Ir al contenido principal

6 Domingo Pascua 2017 A


“SAÚDE PARA TI, SAÚDE PARA A TÚA CASA”
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Eu soñei (Nº 58)
LECTURAS: Xesús é Señor (Nº 16)
OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas (Nº 52)
COMUÑÓN: Todos xuntos (Nº 56)

ESCOITA ACTIVA

Hoxe celebramos na Igrexa española a Pascua do enfermo. E facémolo no medio do tempo pascual, tempo de esperanza e alegría; tempo de tenrura e compromiso; tempo de unión e comuñón.
A xornada deste ano invítanos a reflexionar, á luz da encíclica Laudato si do papa Francisco, sobre un feito innegable: hoxe a terra está maltratada e saqueada. Isto chámanos a unha conversión ecolóxica, a cambiar de ruta, asumindo a responsabilidade e a beleza dun compromiso polo coidado da casa común.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a tomar conciencia de que coidando o medio ambiente coidamos a nosa saúde.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Porque nos encanta poñer pesadas cangas sobre os ombreiros dos demais; pero nós non estamos dispost@s a mover un dedo para axudalos a levalas; SEÑOR, ENCHÓUPANOS DE MISERICORDIA.
*      Porque moitas veces non somos quen de descubrir no rostro das persoas enfermas e maiores o teu rostro; CRISTO, ENCHÓUPANOS DE MISERICORDIA.
*      Polas veces nas que a nosa comodidade nos fai esquecer que o tempo compartido coas persoas enfermas é tempo de verdadeira oración; SEÑOR, ENCHÓUPANOS DE MISERICORDIA.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·      Moito temos que aprender das primeiras comunidades!!!!!!!!. No medio das dificultades son capaces de romper rutinas para descubrir a importancia da inculturación da fe: non era cuestión de impor cangas que non entendían nin eran propias dos que acollían a fe e se bautizaban. Son quen, movidos polo Espírito Santo, de superar a súa ríxida formación mosaica para mirar ás persoas cos ollos de Cristo, cuns ollos que van sempre ao fondo da cuestión, obviando trivialidades. Porén, unha rápida visión á nosa vida de fe poñería de manifesto, sen dúbida ningunha, unha actuación absolutamente contraria á daqueles cristiáns e cristiás da primeira fornada. Durante séculos, a Igrexa empeñouse en aumentar as cangas indispensables, en acentuar a diferenza en vez de suavizala. Durante séculos defendemos dogmaticamente ata os detalles máis miúdos que consideramos patrimonio do cristianismo. Durante séculos seguimos gardando a novidade do evanxeo en odres vellos e con buratos polos que escapaba a súa frescura. Durante séculos, dedicámonos a gardar en conserva, a enlatar e conxelar en vez de consumir en fresco e de temporada. Durante séculos puxemos unha parede na que unha e outra vez se estrelaba a creatividade de tantas e tantas persoas que perderon a súa voz en intentos de denuncia. E cando o Espírito Santo, abríndose paso por riba da nosa terquedade, varre todo ese estilo para intentar que recuperemos o que é esencial, desbotando o accesorio, non somos quen de captar o seu paso e revolvémonos con carraxe para tentar conservar, contra vento e marea, o que sempre se dixo, o que sempre se fixo, o que sempre se cumpriu. Samaria, a rexión marxinada e pobre do país de Xesús, a mal vista... tamén recibiu a Palabra grazas ao testemuño de Filipe... por que nós perdemos o tempo xulgando en lugar de investilo dando testemuño? Por que non daremos entendido que cando as tradicións se converten en principios dogmáticos, apágase a frescura da mensaxe?. É indiscutible que precisamos volver ao Evanxeo, tal e como di unha e outra vez o papa Francisco!.
·      Non nos resignemos, pois, a custodiar tumbas baleiras, arquivos cheos de po, códices con balor, reliquias do pasado... O noso é máis ben anunciar que o Señor está vivo. Non obriguemos a buscar a Cristo onde non está. Non invitemos a ninguén a loitar en batallas de imposición e autoritarismo que nada teñen que ver coa súa mensaxe. Non impoñamos ritos, roupas, quendas, normas... que afogan e non teñen vida. Trátase máis ben de crer e sentirnos enviados, porque a resurrección convértenos en testemuñas, misioneiros, anunciadores.... Dar razón da nosa esperanza: velaí o cerne da cuestión.... pero que difícil nos resulta!!!!!!!!!!!. Claro que é moito máis fácil cumprir cunha serie de normas e mandados, sen pensar que comprometer a nosa vida para que así testemuñemos a nosa fe, camiñando pola senda da misericordia e do perdón, dando oportunidades, confiando en Deus e nas persoas.
·      A Pascua do enfermo que hoxe celebramos pode ser un bo inicio para testemuñar desde a esperanza. Tod@s somos conscientes do importante que é a saúde e, cando nos falta, sentímonos desorientados, débiles e pequenos. Necesitamos da axuda de Deus e dos demais. Empecemos hoxe brindándolle o noso tempo, o noso sorriso, a nosa compaña... a quen, ao noso lado, precisa delas.

FRATERNIDADE ORANTE

Desde a confianza e a fidelidade do amor que nos ofreces cada día, presentámosche a nosa oración comunitaria dicindo xuntos:
TI ES A NOSA PAZ E A NOSA FORZA
Pola Igrexa, para que mirándose no espello das primeiras comunidades cristiás, non peche as súas portas a persoas e iniciativas que fomenten a pluralidade, a liberdade e o diálogo, deixando así actuar ao vento de renovación do Espírito, OREMOS.
TI ES A NOSA PAZ E A NOSA FORZA
Polas nosas comunidades, para que aprendamos a querernos sen buscar impoñer o noso xeito de pensar e de facer as cousas ao dos demais, pois Deus dinos que ao seu lado tod@s temos un sitio, OREMOS.
TI ES A NOSA PAZ E A NOSA FORZA
Hoxe, na xornada do enfermo, queremos pedir dun xeito especial por todas as persoas que cangan sobre os seus ombreiros a pesada cruz da enfermidade. Por todos os doentes e polos seus familiares, para que atopen en Deus fortaleza e paz, e en nós a axuda que precisan, OREMOS.
TI ES A NOSA PAZ E A NOSA FORZA
Polas persoas que, con amor e entrega agradecida, dedican o seu tempo, e súa vida e as súas forzas a coidar dos enfermos, OREMOS.
TI ES A NOSA PAZ E A NOSA FORZA
Por cada un e cada unha de nós, para que nunca esquezamos que todos necesitamos de todos; o que nos ten que levar a ser sinxelos e a practicar a humildade, OREMOS.
TI ES A NOSA PAZ E A NOSA FORZA
Acompaña, Señor, esta oración que poñemos diante de Ti, coa confianza de que sempre nos escoitas. PXNS. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Deus Pai-Nai, amigo da vida,
que estás presente en todo o universo
e na máis pequena das túas creaturas,
derrama sobre nós a forza do teu amor.
Deus dos pobres,
axúdanos a rescatar e coidar
ás persoas descartadas desta terra
que tanto valen aos teus ollos.
Sanda as nosas vidas
para que sementemos fermosura,
non contaminación e destrución.
Toca os nosos corazóns
e ensínanos a descubrir
o valor de cada persoa e de cada cousa,
porque todas as persoas somos custodias
da saúde dos nosos irmáns, das nosas irmáns
e da saúde do mundo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...