Ir al contenido principal

Santiago Apóstolo 2014

É FESTA NA NOSA TERRA!. QUE MELLOR MOMENTO PARA COMPARTIR E AGRADECER A NOSA IDENTIDADE, A NOSA FE, A NOSA XENTE?
Descarga o ficheiro
ESCOITA ACTIVA
Agradecid@s. Si, este pode ser hoxe o adxectivo que nos axude a centrar a celebración que imos comezar. Agradecid@s porque formamos parte dunha comunidade que reza de xeito solidario polos demais, sexan de aquí ou vivan a milleiros de quilómetros. A fe é universal. Non pode pecharse nun curral para que non saia, e sexa só para nós. Agradecid@s tamén porque esa fe podemos vivila cos pés na terra, facendo nosos “os gozos e as esperanzas, as tristuras e angustias“ dos homes e mulleres que viven ao noso lado, co realismo e a tenrura coas que tamén Xesús soubo vivir coa xente do seu tempo os seus problemas e as súas ilusións.
Neste día do Apóstolo; neste día de Galicia, poñamos os pés no chan, abramos ben os ollos e fagamos unha oración sinxela e sincera fitando cara ao ceo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Por non poñer o noso tempo ao servizo de quen o necesita, SEÑOR, AFÁSTANOS DA TENTACIÓN INDIVIDUALISTA.
û  Por non saber escoitar a voz de Deus, que nos fala cada día a través das pequenas cousas, CRISTO, AFÁSTANOS DA TENTACIÓN INDIVIDUALISTA.
û  Por non aprender a ser sinxelos con quen está ao noso lado, SEÑOR, AFÁSTANOS DA TENTACIÓN INDIVIDUALISTA.
PALABRA ENRAIZADA
·         A diferenza de Herodes, nós non necesitamos pasar a coitelo a ninguén. Para un seguidor de Xesús, as opinións distintas e discrepantes non se suprimen nin se acalan pola forza da violencia, do sometemento ou da morte. Ao contrario, para un cristián saber que hai discrepancia é todo un estímulo para poder ofrecer razóns que expliquen o porqué do noso actuar e das nosas conviccións. E isto que formulado parece doado, se miramos ao noso redor, está a resultar cada día máis difícil. As persoas non nos escoitamos, e antes de que o outro acabe de falar, xa temos a resposta feita sen esperar a dar razóns. Esta lóxica, cada día máis presente na nosa sociedade, temos que ila superando para poderes entrar na lóxica do Evanxeo, na lóxica de Xesús. A lóxica que logo foron capaces de ir desenvolvendo aqueles primeiros seguidores. Así, diante do recurso fácil á violencia, e á tentación de facer desaparecer a quen discrepaba, os discípulos non tiveron medo a anunciar o evanxeo, a actuar con sinceridade con sinxeleza, mesmo expoñendo a súa propia vida. A palabra, don e tesouro, converteuse para eles no medio a través do cal facían posible a invitación de Xesús:”ide e anunciade”.
·         A reflexión anterior ben nos podería valer para estes tempos tan convulsos que estamos a vivir, e nos que se pretende enganar, someter ou dominar ao outro/a a través da mentira, as confusións ou as medias verdades. Políticos, banqueiros, relixiosos, empresarios, traballadores… ninguén queda libre desta tentación de rexeitar a verdade para adaptala os seus intereses. Que mellor que un día coma hoxe para lembralo!. Un día no que moitos buscan saír no telexornal das tres para que todos vexan o bos e xenerosos que son, e o ben que fan preocupándose pola xente desta terra, cando logo as súas decisións ou o seu xeito de actuar e facer as cousas no resto do ano está moi lonxe disto. Uns e outros afirman ser os mellores. Por iso o salmo (no que lle diciamos ao Señor a importancia de que saibamos loalo non só con palabras, senón con feitos) pode valernos para que non esquezamos onde e en quen debemos poñer nós a nosa esperanza, para que ninguén nola quite nin a utilice para os seus intereses, que unha vez conseguidos, volven as costas a esas persoas ás que antes tanto querían e das que tanto dicían preocuparse. Loar a Deus desde a terra, desde esta terra, supón facer dos seres humanos verdadeira e auténtica dignidade no día a día, e non só no día da terra, a patria ou a comunidade que se queira celebrar. As persoas non só somos para un día, senón para todo ano, para sempre.
·         A este compromiso e a esta tarefa é a que nos chama o evanxeo que acabamos de proclamar. Como Santiago, tamén nós moitas veces dicimos que nada se nos vai atravesar entre nós e o seguimento de Xesús –o cáliz–; pero despois esquecemos este compromiso e somos violentos, prestamos pouca atención a quen nos fala, caemos na tentación de renunciar a ser honestos –porque tamén nas cousas pequenas un se corrompe–, a ser xustos, a ser solidarios… e reducimos todo a dicir que nin roubamos nin matamos. Pero sen que teñamos que facer estas dúas cousas para apartarnos da fidelidade ao evanxeo, si que facemos moitas outras que nos van poñendo lonxe do que quería e ao que nos invita Xesús. Un bo día hoxe, polo tanto, para reflexionar como está sendo a nosa resposta a beber do cáliz do seu seguimento.
FRATERNIDADE ORANTE
Neste día de festa en Galicia, e sen perder a perspectiva da universalidade de Igrexa, rezamos xunt@s dicindo:
QUE DESDE ESTA TERRA SAIBAMOS VIVIR A UNIVERSALIDADE DA FE
*        Para que sexamos unha Igrexa que sabe incorporar á súa tarefa e á súa oración, as esperanzas e dificultades das persoas ás que serve, OREMOS.
QUE DESDE ESTA TERRA SAIBAMOS VIVIR A UNIVERSALIDADE DA FE
*        Para que, seguindo a Santiago, tamén aprendamos a recoñecer que os demais, inda que non pensen coma nós, nos enriquecen co seu pensamento e co seu actuar, OREMOS.
QUE DESDE ESTA TERRA SAIBAMOS VIVIR A UNIVERSALIDADE DA FE
*        Para que aprendamos a facer das nosas parroquias lugares onde poñamos en práctica a colaboración entre os veciños, desterrando o individualismo e o enfrontamento, OREMOS.
QUE DESDE ESTA TERRA SAIBAMOS VIVIR A UNIVERSALIDADE DA FE
*        Para que cant@s hoxe celebramos a nosa festa nos sintamos querid@s, agarimad@s e valorad@s no seu traballo ao longo de todo o ano, e non só hoxe, OREMOS.
QUE DESDE ESTA TERRA SAIBAMOS VIVIR A UNIVERSALIDADE DA FE
Grazas, Señor, por este día no que nos invitas a non perder a visión universal da fe servindo a quen temos máis preto. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Señor, grazas por nacermos galeg@s,
neste recanto precioso do mundo,
que nos deu forma humana e identidade,
para barallarnos con asento no concerto das xentes e dos pobos.
Grazas pola fala galega,
coa que nos expresamos de forma sinxela, espontánea e verdadeira,
a fala que fomos construíndo durante séculos,
e que é un regalo da vida e da cultura,
un precioso regalo teu tamén.
(Manolo Regal, A graza daquel verán, páx. 216)
CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Pedras vivas
  • LECTURAS: Benaventurados
  • OFERTORIO: Na nosa terra
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...