Ir al contenido principal

2 Advento A 2016

Esperar desde a alegría para acoller e deixarse acoller. Ven, Señor Xesús!
Descarga o ficheiro
SINAL DE ADVENTO
Colocamos a segunda folla na nosa árbore.
CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)
  • LECTURAS: A túa palabra (Nº 25) 
  • OFERTORIO: Benaventurados (Nº 118) 
  • COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 119)
ESCOITA ACTIVA
            Neste segundo domingo de Advento, ademais de poñer unha nova folla da árbore que queremos que exprese a necesidade de superar a seca á que nos levan o aburrimento, a falta de ilusión ou a desgana, queremos tamén abrirnos á forza da Palabra de Deus, que nos invita a non deixarnos levar do arrouto que xulga aos demais, nin da rutina que insensibiliza o noso corazón. Deixémonos levar da man de Deus, camiñemos e esforcémonos para que, deixando atrás o que sabemos que non facemos ben, vaiamos abrindo camiño que nos prepare a acoller ao Deus que quere volver a nacer, non no consumismo do sistema capitalista, senón na tenrura da mirada dun vello ou do sorriso dun neno que crece e necesita ser querido e acompañado no seu crecemento.
            Dispoñámonos logo a participar desta celebración para que sexa de tod@s, e non só de quen a preside e dirixe.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Porque xulgamos sen coñecer nin darnos conta de que ese non é o camiño; SEÑOR, QUE NOS SINTAMOS NECESITADOS DE RECONCILIACIÓN.
  • Porque nos custa dar grazas, namentres somos dos que protestamos cando non nolas dan a nós; CRISTO, QUE NOS SINTAMOS NECESITADOS DE RECONCILIACIÓN.
  • Porque nos sobra soberbia e nos falta misericordia; SEÑOR, QUE NOS SINTAMOS NECESITADOS DE RECONCILIACIÓN.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Hai unha frase da primeira lectura que temos escoitado hoxe que nos pode axudar na reflexión deste domingo, e que ten unha gran actualidade. Dicíasenos: “Non xulgará conforme á aparencia dos seus ollos, nin sentenciará conforme ás faladorías dos seus oídos”. Canto temos que aprender! Canta atención lle debemos prestar á Palabra de Deus que proclamamos nas celebracións!. Verdade que nos sona a todos iso de xulgar pola aparencia e falar de oídas? Seguro que todos nós temos que entoar o “mea culpa” por telo feito máis dunha vez. E ademais, é tan doado! Si, porque unha vez dita a frase, feito o comentario ou manifestada a media verdade, o mal xa está feito. E por moito que logo desmintamos, recuemos ou recoñezamos o noso erro, o agravio á persoa sobre a que se falaba, o mal e a dor causada, xa ninguén o vai quitar. Por iso é fundamental pensar as cousas antes de dicilas, evitar deixarnos levar polo primeiro comentario que sobre alguén escoitamos, e non facer xuízos sobre ninguén. Verdade que non nos gusta cando eses comentarios, miradas, xuízos... se refiren a nós? Apliquemos, xa que logo, o mesmo criterio para darnos conta que, do mesmo xeito que nos sentimos mal cando nolo fan; outros tamén se sentirán mal cando llo facemos. En xustiza e reciprocidade, aquilo que non nos gusta para nós, non o poñamos en práctica cos demais. Esta é a primeira idea que nos ofrece a Palabra de Deus neste segundo domingo de Advento. Se somos capaces de interiorizala ben e ila poñendo en práctica, seguro que xa podemos poñerlle á nosa árbore unha nova folla que nos irá mostrando que, cun pouco da nosa parte, sempre é posible que a savia volva a correr pola árbore da nosa vida; de xeito que alí onde só había seca, tristura, indiferenza... poida volver xermolar a esperanza que nos trae Aquel para cuxa acollida nos preparamos.
Nunha carta que acaba de escribir o Papa con motivo da clausura do ano xubilar da Misericordia e que leva por título; “Misericordia et misera” (misericordia e pecado, limitación, pequenez, miserias... calquera destas palabras podería ter o significado que no texto se lle quere dar á expresión “misera”), di Francisco que inda que teña rematado este ano, a misericordia non remata. E non o fai porque todos necesitamos seguir esforzándonos por ser misericordiosos, por poñer ás persoas, non as ideas ou os intereses persoais por riba de todo o que fagamos e digamos. A misericordia é unha actitude que ha estar permanentemente en nós, facendo que a nosa vida sexa un pouco máis plena e chea de riqueza interior. Esforzarnos por poñer o corazón no que fagamos é estar dispostos a seguir no camiño que nos leva a non deixar pasar este tempo de Advento como unha experiencia que nos axude a tomar conciencia de onde están as nosas limitacións, as nosas debilidades para reconducir a dirección e poñernos na disposición de acoller a quen chega. Non é a súa unha chegada virtual, senón real, pois vai chegando a medida que facemos do noso actuar, vivir e comportarnos, momento de presenza de quen vén para traer e facer posible que floreza a xustiza e abunde a paz. E unha actitude así non a podemos desenvolver se nos falta a esperanza, se non nos esforzamos para que  negativo que vai aparecendo na nosa vida, que si que aparece, non sexa o que marque cada unha das cousas que facemos nin enchoupe a nosa maneira de mirar a realidade e de enfrontarnos a ela. Manter a esperanza supón estar convencidos de que as cousas poden ser diferentes, poden cambiar, poden ter outra lectura e outro xeito de entendelas. Pero para iso debemos pechar os oídos aos profetas de calamidades que só falan de mortes, corrupción, catástrofes, estafas, enganos... e poñer a vista naqueles outros -que tamén os hai, inda que na maioría dos casos non son noticia- que nos mostran que pensar nos demais é posible e gozoso, dedicar tempo a facer cousas que fan que a xente ría e estea alegre; que ser xustos e honestos non nos fai parvos, senón mellores persoas; que vivir e camiñar na gratuidade fai que non nos convertamos en mercenarios capitalistas que a todo lle poñen prezo, senón en persoas que non se deixan vencer nin polos comentarios nin polos xuízos de quen vive na amargura e quere que todos vivan coma el. Para nós, cristiáns, este camiño novo e esperanzado tráenolo Xesús. O Xesús que quere que a árbore da nosa vida supera e seca e dea follas de cores que van mostrando que é posible afrontar os retos, os problemas e dificultades, sen deixarnos dominar por eles.
Preparémonos, daquela, para facer sitio a este hóspede que vai vir á porta do noso corazón. Amañemos a nosa casa, botémoslle unha, dúas, tres... mans de pintura, as que fagan falla, de xeito que nos empeñemos en preparar ben a súa chegada. Pero ollo!!!!!!!!!!!!!: que a cousas non quede só en algo externo; interioricemos, afondemos, sintamos a acollida desta chegada no corazón. Porque se todo se vai reducir a poñer “figuriñas”, árbores ou adornos, ben pouco podemos esperar. Coma Xoán Bautista, poñámonos tamén nós en disposición de prepararnos para que cando chegue Xesús, o Deus que se fai un de nós, se sinta a gusto. Para iso tod@s temos moito que cambiar: as tristezas, indiferenzas, egoísmos, insolidariedades, soberbias, rutinas, inxustizas, despreocupacións... teñen que dar paso a canto nos faga caer na conta de que non son as luces de cores nin a música, senón a chegada de quen nos trae unha mensaxe que nos esperte das nosas preguizas, o que fai que Advento sexa tempo de preparación e Nadal experiencia de gozo, alegría e misericordia.
FRATERNIDADE ORANTE
Poñemos ao abeiro de Deus canto queremos compartir sentíndonos sempre necesitados da súa misericordia, e dicimos xunt@s:
QUE NON DEIXEMOS QUE SEQUE A ÁRBORE DA NOSA VIDA
Pola Igrexa, para que non se deixe arrebatar a esperanza que nos trae Xesús, OREMOS.
QUE NON DEIXEMOS QUE SEQUE A ÁRBORE DA NOSA VIDA
Polas nosas parroquias, para que neste tempo de Advento nos esforcemos por dar froitos de boas obras, sabendo acompañar a quen nos necesita, e non caiamos na indiferenza, OREMOS.
QUE NON DEIXEMOS QUE SEQUE A ÁRBORE DA NOSA VIDA
Para que nós, que hoxe nos reunimos para celebrar a fe, saiamos desta celebración co corazón cheo de gozo e as mans dispostas a facer da axuda savia que reverdeza a nosa vida, OREMOS.
QUE NON DEIXEMOS QUE SEQUE A ÁRBORE DA NOSA VIDA
Que fagamos, Señor, deste tempo de Advento, un tempo no que non teñamos medo a comezar de novo e deixar atrás todo canto sabemos que nos fai persoas tristes, amargadas e infelices. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Señor, dámosche grazas
por canto temos compartido e celebrado hoxe.
A túa Palabra fainos un chamado á conversión,
e o teu pan quere ser alimento para non decaer nesta tarefa.
Que nos sintamos realmente renovados por dentro e por fóra,
de xeito que non camiñemos no soño da virtualidade,
senón na realidade de quen sabe onde pon os pés
e terma de non equivocar de camiño.
Que toda esta tarefa á que nos invitas
aprendamos a facela en comunidade, xuntos e xuntas,
sabéndonos irmáns iguais desde a complementariedade
que nos enriquece e nos fai sentir iguais e diferentes,
preto e lonxe uns dos outros,
superando a tentación de caer na indiferenza,
que sempre fai invisibles as máis pobres, débiles e necesitados.
Grazas, Señor. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...