Ir al contenido principal

3 Domingo de Pascua B 2015



PAZ: ALGO MÁIS QUE UNHA PALABRA BONITA
Descarga o ficheiro 
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Que ledos hoxe estamos
LECTURAS: Xesús é Señor
OFERTORIO: No colo da miña nai
COMUÑÓN: Pan do ceo

ESCOITA ACTIVA
Porque é posible cambiar as cousas e non estancarse no mesmo de sempre, Pascua quere ser unha invitación a non esquecer esta grande mensaxe. Vexamos as cousas con ollos novos! Deixemos atrás as nosas tristuras! Poñámonos a andar! Non teñamos medo. Coma os de Emaús, que tamén nós o poidamos recoñecer ao partir o pan.
Que a celebración que agora comezamos sexa para nós alento e forza para no noso camiñar cotián.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Cando nos sentimos pobres, e esperamos en Ti, SEÑOR, FAITE PRESENTE NA NOSA VIDA.
û  Cando buscamos a verdade e non calamos diante das inxustizas, CRISTO, FAITE PRESENTE NA NOSA VIDA.
û  Cando, dende a humildade e a sinxeleza, ofrecemos a nosa vida, SEÑOR, FAITE PRESENTE NA NOSA VIDA.

PALABRA ENRAIZADA
o   Un Deus humano: Moitas persoas tenden a clasificar coma ilusorios, irreais e pantasmais os contidos da fe. Para elas, Xesús Resucitado nada ten que ver coa esfera da realidade. Porén, a fe cristiá que nace da resurrección é profundamente realista e nada ten que ver con outras opcións que parecen esquecerse da realidade. Lucas insiste en que Xesús Resucitado non é unha pantasma, indicando fisicamente que vive e que toda a súa persoa resucitou; que non é unha simple lembranza ou idea, senón o mesmo de sempre. É inútil querer experimentar a resurrección ou recoñecer ao Resucitado se non somos quen de contemplar as súas chagas, se non somos quen de compartir o que temos para comer (pan, peixe....) con quen nolo pide. Cada vez que se xunta a comunidade, cada vez que se proclama a Palabra, cada vez que un pobo traballa pola súa liberación, cada vez que compartimos cartos, alimentos, comida, tempo; cada vez que abrimos unha nova fiestra ao futuro; cada vez que superamos o medo, cada vez que somos testemuñas... aparece Xesús Resucitado, vivo. El está na humanidade doente que busca nova vida, na comunidade crente que escoita as Escrituras, no banquete dos que comparten o que teñen para comer e vivir.

o   Que trae a paz: O seu saúdo é un saúdo de paz, que encerra unha declaración de intencións: nin é nin nos quere violentos, enfrontados, egoístas, cheos de envexa... nin tampouco cheos de medo. Fronte dos discípulos, temerosos, o Resucitado danos un exemplo de entrega, decisión e superación de dificultades.

o   Que vén ao noso encontro: Xesús escóllenos, chámanos, envíanos...Quere que sexamos testemuñas da Boa Nova: da paz, da vida, do compartir, da conversión, do perdón, da verdade...e que isto llo anunciemos a todas as persoas e en todos os lugares. Podemos ver ao Resucitado no descoñecido, no camiñante, no peregrino, no próximo.... A que esperamos?.

FRATERNIDADE ORANTE
Diante túa, Señor, que te fas presente ao partir o pan e na comunidade reunida, presentamos agora a nosa oración comunitaria dicindo:
QUE LEVEMOS A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN AO NOSO MUNDO
*    Pola Igrexa, para que mostremos a Xesús Resucitado dende unha actitude de achegamento, diálogo e respecto, valorando sempre o positivo que todas as persoas temos, OREMOS:
QUE LEVEMOS A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN AO NOSO MUNDO
*    Polas nosas comunidades, que sexamos persoas de paz, sementadoras de esperanza, unión e reconciliación para así sermos quen de mostrar o amor de Deus con palabras e con feitos cribles, e non con ritos superficiais e baleiros, OREMOS:
QUE LEVEMOS A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN AO NOSO MUNDO
*    Por tod@s nós, para que sexamos profetas de optimismo e de esperanza no medio dun mundo ferido de morte e desesperación, OREMOS:
QUE LEVEMOS A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN AO NOSO MUNDO
Grazas, Señor, porque segues aparecendo nas nosa vidas e animando a nosa existencia coa túa vida e co teu espírito. PXNS. Amén

MIRADA DE ESPERANZA
Porque Cristo resucitou,
cremos na vida, para sempre.
Porque Cristo resucitou,
non cremos en morte ningunha para quen queira vivir.
Porque Cristo resucitou,
cremos nel.
Porque Cristo resucitou,
a forza do presente é o futuro.
Porque Cristo resucitou,
o mundo está en marcha
e non o pararán os intereses dos vencedores.
Porque Cristo resucitou
temos que construír unha cidade sen clases,
na que as persoas sexamos compañeiras e irmás.
Porque Cristo resucitou,
hai un amor e unha casa para todos.
Porque Cristo resucitou,
cremos nunha terra nova.
...E, porque cremos e esperamos,
non temos nada que conservar;
e afirmamos que o mellor xeito de conseguilo todo
é perdelo todo por unha soa causa.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...