Ir al contenido principal

28 domingo TO A

E TI.... VÉS VESTIDO DE FESTA?
Descarga o ficheiro
ESCOITA ACTIVA
Sabemos dar consello, impartir doutrina, explicar as escrituras, instruír na oración, falar de Deus....Temos o mercado aberto para quen queira vir e mercar. Lemos e estudamos, amasamos e metemos ao forno o pan saboroso da Boa Nova. Sabemos ensinar, pero practicamos o que ensinamos?. Sabemos indicar claramente o camiño, pero percorrémolo nós?. Falamos de fe, de servizo, de oración e de sacramentos; pero probamos nós algo diso?. O mercado do espírito é tal que, se non somos os primeiros en aprezar co noso uso e a nosa ledicia o que lle propoñemos a outros, baixará a demanda.
Que esta celebración que agora comezamos nos axude a aprender a disfrutar a Boa Nova e o banquete para podelo repartir, pois para ser cristián e cristiá cómpre empezar a gozar de Deus e dos seus agasallos hoxe e aquí.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
ö Polas moitas veces nas que renunciamos a vestir o noso corazón co traxe do perdón, da misericordia, da comprensión e da escoita, SEÑOR, REVÍSTENOS COA TÚA MISERICORDIA.
ö Porque non estamos dispost@s a saír ao camiño da vida para ir ao encontro, invitar, coñecer, observar, acoller e acompañar aos que ninguén invita, recoñece, observa, acolle ou acompaña, CRISTO, REVÍSTENOS COA TÚA MISERICORDIA.
ö Porque seguimos vivindo unha fe oportunista, que fai que contemos contigo cando as cousas nos van ben pero que descreamos e mesmo reneguemos de Ti nas dificultades e nos problemas, SEÑOR, REVÍSTENOS COA TÚA MISERICORDIA.
PALABRA ENRAIZADA
*       En tempos de crise como son os que estamos a vivir, a lectura que vimos de escoitar de Paulo é todo un reto: hoxe sei vivir na miseria e na fartura. De verdade poderíamos nós dicir o mesmo?. Non. Máis ben nós estamos moi acostumados a vivir na fartura, pero pouco ou nada na miseria; é dicir, na dificultade, no sacrificio, no esforzo, no aforro... valores que consideramos coma secundarios, deixámolos de lado e non movemos nin un só dedo para que a nosa xente nova vaia medrando neles, senón que lle aforramos esforzo, dificultades e sacrificios dándolle todo feito. Por iso en momentos de dificultade económica, cultural, política, relixiosa...como son os actuais, rapidamente nos vimos abaixo, desanimámonos, e todo nos vai desesperanzando e desilusionando. Porque é moi fácil vivir na fartura; pero moi difícil facelo na miseria. Ao bo afacémonos moi pronto... e prescindir del cústanos demasiado. Nesta situación, é bo non esquecer o alento da Palabra de Deus. Madurar, medrar como persoas, supón aprender a afrontar os retos que a vida nos vai pondo diante, deixando atrás o fácil, a queixa, o laio, a nostalxia, para comezar a afrontar as situación e a tentar darlles resposta. Diante das dificultades non debemos perder a nosa capacidade de análise, de reflexión, sen deixarnos levar nin do primeiro que se nos ocorra nin do que nos resulte menos esforzado. Coma Paulo, tamén temos forzas grazas a quen nos fai fortes, grazas a quen nos reúne hoxe aquí; grazas a quen nos vai acompañando no camiño da nosa vida. Sabemos da súa presenza e sentimos a súa forza?. Ou non?. Porque ao mellor, se non é así, teríamos que preguntarnos se de verdade debemos levar o nome de seguidores seus; se de verdade se nos nota que El é o que dá sentido á vida, e así o vivimos; se El é quen nos vai dando folgos para que a desesperanza e o desalento non aniñen na nosa vida.
*       Desde a época dos profetas, Israel describía a alegría dos tempos mesiánicos coma un banquete. Pola súa banda Xesús, que coñecía moi ben a vida dura e monótona dos campesiños, sabía como esperaban a chegada do sábado para liberarse do traballo. Víaos disfrutar nas festas e nas vodas.... daquela, que experiencia podía haber máis gozosa para aquelas xentes que ser invitadas a un banquete, sentar na mesa e compartir unha festa?. O banquete é símbolo do Reino de Deus: abundancia, festa, fraternidade, gratuidade..... Non podemos esquecelo, somos invitad@s a un banquete. O amor: esa será a chave que nos permita entrar ó banquete de vodas. Por iso a parábola móstranos unhas sorpresiñas:
o   as persoas que reciben a invitación non queren asistir, desculpan a súa asistencia. Para moitos daqueles cidadáns, a invitación a un banquete (o sono de calquera israelita!) non é algo importante. Para outros, mesmo é algo molesto: maltratan aos servidores do rei e mátanos.
o   a negativa incomoda ao rei, pero non suspende o banquete. Os servidores saen de novo e esta vez invitan a todas as persoas que atopan, boas e malas. A negativa non detén o amor de Deus, o ofrecemento do Reino segue facéndose malia ás nosas escusas e a nosa falta de acollida.
o   a festa só comeza cando a sala está chea. Mentres, haberá que saír aos camiños, anunciando o banquete. Ninguén é chamado polos seus méritos, reúnen a todos os que atopan, bos e malos.
o   unha derradeira sorpresa: chega o rei e sorprende a un invitado sen traxe de festa e bótao fóra. A gratuidade de Deus reclama a nosa responsabilidade e o noso compromiso. Deus bríndanos a posibilidade de entrar no seu Reino: tod@s estamos invitados á voda, non hai acepción de persoas; pero esixe unha condición: levar traxe de festa, ou o que é o mesmo: servir na vida de cada día a mensaxe de Xesús, actuando dacordo co Evanxeo. E, ás veces, canto nos custa!: dicimos crer en Deus, e mesmo acudimos ás celebracións; pero comprometer a nosa vida, o noso tempo, o que somos e o que temos a prol dos irmáns.... iso xa é outro cantar. Somos socialmente cristiáns, pero non somos cristiáns de conviccións.
Hoxe é un bo día para cambiarmos o noso traxe de diario polo traxe de festa. Para cambialo, aquí está o meu tempo, o meu esforzo, a miña man.
FRATERNIDADE ORANTE
Hoxe domingo, día tamén do Pilar, Deus invítanos a responder ao seu seguimento fixándonos no actuar de tantos homes e mulleres, que como María, souberon dicir si a Deus. Fagámolo dicindo xuntos:
QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE QUE SI
ü Pola Igrexa, para que saiba dicir si a Deus desde a fidelidade ao mundo de hoxe; e semente coa súa presenza, a súa palabra e as súas accións a imaxe dun Deus acolledor, xusto, esperanzado e comprometido coas preocupacións das xentes de hoxe, OREMOS.
QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE QUE SI
ü Polas nosas comunidades parroquiais, para que nos impliquemos en cambiar canto non nos fala de Deus, unindo vontades e forzas para que as cousas muden, OREMOS.
QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE QUE SI
ü Por todos nós, para que respondamos á invitación do Señor, cunha vida renovada e cunha fe madura e comprometida, sendo conscientes da vixencia de mostrar a todas as persoas a ledicia de seguir a Xesús, OREMOS.
QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE QUE SI
        Señor, dános azos para que este curso que agora estamos a comezar, dea froitos de boas obras e compromiso a favor dos máis necesitados en cada un de nós. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Cando veñades, non esquezades traer a vida,
quentiña entre os brazos.
Non sexades espectadores.
Traédea tal e como é, vida vivida:
con ventos e silveiras,
e tamén tecida con lazos de paz e amor.
Vinde sen maquillaxe.
Traede a dúbida, o desencanto, o berro de protesta.
Vestídevos de todo aquilo que se leva hoxe.
Pero o voso interior que chegue ben espido,
con fame de banquete, con arela de festa,
aberto de par en par á vida nova.
CANTO GOZOSO
*    ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar
*    LECTURAS: Como che cantarei?
*    OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas
*    COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...