Ir al contenido principal

1 Domingo Advento A


Esperar desde a alegría para acoller e deixarse acoller. Ven, Señor Xesús!
SINAL DE ADVENTO
Nesta primeira semana engadimos unha folliña na árbore.
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Preparade o camiño ao Señor
LECTURAS: Moito me alegrei
OFERTORIO: Pai, Pai, eu póñome nas túas mans
COMUÑÓN: Non vou so (Nº 60)
ESCOITA ACTIVA
O reloxo que marca o tempo da nosa vida litúrxica volve poñerse en marcha de novo para comezar un novo ano. E que mellor comezo que dispor o corazón a ir deixando atrás todo canto o foi facendo secar: as envexas, os enfrontamentos,a preguiza, o aburrimento, a rutina, a falta de solidariedade, as palabras ferintes, as palabras ditas sen telas pensado, a pouca atención prestada a quen nos necesitaba... Todo canto nos foi apartando do marabilloso proxecto de Xesús queremos deixalo atrás para comezar hoxe un novo tempo de espera e renovación. Que coma a árbore seca que temos diante do altar, nos esforcemos para que volvan saír follas novas e verdes que nos alenten e esperancen.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Porque queremos deixar a atrás todo o que nos fixo insensibles á dor dos demais; SEÑOR QUE NOS AFASTEMOS DAS ACTITUDES FERINTES.
· Porque sempre é posible volver a comezar, e non cansas de darnos oportunidades; CRISTO, QUE NOS AFASTEMOS DAS ACTITUDES FERINTES.
· Porque deixamos que o corazón acumule costra que nos fai insensibles ante o mal que lle facemos aos que esperaban de nós axuda; SEÑOR.QUE NOS AFASTEMOS DAS ACTITUDES FERINTES.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Falar de casa, salvo raras excepcións, é falar de lugar de acollida, de lembranzas compartidas, de relación familiar, de vivencia de momentos inesquecibles, de... A casa sempre nos recorda a experiencia de querer e ser queridos. E o profeta Isaías une esta idea da casa co monte, o lugar onde se atopa Deus. Como ben lembrades, por telo dito e repetido moitas veces ao longo deste último ano, o papa Francisco ten publicado unha carta encíclica na que nos chama a tod@s a coidar da casa común, poñendo todo o esforzo da nosa parte. Se non coidamos do mundo que entre todos conformamos, onde imos vivir? Que casa lle imos deixar aos que veñen tras de nós? Que cariño podemos mostrar realmente, e non desde a abstración das palabras bonitas, aos que lle queremos? Si, coidar a casa é hoxe máis ca nunca, inda que sempre o foi tamén no pasado, un reto e un esforzo no que tod@s, crentes e non crentes, temos que camiñar xuntos pois vainos a vida nel. Non podemos mirar a outro lado, calar como se non pasara nada, ou seguir destruíndo de xeito egoísta sen importarnos a consecuencia. 
Neste domingo comezabamos poñendo diante do altar unha árbore seca, e diciamos que tiñamos que facela reverdecer, por iso lle puxemos unha folla verde. Con este sinal queremos insistir, e facelo sen cansar, en que o mundo non é só duns poucos, e moito menos dos que están na parte máis rica, senón que nel estamos tod@s, e sobre nós recae a responsabilidade de coidalo e facelo mellor e máis habitable. Quizais este tempo de Advento que agora iniciamos pode ser un tempo que nos axude a pensar e descubrir que podemos facer nós para que sexa verdadeiramente casa común, casa de tod@s, casa de presenza e achega de Deus, para quen o mundo non é lugar de enfrontamento senón de entendemento. Palabras parecidas, pero non iguais.
Ledos para espertar en nós este soño de Deus, reunímonos no seu día, o domingo, e acollemos con dispoñibilidade esta encomenda desde a solidariedade comunitaria que nos fai estar preto uns dos outros, e non deixa que pasemos sen recoñecernos. Por moi seca que estea a árbore, se nós pomos o mellor da nosa parte, pouco a pouco irá dando follas, unhas máis grandes, outras máis pequenas, pero sempre loitando contra a sequía que non permite que xermole o novo. Cada unha das nosas comunidades, con actitude leda, esforcémonos por vivir fóra das paredes da Igrexa toda a fondura, participación, xenerosidade e sentido comunitario que temos vivido dentro destes muros. Porque a riqueza do que aquí compartimos e celebramos non podemos pechala entre as pedras mortas, senón que temos que levala, como pedras vivas que somos, ás demais pedras vivas que non están, inda non coñecen ou xa cansaron de vir porque non se sentían nin acollidos nin entusiasmados. Axudemos a que xermolen as follas verdes en nós e nos demais! 
Espertemos logo. A salvación está á porta; pero non é unha salvación calquera, senón que é a salvación de Deus. El é quen chega. Abrámoslle para acoller e compartir esta salvación. Non é unha palabra abstracta, non é unha palabra rutina, non é un falar sen dicir nada. Non. Deus salva. Faino de verdade; e somos nós os encargados de comunicarllo aos demais co noso xeito de achegarnos á vida, de facer as cousas, de tratarnos uns aos outros. Deus non salva desde o palabrerío, senón desde a capacidade de recoñecer aos que están máis preto como un igual, un/ha coma nós. Para El somos alguén, non existen os ninguén. E se iso é así, por que nos esforzamos, e non cansamos de facelo, en converter aos demais en ninguén invisible e indiferente, namentres que non cansamos de presentarnos como os que estamos por riba do ben e do mal, e con dereito a dar leccións? Preparémonos logo para que cando isto acaia non nos atope desprevenidos, porque logo xa non vai ser posible que recorramos ao de sempre: non sabía, non o esperaba, non me din conta... Deixemos de verdade que Deus irrompa na nosa vida!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!
FRATERNIDADE ORANTE
Porque Deus chega para quedarse, poñámonos en actitude de agradecer esta presenza dicindo xunt@s:

QUE TEÑAMOS FAME DE ESPERANZA E DE XUSTIZA

Para que a Igrexa non seque nin deixe secar a árbore que trae Xesús; unha árbore que fala de acoller, perdoar, escoitar e acompañar, e non de perseguir, condenar ou silenciar, OREMOS.

QUE TEÑAMOS FAME DE ESPERANZA E DE XUSTIZA

Para que este tempo de Advento que hoxe comezamos nos renove interiormente e nos axude a ter actitudes que saben poñer ás persoas, e non outros intereses, no centro das nosas eleccións, OREMOS.

QUE TEÑAMOS FAME DE ESPERANZA E DE XUSTIZA

Para que cada un/ha de nós comece tamén hoxe o camiño no que vai desprendéndose de todo canto pesa por mor da nosa mala conciencia por non saber estar ao lado de quen máis nos ten necesitado: os maiores, as persoas que están soas, os enfermos, os que se senten desacougados e incomprendidos, os..., OREMOS.

QUE TEÑAMOS FAME DE ESPERANZA E DE XUSTIZA

Que fagamos, Señor, deste tempo de Advento, un tempo no que non teñamos medo a comezar de novo e deixar atrás todo canto sabemos que nos fai persoas tristes, amargadas e infelices. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Deus debe impulsarnos continuamente e de moitos modos e darnos unha man para que poidamos saír do enredo dos nosos pensamentos e dos nosos compromisos para así atopar o camiño cara El. Pero hai vieiros para todos. O Señor vai poñendo fitos adecuados a cada un. El chámanos a todos, para que tamén nós poidamos dicir: "Vamos!, 'emprendamos a marcha a Belén, cara ao Deus que viu ao noso encontro. Si, Deus encamiñouse cara nós. Non poderíamos chegar ata El só pola nosa conta. O vieiro supera as nosas forzas. Pero Deus viu. Vén ao noso encontro. El fixo o treito máis longo do percorrido. E agora dinos: vinde e vede canto vos quero. Vinde e vede que estou aquí!  

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...