Ir al contenido principal

25 Domingo TO A 2017


A VIDA PODE SER UN SOÑO; PERO NUNCA UN TEATRO ONDE A REPRESENTACIÓN ESQUECE QUE O AUTOR PRINCIPAL NON É O TRIUNFO, SENÓN SABER DAR TESTEMUÑO DE SOLIDARIEDADE REAL E CONCRETA QUE PON Á PERSOA, SEN TEATRALIDADE, NO CENTRO
Descarga o ficheiro


CANTO GOZOSO
ENTRADA: Con ledicia (Nº 5)
 LECTURAS: A túa Palabra (Nº 25)
OFERTORIO: Pan do ceo (Nº 53
COMUÑÓN: Non vou so (Nº 60)
ESCOITA ACTIVA
Nesta mañá na que o Señor volve convocarnos para compartir este momento de comuñón e encontro comunitario, dispoñámonos a afastar do noso pensamento e do noso xeito de comportarnos, todo canto non deixa que vivamos como un verdadeiro gozo o noso sermos cristiáns e cristiás. Porque se só pensamos en nós e desde nós, estamos a deixar de lado ás persoas. Persoas que sofren incomprensión ou son maltratadas; persoas ás que ninguén lles fai caso nin presta atención; persoas excluídas e doloridas pola exclusión á que son sometidas sen que elas poidan dicir nada; persoas, nunha palabra, que non acaban de entender por que tantas veces se lle di que son e posúen dignidade, cando a vida, e o que con eles fan, lles demostran todo o contrario.
Que a nosa celebración nos faga tomar conciencia de que, se non nos movemos na súa defensa, a nosa indiferenza colabora tamén a que esta situación inxusta se siga a prolongar.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
*       Por medir o noso tempo desde a busca de poder e non desde o servizo; SEÑOR, QUE O MEDO NON NOS IMPIDA TESTEMUÑAR A LEDICIA DA FE.
*       Pola nosa falta de ilusión e esperanza para cambiar canto fire, ignora ou invisibiliza ás persoas; CRISTO, QUE O MEDO NON NOS IMPIDA TESTEMUÑAR A LEDICIA DA FE.
*       Por deixar que a indiferenza nos faga insensibles á dor e á inxustiza na que viven tantas persoas no noso mundo; SEÑOR, QUE O MEDO NON NOS IMPIDA TESTEMUÑAR A LEDICIA DA FE.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·        Cantas veces temos deseñado proxectos, plans, obxectivos... sen caer na conta de que, sendo importante ter horizontes que nos ilusionen e nos ofrezan unha razón para non deixarnos superar polos problemas e dificultades, esquecemos o máis fundamental: somos limitados, para un tempo, falibles, débiles e todo canto, con sinceridade, queiramos poñer desde o realismo para expresar que a omnipotencia non é unha calidade que teñamos as persoas. Pero como diciamos, a nosa memoria é fráxil e rapidamente esquecemos como e quen somos. A primeira lectura de hoxe, a do profeta Isaías, invítanos a poñer o pés no chan cando pensamos, proxectamos e facemos, de xeito que asumindo a propia realidade de cada un/ha, poidamos seguir ilusionándonos e esperanzándonos tal e como somos. Coas nosas cousas boas, que tod@s as temos, e coas nosas limitacións e deficiencias, que tamén tod@s compartimos. Saber camiñar nesta liña esíxenos ter sempre os ollos abertos, os oídos en actitude de atención e a mente fría para nos deixarnos engaiolar por abstraccións que entreteñen pero que non responden ao realismo co que debemos comportarnos cada día. Busquemos, entón, pero fagámolo de verdade, mesmo deixando, sen escapar Del, que nos atope. Porque nel podemos descubrir o camiño que nos vai guiando na busca do que nos alenta e anima cada día e todos os días.
·        As parábolas supoñen en Xesús unha nova linguaxe, un xeito de facerse comprender, a maneira de mostrar cercanía e capacidade poñerse no lugar e ao nivel de cantos o seguían e escoitaban. Tamén hoxe a Igrexa necesita volver ao evanxeo e facer da linguaxe non medio de superioridade e afastamento do que senten e viven as persoas, senón o xeito de anunciar a Cristo, a súa mensaxe, o seu xeito de construír compromiso social e testemuño crible do seguimento de quen debe ser o centro das nosas vidas. De aí que non haxa que ter medo á renovación, ao cambio, a darlle ás persoas a capacidade de tomar decisións sen que ninguén as tutele ou marque. E para iso a linguaxe é elemento fundamental ao que prestarlle atención. Porque como acabamos de escoitar no evanxeo, as cousas non son como se ven desde fóra, senón que é necesario coñecer todos os aspectos que as conforman, evitando xuízos, moitas veces inxustos e apresurados, sobre as persoas e o seu xeito de actuar e manifestarse. Camiñemos na creatividade dunha presenza da Igrexa, e polo tanto dos cristiáns, no medio do mundo, desde a utilización de novos medios e  formas de facer que evanxeo siga a resoar nos corazóns e vidas de cantos buscan ser escoitad@s, acompañados; sabendo que inda que cambien os medios segue a ter a mesma forza para alentar e esperanzar a cantos o seguen/mos.
FRATERNIDADE ORANTE
Deus, como administrador xusto e xeneroso, acolle canto poñemos ao seu abeiro de xeito comunitario, por iso dicimos xunt@s:
QUE CAMIÑEMOS NA FIDELIDADE Á TÚA PALABRA, SEÑOR
o   Para que sexamos unha Igrexa en saída, que se fai comprender e que traballa desde, por e cos excluídos, os pequenos e esquecidos; OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA FIDELIDADE Á TÚA PALABRA, SEÑOR
o   Para que as nosas comunidades cristiás sexan verdadeiros berces onde saibamos agarimar e nos sintamos agarimados cando nos necesiten e o necesitemos; OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA FIDELIDADE Á TÚA PALABRA, SEÑOR
o   Para que nós non nos adaptemos ás linguaxes que só saben moverse no dogmatismo ou na superficialidade, senón que traballemos por poñer sempre no centro do que fagamos ou decidamos ás persoas, non a rendibilidade ou o interese material; OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA FIDELIDADE Á TÚA PALABRA, SEÑOR
Grazas, Señor, por darnos a oportunidade de compartir este momento de oración comunitaria na que nos vemos reflectidos cantos nos esforzarmos por seguir as túas pegadas. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DIFERENCIADA
NON TEN PREZO
O servicio desinteresado.
O consolo e alento recibido.
O regalo da escoita atenta.
O xesto de recoñecemento.
O sorriso aberto.
A verdade sen aparencia.
A discreta e humilde actitude.
A amizade na dificultade.
O respecto á dignidade.
A comprensión e alento.
O apoio ao fráxil e débil.
Dar a cara polo inocente.
Erguer a voz ante a inxustiza.
Obrar con honestidade.
Saír en defensa da Verdade.
Deixar os prexuízos e os medos.
Non aceptar adulacións nin subornos.
Ser íntegro nas palabras e xestos.
Non venderse a ningún prezo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...