Ir al contenido principal

1 Domingo Coresma B

Coma árbore que se vai cubrindo das follas con saiba rexeneradora, a cruz é espesura de conversión transformadora, e non camiño de frustración e fracaso.
SINAL DE CORESMA
O sinal que escollemos para este tempo de Coresma é unha cruz. Para facela, reciclaremos as follas de carballo coa chama prendida que debuxamos para o tempo do Advento. Cada domingo iremos colocando unha parella de folliñas ata completar o debuxo da cruz. Queremos indicar que, coa forza do Espírito, seremos quen de facer o camiño coresmal, camiño de deserto e conversión, para chegar como persoas novas á Pascua.

Descarga o ficheiro
ESCOITA ACTIVA
Hoxe, primeiro domingo de coresma, queremos vivir a experiencia de ilusión e cambio que nos vai deixar ás portas da pascua da vida e da esperanza que nos trae a resurrección de Xesús. Para chegar ata ela necesitamos poñernos en camiño e non recuar diante das dificultades e situacións complicadas que imos atopando. Ninguén nace aprendido, dicimos moitas veces; e é verdade, pero non é menos verdade que con dicilo non chega. Cómpre termos gañas e desexos de aprender para evitar quedar en seres estáticos, pasivos e tristes, vendo como as ocasións van pasando por diante dos nosos ollos. A coresma iranos chamando a non deixarnos adormecer pola tentación de deixar que outros fagan o que entre todos deberiamos facer. Estamos no mesmo barco, únenos o mesmo proxecto por ser felices, por superar atrancos, por non deixar que as dificultades nos arrastren. Que mellor, logo, que esta oportunidade que o calendario litúrxico pon diante de nós para dar un paso adiante e facer da coresma tempo de prepararnos a renovar actitudes e comportamentos que nos fan perder a frescura que nos ofrece o Evanxeo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Porque somos invitados a vivir este tempo de coresma como tempo de revisión e cambio, SEÑOR, QUE VIVAMOS DESDE A MISERICORDIA.
·         Porque queres que a conversión non sexa unha palabra, senón disposición a deixar atrás egoísmo e teimosía, CRISTO, QUE VIVAMOS A MISERICORDIA.
·        Porque non cansas de invitarnos, unha e outra vez, a desandar o camiño que nos fai persoas tristes, acaparadoras e duras de corazón, SEÑOR, QUE VIVAMOS A MISERICORDIA.
PALABRA ENRAIZADA
*        Ter a oportunidade de dedicarnos un tempo para revisar as nosas actitudes e comportamentos, á vez que sentimos a forza e a axuda da comunidade para non sentírmonos solos neste camiño de ir deixando atrás o que sabemos que non só non fixemos ben, senón que ten ferido aos que tiñamos máis á nosa beira, é unha experiencia de graza e de verdadeira comuñón eclesial. Todos no mesmo barco e co rumbo en dirección ao bo porto que é a Pascua. Si, no mesmo barco, pero cada un nun compartimento distinto, porque non somos masa, senón persoas que, tendo un mesmo rumbo, imos concretando ese rumbo en opcións, vivencias, formas de actuar e decisións distintas. A grandeza da fe que compartimos non nos fai nen@s dirixidos a facer canto fan tod@s, senón persoas libres que acertan ou se equivocan ao tomar con responsabilidade o que queren ser ou facer. A fe, fronte ao que moitos pensan e din, non é ser grea que non sae do rumbo marcado, senón que é experiencia de pluralidade, diferenza e liberdade. Desde elas hoxe, o Señor, preséntase ofrecéndonos a salvación que somos chamad@s a acoller. Non sen pensar e ao chou, senón de maneira persoal, libre e responsable, sabendo que acollemos e por que acollemos. Deus non nos deixa solos, é verdade, pero somos nós os que temos que acoller o seu chamado. O acordo con Noé, non é un acordo sen esixencias, senón que pide unha decisión pola nosa parte na que mostremos que queremos, que estamos dispostos a deixarnos agarimar pola tenrura de quen fai de nós sempre dignidade e acollida.
*       Pero non han ser dignidade e acollida a calquera prezo, senón que a invitación lévanos a descubrilas a través da nosa maneira de facer as cousas, de tratar ás persoas, de non deixarnos levar polo engano, a mentira e a intolerancia. Deixar que Deus se faga presente na nosa vida supón que tamén nós estamos dispostos a facerlle un oco nela; a vivir sabendo que El está, a permitir que a luz do que son os seus guieiros vaia iluminando cada paso do noso camiño. E como ben di o salmo van avanzando desde a misericordia e mais a lealdade. Sabendo que non vivimos no mellor dos mundos, sendo conscientes de que coa ansia de poder, de dominar e machucar ao outro non imos polos seus camiños, senón que retrocedemos. Deixemos logo que a misericordia sexa non só unha palabra aprendida, e convertámola nun xeito de achegarnos aos demais, de curar corazóns feridos polo noso orgullo e as nosas palabras, para ser unha experiencia de encontro, alegría e de acollida de corazón de quen nos necesite. Se ás grandes palabras, e a misericordia si que o é, non lle poñemos imaxe, actitude e feitos, acaban baleirándose e sendo algo inútil. Non permitamos que nos pase con esta!.
*        Neste sentido os cristiáns temos un símbolo que expresa moi ben canto vimos dicindo no canto da coresma e da misericordia que Deus neste tempo volve a ofrecernos. Estamos a falar do bautismo. Contra o que ás veces pensamos, non é nin un rito nin un costume, senón a incorporación, froito da decisión libre e consciente, de querer ser do grupo dos seguidores de Xesús –no caso dos pequenos, son os pais e os padriños os que asumen esta decisión por eles, o que os obriga a pensar ben se queren ou non bautizar o nen@, xa que deben ser os primeiros mestres e exemplos da vida cristiá para aqueles que presentan á Igrexa para seren bautizad@s- e de estar dispostos a facer o camiño da vida desde as pegadas que El foi deixando e que recolleron no evanxeo os que o acompañaron. O bautismo, entón, é decisións libre, non comportamento cultural nin tradición. Os cristiáns non necesitamos ser moitos, o que necesitamos é ser boas persoas; facendo da bondade a resposta ao proxecto de salvación ao que nos chama Xesús. A coresma non é tampouco rito nin costume, senón un momento para que revisemos como estamos a responder a esta decisión de querer ser seguidores. O seguimento non se fai a distancia, senón coa vida de cada día, sabendo que o horizonte final non pode ser outro que a esperanza de resucitar con El, para estar na plenitude da súa compaña. Aquí está a salvación da que Pedro nos falaba ao dicir que o bautismo nos incorpora a este proceso que temos que ir desenvolvendo ata chegar onda El.
*        E como non sempre estamos nin dispostos nin preparados para facer este camiño, a coresma quere ser momento de conversión e experiencia de superación de frustracións e desilusións, para ir deixando que volvan xermolar as follas que traen a savia renovadora dunha vida que superou a dureza do inverno para deixarse acoller pola forza da primavera que sempre nos ofrece Xesús en forma de perdón, acollida e misericordia.
FRATERNIDADE ORANTE
Ao comezar a coresma, abrimos o noso corazón a Deus que nos invita a poñernos no camiño da conversión e dicimos:
QUE CAMIÑEMOS XUNT@S PARA CAMBIAR AS NOSAS ACTITUDES
ð  Para que toda a Igrexa nos esforcemos en poñernos en camiño, e fagamos deste tempo de coresma un tempo de renovación interior, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS XUNT@S PARA CAMBIAR AS NOSAS ACTITUDES
ð  Para que onde desenvolvemos o noso traballo e as nosas relacións de amizade e encontro cos demais, nos comprometamos a deixar atrás todo canto pon dor e tristura nas vidas e corazóns dos que están ao noso lado, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS XUNT@S PARA CAMBIAR AS NOSAS ACTITUDES
ð  Para que este tempo de coresma sexa un verdadeiro tempo de transformación, cambio e renovación, no que saibamos pasar do egoísmo á solidariedade, da soberbia á misericordia e da autosuficiencia á necesidade de traballar xunt@s, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS XUNT@S PARA CAMBIAR AS NOSAS ACTITUDES
Señor, danos azos para que nos poñamos en camiño, e aproveitemos este tempo de coresma para facer del unha experiencia de superación de canto nos desacouga. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Tempo de renovación para a Igrexa, para as comunidades e para cada un dos fieis, a Coresma é sobre todo un “tempo favorábel de graza (cf. 2 Cor 6, 2). Deus nada nos pide, que antes non nolo teña dado: « Nós amamos, porque El nos amou primeiro» (1 Xo 4,19). El non nos olla con indiferenza; polo contrario, ten a peito a cada un de nós, coñécenos polo nome, coida de nós e vai á nosa procura. Cando o deixamos, interésase por cada un de nós; o seu amor impídelle quedar indiferente perante aquilo que nos acontece. Cousa diversa se pasa connosco!. Cando estamos ben e comodamente instalados, esquecémonos certamente dos outros (isto, Deus Pai nunca o fai!), non nos interesan os seus problemas, nin as tribulacións e inxustizas que sofren; e, así, o noso corazón cae na indiferenza: encontrándome relativamente ben e confortábel, esquézome dos que non están ben! Hoxe, esta actitude egoísta de indiferenza atinxiu unha dimensión mundial tal que podemos falar de dunha globalización da indiferenza. Trátase dun malestar que temos obriga, como cristiáns, de enfrontar.
Cando o pobo de Deus se converte ao seu amor, encontra resposta para as cuestións que a historia continuamente nos presenta. E un dos desafíos máis urxentes, sobre o cal me quero deter nesta Mensaxe, é o da globalización da indiferenza.
Dado que a indiferenza para co próximo e para con Deus é unha tentación real tamén para nós, cristiáns, temos necesidade de ouvir, en cada Coresma, o berro dos profetas que levantan a voz para nos espertar.
A Deus non lle é indiferente o mundo, ámao ata ao punto de entregar o seu Fillo pola salvación de toda persoa. Na encarnación, na vida terrea, na morte e resurrección do Fillo de Deus, ábrese definitivamente a porta entre Deus e o ser humano, entre o ceo e a terra. E a Igrexa é como a man que mantén aberta esta porta, por medio da proclamación da Palabra, da celebración dos Sacramentos, do testemuño da fe que se torna eficaz polo amor (cf. Gl 5, 6). O mundo, porén, tende a pecharse en si mesmo e a pechar a referida porta a través da cal Deus entra no mundo e o mundo Nel. Sendo así, a man, que é a Igrexa, non debe nunca sorprenderse, se se vira rexeitada, esmagada e ferida.
Por iso, o pobo de Deus ten necesidade de renovación, para non caer na indiferenza nin se pechar en si mesmo.
(Mensaxe do Papa Francisco para a Coresma de 2015. Fortalecede os vosos corazóns (St 5,8)
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Eu sei de quen me fiei
LECTURAS: Como che cantarei?
OFERTORIO: Déixate querer

COMUÑÓN: Non vou so

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...