Ir al contenido principal

5 Domingo TO B

HABERÁ SUFICIENTE AMOR NO MUNDO PARA REDIMIR O SUFRIMENTO E A MISERIA? 
SE TE ANOTAS TI.... SEGURO QUE SI!!!!
(XORNADA DE MANS UNIDAS)

Descarga o arquivo
ESCOITA ACTIVA

Invitados a non deixarnos levar pola inercia da pasividade e da monotonía, a fe quere ser ese alento que nos fai descubrir que non todo se compra ou se vende, que non todo está dominado polas ansias de poder, que a desesperanza non vai triunfar, que podemos e queremos compartir vivencias.

Por iso é polo que nos xuntamos aquí nesta mañá do segundo domingo de febreiro no que a ONG Mans Unidas nos fai un chamamento para que nos apuntemos á loita contra a fame. Porque a Boa nova, o Evanxeo é un sentido de ser e vivir, de facer... Un sopro de frescura que nos libera e alenta. Deixarémonos sandar e vivificar por el?.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Porque vivimos a fe coma unha pesada carga sobre os nosos ombreiros e non coma un feito liberador, SEÑOR, DANOS A TÚA LIBERACIÓN.
  • Porque en demasiadas ocasións pechamos ollos, oídos e corazón aos berros de sufrimento de tantos irmáns que camiñan ao noso carón e precisan da nosa axuda, CRISTO, DANOS A TÚA LIBERACIÓN.
  • Porque moitas veces coas nosas actitudes e palabras sementamos dor e desesperanza ao noso redor nas persoas que nos queren, SEÑOR, DANOS A TÚA LIBERACIÓN.


PALABRA ENRAIZADA

A imaxe de Xob da primeira lectura atráenos, sobre todo, porque en maior ou menor medida, tod@s nos vemos retratad@s nela. Xob perdeuno todo: fillos, posesións, saúde.... un tras doutro derrubáronse todos os seus puntos de apoio, e parece que xa non lle quedan razóns para seguir confiando. A nós, en demasiadas ocasións, tamén nos pasa, un día ou outro, o mesmo. Ben sexa porque nos asaltan a dor ou a enfermidade, porque nos fallan as persoas que considerabamos amigas, porque os problemas nos agonían... o caso é que o desalento chama á nosa porta e instálase dentro de nós, facendo que nos pechemos sobre nós mesmos. Parécenos entón que Deus se esqueceu de nós, que marchou, e ata ás veces mesmo nos preguntamos se existe.

A resposta relixiosa ao problema do mal, ao que tod@s nós somos moi sensibles, inflúe moi directamente na imaxe que nos formamos de Deus, por iso convén purificar algunhas concepcións totalmente erróneas. Velaquí algunhas:
- o mal é un castigo: Xesús intervén para curar, non para converter a un en coxo ou cego. Deus non castiga.
- o mal é un aloumiño de Deus; porque El proba a quen ama: no evanxeo non atopamos nin rastro de semellantes aloumiños.... O que fai Deus é darnos a súa forza nas probas, El nunca nos proba coa dor e o sufrimento.
- Deus quíxoo así: certamente, Deus Pai-Nai non quere o sufrimento.
- hai que ter paciencia e resignación: Deus chámanos a traballar para eliminar o sufrimento; non quere persoas resignadas pasivamente.
- Deus permíteo: Deus puxo o mundo nas nosas mans e nós somos responsables del. Non lle botemos a El a culpa dos nosos erros. El toma partido polas persoas que sofren e por aquelas que tentan aliviar o seu sufrimento.(Mt. 25, 31ss)

Fronte destas concepcións erróneas, a pasaxe do evanxeo de Marcos que vimos de proclamar, coma outras moitas, achéganos á realidade verdadeira: Xesús é liberador:
- a sogra de Pedro queda libre da súa enfermidade
- moitos outros enfermos quedan libres das súas doenzas
- moitos endemoñados quedan libres da súa escravitude
- moitas persoas reciben a Boa Nova e quedan libres de toda mala noticia

E nós?: Certamente cando estamos ben é moi doado dicirlle á xente que sofre unhas palabras ou frases de consolo, moitas veces rutinarias, frías e indiferentes, do tipo: tranquilízate, ten paciencia, cálmate, non sufras.... Así, aos amigos de Xob, que non comprendían a súa dor, resultáballes fácil xulgalo e acusalo de pecador, pois segundo a mentalidade daquela, as desgrazas viñan porque se cometía algún pecado.

Quen viviu na súa propia carne o suplicio da soedade, do sufrimento, do desánimo.... e experimentou os aloumiños de Deus, poñéndoo de novo en pé de vida, xa non pode calar. Iso foi o que lle pasou a Paulo, por iso afirma: “Ai de min se non anuncio o Evanxeo!”. Quen recibiu esta graza ten que gritalo, e ese grito é crible, porque vén de alguén que pasou antes pola proba do lume.

Neste domingo no que celebramos a Campaña de Mans Unidas contra a fame, o berro de Xob é o berro de tantos irmáns e irmás nos@s que, mergullados na pobreza e na miseria, viven sen esperanza. Ese grito é escoitado por Deus, que nos urxe a non facer oídos xordos, senón a tomar partido, pois hoxe nós somos os seus instrumentos para a liberación e a promoción. E diante deste problema cómpre que nós tomemos a iniciativa, saíndo dos nosos egoísmos e particularismos, das fronteiras artificiais que nós temos construído no mundo co que o Señor nos agasallou. Somos loitadores, non sufridores. Non o esquezamos. Haberá suficiente amor no mundo para redimir o sufrimento e a miseria?.

FRATERNIDADE ORANTE

Con agarimo, e deixándonos levar da túa invitación a compartir na oración ledicias e dificultades, poñemos a nosa vida nas túas mans e dicímosche:
  • Pola Igrexa que formamos tod@s e que tantas veces sementa dor e sufrimento na vida das persoas cargando os seus ombreiros cunha manchea de obrigas e normas; para que se libere dos seus prexuízos e saiba dar unha resposta de alento e comprensión a quen a precisa, OREMOS.
TI QUE SANDAS OS CORAZÓNS, DANOS VIDA
  • Polas nosas comunidades, para que nunca lle neguemos a tenrura e o agarimo do que están precisados aos que máis sofren: persoas enfermas, maiores, paradas, dependentes... OREMOS.
TI QUE SANDAS OS CORAZÓNS, DANOS VIDA
  • Polas persoas que, en Mans Unidas, Cáritas, ou calquera outra ONG entregan o mellor das súas vidas para que a dignidade de todos os seres humanos sexa recoñecida e valorada en todos os lugares do mundo, OREMOS.
TI QUE SANDAS OS CORAZÓNS, DANOS VIDA
  • Por cada un e cada unha de nós, para que saibamos descubrir a Deus que nos interpela nos rostros das persoas que morren de fame, nas que son escravas da dor, nas que non teñen acceso á cultura, nas que viven baixo calquera tipo de opresión, nas que están marxinadas por calquera causa, nas que ven pisoteados os seus dereitos fundamentais, OREMOS.
TI QUE SANDAS OS CORAZÓNS, DANOS VIDA

Señor, compartimos contigo esta oración comunitaria, sabendo que a pesar de que moitas veces as nosas decisións nos afunden, Ti non deixas que nos vaiamos ao fondo, rescatándonos a través das mans amigas que imos atopando no noso camiño. P.X.N.S.
Amén.

MIRADA DE ESPERANZA

Onte a ti, Señor,
diante da carne doente da persoa enferma,
diante da carne esquecida da persoa marxinada,
diante da carne esgotada da persoa anciá,
diante da carne necesitada da persoa discapacitada,
diante da carne cansada da persoa parada,
diante da carne arruinada da persoa famenta,
diante da carne sometida da persoa escrava,
diante da carne corrompida da persoa leprosa,
diante da carne aflixida da nai,
diante da carne deshabitada do mozo....
conmovéronseche as entrañas,
deuche un golpe o corazón
e non puideches quedar á marxe.

Hoxe atopámonos cunha realidade máis triste.
Fai, Señor, que os nosos corazóns se movan
para non quedarmos á marxe.
Fainos persoas compasivas e tenras,
para sermos persoas dignas
e poder sementar na historia esperanza e misericordia.

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Amigos nas penas
  • LECTURAS: A túa palabra
  • OFERTORIO: Acharte presente
  • COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...