Ir al contenido principal

16 domingo TO A 2017

NON HAI XUSTIZA SEN HUMANIDADE, NON O ESQUEZAMOS

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Non vou so (Nº 60)
LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 54) 
OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
COMUÑÓN: Acharte presente na vida (Nº 51)
ESCOITA ACTIVA
Unha das frases da primeira lectura de hoxe dinos que “ao xusto lle cómpre ser humano”. Nestas seis sinxelas palabras, atopamos unha estupenda síntese na que poderiamos resumir a fe cristiá. Si, porque a salvación da que tantas veces falamos en abstracto non ten outra concreción que a capacidade que nós teñamos de ir facendo visible a xustiza de Deus e o recoñecemento da humanidade no actuar en relación cos demais. Só deste xeito poderemos poñerlle rostro e sentido ás palabras. Do contrario non faremos máis ca teatro e poesía, pero non estaremos respondendo á gozosa chamada á construción do Reino que nos fai Xesús. 
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Porque nos falta capacidade para agarimar e nos sobran miradas que nos distancian e xulgan; SEÑOR, QUE SEXAMOS MÁIS HUMANOS.
Porque somos xusticeiros, pero non xustos; CRISTO, QUE SEXAMOS MÁIS HUMANOS.
Porque somos de oído duro e man pechada; SEÑOR, QUE SEXAMOS MÁIS HUMANOS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
• Non ser capaz de acadar a perfección, non acertar en moitas das decisións que tomamos, coller camiños equivocados na vida… son algunhas das maneiras de poñer de manifesto que os seres humanos estamos cheos de limitacións. Sabelo e aceptalo é signo de madurez e responsabilidade. Non telo en conta non é máis que un xeito de expresar que nos falta fondura humana e capacidade de empatía para cos demais. Porque quen non é consciente da propia limitación, dificilmente vai ser capaz de ver, e moito menos de entender, e non digamos nada de axudar, a quen se ve incapaz de realizar calquera tarefa. Sabernos pequenos e necesitados dos demais, afasta de nós a tentación da autosuficiencia, e polo tanto da soberbia. Nunha palabra: fainos sentir humanos. De aí que o libro da Sabedoría nos invite a profundar nesta idea: só quen sabe que necesita arrepentirse é capaz de abranguer os retos que se propoña. Nun mundo no que moitas veces non distinguimos o núcleo da casca, o fundamental do accesorio, temos que saber dar razón da nosa esperanza camiñando neste binomio xustiza-humanidade ao que se nos invita neste domingo. 
• Para non sentírmonos solos neste esforzo por deixar atrás a tentación da soberbia e da autosuficencia e así poder ir desenvolvendo este proxecto de Deus artellado no binomio xustiza/humanidade, Paulo lémbralles aos romanos, e tamén vale para nós hoxe, que nunca estaremos ao pairo. Deus, que é Pai-Nai cheo de agarimo e preocupación polos seus fill@s, fainos o mellor dos agasallos: o Espírito Santo, que sabe estar, agarimar, alentar, acompañar os moitos camiños que ao longo da vida imos percorrendo. Unha vez máis, e non deberamos cansar de repetilo e asumilo, non estamos solos. O Deus cuxa fe profesamos non nos deixa nin nos cambia por outr@s, senón que nos acolle e nos invita a agocharnos ao seu carón.
• Dispostos sempre a deixarnos agarimar por este presenza, ben seguro que atoparemos os folgos necesarios e suficientes para ir sabendo distinguir o xoio do trigo. Necesitamos organizar e aprender a descubrir o importante e o que non o é, aínda que estea moi de moda e o fagan tod@s, converténdose en viral. Distinguir o que humaniza do que escraviza non sempre é fácil, por iso é tan importante formarnos, coñecer e diferenciar, para non confundirnos nin deixarnos ir como arrastrados por quen berra máis, manipula mellor ou aparece máis veces na TV. Non porque unha cousa se diga, se vexa ou repita moitas veces se converte en boa se non o é. Na vida, xoio e trigo van camiñando tan á xunta que moitas veces, se non poñemos a atención debida, poden confundirse.
FRATERNIDADE ORANTE
Porque queremos ser herba boa e camiñar construíndo comunidades xustas e solidarias, compartimos xuntos a nosa oración e dicimos: 

SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS

• Para que na Igrexa nunca deamos amparo ás herbas malas que enrarecen a vida da comunidade e a fidelidade á mensaxe de Xesús, OREMOS. 

SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS

• •Para que non deixemos que no medio das nosas comunidades medre o xoio da desunión, a envexa, a soberbia e o desprezo, OREMOS.

SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS

• Para que na nosa vida persoal non deamos entrada a canto mata a frescura dunha fe que nos chama a construírnos desde a paz, a xustiza, o respecto de uns polos outros e a igualdade, OREMOS.

SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS

Axúdanos, Señor, a afastar de nós e das nosas comunidades as herbas malas que contaminan a nosa fe e confunden as actitudes que nos propós como tarefa para facer das nosas casas, parroquias e países ámbitos de sinceridade e amor fraterno. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

Ti es, Xesús, a primeira semente do reino de Deus.
Ti es a primeira árbore, o primeiro lévedo.
O reino de Deus vén contigo.
Se che damos fe,
nós tamén seremos reino de Deus.
E medraremos.
E teremos sitio para todas as persoas que veñan.
E fermentaremos.
E faremos fermentar a todas as persoas que atopemos.
Medrará na escuridade a túa semente dentro de nós,
con toda seguridade.
E medrará nos nosos compañeiros.
E sementaremos, tod@s xunt@s,
contigo,
unha semente,
unha semente co teu nome no campo do mundo.
E será a terra,
por nós,
un pouco máis que antes, Reino de Deus.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...