Ir al contenido principal

14 Domingo TO A

APRENDER A VIVIR A VIDA COMA UNHA BENDICIÓN, LÉVANOS A PERCIBIR A REALIDADE DESDE O POSITIVO, ROMPENDO O PESIMISMO ANTICRISTIÁN NO QUE TANTAS VECES TEMOS CAÍDO
Descarga o ficheiro
ESCOITA ACTIVA
Non estamos afeit@s a agradecer, valorar e recoñecer o que outros, principalmente os que non pensan coma nós, -“non son dos nosos”, dicimos-; fan por nós. Ter convertido este xeito de actuar en algo habitual vainos facendo caer nunha vivencia da fe individualista e pouco racional. É o sentimento cara esta ou aquela persoa o que nos move, non a convicción de que está actuando e comportándose como debe facelo, deixando a un lado favoritismos e componendas. Non saber valorar persoas e feitos por riba do que nós pensamos e nos gusta, fai tamén que nos custe entender o sentido de eclesialidade e comuñón; porque, guste ou non, a fe só se pode vivir xunto con outros, e eses outros non van por libre e ao seu xeito, senón como membros da Igrexa. Igrexa que non son paredes, senón persoas. Por iso é importante que, ao abeiro dos textos que hoxe imos proclamar, saibamos valorar o traballo das persoas, máis alá de se pensan ou non coma nós, para ir construíndo comunidades e grupos de crentes agradecidos e respectuosos, recoñecendo o positivo do seu traballo, e sempre dispostos a afrontar a realidade con actitude positiva e visión de esperanza. Porque só desde a esperanza da que nos fala Xesús, podemos entender que quere dicir ser cristiáns.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Para que non nos deixemos levar da crispación e o enfrontamento nas nosas relacións cos demais, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA CRÍTICA ANTIEVANXÉLICA.
  • Para que non nos deixemos levar das actitudes derrotistas e negativas, CRISTO, QUE NON CAIAMOS NA CRÍTICA ANTIEVANXÉLICA.
  • Para que nos esforcemos por ser cristiáns de propostas e non de ritos baleiros, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA CRÍTICA ANTIEVANXÉLICA.
PALABRA ENRAIZADA
* O Señor vén facéndose presente na nosa existencia de xeitos e maneiras múltiples: un sorriso, unha palabra, unha man en momento de dificultade, un tempo compartido cando nos atopamos solos, un... Dun xeito ou doutro, Deus non nos deixa ao pairo, senón que vai poñendo no camiño, valéndose de persoas e medios, situacións nas que nos sentimos reconfortados, e que impiden que acabemos no laio permanente e na queixa continua. É o seu xeito de dicirnos que para El somos importantes, que nos quere, que se preocupa e terma de nós. Canto o agradecemos neste tempo de tanto desgaste e soidade!. A bendición de Deus, da que ás veces renegamos, vai adquirindo rostro da súa presenza no día a día da nosa vida. Pero, tamén hai que dicilo, que testáns somos moitas veces para recoñecer esa presenza e para acoller esa bendición!. Pódennos máis as nosas canseiras, os desenganos ou o intereses persoais de facer, converter, a Deus á nosa imaxe, á nosa comenencia, á nosa comodidade. Non será que temos un fe de mostrador e coidamos que Deus é o tendeiro que despacha o xénero segundo as nosas apetencias?. Non nos damos conta de que a radiografía da sociedade na que vivimos ten cambiado, e moito, ao longo dos últimos trinta anos?. Por que queremos, para o que nos convén, seguir vivindo do pasado, pero sen deixar que a forza da fe e as actitudes e valores do Evanxeo nos enchoupen?. A fe, inda que ata o de agora non a teñamos vivido así, supón decisión, esixencias, mesmo romper con comportamentos e actitudes que para moitos se ven como normais, inda que non o sexan. Non é polo tanto acomodación senón decisión e coherencia. Estariamos dispostos a facer este camiño, ou máis ben somos dos que nos gusta seguir así, como se fose un entretemento, pero sen forza nin impacto que marque a nosa vida?.

* Como ben di Paulo, iso supón ter que ir morrendo a moitas cousas que nos vai custar moito deixar atrás e prescindir delas. E xa sabemos que ir contra o que marca a corrente non é doado, porque a presión do ambiente, o que fan todos, o que din todos levaranos a ter que dicir que non, a plantarnos, a facer valer o coñecemento e a fondura das nosas conviccións de fe. Non pode ser a nosa unha fe do “onde vas Vicente” nin tampouco unha fe que o acepta todo, porque dicir o que debemos suponnos ter que calar bocas ou manifestar que as cousas non son como se están a facer, e iso pode acabar deixándonos solos. Desgasta. Por outra parte, se de verdade queremos vivir, como nos invita a facer Xesús, temos que ter ben claro que comportamentos nos que as persoas son explotadas, se lles suprimen dereitos, son manipuladas laboral e humanamente, xógase con elas non dicíndolle a verdade, búscase enganalas contándolle medias verdades ... en fin, todo comportamento no que as persoas sexan tratadas coma monicreques e non como dignidade son contrarios ao camiño de Xesús. E ben sabemos: denunciar esas situacións, non calar fronte estas inxustizas, manifestar desacordo con elas poñeranos moitas veces en contra de quen manda, de quen ten poder, de quen decide, e mesmo nos pode levar a que nos illen ou calumnien. Estariamos dispostos, desde a nosa fe, a dar morte a, como di Paulo, estas obras do corpo, para vivir desde as obras de Deus, obras da vida: dignidade, respecto, igualdade, denuncia de abusos, pluralidade, defensa dos máis débiles...?. Cómo queremos ser cristiáns se agochamos a cabeza ou viramos a cara para non querer ver o sufrimento dos demais?.

* E todo este camiñar nas obras da vida debemos facelo desde a sinxeleza, a misericordia e a mansedume. Nós non somos mellores nin máis perfectos ca ninguén, pero si temos un camiño que nos invita a seguir libremente Xesús. E o que non podemos facer é realizar ese camiño desde a nosa interpretación, desde o individualismo ou collendo só o que nos convén e interesa. O Evanxeo non é coma a carta dun restaurante no que pedimos segundo o que nos guste ou non nos guste comer. O Evanxeo é esixencia e coherencia persoal; pero sempre dando razóns, explicando, dando a entender por que estamos chamados a facer o que facemos... e iso non se pode conseguir se non é con mansedume e humildade de corazón. As actitudes soberbias, impositivas e violentas non son as que nos pide Xesús, porque non é quen máis berra o que maior razón ten, senón quen sabe, con sinxeleza e a coherencia da vida, dar razón dos seus porqués e das súas decisións. Deixémonos logo bendicir por este Deus que desde o amor pon na nosa liberdade a capacidade de elixir se queremos ou non seguilo. Só facendo este camiño poderemos entender que queremos dicir cando afirmamos que en Cristo estamos salvados.
FRATERNIDADE ORANTE
Pedimos ao Señor que nos bendiga coa súa graza e co seu agarimo dicindo xunt@s:
SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DO EVANXEO RUTINA
*        Pola Igrexa, para que espertemos á invitación que nos fai Xesús de converter a mansedume en loita pola xustiza, denuncia da corrupción e defensa dos máis pobres, OREMOS.
SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DO EVANXEO RUTINA
*        Para que as persoas que habitualmente participamos das celebracións comunitarias espertemos do sono que nos fai manipular a Deus ao noso interese, e sexamos verdadeiras testemuñas de humanidade cos veciñ@s, OREMOS.
SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DO EVANXEO RUTINA
*        Para que fagamos da nosa vida unha experiencia de gozo e esperanza que nos leve a superar o pesimismo derrotista que nos fai desconfiar das nosas capacidades e posibilidades e das dos demais, OREMOS.
SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DO EVANXEO RUTINA
Señor, que nos deixemos bendicir pola forza da túa palabra, para que vivamos a fe coa alegría de quen se sabe axudado para transformarnos persoal, comunitaria e socialmente. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Sorrí,
porque soubeches demostrar que o ceo é teu;
porque soubeches entender que o amor é máis ca querer;
porque aceptaches que a vida dos demais
é parte da túa propia vida.

Sorrí,
porque o teu corazón sempre foi nobre,
soubo entender,
soubo aceptar e compartir,
soubo ata vivir
axudando a quen chamaba
ou a quen enfermo estaba.

Sorrí,
porque é de xente de amor todo canto demostraches,
porque entregaches a vida,
porque fuches xeneros@,
porque demostraches valor...sempre pedindo esperanza.
(J.Lisardo Rodríguez)

CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar
  • LECTURAS: Como che cantarei?
  • OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...