Ir al contenido principal

15 Domingo TO A


Descarga o ficheiro


ESCOITA ACTIVA

A vida é un continuo ir sementando por onde imos pasando. Sementamos boas obras, ou malas; sementamos paz, ou enfrontamento; sementamos testemuño, ou antetestemuño... 
Pero a nosa sempre é unha sementeira diante da que debemos estar termando, para que as malas herbas non tapen o froito do que facemos ben. Xesús invítanos hoxe a que revisemos como estamos a preparar a terra do corazón para que a semente que El vén de sementar dea froito abondoso de boas obras e actitudes que nos fagan máis xustos, solidarios e honestos; non deixando que nin as malas herbas nin a pouca fondura da terra sequen canto hai de bo no noso corazón.

CORAZÓN MISERICORDIOSO


  • Que non deixemos que as malas herbas aniñen no noso corazón, SEÑOR, QUE A SEMENTEIRA DEA BO FROITO.
  • Que non deixemos que a pouca fondura das nosas conviccións nos leve a actuar de xeito contrario ao Evanxeo, CRISTO, QUE A SEMENTEIRA DEA BO FROITO.
  • Que non nos deixemos levar polo aparente e superficial, e traballemos para enraizar as boas obras en nós, SEÑOR, QUE A SEMENTEIRA DEA BO FROITO.

PALABRA ENRAIZADA

*    A chuvia, cando vén na súa xusta medida, todos a valoramos e tentamos de aproveitala para os campos, os pozos, as fontes... Así, cando chove de xeito estatisticamente normal, todos dicimos o boa que é e o moito ben que ela fai. Porén, cando é moita, vólvese contra nós e contra o que facemos, producindo moito mal. Partindo deste imaxe, hoxe a palabra de Deus quere invitarnos a reflexionar e analizar a nosa vida desde o binomio semente-froito; ou o que é o mesmo: creación-salvación. Deus, o sementador invítanos a que nós deamos froitos de todo canto fai posible vivir dun xeito máis humano, digno e feliz. Son estes tres aspectos nos que constantemente incide a Palabra de Deus para que entendamos que quere dicir que o Deus creador chámanos á salvación. Si, porque a salvación non é nin unha idea nin algo abstracto do que non sabemos nada, senón todo o contrario: a salvación é o esforzo que nos leva a descubrir que a nosa vida e a dos que se relacionan con nós, supón un esforzo, unha tarefa por acadar dignidade, felicidade e humanización. Non todo vale nin calquera comportamento é bo. Tampouco debemos facer o primeiro que se nos ocorra ou o que máis nos favorece, senón que estamos chamados a poñerlle ao que facemos reflexión desde esta tripla esixencia da que vimos falando. Loitar por ilas acadando é o que lle da rostro e comprensión ao que queremos dicir cando nos referimos á salvación. Porque Deus sálvanos cando traballamos, para nós e os outros, desde a humanización, a dignidade e a felicidade. Para iso puxo ao noso dispor toda a creación: para que a través dela a salvación sexa unha realidade nova, viva e chea de esperanza, afastándonos, ou polo menos, dándonos razóns para afirmar que paga a pena ser homes e mulleres activos e esperanzados. Como a choiva que aporta nutrintes á terra, así tamén a esperanza dálle á nosa vida os nutrintes que necesitamos para facer da salvación reto e camiño.
*     A semente cae sempre na terra, pero non toda terra está preparada para acoller esa semente. Temos que facer o esforzo de preparar a terra –a nosa vida-corazón– para que esa semente creza, se desenvolva e dea froitos. Se a terra non está ben preparada, por moito que a semente sexa boa, antes ou despois acaba secando. Cantos corazóns/vidas de persoas que comezaron a súa andaina vital na fe, están hoxe desencantados, afastados ou de costas á mensaxe de Xesús?. É verdade que o testemuño de moitos dos que deberan ser referentes de vida e esperanza: Papas, bispos, curas, relixiosos... ten sido moitas veces contrario a canto esixía a súa opción de vida; pero tamén non é menos verdade que o conformismo e a rutina foron facendo de moitos cristi@ns, non testemuñas ledos e comprometidos coa mensaxe de Xesús, senón homes e mulleres aburridos, ritualistas e incapaces de alimentar a súa fe coas celebracións e a participación da vida da comunidade, acabando por non atoparlle sentido a súa fe. Cando falamos disto, poucas veces nos damos conta de que ao testemuño dos que fixeron do seguimento de Xesús a súa opción de vida, séguelle o esforzo de todo cristián de coñecer máis e mellor o Evanxeo, ter unha vida de oración asentada sobre a súa propia experiencia e a superación dunha fe de ritos pero totalmente desligada do resto da vida.
*    Entendemos entón desde canto vimos dicindo a parábola que acabamos de escoitar. A palabra non é pasado. Tampouco é unha simple ilusión que nos emboba e nos distrae das preocupacións e problemas de cada día. Non. A palabra é vida, ilusión, esforzo, tarefa, luz, camiño... que nos vai axudando a darlle a canto facemos un sentido, un porqué, un obxectivo polo que loitar e cara onde orientar as nosas decisións. Non está sobredimensionada para que engane dicindo ser o que non é, senón que busca simplemente que non camiñemos ás escuras nin nas tebras. A palabra é auga, que cae na terra para que dea froito, como a semente do sementador. E sabendo que non toda terra ten o mesmo valor, debemos, para que a palabra non morra sen que dea froito, acollela con atención, vivila con alegría e deixarnos transformar por ela para que as cousas cambien para mellor, e a creatividade nos faga seguidores de Xesús que non viven do pasado, senón que sabendo estar no presente non se deixan afogar por el, por iso se abren e proxectan cara ao futuro, agardando que sexa sempre un futuro que avanza na esperanza, e non queda na nostalxia do que xa pasou. Coma o sementador, tamén nós estamos chamados a facer da nosa vida unha semente que faga crible seguir a Xesús e sentir o gozo de chamarnos cristiáns.

FRATERNIDADE ORANTE

Preparados para acoller a semente que nos ofrece Xesús, dicimos xunt@s:
SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE TRAIA FROITOS Á NOSA VIDA
*       Para que a Igrexa se esforce por preparar a terra onde a palabra de Deus dea froitos de misericordia, entendemento, escoita e colaboración, OREMOS.
SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE TRAIA FROITOS Á NOSA VIDA
*       Para que non deixemos que as nosas parroquias esmorezan pola nosa falta de testemuño, a nosa pouca ilusión e o descoñecemento do que supón acoller a mensaxe de Xesús, OREMOS.
SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE TRAIA FROITOS Á NOSA VIDA
*       Para que nós non nos contentemos con cumprir rutinas e repetir ritos, senón que aprendamos a traducir na nosa vida as actitudes e valores que Xesús foi vivindo e compartindo coa xente do seu tempo, valores que nos falan de xustiza, fraternidade, liberdade, ben común e participación, OREMOS.
SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE TRAIA FROITOS Á NOSA VIDA
Grazas, Señor, por sementar en nós semente que estimula, anima e alenta a nosa vida, invitándonos a non deixarnos levar do pesimismo nin da rutina. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA

Sodes sementes do Reino plantadas na historia.
Sementes boas e tenras, cheas de vida.
Téñovos na miña man,
arrólovos e quérovos,
e por iso vos lanzo ao mundo: perdédevos!.
Non teñades medo a treboadas nin a secas,
a pisadas ou a espiños.
Bebede dos pobres e enchoupádevos do meu orballo.
Fecundádevos, rebentade,
non quededes enterradas.
Florecede, dade froito.
Deixádevos arrolar polo vento.
Sodes sementes do meu Reino!.

CANTO GOZOSO


  • ENTRADA: Non vou so
  • LECTURAS: A túa palabra
  • OFERTORIO: Sementar, sementarei
  • COMUÑÓN: Benaventurados

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...