Ir al contenido principal

33 domingo ordinário TO C 2016

COMPROMETIDOS A SER UNHA IGREXA QUE DEIXA PEGADA DESDE O SERVIZO ÁS PERSOAS
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Pedras vivas
LECTURAS: Ergo os meus ollos (Nº 112)
OFERTORIO: Déixate querer (Nº 61)
COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)

ESCOITA ACTIVA

Hoxe celebramos nas dioceses españolas o “Día da Igrexa Diocesana”, unha xornada que quere invitarnos a reflexionar sobre a dimensión comunitaria da fe. Nós somos crentes desde a comunidade que conformamos os homes e mulleres que temos a Xesús como guieiro na vida. Incorporámonos a ela no Bautismo; con ela participamos na Eucaristía o Día do Señor –o Domingo–; acompañados por ela despedimos ao nosos seres queridos. A comunidade é eixo da nosa vida cristiá.
Hoxe queremos visibilizar esta dimensión comunitaria que nos configura con Cristo desde a pertenza á diocese, onde: presididos polo Bispo, imos facendo presente a tarefa encomendada por Xesús de “Ir e anunciar”. Poñamos, xa que logo, o corazón en disposición de celebrar, compartir e agradecer que somos Igrexa en camiño de pasar facendo o ben, sentíndonos unidos no proxecto de salvación e esperanza do que Xesús nos fai os seus embaixadores.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Polas veces nas que o individualismo afoga a vivencia comunitaria da fe; SEÑOR, GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS.
  • Por todas as situacións nas que temos descoidado que nos necesitamos uns aos outros; CRISTO, GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS.
  • Porque moitas veces pechamos os ollos para non querer ver que os demais nos necesitan; SEÑOR, GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN 

  • Diciamos na monición de entrada que hoxe celebramos o "Día da Igrexa diocesana", toda unha chamada a poñer o pensamento en disposición de afondar na dimensión comunitaria da fe. Porque a fe non é un crer en algo que cadaquén vai facendo por libre, senón un acoller a palabra de esperanza e sentido que Xesús deixou como encargo de que transmitisen os apóstolos. E esta acollida realizámola persoalmente, si, pero coa comunidade como compañeira de viaxe. A mellor imaxe que nos pode axudar a comprender isto é que cando queremos bautizar a un nen@ non lle pedimos ao cura que vaia á nosa casa aproveitando a hora do baño, senón que traemos a ese nen@ para pedir que entre a formar parte do grupo dos cristiáns, da Igrexa. E por iso o cura di:"eu, no nome da comunidade parroquial de..., acóllote con alegría". Si, porque so quen acolle desde a alegría pode sentir esa mesma alegría de saberse seguidor de Xesús. O mesmo Xesús que nos deixou unha mensaxe ilusionante e motivadora desde onde darlle sentido á vida. Non como se esta fose unha sucesión de ritos e costumes, senón un xeito de facer as cousas, de percibir a realidade, de empeñarnos en facela cada día mellor, máis humana e xusta. Claro que isto non o facemos nós solos, senón que nos imos integrando nos diferentes grupos que nas parroquias, concellos, colexios... xa existen para, desde alí, e unidos aos demais, ir facendo posible que a misión encomendada por Xesús de ser fermento no medio da masa, vaia dando froitos de participación, colaboración e solidariedade. Onde recibimos e atopamos a forza para esta misión? Na participación comunitaria das celebracións parroquiais, na formación que nos vai abrindo os ollos a unha fe que non queda dentro dos templos, no maior e mellor coñecemento de que a tarefa da fe chega ata onde haxa unha persoas á que se lle poida facer ben, ou unha causa xusta pola que loitar. E para iso, como nos dicía o profeta Malaquías, é necesario afastar de nós calquera actitude de soberbia, de crérmonos mellores ou máis importantes ca os demais. O bautismo iguálanos, a mensaxe de Xesús descóbrenos coma irmáns, e a colaboración fai que entendamos que a liberdade ha guiar sempre as nosas decisións. Quen se considere mellor, máis listo, máis importante, máis... dificilmente ten cabida neste proxecto no que o amor é o eixo desde o que ilo construíndo. 
  • Chamados a ser construtores da comunidade poñendo cada un de nós o mellor de si, é necesario que o fagamos desde a responsabilidade, sen poñer tarefas que nos correspondería facer a nós baixo os ombreiros dos demais. Cada un ten o seu cometido, e entre tod@s facemos a Igrexa, a comunidade que, coas súas luces e sombras –as nosas luces e sombras-, vai esforzándose por testemuñar que o proxecto de Xesús segue a ter vixencia nos nosos días, que non é un proxecto do pasado, que hoxe segue a ter o seu oco no noso mundo, que non ha quedar como un residuo do que noutro tempo foi. E para que iso sexa así, é necesaria a colaboración de todos nós, tal e como di Paulo na segunda lectura. Un traballo que nos leva a facer o ben sen cansar, e sen impoñerlle aos demais o que temos que facer nós. 
  • Deste xeito construiremos o verdadeiro templo, non o que está feito de pedras, senón de corazóns. Os corazóns dos que conformamos a Igrexa, que nos reunimos para sentir a forza de quen reza xunto con outros, de quen fai o ben no nome dos demais, de quen non ten vergoña nin medo a dicir, confesando a súa fe, que estamos a facer visible co noso actuar a Igrexa de Xesús, a que El comezou e da que tod@s nós somos continuadores. As pedras vivas que pensan co corazón, miran aos ollos sen vergoña e fan das súas mans caricia de tenrura disposta a compartir cos que máis o necesitan. Por iso hoxe celebramos este día co convencemento de que somos Igrexa tod@s; e que se queremos, outra Igrexa, como non cansa de repetir o papa Francisco, é posible. Non para xulgar, condenar ou excluír, senón para servir. E nela temos que perseverar.

FRATERNIDADE ORANTE

Neste día da Igrexa diocesana, poñamos no noso corazón ás persoas que dun cabo ao outro do mundo, casa común, fan do seu vivir un testemuño de servizo comunitario no nome de Xesús. E digamos xunt@s: 
SEÑOR, QUE SEXAMOS PEDRAS VIVAS NA CASA COMÚN
ˣ Neste día da Igrexa diocesana, lembramos a toda a Igrexa, e poñémoslle rostro desde o traballo que nas diversas comunidades da nosa Igrexa diocesana de Tui-Vigo (Ourense, Lugo, Mondoñedo- Ferrol, Santiago de Compostela), se está a facer para, seguindo o mandato de Xesús, que o evanxeo sexa raíz desde a que se desenvolva todo o noso traballo pastoral, OREMOS
SEÑOR, QUE SEXAMOS PEDRAS VIVAS NA CASA COMÚN
ˣ Para que non esquezamos nunca que ser Igrexa vai sempre unido a rezar, traballar e servir de maneira comunitaria, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEXAMOS PEDRAS VIVAS NA CASA COMÚN
ˣ Para que tod@s nós valoremos o tempo que moitas persoas das nosas parroquias dedican ao servizo dos demais: catequistas, lector@s, quen fai a limpeza e pon flores nas igrexas, @s que conforman os grupos de Cáritas,... OREMOS.
SEÑOR, QUE SEXAMOS PEDRAS VIVAS NA CASA COMÚN
Acompaña, Señor, a oración que compartimos, como comunidade ilusionada e ilusionante, neste día da Igrexa diocesana. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

É necesario que a Igrexa acolla e que dea resposta a temas actuais e polémicos; e que o faga cunha linguaxe que chegue a todos; as veces o Evanxeo é moi rico en metáforas e convértese nun tesouro demasiado místico, que a nós en ocasións se nos escapa.
A Igrexa que queremos non debe condenar, senón apoiar; unha Igrexa que cure e ensine a curar. Unha Igrexa que acompañe non só nos momentos fortes, senón naqueles momentos de dúbidas, debilidades e cansazo nos que todos fraqueamos. Unha Igrexa que saia á rúa, e se achegue tamén aos mozos que non coñecen a Xesús mediante actividades motivadoras e atraentes.
E por último, debe ser unha Igrexa que presente a través das persoas a ese Deus que segue inspirándonos e acolléndonos con apertas de Pai. A Igrexa que necesitamos é a que mostra a cultura “do amor ao próximo” e a que nos guía a ser homes e mulleres felices.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...