Ir al contenido principal

Ascensión 2017

QUE SEGUINDO AS TÚAS PEGADAS,CONSTRUAMOS UN CAMIÑO DAS E PARA AS PERSOAS
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
ENTRADA: Ide e pregoade (Nº 55)
LECTURAS: Sede o sal, sede a luz
OFERTORIO: Velaquí (Nº 37)
COMUÑÓN: Quédate Señor connosco (Nº 63)
ESCOITA ACTIVA
Andando cara ao final do tempo de Pascua, a liturxia cristiá invítanos a celebrar a festa da Ascensión do Señor, quen nos lembra constantemente que non podemos quedar mirando ao ceo,pois a inactividade non é unha actitude que nos recoñeza como seguidores de Xesús. Cando recorremos ao falso inxenuo de pensar cousas para que outros fagan, co socorrido: “temos que facer, ide”, caemos no recurso fácil de poñer cangas pesadas sobre os ombreiros dos demais, pero non somos o mesmo de áxiles para actuar, sen medo e buscando a verdade, en favor dos esquecidos da sociedade: maiores, nenos, enfermos, refuxiados, maltratadas.... Por iso, seguindo o camiño que marcou Xesús, correspóndenos hoxe a nós facer do noso actuar unha tarefa comunitaria que supoña non calar ante as, cada vez máis, inxustizas e desigualdades. Que a festa da Ascensión nos mova a ser máis xustos, libres, honestos e xenerosos.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
*      Por mirar demasiado cara ao ceo, esquecendo que ti nos chamas a facer o ben poñendo o corazón e os pés na terra; SEÑOR, QUE TE RECOÑEZA NO ROSTRO DOS IRMÁNS.
*      Por deixar que os medos me convertan nunha persoa insensible diante do sufrimento dos demais; CRISTO, QUE TE RECOÑEZA NO ROSTRO DOS IRMÁNS.
*      Por permitir que o dogmatismo e a intolerancia secuestren o meu corazón de carne, converténdoo en pedra; SEÑOR,QUE TE RECOÑEZA NO ROSTRO DOS IRMÁNS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Neste domingo da Ascensión do Señor, a Palabra que a celebración pon ante nós para que a reflexionemos e convertamos en vida é rica en imaxes e suxestiva en expresións que nos axuden a poñela no vieiro dos nosos pasos cotiáns. De entre toda esta riqueza quizais poderiamos sinalar tres afirmacións que nos van axudar nesta tarefa. Tres afirmacións que non inventamos, senón que entresacamos da cada unha das lecturas.
·      Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade”. O mundo que contribuímos a conformar anda demasiado preocupado por ter solución a todo e para todo. Solución que, ademais, queremos xa, con présa e ás présas, como se as cousas importantes da vida puideran responder de xeito precipitado, esquecendo que necesitan tempo para irse facendo con lentura e quentura de corazón. E nestas présas xogamos demasiadas veces a ocupar o lugar de Deus: queremos sábelo e coñecelo todo, sen esperar a cando sexa o momento oportuno ou a situación concreta. Por que non nos damos tempo e nos poñemos a facer as cousas pensando en todo o bo e fermoso que imos atopando no camiño; gozando de canto imos vendo e descubrindo, no canto de perder toda esta riqueza pola présa, tantas veces rematada en insatisfacción, coa que deixamos atrás as cousas importantes: as persoas que atopamos, e as situacións nas que viven? Non é nin necesario nin importante xogar a querer ser coma Deus. Chéganos, vaia se nos chega!, con esforzarnos en ser como os humanos: sensibles, solidarios, fraternos, xustos, ledos, empáticos, preocupados polos demais... e seguro que se este é o noso esforzo, comezaremos a entender quen é Deus e como quere que nós sexamos.
·      Que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades as esperanzas que abre a súa chamada”. Se queremos seguir por este camiño, as palabras da segunda lectura dannos a clave desde a que ir desenvolvendo esta tarefa: deixarnos guiar polo proxecto de amor de Deus. Un proxecto que non se asenta no dogma nin no recurso ao Dereito canónico, senón no deixarse enchoupar pola súa tenrura. Si, a tenrura, non a ira, como tantas veces se nos ten dito e desde a que se nos ten tamén amedrentado. Porque desde a mirada que Deus pon ao noso dispor, somos invitados a percibir o mundo, as persoas, as debilidades de cada un e os esforzos de moitos, dun xeito distinto: ledo e esperanzado. Canta alegría e esperanza nos falta na vida! Cantas oportunidades temos deixado pasar debido ao noso derrotismo, ás nosas teimas ou á pobreza na que temos estreitado a fondura da Palabra de Deus!
·      Anque algúns dubidaban”. Pero desde a mirada de Deus nunca é tarde, por iso volve, unha e outra vez, a darnos novas oportunidades. E inda que aparezan dúbidas e falte confianza; inda que acomodemos a fe ao noso “conforto egoísta e insolidario”; inda que fagamos da dúbida permanente escepticismo baleiro que non nos deixa avanzar por camiños de encontro, humanidade, superación e igualdade, El segue a estar con nós. E se nós camiñamos dubidosos, El pon a pegada forte para que non nos perdamos nin teñamos medo, porque, inda que moitas veces non sexamos capaces de percibilo, nunca “camiñaremos solos”.
FRATERNIDADE ORANTE
Invitados a ser sal e luz co noso actuar no medio do mundo, dicimos xunt@s:
SEÑOR, QUE APRENDAMOS A MIRAR AO CORAZÓN DAS PERSOAS
Para que nos esforcemos por ser unha Igrexa en saída: esperanzada, traballadora, activa, alegre e solidaria, OREMOS.
SEÑOR, QUE APRENDAMOS A MIRAR AO CORAZÓN DAS PERSOAS
Para que construamos parroquias que esquecen o rancor e fan da colaboración o eixe do seu actuar e vivir cotián, OREMOS.
SEÑOR, QUE APRENDAMOS A MIRAR AO CORAZÓN DAS PERSOAS
Para que afincando ben os pés no chan, traballemos por levar tenrura, sorriso, agarimo e esperanza a tantos corazóns tristes e magoados que viven ao noso lado, OREMOS.
SEÑOR, QUE APRENDAMOS A MIRAR AO CORAZÓN DAS PERSOAS
Señor, que non caiamos nunha oración guiada polo costume, a rutina e a falta de ilusión, senón que, aprendendo de ti, fagamos da oración de cada día motor dun actuar activo e preocupado por servir ás persoas. PXNS. Amén.
MIRADA DIFERENCIADA
E desde os vieiros que Xesús nos invita a seguir, deixándonos acompañar pola palabra profética do Papa Francisco, pedímoslle ao Señor que nos dea azos para camiñar cada día na loita contra a indiferenza que nos afasta das persoas e non é capaz de aquecernos o corazón.
Que fagamos da nosa vida un decálogo de servizo e acollida que poña sempre os pés no chan, a mirada no irmán e o corazón en Deus:
1) Vive e deixa vivir.
2) Non peches a vida en ti mesmo, date como servidor aos demais.
3) Que a túa palabra non sexa lume, senón brisa.
4) Non fagas da vida unha carga pesada, senón un xogo de xenerosidade.
5) Fai do domingo día do Señor, que te leve a escoitar, acoller e celebrar.
6) Non peches a man nun puño, ábrea cara quen poida necesitala e collela.
7) Fai da natureza o salón da túa casa que coides, goces e compartas.
8) Non deixes que o rancor ocupe espazo no teu corazón.
9) Converte a túa palabra en alento, ánimo e misericordia.
10) Busca a paz. E non esquezas que esta non se espera,faise no camiñar de cada día.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...