Ir al contenido principal

27 domingo TO C 2016


Xa está ben de laios e queixas, poñamos o oído atento para escoitar a voz de Deus
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
*      ENTRADA: Eu soñei (Nº 58)

*      LECTURAS: Non vou so (Nº 60)
*      OFERTORIO: Velaquí, Señor, o viño (Nº 33)
*      COMUÑÓN: Acharte presente (Nº 51)
ESCOITA ACTIVA
Somos limitados, débiles e necesitados sempre dos demais. Isto fai que non debamos perder endexamais a perspectiva de que é na sinxeleza e na humildade como verdadeiramente podemos ir descubrindo por que paga a pena vivir a vida. E na vida non todo é sempre éxito, triunfo ou ganancia. Estamos demasiado acostumados -quizais polo influxo do periodismo deportivo- a que hai que gañar sempre, que quedar segundos é un fracaso, que con participar xa non chega, que... e a custa de escoitalo moitas veces, e de ver como se idolatran a persoas de carne e óso coma nós, pensamos que na vida todo é triunfo, e que xa non é necesario o esforzo, o sacrifico, a renuncia ou o recoñecemento doutr@s que son mellores ca nós. Facelo é importante, e fainos sentir humanos, iguais e necesitados uns dos outros.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a poñer sempre os pés no chan, o corazón nas persoas e as mas na sinxeleza de quen aprende dos demais e sabe compartir con outros canto pode axudar, sen gardalo unicamente para si.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Para que non esquezamos nunca que son moitas veces nas que nos equivocamos e facemos mal as cousas; SEÑOR, QUE SAIBAMOS SER HUMILDES E SINXELOS.
·      Para que non caiamos na tentación de desprezar a quen fai as cousas mellor ca nós, e nos pode ensinar; CRISTO, QUE SAIBAMOS SER HUMILDES E SINXELOS.
·      Para que non fagamos da nosa vida fracaso por esquecer que non sempre temos que ser os mellores, os máis listos ou os máis solidarios; SEÑOR, QUE SAIBAMOS SER HUMILDES E SINXELOS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      Non é tarefa doada esforzarse cada día por facer as cousas ben, por non deixarse levar polo barullo que día a día -moitas veces sen contrastar o que se di en fontes solventes- producen os medios de comunicación nos xornais, emisoras de radio, televisións ou páxinas de internet. Estar conectados permanentemente non é malo de por si; pero pode chegar a selo se esa conexión leva a que nos convertamos en persoas crédulas dicindo si a todo o que lemos ou escoitamos. A actualidade hoxe está en permanente conexión, e a ela acceden moitas persoas, inda que non todas elas son de fiar no que din, escriben ou mostran. Isto esíxenos ter sempre unha actitude receptiva, si; pero tamén responsable, para non dar por bo o primeiro co que nos atopamos. E inda que sabemos que debe ser así, moitas veces deixámonos ir; co que os “bulos“, as mentiras, as invencións ou as medias verdades van empezoñando a maneira de pensar e de percibir a realidade de cada un e cada unha de nós. Isto acaba facéndonos desconfiados respecto dos demais; unha desconfianza que acaba por romper relacións familiares, compromisos matrimoniais ou amizades de moitos anos. Tristemente, o inmediato vaille comendo terreo á verdade, xa que non nos paramos a pensar se o que nos contaron, o que acabamos de ver na televisión ou de ler nas redes sociais, responde ou non á verdade. E este é un dos grandes problemas deste momento da historia, un problema que nos afasta a uns dos outros, e nos vai metendo nunha xeira de descoñecemento, desconfianza e ruptura da solidariedade e do bo nome de uns cara aos outros. A importancia que as novas formas de comunicación van adquirindo nas nosas vidas fainos crédulos co que di quen non coñecemos, pero virtualmente é o noso amigo ou amiga, e tremendamente desconfiados co que nos conta e fala quen temos ao lado. Non hai máis que ver os miles de amigos que se di que temos a través de internet... mentres as persoas están cada vez máis solas: non falan con ninguén ou ven como a amargura, a frustración ou a desesperanza van enchendo o paso dos seus días. O profeta Habacuc, na lectura que acabamos de ler, danos unha clave que nos pode axudar a non caer por esta pendente derrotista e crédula. Fálanos de aprender a confiar, e de esforzarnos por andar ao longo de camiños de xustiza, de ancorar a vida nunha fe que nos compromete a facer do mundo, alí onde vivimos cada día, unha experiencia de unión, de traballo en común, de superación da tentación do pesimismo derrotista e da negatividade de quen non quere ver no mundo máis que o malo, negativo e inxusto, que tamén o hai. Non imos solos. Cando teremos a coraxe de recoñecelo!
*      Poñámonos, logo, en disposición de escoitar a voz do Señor que nos vai falando a través de todo esforzo por facer do mundo casa común, de toda causa solidaria, de todo compromiso por achegar, unir e facer busca de ben común. É aí, non noutro sitio, onde temos que poñer os oídos atentos para escoitar a voz do Señor. Isto supón non endurecer os corazóns nin pechar os ollos ás dificultades. Deus móstrase por amor, fagamos entón o esforzo de recoñecelo a través das sementes que vai poñendo no quefacer das persoas de ben! E como di Paulo na carta a Timoteo, sexamos fortes, sobrios, sen vergoña no seguimento do camiño ao que nos invita Xesús. O compromiso da fe lévanos a saír da comodidade de quen espera para irnos facendo presentes na dureza das situacións onde non nos escoitan, non nos comprenden ou mesmo nos rexeitan. E todo desde e polo Evanxeo.
*      Só entón, tamén nós podermos dicir na nosa oración con sinceridade: Señor, auméntanos a fe!. Esa fe sinxela, pequena; pero que non queremos gardar para nós, senón compartir e facer que as cousas cambien para mellor: que a mentira desapareza, que os que nos gobernan non nos traten coma se foramos menores de idade. E fe ten que ser pulo de esperanza e motivación para facer as cousas como servidores e non coma señores.
FRATERNIDADE ORANTE
Deus non nos quere inactivos e mirando de costas aos problemas e ás dificultades do noso mundo, por iso dicimos xunt@s:
GRAZAS, SEÑOR, POR ESPERTARNOS DE SOÑOS INDIVIDUALISTAS
·      Para que que sexamos unha Igrexa esperta á xenerosidade, solidaria á unidade e comprometida no ben común, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ESPERTARNOS DE SOÑOS INDIVIDUALISTAS
·      Para que construamos parroquias onde nos queiramos, nos axudemos, aprendamos a mirarnos aos ollos con alegría e esperanza, e nos formemos para coñecer e vivir cada día o Evanxeo, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ESPERTARNOS DE SOÑOS INDIVIDUALISTAS
·      Para que non estraguemos a vida investindo tempo no que non nos deixa ver a realidade dun mundo que nos chama a comprometernos en facer as cousas ben, en achegarnos a quen está solo, en aprender a acoller a quen vén de fóra, en non deixar que o sensentido creza e xermole dentro de nós, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ESPERTARNOS DE SOÑOS INDIVIDUALISTAS
Señor, que teñamos sempre os ollos abertos para saber descubrirte en todas as causas que poidan facer felices ás persoas que se senten tristes, desacougadas e sen motivacións na súa vida. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
“As persoas evidentemente deberán unir os seus esforzos para procurar alomenos un mínimo de alivio, de benestar, de seguridade, de xustiza, necesarios para a felicidade das numerosas poboacións que carecen dela. Tal acción solidaria é xa obra de Deus; e corresponde ao mandamento de Cristo. Ela procura a paz, restitúe a esperanza, fortalece a comuñón, dispón á alegría para quen dá e para quen recibe, porque hai máis gozo en dar que en recibir (cf Feit 20,35). Cantas veces vos temos invitado, irmáns e fillos amadísimos, a preparar con ardor unha terra máis habitable e máis fraternal; a realizar sen tardanza a xustiza e a caridade para un desenvolvemento integral de todos! A Constitución conciliar Gaudium et spes, e outros numerosos documentos pontificios insistiron con razón sobre este punto (...) non  pode esquecerse o deber primordial de amar ao próximo, sen o cal sería pouco oportuno falar de alegría.
Sería tamén necesario un esforzo paciente para aprender a gustar simplemente as múltiples alegrías humanas que o Creador pon no noso camiño: a alegría exultante da existencia e da vida; a alegría do amor honesto e santificado; a alegría tranquilizadora da natureza e do silencio; a alegría ás veces austera do traballo esmerado; a alegría e satisfacción do deber cumprido”.
Exhortación Apostólica GAUDETE IN DOMINO de Paulo VI sobre a ledicia Cristiá 11/12 (maio 1975)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...