Ir al contenido principal

domingo 16 to a

NON HAI XUSTIZA SEN HUMANIDADE: SÓ RECOÑECENDO AO OUTRO COMA IGUAL PODEMOS POÑER EN PÉ A GRAN TAREFA DO REINO 

ESCOITA ACTIVA 

Unha das frases da primeira lectura de hoxe dinos que “ao xusto lle cómpre ser humano”. Por aquilo de que as lecturas se dividen en tres ciclos, as persoas que adoitamos participar os domingos nas celebracións da comunidade cada tres anos temos escoitado esta frase. Porén, quizais a pesares de tela escoitado moito, non lle temos prestado a atención que ela merece, porque en algo tan sinxelo como son estas seis palabras, agóchase unha estupenda síntese na que poderiamos resumir a fe cristiá. A salvación da que tantas veces falamos en abstracto non ten outra concreción que a capacidade que nós teñamos de ir facendo visible a xustiza de Deus e o recoñecemento da humanidade no actuar en relación cos demais. Só deste xeito poderemos poñerlle rostro e sentido ás palabras. Do contrario non faremos máis ca poesía, pero a poesía non é seguimento de Xesús nin construción do reino ao que nos chama o evanxeo. Dispoñamos logo o corazón para participar desta celebración, que será gozosa e esperanzada se os que participamos nela nos achegamos dispostos a poñer o mellor de nós.  

CORAZÓN MISERICORDIOSO 

  • Porque nos falta capacidade de agarimar e nos sobran miradas que nos distancian e xulgan, SEÑOR, QUE A INDULXENCIA AGROME EN NÓS. 
  • Porque somos xusticeiros, pero non xustos. CRISTO, QUE A INDULXENCIA AGROME EN NÓS. 
  • Porque somos de oído duro e man pechada, SEÑOR, QUE A INDULXENCIA AGROME EN NÓS. 

PALABRA ENRAIZADA 

  • Utilizamos moito o substantivo xustiza, o que non está tan claro é que o utilicemos do xeito adecuado. Porque a xustiza non é aplicar na vida -na nosa ou na dos demais-, os nosos criterios, ou o que nos parece mellor; senón que a xustiza supón e esixe recoñecer/nos primeiro como persoas con dignidade e merecedores de respecto, independentemente de que teñan criterios parecidos aos nosos, pertenzan a outras crenzas ou a súa visión da realidade sexa moi distinta da nosa. A clave para entender isto que estamos a dicir dánola a frase á que faciamos referencia ao comezo da celebración e que atopamos na primeira lectura, do libro da Sabedoría. E danos a  clave para entender a xustiza porque pon esta en relación cun actuar humano, co actuar humanizador. É dicir, co xeito de facer as cousas no que a persoa ocupe o primeiro lugar da escada de valores e principios desde os que nos movamos. Sendo importantes outras moitas cousas para poder vivir e facernos a vida moito máis doada, é necesario distinguir ben unha cousa da outra, para non caer na esquizofrenia de quen xa non distingue e o confunde todo. Algo disto está a pasar neste mundo no que vivimos e que, entre tod@s imos construíndo. Nel, moitas veces, xa non distinguimos que e núcleo e que é casca. Ou o que é o mesmo, non diferenciamos o fundamental do accesorio, o que nos está a traer confusións e dor. Non hai máis que ver un telexornal, escoitar un informativo ou ler unha nova no xornal. Para lavarnos a conciencia acostumamos a dicir que a xente está tola ou preguntarnos onde imos parar con estes comportamentos....Pero poucas veces nos preguntamos: e eu, que fago, alí onde estou: familia, traballo, barrio, parroquia… para evitar esta confusión e desconcerto?. Laiarse é doado, pero coller o touro polos cornos e non ter medo a expresar, e tamén explicar, que non todo vale nin é o mesmo sabendo argumentar con razóns e reflexións a quen o confunde todo, esixe perder a vergoña e non ter complexo de inferioridade. Por iso non sempre é doado dar razón do que pensamos que debe ordenar a vida para que esta camiñe no binomio xustiza–humanidade. Sendo verdade que Deus coida de nós, non é menos verdade que nós tamén debemos coidar de canto Deus foi creando, e de entre todo, o máis importante, e isto non ten rebaixa, é o ser humano, ao que nos dotou de dignidade e capacidade de pensar, sentir e compartir. Deixemos logo que a sabedoría de Deus enchoupe o noso quefacer cotián! 
  • Para poder ir desenvolvendo este proxecto de Deus artellado no binomio xustiza/humanidade, é necesario sentirse forte, ou polo menos, con capacidade de afrontalo sen medo nin vergoña pola nosa parte, cousa que non sempre somos capaces de levar a cabo. De aí que necesitemos un “plus” de forza que tamén nos ofrece ese Deus que é comuñón para cantos cremos nel. A isto se refire Paulo cando lles escribe aos cristiáns de Roma, e lles di que na debilidade, cando parece que todo se derruba, que nada vai quedando en pé –pensamento/tentación na que caemos cando nos deixamos levar da desesperanza-, o Espírito acode na nosa axuda. É esta unha fermosa imaxe que Paulo nos presenta de Deus como aquel que terma, acompaña, agarima e coida, con grande tenrura de nós. Non é logo que Deus se afaste de nós, ou faga oídos xordos á nosa oración –ata cando Señor …” dicimos no salmo-, máis ben, somos nós os que endurecemos o oído para non prestarlle atención á invitación que nos fai de seguilo. Falar entón do Espírito é falar da forza que recibimos para afrontar retos, superar dificultades, manter proxectos ou xerar ilusións. O Espírito, como forza e andamio, sempre acode na nosa axuda e na nosa debilidade para termar de nós. Na confesión de fe que rezamos cada domingo dicimos que cremos no Espírito Santo. Poñamos en valor esta afirmación deixándonos enchoupar da súa presenza e da lóxica da comuñón á que nos chama e invita. Facer comunidade, crecer como comunidade e actuar no nome da comunidade, non sería posible, e se o fose, dificilmente aguantaría os avatares e a dureza da proba, se o Espírito non fose o compañeiro nesta andaina que imos construíndo de facer do mundo reinado de Deus.  
  • Dispostos sempre a deixarnos agarimar por este presenza, ben seguro que atoparemos os folgos necesarios e suficientes para ir sabendo distinguir o xoio do trigo. É dicir, como diciamos antes, que non todo é o mesmo, que necesitamos organizar e aprender a descubrir que é o importante, e que cousa non o é, inda que estea moi de moda, o fagan tod@s, ou sexa “trending topic” nas tan afamadas hoxe, redes sociais. Por iso é tan fundamental buscar momentos onde poidamos formarnos, reflexionar e compartir as nosas dúbidas e preocupacións, para ir aprendendo a construír sobre bos cimentos, ou sobre terreo ben abonado. Distinguir o que humaniza daquilo que nos fai escravos e sometidos, non sempre é fácil, por iso é tan importante formarnos, coñecer e diferenciar, para non confundirnos nin deixarnos ir como arrastrados por quen berra máis, manipula mellor ou aparece máis veces na TV. Non porque unha cousa se diga, se vexa ou repita moitas veces se converte en boa se non o é. Na vida, xoio e trigo van camiñando tan á xunta que moitas veces, se non poñemos a atención debida, poden confundirse, e para evitar esa confusión, son necesarios os criterios. Fronte ao xoio, necesitamos a mostaza. Ela, sendo unha semente pequena, vai pouco a pouco crecendo ata converterse nunha grande árbore. Así ha ser tamén a nosa vida: pequenos pasos que imos sementando desde a xustiza e a humanidade, para que un día poidan dar moito froito, e fagamos de verdade reinado de Deus. 

FRATERNIDADE ORANTE 

Deus sementa no medio da comunidade o pequeno gran de mostaza para que vaia dando froito de boas obras de xustiza e humanidade. Poñamos o corazón en actitude de dar o mellor dos froitos dicindo xunt@s 
QUE A TÚA SEMENTE DEA FROITO EN NÓS 
  • Para que a Igrexa sexa campo no que poder sementar trigo de xustiza e humanidade, OREMOS. 
QUE A TÚA SEMENTE DEA FROITO EN NÓS  
  • Para que as nosas parroquias crezan en capacidade de acollida, misericordia e entendemento, OREMOS. 
QUE A TÚA SEMENTE DEA FROITO EN NÓS  
  • Para que a nosa vida sexa un campo no que poder sementar tenrura, solidariedade, empatía e capacidade de darnos aos demais, OREMOS. 
QUE A TÚA SEMENTE DEA FROITO EN NÓS 
Grazas, Señor, por invitarnos a distinguir o xoio do trigo. Que a forza do Espírito Santo nos guíe sempre nesta tarefa. P.X.N.S. Amén. 

MIRADA DE ESPERANZA 

Ti es, Xesús, a primeira semente do reino de Deus.
Ti es a primeira árbore, o primeiro lévedo.
O reino de Deus vén contigo.
Se che damos fe, nós tamén seremos reino de Deus.
E medraremos.
E teremos sitio para todas as persoas que veñan.
E fermentaremos.
E faremos fermentar a todas as persoas que atopemos.
Medrará na escuridade a túa semente dentro de nós,
con toda seguridade.
E medrará nos nosos compañeiros.
E sementaremos, tod@s xunt@s,
contigo,
unha semente,
unha semente co teu nome no campo do mundo.
E será a terra,
por nós,
un pouco máis que antes, Reino de Deus.

CANTO GOZOSO 

ENTRADA: Non vou so
LECTURAS: Ti es o pan do ceo
OFERTORIO: Na nosa terra
COMUÑÓN: Pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel