Ir al contenido principal

25 Domingo TO C 2016

QUE APROVEITEMOS A FORZA DA NOSA PALABRA PARA DENUNCIAR O ABUSO, A ADULACIÓN E O ESQUECEMENTO DOS QUE SON TRATADOS CON MENOSPREZO. HOXE TÓCANOS A NÓS, SER OS PROFETAS DO NOSO TEMPO!
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)

LECTURAS: A túa palabra (Nº 25)
OFERTORIO: Eu soñei (Nº 38)
COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº  50)

ESCOITA ACTIVA

De cando en vez, tod@s necesitamos que alguén nos estimule o corazón e a cabeza, porque co paso do tempo a desidia, o costume, a inercia e a falta de ilusión, lévannos a caer nunha especie de abatemento no que todo nos dá igual, como se nos esvarase. Os textos da Palabra de Deus que hoxe imos ler nesta celebración queren ser ese alguén que nos faga caer na conta de que o mundo non é plano; que nel non pasa nunca nada; que a realidade é de outro xeito distinto a como nola contan.
Dispoñamos, logo, todo o noso ser para participar deste encontro comunitario. Saiamos del coa forza da esperanza: que temos que esforzarnos e loitar por acadar un mundo mellor, que terá a súa plenitude final e para sempre ao lado de Deus.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*  Para que non sexamos aduladores dos ricos, senón servidores dos pobres, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
*  Para que aprendamos a servir e non a servírmonos dos demais; CRISTO, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
*      Para que saibamos ser sinxelos, alegres e preocupados polo que lle pasa a quen temos ao lado; SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·      Os textos do profeta Amós poderían considerarse uns textos nos que o autor utiliza unha linguaxe clara, realista e moitas veces dura, tratando de denunciar a incoherencia na maneira de actuar do pobo de Israel. E se facemos memoria das lecturas dos domingos anteriores, lembraremos a sinceridade e a forza coa que lles bota en cara o seu actuar mentireiro, hipócrita e superficial. Na lectura que hoxe temos lido, Amós denuncia a falta de espírito e de preocupación respecto a como o están a pasar os máis pobres e necesitados do pobo. A despreocupación coa que viven, porque eles teñen moito e están ben servidos, lévaos a darlle as costas á realidade. Verdade que esta lectura ten hoxe moita actualidade? Verdade que tamén hoxe, como ocorría no tempo de Amós, os poderosos, os que son insensibles a dor dos demais, os que medran entre enganos e abusos, son incapaces de pensar máis alá de si mesmos e dos seus propios intereses? E isto podemos velo en todos os ámbitos da vida: economía, política, clero, fútbol, periodismo... o “ande eu quente, ríase a xente” lévaos a desconectar do que lle pasa ás persoas normais para situarse por riba de todo e todos, como se os demais non existiran. Amós denunciaba aquela situación. Nós, hoxe, non podemos quedar nin quietos nin calados. Facelo converteríanos en cómplices de toda esta dureza de corazón, falta de sensibilidade e ausencia do recoñecemento da dignidade que Deus nos ten concedido e que leva a que non poidamos darlle as costas nin aos problemas nin ás persoas que senten, sofren e viven estes problemas. Onte, hoxe e tamén mañá, sempre necesitaremos profetas que se rebelen contra a inxustiza e todo intento de esmagar aos débiles. Onte, coma hoxe, os cristiáns temos unha tarefa á que non podemos nin debemos renunciar: sacarlle as cores a aqueles que se cren mellores, máis importantes e superiores aos demais, porque teñen cartos, poder ou minutos en televisión. O Deus cristián é un Deus que nos fala de igualdade, non de superioridade. Non quedemos quedos deixando que as cousas pasen sen esforzarnos por axudar a cambialas. Tod@s, se queremos, podemos facer algo. E moitos “algos” xuntos, acaban cambiando o mundo.
·      Manter de xeito permanente esta sensibilidade na defensa dos demais, e saber facelo sen caer no intento de manipular, criticar ou mostrar interese nada solidario co que lles pasa aos demais, non é moi doado. A liña entre unha situación ou outra é sempre moi débil, por iso necesitamos crer no valor e na forza da oración, persoal e comunitaria. Confiar en Deus, poñernos baixo o seu amparo, ser fieis ao seu proxecto de construír un mundo desde, coas e para as persoas, non resulta nin cómodo nin fácil; todo o contrario. Non é moda, non dá prestixio, non cotiza nos titulares dos medios de comunicación, pero si pon paz nos corazóns das persoas e confianza nos que reciben ese trato humano e humanizado. E porque sabemos que o Señor nos agarima coa súa fidelidade, nós loamos e agradecemos xunt@s esta fe compartida. E facémolo tal e como Paulo invita a facelo a Timoteo: buscando a xustiza, practicando a mansedume –que non é servilismo-, sabendo, pacientemente, manter os tempos, sen precipitarse nin buscar o agora e xa imposibles. E todo para que poida ter como fío condutor o amor que nos recoñece iguais, nos outorga a mesma dignidade e nos leva a sabernos alguén, e non algo co que se xoga e manipula. Sabendo que sempre, ao longo do camiño, o actuar, os valores transmitidos nas accións, a coherencia entre o que cremos, rezamos e vivimos, vai ser o mellor espello para poñer de manifesto que a nosa fe non é un remuíño de vento, senón unha raíz asentada que aporta constantemente savia nova a un mundo no que, moitas veces, parece que só teñen cabida os poderosos. Conscientes de que iso non é así, que no final non están os que se aproveitaron e e desprezaron aos irmáns, senón Deus para acollernos e facernos partícipes da súa esperanza, esta mañá facemos memoria agradecida de todas as persoas que co seu esforzo foron abrindo camiño para que hoxe sigamos crendo que a dignidade é un dereito irrenunciable que nos deu Deus.
·      E isto nós, os crentes, vivímolo non buscando manifestacións raras e sobrenaturais de Deus –ao modo do que pedía o rico do evanxeo para que os seus irmáns cresen– senón coa sinxeleza do traballo ben feito cada día, poñendo o mellor dun mesmo á hora de facer cousas polos demais. Nunha palabra, buscando cada día converter o sinxelo: preocuparse polos demais, dedicar tempo aos enfermos, escoitar a quen está só, compartir con que lle faga falta, saudar cun bos días e sabendo dicir grazas, ensinando, inda que sexa difícil, aos fillos e netos, que as cousas non poden ser agora e xa, que todo custa esforzo, que nada é froito do que vemos na televisión, senón do traballo digno, humano e responsable. Porque é a través deste percorrer cotián como facemos da esperanza motivación que nos levará a participar e gozar da vida eterna ao lado de Deus e das persoas de ben. Iso é o que confesamos cada vez que rezamos o credo. Iso é o que tamén hoxe compartiremos comunitariamente dentro dun momento. Non coma unha ilusión imposible, senón como unha convicción que fará da nosa vida estímulo permanente que leva a traballar sempre por un mundo máis xusto, solidario e fraterno.

FRATERNIDADE ORANTE

Confiamos en Ti, Señor, e loitamos contra os profetas das calamidades que pretenden que nos esquezamos que nos queres e acompañas sempre, por iso che dicimos:
QUE NUNCA CANSEMOS DE LOAR O TEU NOME, SEÑOR
Pola Igrexa, para que non se deixe tentar polo poder, a riqueza nin o recoñecemento dos poderosos, senón que saiba estar sempre ao lado dos pobres, dos esquecidos, dos que non poden experimentar no seu corazón a alegría de ser familia, OREMOS.
QUE NUNCA CANSEMOS DE LOAR O TEU NOME, SEÑOR
Polas nosas parroquias, para que nós sexamos sempre os primeiros en estar atentos, para tenderlle a man, a quen poida necesitarnos. Especialmente temos hoxe presentes aos que non teñen traballo, ás persoas que viven soas e aos maiores, OREMOS.
QUE NUNCA CANSEMOS DE LOAR O TEU NOME, SEÑOR
Por nós, para que saibamos camiñar na paciencia, na mansedume, no respecto e no amor aos demais, especialmente aos que o teñen máis difícil neste mundo tan comunicado tecnoloxicamente, pero tan empobrecido humanamente, OREMOS.
QUE NUNCA CANSEMOS DE LOAR O TEU NOME, SEÑOR
Grazas, Señor, por invitarnos a ter unha fe activa e comprometida con todo canto supoña e signifique o traballo comunitario de facer a vida máis agradable e alegre aos demais. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Nas cidades é frecuente o abandono de anciáns e enfermos. Podemos ignoralo?”, preguntase Francisco. “As nosas cidades deberían caracterizarse sobre todo pola solidariedade, que non consiste unicamente en dar ao necesitado, senón en ser responsables os uns dos outros e xerar unha cultura do encontro”.
Por iso, o Papa pide acompañalo nesta petición, “para que os anciáns, marxinados e as persoas solitarias encontren mesmo nas grandes cidades oportunidades de encontro e solidariedade”. Amén.
Reducir é, polo tanto, un camiño para recuperar espazos e tempos perdidos nas nosas vidas; espazos para ler, para dialogar, para rezar, para contemplar… A vida sinxela, con pouca equipaxe é máis relaxada, menos estresante. Unha das súas vantaxes é que nos facilita o achegamento á natureza, ás súas paisaxes e ás súas criaturas. Proporciónanos capacidade de contemplación, de admiración.
Deste modo pechamos o círculo Contemplación-Vida Sinxela-Contemplación. A primeira tennos que motivar a experimentar a segunda; a segunda facilitaranos recuperar a primeira. Podemos entrar no círculo por onde nos resulte máis sinxelo; mesmo podemos facelo por dous sitios á vez. Agora, neste tempo, é un bo momento para abordalo. Anímaste?

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...