Ir al contenido principal

1 domingo Advento C 2015

unha misericordia transformadora que se deixa levar da man do amor que vai levedando na cotidianeidade da vida familiar
SINAL DE ADVENTO

CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Volve Señor (Nº 90)
o   LECTURAS: Veña o teu reino (Nº 88)
o   OFERTORIO: Xesús chamado amigo (Nº 89)
o   COMUÑÓN: Vén axiña visitarnos (Nº 86)
ESCOITA ACTIVA
            Hoxe comezamos o tempo de Advento. E como xa sabemos, é este un tempo de preparación, renovación, cambio e espera. A espera da chegada de quen, nacendo pobre e entre os pobres, pasou facendo o ben e acollendo. Querer acollelo en cada un dos nosos corazóns e tamén nas nosas familias, suponnos o esforzo de abrirnos á misericordia do perdón, á confianza e ao convencemento de que o nacemento de Xesús non é unha data para o consumo, senón para o cambio de actitudes persoais e o compromiso de non pasar indiferentes diante das situacións de dor e tristura que vemos ao noso redor. Poñamos logo, sempre pero especialmente neste tempo de Advento, a misericordia como guieiro que nos axude a chegar, de xeito verdadeiramente gozoso, á celebración dun Nadal cristián que nos manteña os ollos sempre abertos á esperanza.        
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Para que deixemos que a misericordia transforme as nosas actitudes individualistas; SEÑOR, QUE TE ESPEREMOS CON GOZO.
·      Para que saibamos perdoarnos e corrixirnos con amor uns aos outros; CRISTO, QUE TE ESPEREMOS CON GOZO.
·      Para que traballemos nas nosas familias por converter os silencios en diálogo e confianza; SEÑOR, QUE TE ESPEREMOS CON GOZO.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·      O profeta Xeremías dinos na primeira lectura que fará abrollar un “retoño lexítimo” no que a xustiza e a paz deixarán de ser só palabras para converterse en vida, en accións, en maneiras e xeitos de facer as cousas. Este anuncio de Xeremías vai ir deixando no pobo de Israel pegadas de esperanza e de sentido de que se necesitan uns aos outros. A súa chegada fará que as cousas teñan outro horizonte, e que comece a desenvolverse un xeito novo de facer as cousas, de asentalas para que os que veñan despois poidan compartir esta mesma identidade no Deus que se fai “un de nós para estar entre nós”. Nesta seguridade irá camiñando o pobo e, mesmo cando se trabuque ou desvíe deste camiño, sentirá que debe retomalo e volver; non con medo nin por castigo, senón para devolver todo o amor que a presenza de Deus entre eles os levou a superar as desconfianzas e vencer a tentación do individualismo. O Señor fala, si, pero con feitos. Tamén hoxe para nós. Deus vainos falando para que descubramos que diante da violencia e da morte de inocentes, El segue confiando no cambio de corazóns para que non sexa a vinganza, senón o sabernos irmáns e iguais, o que mova o noso actuar...tamén contra o fanatismo e os fanáticos da intolerancia. Porque, como poder esperar ao que vén traernos a paz e a xustiza, se nós respondemos á violencia con violencia e vinganza? Vemos logo que seguir este camiño non é doado; que a rutina acabará por baleiralo de sentido, e fará do costume rito, e do rito simple repetición. Porén, o que nos pide o profeta, por boca de quen fala Deus, é xustiza e paz. E esta non chegará se non cambiamos, de verdade e sen retórica, os nosos corazóns. Estes son os camiños aos que o salmo fai referencia, os camiños de Deus; que son camiños de lealdade, camiños de amor, camiños de salvación. Unha salvación que só poderemos experimentar facendo real o cambio no xeito de facer as cousas.
·      Camiñar por estes camiños supón entrar na xeira á que se refería Paulo na carta aos Tesalonicenses: medrar no amor. Que doado é dicilo, e que difícil ilo facendo realidade! Pero aquí temos o reto, a tarefa, o esforzo. Por iso necesitamos este tempo de Advento. Non para que os lembre que falta pouco para Nadal, senón para que nos deamos de conta da necesidade e da urxencia de revisarnos; porque debemos deixar atrás comportamentos e maneiras de comportarnos que non só non producen gozo nin esperanza, senón que nos van encorreando e secando como se foramos esas uvas que quedan na videira logo da vendima e que non esperan máis que, no tempo da poda as tiren ao chan. Porque ben sabemos que, se estamos encorreados, non teremos nin a forza nin a dispoñibilidade para diante da dificultade poñer esforzo, e diante do pesimismo, facer que vaia medrando a esperanza, e conseguir facer crible o que vimos rezar e celebrar aquí.
·      Estes gromos verdes non van vir nin das grandes decisións económicas nin no cambio de caras nos parlamentos e institucións do estado. Os gromos verdes virán da capacidade que teñamos de camiñar na esperanza, de non deixarnos levar polo que se fixo sempre, de non caer no costume nin a rutina de que toca a campá e imos. Parémonos logo e pensemos: por que estou aquí? Que vou facer para que este tempo de Advento sexa un tempo que o note e se note na miña vida? Que quero facer para que saibamos erguer a cabeza e sentir a alegría e o orgullo de prepararnos para acoller a quen nos trae non a angustia do derrotismo, senón a esperanza da misericordia que cambia os nosos corazóns e fai posible que non teñamos nin medo nin vergoña de mirarnos á cara uns aos outros? Non é a mala conciencia, senón o desexo en superar o que nos separa e camiñar buscando o que nos une, o que nos fará erguer a cabeza para descubrir que chegou o tempo da liberación.
FRATERNIDADE ORANTE
Este tempo de Advento quere ser un tempo no que reforcemos o noso sentido comunitario da oración e a da fe compartida, por iso xunt@s dicimos:
SEÑOR, QUE TOMEMOS EN SERIO ESTE TEMPO DE ESPERA
v Para que todas as persoas que conformamos a Igrexa nos esforcemos por facer deste tempo de Advento unha experiencia de cambio e verdadeira conversión, OREMOS.
SEÑOR, QUE TOMEMOS EN SERIO ESTE TEMPO DE ESPERA
v Para que nas nosas comunidades cristiás; si, as que nos reunimos cada domingo para rezar e celebrar, fagamos do Advento un tempo de superación das cousas que nos separan e enfrontan, OREMOS.
SEÑOR, QUE TOMEMOS EN SERIO ESTE TEMPO DE ESPERA
v Para que cada un de nós, nos esforcemos por mirar ao interior e, con sinceridade, facer o esforzo de superar as contradicións que descubrimos entre o que facemos e o querer ser seguidor/a de Xesús, OREMOS.
SEÑOR, QUE TOMEMOS EN SERIO ESTE TEMPO DE ESPERA
Axúdanos, Señor, a que este tempo de Advento renove a ilusión dentro das nosas familias, para que o diálogo e a capacidade de escoita sexan as pontes polas que camiñemos e desde as que superemos as nosas diferenzas. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Hoxe invítasenos a comezar o advento coma se fose a primeira vez.
Estamos tan afeitos a comezar o advento coa indiferenza do “unha vez máis”.
Cuantos adventos viviches na túa vida?
Mellor... cantos adventos pasaches?.... porque vivilos é outro cantar.
Afacémonos ás cousas e todo nos resulta xa coñecido, repetido, aburrido e sen interés.
Cada día parece un día máis; e a dicir verdade, non é un día máis... é un día novo.
Hoxe non é coma onte, aínda que o ceo siga anubado.
Hoxe non é coma onte, aínda que teña que erguerme á mesma hora.
Hoxe non é coma onte; aínda que teña que ir traballar ao mesmo sitio.
Hoxe non é coma onte, aínda que almorce o mesmo ca onte.
Hoxe é hoxe.... e todo volve comezar.
Este Advento pode parecer o do ano pasado.
Pero non o é.
É novo.
E así temos que comezalo e vivilo:
Coma se fose o primeiro advento da nosa vida.
Coma se fose a primeira espera de Nadal da nosa vida.
Coma se fose a primeira vez que esperamos o nacemento de Cristo.
Coma se o Nadal que peta na porte fose a primeira vez que nace Xesús.
Debemos esquecer os adventos pasados e atrevernos a vivir este advento “coma se fose a primeira vez”, porque:
“Levantádevos, erguede a cabeza”.
Deus vén.
(Cáritas. Advento e Nadal 2015-16 pp. 11-12)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...