Ir al contenido principal

Domingo 30 TO A

O ESQUECEMENTO LÉVANOS A REPETIR OS ERROS QUE NOS FAN INFELICES
ESCOITA ACTIVA
Seguro que as lecturas que imos proclamar hoxe resúltannos moi coñecidas, alomenos por telas escoitado moitas veces. O que ao mellor xa non é tan seguro é que lle teñamos prestado a atención que merecen pola fondura da mensaxe que nos transmiten e pola forza coa que son pronunciadas. Si, porque tanto as palabras do libro do Éxodo como as de Xesús poñen o importante no centro, sen deixarse levar de modas ou rebumbios mediáticos. O importante, o fundamental é manter sempre, e dise isto moi claro, sempre o respecto e a defensa da persoa. Porque é ela, e só ela, a que posúe a dignidade que comparte con Deus. Por iso é necesario respectala, comparta ou non o noso xeito de pensar, rece a un Deus diferente ao noso ou teña unha escala de valores que non compartimos. E iso é así porque a dignidade non nola dá ningunha constitución nin ningún acordo internacional asinado por países, senón que a dignidade vén con nós. Nace cando nacemos nós e acompáñanos ao longo da nosa vida. Ninguén pode poñerse a medalla de térnola concedido.
Desde estas claves entenderemos logo os textos que hoxe imos ler na celebración; e polo mesmo, non nos quedará outra que levar á practica na nosa vida ese respecto que todas as persoas nos merecen.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Moitas veces temos actuado sen respectar ou escoitar o parecer da outra ou outras persoas que nos falan, SEÑOR, QUE APRENDAMOS A RESPECTAR AOS DEMAIS.

û  Cantas veces, Señor, temos posta a foza nas nosas teimas, e on na túa invitación ao amor!, CRISTO, QUE APRENDAMOS A RESPECTAR AOS DEMAIS.

û  En moitas ocasións, Señor, confundimos o amor ao próximo co amor a nós mesmos, SEÑOR, QUE APRENDAMOS A RESPECTAR AOS DEMAIS.
PALABRA ENRAIZADA
ü Agora que os tempos andan medio revoltos, non está de máis lembrar que a pureza de raza non existe. Tod@s somos froito da mestura, e ninguén pode presentarse co “pedigrí” exclusivo de non terse contaminado con ningunha outra cultura, lingua, raza ou clase. E isto é así porque o mundo é un espazo aberto onde somos chamados a atoparnos e a colaborar uns cos outros, sen sentírmonos nin mellores nin máis importantes cós demais. As fronteiras, as diferenzas, as divisións, mesmo os desencontros son froito da creación humana; e na maioría das veces esas creacións teñen levado ao esquecemento dos que non eran iguais, e a ao enfrontamento para dominalos e sometelos ao noso antollo. Porén, a lectura do libro do Éxodo volve lembrarnos que para e desde Deus, as cousas no son así. El ten unha proposta diferente que se move na igualdade que compartimos uns e outros por ser fillos do Deus Pai, e polo tanto irmáns e chamados a atoparnos, colaborar, respectarnos, facernos a vida o máis leda e libre posible uns aos outros. Diante desta oferta que El nos fai, nós presentamos unha memoria fráxil e débil, esquecendo o importante namentres somos capaces de pelexar ata matarnos polo secundario, polo accidental. Isto fai que xa non lembremos que ninguén ten denominación de orixe –iso é para o mundo mercantil, no que as cousas se compran e se venden– e polo tanto que moitas das cousas / situacións polas que están a pasar as persoas que veñan de fóra, doutros países, témolas vivido nós ou calquera outro membro da nosa familia que tivo que emigrar. E se nós non o pasamos ben, por que nos empeñamos en facérllelo pasar mal aos que agora chegan ao noso país?. A opresión, a indiferenza, a falta de respecto, o querer facelos de menos, o trato inxusto... son todos eles comportamentos que se non nos gustaba que os fixeran a nós ou aos nosos, tampouco debera de gustarnos que nós llelos fixeramos a outros. Ser cristián e seguidor de Xesús chámanos a un estilo de vida que non está marcado por unha relación de compra-venda, senón por unha relación de acollida, encontro e igualdade. Non deixemos, logo, que aniñe en nós a traizón a este proxecto que desde a palabra de Deus se nos invita a construír sabéndonos cidadáns dun mundo que desde a diferenza non crea fendas senón pontes.

ü Para evitar caer nesta banalización que fai de menos ao ser humano –aos que son coma nós-, dinos o salmo que Deus é a nosa forza. De verdade cremos isto?. De verdade ilusionámonos por saír ao encontro e ofrecer mans e corazón desde a gratuidade e o compartir con quen o precise?. Por moito que recemos repetindo palabras, se non damos o paso de facer desas palabras actitudes e valores, de nada nos terá servido. El, si, é rocha, pero é rocha para quen quere achegarse e sentir que a súa presenza leva a cambiar actitudes e comportamentos individualistas e centrados no ego persoal para pasar a desenvolver canto significa que o ti e o nós entren no noso xeito de ver a vida e de facer as cousas. Deixemos entón que Deus sexa penedo ben asentado no que poidamos atopar refuxio cando a tentación do fácil, cómodo e mesquiño queira entrar na nosa vida. Inda que de mediocres está o mundo cheo, ter a Deus coma penedo onde acollerse leva a afastar de nós a tentación de facer dos demais parias dos que abusar porque son débiles.

ü Como xa ben sabemos todos, Francisco publicou neste ano un documento –exhortación pastoral– que se chama a “ledicia do evanxeo”. Nela tenta facernos caer na conta de que se non nos achegamos ao evanxeo cunha actitude de escoita e dispoñibilidade, non seremos capaces, por moito que o escoitemos unha e outra vez, de entender que a ledicia e o motor que o move. Porque a ledicia foi o que moveu o actuar de Xesús. E se iso é así, ten que ser tamén para nós a forza, o alicerce que nos leve a ser testemuñas desta ledicia no medio do mundo actual, alí onde estamos. Paulo dicíallelo tamén aos tesalonicenses, e neles a cada un de nós. Se non somos capaces de acoller e vivir desde a ledicia o evanxeo, poderemos chamarnos como queiramos, pero non seremos capaces de experimentar o que é o amor de Deus, do que tantas veces se nos enche a boca ao falar .Unha ledicia á que Xesús lle pon rostro e letra: o amor. Pero non o amor desgastado polo uso indiscriminado da palabra, senón o amor compromiso, o amor actitude, o amor entrega, o amor cercanía, o amor ao irmán. Camiñemos logo neste amor ao que constantemente nos chama.


FRATERNIDADE ORANTE

Pedimos ao Señor que acolla desde a tenrura a oración que coma fill@s lle presentamos dicindo xunt@s:
QUE O AMOR SEXA A NOSA FORTALEZA
*       Para que sexamos unha Igrexa liberadora e sempre disposta a erguer a súa voz diante de calquera intento de explotar ou escravizar ao ser humano, OREMOS.
QUE O AMOR SEXA A NOSA FORTALEZA
*       Para que nas nosas parroquias deixemos, dunha vez por todas, os enfrontamentos e comecemos a camiñar buscando axudarnos e facer cousas que nos fagan máis felices, OREMOS.
QUE O AMOR SEXA A NOSA FORTALEZA
*       Para que cada un de nós teñamos sempre presente que os preferidos de Xesús non son os que teñen moito e esmagan aos máis débiles; senón os que non teñen nada e esperan de nós a man amiga que non se deixa agarrar pola inxustiza, nin polo silencio de quen mira para outro lado, OREMOS.
QUE O AMOR SEXA A NOSA FORTALEZA
Señor, que nos deixemos bendicir pola forza da túa palabra, para que vivamos a fe coa alegría de quen se sabe axudado para transformarnos persoal, comunitaria e socialmente. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Señor Xesucristo, Amor inmenso do Pai,
que nos enviaches o Espírito para que,
amando a Deus sobre todas as cousas,
cumpramos o mandamento novo do amor fraterno.
Danos un espírito novo que nos encha do Amor de Deus
para servir aos irmáns máis débiles e necesitados.
Fai que o noso servizo estea marcado pola caridade e a misericordia,
o traballo pola xustiza, a promoción da dignidade da persoa
e o amparo aos pobres e excluídos deste mundo.
Que en todo sigamos o teu exemplo de servidor humilde e xeneroso,
paciente e esperanzado dos máis pobres e necesitados.
Que seguindo os teus pasos, con obras e palabras,
sexamos para eles transparencia do teu amor e o teu evanxeo.
Pedímoscho a ti, que co Pai e o Espírito
vives para sempre. Amén.

(Caritas Sevilla)

CANTO GOZOSO
ENTRADA: Non vou so
LECTURAS: O amor é o meirande
OFERTORIO: Ti es o pan do ceo

COMUÑÓN: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...