EVANXEO ENRAÍCE NA NOSA VIDA
*       Para que cada un e cada unha de nós fagamos o esforzo por converter a vida nunha relación cos demais solidaria, misericordiosa e sempre disposta a aledar os corazóns das persoas que están tristes ou en dificultades, OREMOS.
QUE O TESOURO DO EVANXEO ENRAÍCE NA NOSA VIDA
Grazas, Señor, por compartir con nós o tesouro do evanxeo, que nos chama constantemente a non deixarnos levar da tristura nin do desespero. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Quen é capaz de mirar á persoa e ao mundo cos ollos de Deus, ve de outra maneira máis optimista. Non se atreve a enxuízar, e moito menos a condenar. Identificados con Deus, vemos máis o ben con amor, con comprensión, con esperanza. Se miramos a vida de calquera e consideremos o malo que fai e o bo, decatarémonos de que hai moito máis de bo, inda que os ollos, a mente, a memoria… os teñamos máis adestrados para ver o malo. Cando dicían de Lázaro: “Señor, xa cheira”, Xesús pensaba na resurrección.
(Alfonso Francia,Vivir desde o positivo, páx. 124)
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar
LECTURAS: Ti es camiño e verdade
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá

COMUÑÓN: Todo o mundo unha familia

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...