Ir al contenido principal

6 Domingo TO B

FRONTE Á TIRANÍA DA LEI, POÑÁMONOS NO ACUBILLO DO EVANXEO QUE NON EXCLÚE NIN DIFERENZA
Descarga o ficheiro
ESCOITA ACTIVA
Hoxe, domingo de Antroido, ás portas de comezar un novo tempo litúrxico, volvemos ser convocados ao redor do altar para compartir e agradecer a vida. Toda a vida. Os momentos nos que todo é gozo e ledicia e tamén aqueles nos que a dificultade vai entrando e nos vai presentando retos e situacións nada doadas ás que lle atopar solución. Pero en todos eses momentos non estamos solos. A presenza e a forza de Xesús vanse manifestando ao noso lado, e vaino facendo de formas e modos diferentes, pero sempre está.
Que saibamos ter oídos e ollos atentos e abertos para poder recoñecelo á hora de afrontar respostas e solucións. Porque o Evanxeo, inda que ás veces non sexamos capaces de descubrilo, é proposta de acubillo que acolle, alenta e acompaña.
Compartamos, logo, canto hoxe nos ofrece a Palabra de Deus desde oración comunitaria que agora comezamos.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Porque son moitas as veces nas que nos contentamos con cumprir o externo das normas, sen esforzarnos en buscar o seu espírito, SEÑOR, QUE SUPEREMOS A TENTACIÓN DO INDIVIDUALISMO.
  • Porque nos negamos a ser refuxio no que acoller aos irmáns que nos buscan para escoitalos, CRISTO, QUE SUPEREMOS A TENTACIÓN DO INDIVIDUALISMO.
  • Porque o noso testemuño non responde á túa invitación de ser escoita e acompañamento para cos irmáns que nos necesitan, SEÑOR, QUE SUPEREMOS A TENTACIÓN DO INDIVIDUALISMO.

PALABRA ENRAIZADA

  • A figura do leproso cando aparece na biblia, expresa sempre exclusión. Aos leprosos négaselles todo, comezando pola súa posibilidade de convivir cos demais. Apártaselles. Naquel tempo eran os apestados, e para evitar contaxiarse vivían fóra das cidades, e cando ían a sitios onde podían atoparse con outra xente, debían facer soar unha campaíña para que os demais se fosen afastando e non se tocasen con eles. Diante desta foto, no pode estrañar que o libro do Levítico incida nesta idea e asegure que o leproso terá a súa morada fóra, lonxe de onde están os demais. O triste era que a lei permitía isto –é verdade que non podemos achegarnos aos textos dun tempo pasado cos ollos e as categorías de hoxe, por iso é tan importante coñecer e estudar os textos da biblia: para aprender a distinguir o que son elementos fundamentais e criterios de fondo do texto, do que é cuestión cultural e do tempo. A hermenéutica axudaranos a ir coñecendo mellor os textos e a ter unha interpretación correcta- pero o máis triste é que hoxe, e xa sen ningunha interpretación polo medio, seguen a existir, e canto máis desenvolvida é a sociedade en maior número, persoas e grupos que practican actitudes de exclusión aos leprosos –non físicos senón figurados– do noso tempo. Os leprosos de hoxe poden non ter problemas de pel, pero si de acollida, integración, igualdade de posibilidades ou perda do seu posto de traballo. As lepras de hoxe, como di o Papa Francisco, son as que converten ás persoas en descartes, como se fosen cousas que se poden taxar ou reducir a simples tantos por cento, esquecendo que estamos a falar de persoas, de vidas , de ilusións, de proxectos... de fillos e fillas de Deus. Para El o importante non son os datos do D.N.I., senón a dignidade que se comparte e o respecto que toda persoa nos merece. Diante destas novas lepras, e citando tamén ao Papa, os cristiáns, e polo tanto a Igrexa, temos que ser casa de acollida, porta aberta e pai/nai que mostre tenrura e non esqueza que agarimar é poñer en práctica a invitación que nos fai Xesús de acoller sempre a quen chega Sen segundas lecturas nin retrancas que busquen xustificar o inxustificable e impedir ver a realidade complexa e excluínte que, entre tod@s, por acción ou omisión, estamos a construír.
  • Onde podemos topar forza e verdadeiros berces de acollida é en Deus. Como nos dicía o Salmo, El é o noso refuxio. Foino, éo e seguirao sendo. E como sabemos, hoxe non é doado atopar refuxios onde te acollan, non che pidan nada ou non intenten rendabilizar a túa chegada. Estamos tan contaminados polo influxo do capitalismo que todo o taxa, que ata ás persoas lles poñemos prezo. Fronte a isto, Deus segue a manter a súa invitación: Vén, aquí atoparás refuxio, lugar de acollida e agarimo. E ademais non estarás solo. Esta é a nosa folla de ruta como cristiáns. Estamos a seguila?. Mellor: estamos dispostos a tomala en serio e comezar a vivila?. Preguntémonos como facemos realidade, no noso actuar cotián, ser refuxio que escoite, acompañe e se faga presente ante o pairo no que viven moitos dos nosos irmáns.
  • Paulo entendeuno ben, por iso lles di aos corintios que o importante é seguir a Cristo, non cumprir normas. Xa pasou o tempo dunha fe de dogmas. Estamos noutro tempo, un tempo que nunca deberiamos ter esquecido, pero que esquecemos. Este novo tempo é un tempo de actitudes, e estas son das persoas e para as persoas. E é Cristo, non a friaxe nin a dureza das leis –temos que ser persoas e comunidades de misericordia– a quen temos que seguir. De que nos vale ser moi cumpridores se o noso corazón se volve insensible  e duro coma a pedra?. Xesús non ten medo a contaminarse. Toca o intocable, ao leproso. Seremos capaces de facer o mesmo?. Aquel home quedou limpo. Tamén nós somos invitados a que outros vaian quedando limpos da lepra da exclusión, do empobrecemento e da invisibilidade. Non teñamos medo a ser socialmente incorrectos se estamos dispostos a vencer prexuízos e a achegarnos a aqueles que, segundo o parecer dos ben pensantes, son mal vistos.

FRATERNIDADE ORANTE
Neste momento somos invitados a poñer en común canto queremos compartir agradecid@s con Aquel que é para nós a esperanza e a mais o amor. Por iso dicimos.
QUE OS PREXUÍZOS NON ESCUREZAN O AMOR AOS DEMAIS
  • Para que na Igrexa dispoñamos sempre de persoas que coas súas actitudes non se deixen guiar pola rutina do que fan tod@s, e sexan para nós fachos de luz no medio das escuridades da vida, OREMOS.
QUE OS PREXUÍZOS NON ESCUREZAN O AMOR AOS DEMAIS
  • Para que nas nosas comunidades, aprendendo do actuar de Xesús, non teñamos medo nin prexuízos para achegarnos a quen nos necesite, OREMOS.
QUE OS PREXUÍZOS NON ESCUREZAN O AMOR AOS DEMAIS
  • Para que cada un/ha de nós, na nosa vida cotiá, saibamos buscar momentos para a oración que nos axuden a tomar conciencia de que o individualismo non é evanxélico, OREMOS.
QUE OS PREXUÍZOS NON ESCUREZAN O AMOR AOS DEMAIS
Señor, unha vez máis a letra sabémola, pero fállanos a música coa que Ti nos dis que só unindo esforzos e preocupándonos dos irmáns, a nosa vida vai cobrando sentido e forza. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Señor, Ti podes limparnos! Es o único que pode liberarnos das costras do aburguesamento, da vida fácil, cómoda e insolidaria. Invítasnos a unir as mans para mirar as pobrezas do noso redor e responder desde esta unión tentando superalas. Cada día nas Cáritas, de tantas parroquias, son máis longas as ringleiras de persoas que veñen pedir. Qué mágoa que existan colas para solicitar unha axuda!. Oxalá que coas nosas mans e o noso corazón, saibamos descubrir a forza de Xesús desde a nosa achega aos irmáns que necesitan ser sandados da enfermidade da falta de compaixón cos que máis sofren.
A auga do Corazón de Cristo sanda tódalas nosas enfermidades, se nos achegamos a El, coma o enfermo do Evanxeo.

CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Camiñarei
  • LECTURAS: Déixate querer
  • OFERTORIO: Eiquí están Señor
  • COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...