Ir al contenido principal

5 domingo TO C 2016


  Porque a verdade pasa por non calar ante o engano, a inxustiza e a corrupción; non deixemos que os nosos labios se pechen e calen diante das mentiras dos que se cren na verdade

CANTO GOZOSO
ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)
LECTURAS: Canta, aleluia (Nº 21)
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 34)
COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
ESCOITA ACTIVA
Entre tanta información, tanto micrófono e cámara dispostos a recoller canto pasa no mundo, non é nada doado hoxe en día descubrir e distinguir o que que é certo do que non o é; o que é importante daquilo que é secundario; o que verdadeiramente paga a pena prestarlle atención do que non debemos perder ningún tempo porque nos enreda e nos fai perder a perspectiva do fundamental na vida de cada un de nós. Por iso temos que deixar de ser crédulos e non pensar que o primeiro que escoitamos é o bo, o certo ou o importante.
         Noutro tempo, cando a información era pouca e había que buscala de xeito pausado e intentando coñecer a verdade, todos nos esforzabamos en poñer a traballar a nosa capacidade de reflexión para non confundir nin confundirnos. Hoxe isto xa nos vai resultando máis difícil, de aí a necesidade de formarnos para non deixarnos levar da primeira opinión que escoitamos; de poñer as primeiras impresións antes que o discernimento; de non caer no “buenismo” de que calquera cousa vale porque o vin en internet, o escoitei na televisión ou o dixo este ou aquel famoso. Necesitamos contrastar as cousas, facer varias lecturas antes de emitir unha opinión, aprender a distinguir a verdade da suxetividade de quen só busca vendernos algo que lle acabe dando rendibilidade en forma de cartos, prestixio, poder ou votos.
         Porén, para Xesús o importante non estaba no externo, no que fai barullo, senón no interior. El invítanos a ser agradecidos, a aprender a perdoar e a pedir perdón, a transmitir e compartir canto temos experimentado como bo en nós. Nunha palabra: a facer da nosa vida unha experiencia de misericordia humanizadora.
         Acollamos e poñamos no valor das boas obras esta invitación.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Por non dedicar tempo a pensar se o que escoitamos responde ou non á verdade dos feitos; SEÑOR, PERDÓN POLAS NOSAS PRÉSAS E XUÍZOS.
·      Por deixarnos lear polos comentarios, moitas veces nada ben intencionados, que descualifican aos demais sen probas nin argumentos; CRISTO, PERDÓN POLAS NOSAS PRÉSAS E XUÍZOS.
·      Polos prexuízos cos que imos construíndo as nosas opinións respecto dos demais, esquecendo que é na misericordia por onde nos invita a camiñar Xesús; SEÑOR, PERDÓN POLAS NOSAS PRÉSAS E XUÍZOS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      Se poñemos atención á lectura da palabra de Deus, tanto nas celebracións como cando buscamos un momento na casa para lela e coñecela mellor, iremos descubrindo que un dos eixos nos que insiste constantemente é o do perdón e cambio de corazón. Porque Deus é perdón, porque ama e acolle, non garda rancor nin busca culpabilizarnos nin humillarnos, acentuando a culpabilidade polo que teñamos feito mal. E é neste perdón no que se mostra, no que se vai poñendo de manifesto un camiño que nos invita a percorrer, para que tamén nós fagamos da nosa vida experiencia non de resquemor, odio e resentimento, senón de perdón ofrecido e compartido. É verdade que temos que asumir as consecuencias do que teñamos feito mal, pero iso non supón caer no vitimismo de que xa estamos marcados para sempre co estigma da maldade e da incapacidade de cambiar e comezar de novo. É esta unha das características da fe que compartimos que máis lles custa entender e poñer en práctica aos que desde o seu dogmatismo consideran que non se pode esquecer que o perdón é imposible e que a conversión e o cambio nas persoas non é real. Por iso debemos nós, coa nosa vida e xeito de facer as cousas, demostrarlles -tamén demostrarnos a nós mesmos-, que non só é posible, senón que é o único camiño que nos pode facer felices e levarnos a sentírmonos verdadeiramente humanos.

*      El é quen nos manda, o que nos encomenda esta misión. Por iso agradecemos esta confianza ("douche grazas, Señor, de todo corazón") e bendicimos o seu nome a través da posta en práctica das actitudes que van manifestando que o amor, o perdón e a misericordia que Deus manifesta con nós, tamén as podemos manifestar cos demais. Que é posible facelo, que non é unha proposta para poñer nunha vitrina e contemplala. Esta gratitude cara a Deus temos que saber transmitirlla a aqueles cos que compartimos a realidade da nosa vida. Aos que temos máis preto, aos que vemos e cos que tratamos cada día; pero tamén aos que están lonxe, e que inda sen coñecelos nos van lembrando que Deus non establece fronteiras. En Xesús a universalidade -El foi o primeiro gran globalizador da humanización- faise fraternidade e igualdade entre todos, e por iso non habemos ter medo a colaborar, participar e promocionar toda causa que busque transmitir que, sendo Deus amor e igualdade, ninguén ha ser tratado con diferenza por ser doutro sitio, ter outra cor de pel ou ter crecido noutra cultura. Aquí reside o propio da fe cristiá, o que podemos ofrecer como distinto das mensaxes planas e repetitivas que escoitamos cada día que falan de diferenza, exclusión e rexeitamento cara a quen vén buscando vida digna e trato humano e respectuoso... como se no canto deles, foramos nós, como noutro tempo fomos, os que buscaramos iso mesmo. Transmitir a experiencia de Xesús non é logo contar historias do pasado, senón converter os eixos do Evanxeo en actitudes e comportamentos que non discriminen nin penalicen, senón que escoiten, acollan e convertan a salvación nunha experiencia de amor e misericordia. Aquí e así, como noutro tempo o fixo Paulo, é onde temos que mostrar e confesar a fe: transmitir o recibido.
*      Como El tamén foi transmitindo co seu xeito de facer as cousas o que quería que recibiran aqueles que andaban ao seu carón. Ensinaba con confianza -"xa que ti o dis"- removía a quen o vía e escoitaba, non resultaba indiferente o que percibían nel -"quedaron parvos"- o que facía que responderan seguíndoo, para aprender del e transmitir canto foran descubrindo no seu actuar. Por iso tamén nós podemos preguntarnos se na relación con Xesús imos crecendo en confianza; se facemos do noso tempo palabra que alenta, sorriso que anime e trato xusto e igualitario cos que imos topando no acontecer de cada día. Os apóstolos, porque viron que aquí estaba a forza e o sentido da súa vida, dinos o evanxeo que o seguiron. Nós tamén o estamos a seguir?
FRATERNIDADE ORANTE
Na verdade na que nos invita sempre a camiñar Xesús aparece o trato e respecto das persoas como centro e guieiro desde o que rezar e vivir. Dispost@s a responder coa nosa vida a esta invitación, dicimos:
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA CONFIANZA
*      Sempre dicimos que tod@s somos Igrexa, que Xesús é a nosa forza, que nel atopamos a esperanza. Para que estas palabras non soen ocas nin baleiras, pedimos que a forza da túa presenza siga actuando en nós para que o noso corazón non sexa de pedra, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA CONFIANZA
*      A tod@s se nos enche a boca coa palabra comunidade, pero moitas veces esquecemos que iso suponnos ser persoas que nos axudamos, buscamos a colaboración facendo cousas para todos, ou somos capaces de renunciar a un pouco do noso para que outros poidan ser, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA CONFIANZA
*      Falamos de compromiso pero non estamos dispost@s a mover un só dedo, para que nos comprometamos a non facer do Evanxeo algo teórico, senón alento, forza e esperanza da nosa vida, e ser así testemuñas do que nos invitas a crer e vivir, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA CONFIANZA
Grazas por lembrarnos que só vivindo o que cremos estamos a responder a túa invitación. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
“Eu creo, Señor; eu quero crer en ti”. Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe
-       “Señor, fai que a miña fe sexa PLENA: sen reservas, e que enchoupe o meu pensamento.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe
-       Señor, fai que a miña fe sexa LIBRE: sen medo nin vergoña, que sexa coherente no meu actuar.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
-       Señor, fai que a miña fe sexa CERTA: certa pola confianza e o convencemento á hora de vivila nas cousas de cada día.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
-       Señor, fai que a miña fe sexa FORTE: que non se deixe levar nin polas presións nin polas burlas que outros me puideran facer por ser o teu seguidor.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
-       Señor, fai que a miña fe sexa ALEGRE e comunique paz e gozo, esperanza e capacidade de acollida sen facer distincións entre as persoas.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
-       Señor, fai que a miña fe sexa ACTIVA: que sexa verdadeira amizade contigo e cos demais,alimento permanente de esperanza.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
-       Señor, fai  que a miña fe sexa HUMILDE: que non presuma de ser mellor que os que non a teñen. Que entenda e respecte que somos iguais e tamén diferentes.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...