Ir al contenido principal

13 Domingo TO A 2017

NA SOCIEDADE LÍQUIDA E INDIVIDUALISTA, APRENDER A MIRAR AOS OLLOS, TENDER A MAN A QUEN ESTÁ SÓ E ACOMPAÑAR A QUEN BUSCA O SEU CAMIÑO, SUPÓN TOMAR EN SERIO A INVITACIÓN DO DEUS PAI/NAI QUE FAI DA TENRURA SINAL DA SÚA PRESENZA E IDENTIDADE
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Eu soñei (Nº 58)
  • LECTURAS: Escoita ti (Nº 6)
  • OFERTORIO: Non vou so (Nº 60)
  • COMUÑÓN: Acharte presente na vida (Nº 51)

ESCOITA ACTIVA

Escoitamos moitas veces a palabra acoller. Políticos, empresarios, sindicalistas, eclesiásticos, profesores, xornalistas... non deixan de pronunciala constantemente. Pero, preguntémonos: é só palabra ou está chea de contido?. Porque se só é palabra, convértese en algo baleiro e sen sustancia; pero se o que queremos é darlle contido, enchela de sentido, supón que temos que pasar do teórico ao real e práctico. Practiquemos logo, de verdade e sen a mentira da linguaxe, a acollida que fai que os demais sexan recoñecidos como persoas e non como obxectos que se compran con cartos. Que a nosa mirada non se pare na indiferenza, senón que escrute a necesidade de recoñecer ao outro/a como un igual. E como dicimos sempre: O que non queiras para ti, non llo fagas aos demais.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Por non saber acoller nin escoitar a quen se achega a nós buscando ser tratado con respecto e cariño; SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DO NOSO MIRAR INDIFERENZA.
*      Por non esforzarnos en vivir a fe como un camiño de esperanza, deixándonos levar pola costume e a rutina; CRISTO, QUE NON FAGAMOS DO NOSO MIRAR INDIFERENZA.
*      Por darlle as costas a quen buscaba en nós axuda e consolo; SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DO NOSO MIRAR INDIFERENZA.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·      Case sen darnos conta, a indiferenza vai ocupando lugar na vida e no corazón de moitas persoas. Mesmo pode tamén ocupar sitio en nós. A forza de escoitar sempre falar de mortes, abusos, acosos, maltratos... podemos acabar escoitando palabras pero sen que estas nos fagan pensar e cuestionar a nosa maneira de comportarnos, actuar e facer as cousas; e a necesidade de desanestesiarnos. Pode ocorrer que, como se non nos deramos conta, a indiferenza se vaia instalando na nosa vida; na nosa maneira de mirar a realidade e de achegarnos aos demais. Pásanos isto? Non sería bo que, entre tanta présa,  pararamos e analizaramos que é o que nos guía na vida, onde están os nosos obxectivos ou que é o que nos move e ilusiona cada mañá ao erguernos da cama? Estamos tan habituados a recibir imaxes e escoitar noticias, que xa nada nos impacta nin nos fai cuestionar cal é a nosa posición ante as situacións e realidades do mundo do que formamos parte. Saber parar e preguntarnos é un xeito de activarnos e plantexarnos retos que impidan que a vida sexa para nós un simple pasar o tempo: días, meses, anos... acumulando pesimismo e baleiro interior. Preguntémonos, a modo de estímulo persoal: quero que a miña vida sexa así?
·      Non podemos ignorar que confesarnos cristiáns no mundo de hoxe xa non pode ser unha cuestión de costume ou tradición, senón que ha ser unha decisión persoal –opción- que se manifeste no noso xeito de mirar a realidade e abordar os retos que esta realidade nos presenta. Xa quedou atrás, iso non deberiamos esquecelo, o tempo no que todos eramos católicos por decreto ou recibiamos os sacramentos porque, "sempre se fixo así".O que toca hoxe son as decisións libres e persoais. As decisións sobre ser ou non crente non poden vir marcadas polo que outros decidiron cando eramos pequenos, senón que teñen que ser froito do que nós queremos e estamos dispostos a levar adiante sen medo a presións aquí e agora, hoxe. Paulo xa llo dicía a aqueles primeiros cristiás da cidade de Roma ao manifestarlles que o bautismo é marca e ábrenos unha xeira nova, estimulante, e sempre activa na vida de cada un/ha de nós. Confesar a fe non se reduce a pasar tempo dentro dos templos ou a realizar prácticas de piedade desconectadas da vida. A confesión da fe, o seguimento de Xesús, necesita da realidade do que facemos, e como o facemos, na nosa vida para poder ser acreditadas e testadas. Se buscamos enfrontamento, se somos incapaces de dicir algo bo dos veciños, se mentimos para xustificar os noso propios interese, se... non podemos dicir que somos cristiáns e que de verdade o bautismo ten deixado pegada en nós. Por iso, como Paulo naquel tempo, tamén hoxe o papa Francisco insiste unha e outra vez, que o noso cristianismo non é de pasarela nin de estudio fotográfico –autorreferencialidade-, senón de coherencia e compromiso por facerlle a vida mellor aos demais, o que significará que estamos dispostos a facer da felicidade non un momento, senón a tarefa de cada día.

·      E a clave disto témola nas palabras de Xesús no evanxeo de hoxe. O amor non é pecharse na zona de conforto que non nos urxe a coñecer máis e mellor o evanxeo nin a traballar buscando que as cousas, entre tod@s, crentes ou non, disipen o neboeiro que tantas veces cubre a nosa sociedade de envexas, xenreiras, violencia, mentiras, autoxustificacións... aparencia (teatralidade). O noso paso polo mundo é efémero; e non depende dos anos, senón da capacidade de darlle á vida sentido que nos leve a saír de nós mesmos para poñer o noso pequeno gran de area na construción dunha sociedade, dunha parroquia, dunha familia cada día un pouco máis feliz, máis xusta e máis igualitaria. Se así o facemos, estamos acollendo de verdade a Xesús, e todo o que El trae, dentro de nós. E deste xeito a fe terá sentido e será verdadeiramente estimulante, a pesares das cruces coas que nos vaiamos atopando no noso camiño persoal e comunitario. Ou acaso non dicimos que nel poñemos a nosa esperanza? A recompensa, fonte do que di a visión neoliberal contra a que temos que loitar constantemente, non está no material, senón na alegría interior de quen sabe que fixo o que debía.

FRATERNIDADE ORANTE

Recuperemos a ledicia de rezar xuntos, de sentírmonos comunidade estimulada pola oración confiada e sincera dicindo xunt@s:
GRAZAS, SEÑOR, POR FACER DA ORACIÓN ALIMENTO DA NOSA ESPERANZA
  • Pola Igrexa, para que non ignore nunca que en toda persoa Deus puxo dignidade e igualdade, o que nos esixe a todos os crentes saber respectar e non violentar nin ignorar a quen nos necesita; OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR FACER DA ORACIÓN ALIMENTO DA NOSA ESPERANZA
  • Para que as nosas parroquias sexan verdadeiramente misioneiras e saian da rutina de reducir a fe á celebración do domingo ou á participación en enterros, bautizos e festas; OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR FACER DA ORACIÓN ALIMENTO DA NOSA ESPERANZA
  • Por cada un e cada unha de nós, para que saibamos ter un corazón con capacidade de acoller e non criticar; de perdoar e non odiar; de practicar a misericordia no canto da indiferenza; OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR FACER DA ORACIÓN ALIMENTO DA NOSA ESPERANZA
Da túa man, Señor, deixámonos acompañar, para que a nosa vida sexa verdadeiro encontro de irmáns ilusionados na tarefa de acoller e perdoar. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA
Feliz quen coida do coitado:
no día da calamidade librarao o Señor.
O Señor gardarao, conservaralle a vida,
farao feliz sobre a terra
e non o entregará ó capricho do inimigo.
O Señor socorrerao no leito da dor,
aliviarao na súa enfermidade.

Eu digo: -"Señor, ten compaixón de min,
sándame, que teño pecado contra ti".
Os meus inimigos agóiranme o peor:
-"A ver se morre e se perde o seu nome".
Se algún me vén ver, finxe,
garda nos adentros cousas de malicia,
para pregoalas ó saír...
 Pero ti, Señor,
ten compaixón de min e ponme en pé,
para que poida pagarlles.
Nisto saberei que teño o teu favor:
que o meu inimigo non cante vitoria sobre min.
Se eu estou san, é que ti me sostés
e mantesme sempre diante de ti. (Sal. 41)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...