Deus é liberación para quen
quere poñer no seu camiño as mans que acollen, traballan e dignifican aos máis
débiles e necesitados.
Porque a pegada de Deus é
sempre liberadora, aprendamos a camiñar polos camiños que nos vai abrindo
Descarga o ficheiro
CANTO AGRADECIDO
- ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
- LECTURAS: Arrepentido (Nº 13)
- OFERTORIO: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
- COMUÑÓN: Señor Xesús (Nº 52)
ESCOITA ACTIVA
As pegadas van
semana a semana indicándonos o sentido do noso camiñar. Un camiñar que por
veces se volve difícil; un camiñar que vai atopando outras pegadas que de
súpeto desapareceron; un camiñar que por veces parece perder o rumbo. Nunha
palabra: o camiñar entre luces e sombras que cada día imos desenvolvendo. Por
iso, neste cuarto domingo de coresma, e albiscando que xa queda pouco para a
pascua, a pegada que hoxe imos deixar quere ser unha pegada que nos estimule e
non deixe que as durezas do camiño nos vaian facendo perder a ilusión e as
ganas de chegar ata o final. O Deus que libera -en cuxo nome nos reunimos aquí
esta mañá-, quere ser un Deus que fai compaña, consola e escoita. Pero é tamén
o Deus que anima para que completemos o camiño, e vaiamos aprendendo que por el
son moitas as persoas que pasan, e das cales necesitamos. Non somos mellores
nin tampouco peores que aqueles que non seguen este camiño; pero se nos
atopamos con eles, que saibamos que alí está tamén a presenza de Deus, que os
converte en imaxe e semellanza súa, e polo tanto, iguais e dignos do mesmo
respecto entre uns e outros. Ser cristiáns non é formar parte dun club pechado
de escollidos, senón descubrir que temos que ser semente de Evanxeo desde a
nosa presenza no medio dun mundo plural e sen fronteiras.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
- Pola nosa impaciencia; SEÑOR, QUE DEIXEMOS PEGADAS DE PERDÓN.
- Pola nosa falta de xenerosidade; CRISTO, QUE DEIXEMOS PEGADAS DE PERDÓN.
- Pola nosa incapacidade para seguir confiando nos demais; SEÑOR, QUE DEIXEMOS PEGADAS DE PERDÓN.
OLLOS ABERTOS
E PÉS NO CHAN
- Deus é liberación: Para o pobo de Israel esta afirmación era un dos fundamentos da súa convicción de ser pobo, comunidade, achega duns para cos outros. Asemade, era tamén a forza que os levaba a non deixarse dominar polo sometemento aos exipcios. Israel estaba profundamente convencido que só desde a confianza en Deus podería chegar a súa liberdade, a súa liberación. Anos máis tarde, os teólogos latinoamericanos atoparon nesta idea o guieiro que os levou a reflexionar desde a propia realidade á que estaban sendo sometidos –as ditaduras e a persecución por parte dos militares e poderosos– e a atopar a forza para facerlle fronte. Se Deus é liberación, a súa presenza ha acompañar ao pobo que sofre, é explotado e tratado como cousa –sobrante en palabras de Francisco–. O oprobio de Exipto ao que se refería Xosué é hoxe o oprobio que produce a corrupción, o abuso, o engano, a falta de respecto para coas persoas máis empobrecidas, a mentira por parte de quen ten a información e a manexa ao seu antollo... Todos eses oprobios que vemos cada día no noso mundo; e aos que nós contribuímos coa nosa maneira de darlle as costas aos problemas que temos ao noso redor: familia, barrios, parroquia, lugar de traballo... Non é necesario que veña alguén de fóra a actuar así; nós mesmos somos moitas veces os que, coma os exipcios, oprimimos coa nosa acción ou omisión –non facer o que debiamos– aos máis débiles do noso redor. Para evitar ser así, nada mellor que poñer a esperanza en Deus e tentar descubrir cales serían os pasos que, desde El coma liberador, teriamos que dar nós para converternos en liberadores de toda situación que supoña que as persoas non sexan tratadas co respecto que sempre merecen, senón coma cousas coas que se pode xogar e mover como se fosen peóns nunha partida de xadrez. Gustemos logo da presenza deste Deus que non adormece as nosas conciencias, senón que nos urxe a non apartar nunca a mirada da realidade e dos seus problemas para, na medida que poidamos, traballar porque a persoa nunca deixe de ser considerada coma tal.
- Non deixemos logo que o vello, como Paulo lles dicía aos corintios, aniñe en nós. E o vello do que el fala non se refire a cousas, senón ás actitudes e comportamentos que temos que ir deixando atrás, que debemos ir superando ou mesmo non deixando entrar na nosa vida. Se seguimos a camiñar no vello o que estamos é a mostrar que Xesús non foi acollido por nós. E se El non está presente, dificilmente pode mover o noso corazón a darlle contido a esas palabras que tantas veces pronunciamos, pero que deben ir acompañadas de concreción nos nosos feitos: amor, solidariedade, xustiza, agradecemento, respecto, igualdade... Preguntémonos que estamos a facer cada día para convertelas na nosa maneira de tratar e achegarnos aos demais e de facer as cousas. Se entendemos isto, entendemos tamén por que Paulo di que estar en Cristo fai de nós criaturas novas. Deixemos atrás o vello, o que nos fai desconfiados, inseguros, escépticos, e polo tanto incapacitados para gustar e ver a presenza do Señor nos ollos, no corazón e na vida dos demais. Sexamos embaixadores ilusionados do proxecto de Xesús de Nazaret.
- Un proxecto que, unha vez máis, vólvenos lembrar que para El non cabe o rancor, a vinganza, nin o esquecemento. O respecto da nosa liberdade -unha liberdade que moitas veces supón pola nosa parte tomar decisións equivocadas, que feren aos que temos ao lado-, é a pedagoxía que Xesús emprega con nós e que nos mostra nesta parábola do Pai bo. El segue a darnos oportunidades, a esperar a nosa volta, a facer festa das que se expresan desde o corazón cada vez que un de nós volve para abrirnos os seus brazos e acollernos. Que distinto ao xeito de actuar que vemos cada día ao noso redor entre os que buscan poder, queren situarse para mandar e impoñer –na economía, na política, na relixión...- aos que son máis débiles!. Pero tamén, que gran oportunidade nesta coresma para poñer unha nova pegada neste noso camiñar cara á Pascua na que mostremos que seguir a Xesús cámbianos o corazón e a nosa maneira de tratarnos. Para El o verbo non se conxugaba desde mandar, impoñer e dominar, senón desde o acoller, servir e agarimar. Que aprendamos a aledarnos do ben que lle vai aos demais, e que non deixemos que no noso corazón aniñe o desexo de non aledarse co ben dos outros.
FRATERNIDADE ORANTE
Recemos
a este Deus que sempre agarda a nosa volta a apesares da nosa teimosía por
apartarnos Del, e digamos agradecid@s,
SEÑOR, GRAZAS POLA CONFIANZA
- Para que a Igrexa sexa comunidade e non institución preocupada por normas e imposicións, que a levan a esquecer que ten que ser corazón que dea vida a quen está triste e desenganado ante os golpes da vida, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POLA CONFIANZA
- Polas nosas comunidades parroquiais para que, coma o Pai bo do evanxeo, saibamos aledarnos polos irmáns que volven, sen recriminarlle nin a súa marcha nin a súa volta, porque Deus acolle, non leva contas, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POLA CONFIANZA
- Por nós, para poñamos en práctica a pedagoxía do Pai bo que espera, se aleda, acompaña, agarima e nunca desespera, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POLA CONFIANZA
Unha vez máis, Señor,
non podemos máis ca dicir grazas. Porque mantés abertos os teus brazos para
agarimarnos na túa tenrura misericordiosa. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Señor:
que na miña
turbación brille a túa paz.
Que na miña debilidade brille a túa forza.
Que no meu pecado brille a túa graza.
Que na miña morte brille a túa vida.
Que na miña soidade brille a túa compaña.
Que nas miñas dúbidas brille a túa seguridade.
Que nos meus medos brille a túa valentía.
Que na miña tristura brille a túa ledicia.
Que no meu baleiro brille a túa plenitude.
Pai, glorifica o teu nome.
(M.Regal.
Chorimas.95)
Comentarios