Ir al contenido principal

1 Domingo Coresma 2016 Mans Unidas


Plántalle cara á fame: sementa!!!!!!!
(Sementar recursos, Sementar capacidades, Sementar responsabilidade e cooperación entre os Estados, Sementar solidariedade)
Descarga o ficheiro

CANTO AGRADECIDO
§  ENTRADA: Na noite escura (Nº 104)
§  PERDÓN: Arrepentido (Nº 13)
§  LECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
§  OFERTORIO: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
§  COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)

ESCOITA ACTIVA
Celebramos hoxe o primeiro domingo de Coresma. Un tempo de Graza, para renovar a nosa vida cristiá; un tempo para deixar que Xesucristo, o sementador, nos faga frutificar en obras de fe, esperanza e caridade.
         Ao longo deste tempo coresmal teremos un sinal que nos axudará a ter sempre presente onde está o importante no camiño da nosa vida. Serán unhas pegadas que nos invitarán a que os nosos pasos sexan pasos de achega e non de confrontación; pasos de entendemento e non de indiferenza; pasos de diálogo e non de incomunicación.
         E todo para poder chegar a gozar da Pascua que nos libera das ataduras que endurecen o noso corazón e nos incapacitan para escoitar o doloroso clamor de tantos corazóns que ao noso redor se senten solos, esquecidos e magullados... moitas veces pola nosa incapacidade para velos e achegarnos a eles.
Celebramos tamén, en este día, a Campaña 57de Mans Unidas, co lema: “Plántalle cara á fame: SEMENTA”, co desexo de sementar corazóns compasivos, corazóns capaces de abrirse ás necesidades dos máis afastados, que impulsen accións concretas para acabar coa fame.
Acerquémonos ao Señor, quen por medio da súa Palabra, e co seu Corpo e o seu Sangue, aliméntanos para poder ser testemuñas da súa misericordia.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Por non sementar momentos de encontro que unan, senón indiferenza que nos illa e nos fai individualistas; SEÑOR, QUE FAGAMOS DA VIDA SEMENTE E NON ERMO.
  • Por non acompañar a quen se ve excluído e tende a súa man para ser acollida e axudada; CRISTO, QUE FAGAMOS DA VIDA SEMENTE E NON ERMO.
  • Por non educar aos máis novos no respecto da casa común, o noso mundo, ensinándolles a coidar e non a estragar e contaminar; SEÑOR, QUE FAGAMOS DA VIDA SEMENTE E NON ERMO.
MONICIÓN ÁS LECTURAS
Deus non permanece indiferente á sorte do pobo elixido. Un pobo que clamou ao Señor, que recoñeceu a súa presenza na tribulación e a quen Deus bendiciu cunha terra que mana leite e mel. É este un Pobo de irmáns, onde non hai distinción entre xudeus e gregos, xa que un mesmo é o Señor de todos. Un Deus que fortalece na debilidade, que vence á tentación e que nos revela a grande dignidade dos seres humanos: criaturas e fillos de Deus. Escoitemos con atención.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
o   O mércores da Cinza comezamos o tempo de coresma. E neste ano xubilar da Misericordia, ano de perdoanza e arrepentimento, dinos o Papa Francisco: “A Coresma deste ano xubilar ha ser vivida con maior intensidade, como momento forte para celebrar e experimentar a misericordia de Deus. Cantas páxinas da Sagrada Escritura poden ser meditadas nas semanas de Coresma para redescubrir o rostro misericordioso do Pai!” (MV 17). Nos textos que hoxe vimos de escoitar, móstrasenos a un Deus que non permanece indiferente á nosa historia, á historia da humanidade, do seu pobo e que, de maneira especial, sente compaixón dos débiles e necesitados. “Entón clamamos ao Señor, Deus dos nosos pais e o Señor escoitou a nosa voz, mirou a nosa opresión, o noso traballo e a nosa angustia”. E coma Pai sempre pendente e preocupado polos seus fill@s, agasállanos co mundo, casa de todos, e pono nas nosas mans: “levounos a este lugar e deunos unha terra, unha terra que mana leite e mel. Por iso, agora traio aquí as primicias dos froitos do chan que Ti, Señor, me deches”. Na nosa responsabilidade está responder a esta encomenda e a este agasallo. Como, preguntámonos moitas veces? A celebración de hoxe pode ser un momento para darlle resposta a esta pregunta:
o   Plántalle cara á fame: SEMENTA. Este é o lema da Campaña de Mans Unidas deste ano. A xenerosidade é o camiño que Xesucristo, Señor de tod@s, nos revelou e é a invitación que hoxe se nos fai, para acabar coa fame no mundo. “… xa que un mesmo é o Señor de todos, xeneroso con todos os que o invocan”.
o   Xesucristo, ao comezar a súa vida pública, foi guiado polo Espírito ao deserto, onde foi tentado polo demo. “e alí, onde estivo sen comer, ao final sentiu fame”. Ese Xesús, que sentiu fame, visítanos e faise presente nos irmáns que padecen necesidade. El dinos: “Tiven fame e déstesme de comer”.
o   Acollamos hoxe a invitación que a Igrexa en España nos fai: SEMENTA, para combater a fame no mundo, para saciar a fame de Deus nas persoas, coas que compartimos a fraternidade.
o   Abramos os nosos ollos para mirar as miserias do mundo, as feridas de tantos irmáns e irmás privados da dignidade, e sintámonos provocados a escoitar o seu grito de auxilio. Que as nosas mans estreiten as súas mans, e acheguémolos a nós para que sintan a calor da nosa presenza, da nosa amizade e da fraternidade” (MV 15).
FRATERNIDADE ORANTE
Ao comezo do camiño coresmal, oremos a Deus, fonte de vida e de todo ben, guiad@s polo Espírito do Señor e digamos xunt@s:
QUE SEMENTEMOS ENCONTRO E NON INDIFERENZA
  • Para que nesta Coresma aprendamos a seguir ao noso mestre e modelo, Xesucristo, o home novo, proxecto dunha humanidade reconciliada co Pai, OREMOS.
QUE SEMENTEMOS ENCONTRO E NON INDIFERENZA
  • Polo Papa Francisco, polos nosos bispos e por todos os curas, para que, co seu testemuño e palabra, sexan testemuñas da misericordia de Deus, OREMOS.
QUE SEMENTEMOS ENCONTRO E NON INDIFERENZA
  • Polos nosos gobernantes e políticos, para que impulsen o verdadeiro desenvolvemento de tódolos pobos e especialmente dos máis necesitados, eliminando as causas da fame, OREMOS.
QUE SEMENTEMOS ENCONTRO E NON INDIFERENZA
  • Polos pobres e necesitados, polos beneficiarios dos proxectos de Mans Unidas, para que experimenten o consolo de Deus e a axuda de todos lles permita saír da súa pobreza, OREMOS.
QUE SEMENTEMOS ENCONTRO E NON INDIFERENZA
  • Por cantos fan posible o labor de Mans Unidas, para que a caridade de Cristo brille neles e se estenda a todas as persoas; OREMOS.
QUE SEMENTEMOS ENCONTRO E NON INDIFERENZA
Señor, que unha vez máis nos ofreces este tempo de coresma para recuperar o verdadeiro sentido da vida e para reconciliarnos contigo e cos irmáns; fai que todos xuntos, seguindo as pegadas Cristo, camiñemos día tras día cara a alegría pascual. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Dinos o papa Francisco que é un escándalo que aínda haxa fame e malnutrición no mundo. Isto nunca pode ser considerado un feito normal ao que hai que acostumarse, como si formara parte do sistema. Tamén nos di que “Todo está conectado”; por iso, dicimos nós, que nada do que pasa no mundo, casa común, ocorre ao chou; senón que o noso é un mundo interdependente, no que a relación entre unhas persoas con outras e de estas coas cousas non é neutra. Non podemos pensar, entón, que a responsabilidade das situacións que se dan no noso mundo, ao noso redor, non é nosa, senón doutros, dos que mandan e poden.
A desnutrición crónica que sofren 800 millóns de persoas, ten que ver cun tipo de desenvolvemento contaminante e estragador. O Papa anímanos a promover una ecoloxía integral, capaz de acabar coa pobreza e a exclusión, que promova o coidado da creación, o agarimo e o respecto cara aos máis pobres, o coidado dos outros, da familia, das relacións sociais... Poderemos cambiar o noso modo de vida para que todos poidamos gozar da “casa común”?
Neste ano xubilar, a Igrexa é chamada a curar aínda máis as feridas, a alivialas co óleo da consolación, a vendalas coa misericordia, e a curalas coa solidariedade e a debida atención. Non caiamos na indiferenza que humilla, na habitualidade que anestesia no ánimo e impide descubrir a novidade, no cinismo que destrúe. Abramos os nosos ollos para mirar as miserias do mundo, as feridas de tantos irmáns e irmás privados da dignidade, e sintámonos provocados a escoitar o seu grito de auxilio.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...