Na grandeza do
corazón que sabe acoller, descubrimos a forza da túa presenza en nós
Descarga o ficheiro
SINAL DE CORESMA
Neste 5º e
derradeiro domingo da Coresma deste ano, a pedra/póla ennegrecida que temos que
sacar do noso corazón é a da SUPERFICIALIDADE.
Achegarnos á realidade da vida e das cousas que nos pasan cada día de xeito
periférico e sen comprometernos, fai que acabemos percibindo a realidade de
maneira distorsionada, sen responder ao que son as cuestións e situacións
reais. Pero a vida non é superficial, o que nos pasa, o que facemos ou deixamos
de facer inflúe en nós e naquelas persoas coas que nos relacionamos. Por iso
esta actitude frívola da superficialidade leva a que non afondemos no que
verdadeiramente é importante. Nesta maña, encarando xa o camiño da Semana
Santa, preguntémonos se na vida buscamos o importante e o profundo, ou somos
dos que nos autoenganamos vendo só as cousas desde fóra e segundo a nosa
comenencia.
CANTO GOZOSO
o
ENTRADA:
Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
o
LECTURAS:
Camiñarei na presenza do Señor (Nº 12)i
o
OFERTORIO:
Señor da mañá e da tarde (Nº 131)
o
COMUÑÓN:
Xesús chamado amigo (nº 89)
PARA NON PERDER O PASO
Na linguaxe relixiosa, cando nos
referimos ao corazón queremos expresar que estamos a falar de cuestións
importantes, fundamentais para a vida. O corazón é referencia de amor, de
sensibilidade, de presenza de Deus, de capacidade de encontrarnos, de acompañar
e que nos acompañen. Desde o corazón expresamos a nosa sensibilidade ou insensibilidade
–dicimos corazón endurecido ou corazón que latexa-. Dispoñamos logo o corazón
para participar desta celebración, poñendo o mellor de cada un/ha para que
canto hoxe celebremos nos axude a saír deste encontro ledos e con gañas de
levar sorriso e acougo a quen sabemos que o necesita e nos necesita.
CO CORAZÓN FERIDO
· Por
non traballar cada día por apartar de nós nin o desprezo nin a soberbia
respecto aos demais; SEÑOR, QUE NON
SEXAMOS SUPERFICIAIS NO IMPORTANTE.
· Por
non deixar que a túa palabra ilusione, anime e alente a nosa vida; CRISTO, QUE NON SEXAMOS SUPERFICIAIS NO
IMPORTANTE.
· Por
non poñer esforzo para deixar atrás as pedras ennegrecidas que tanto nos pesan
e tanta tristura nos traen; SEÑOR, QUE
NON SEXAMOS SUPERFICIAIS NO IMPORTANTE.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
A
Alianza marca todo o proceso que se vai desenvolvendo na relación con Deus ao
longo da vida. Un compromiso de fidelidade no que Deus toma a iniciativa e os
demais imos respondendo coa acollida da súa palabra e a súa concreción por
medio de actitudes e comportamentos co que imos facendo cada día. Xeremías pon
en boca de Deus que esta Alianza non é unha cousa calquera á que un se achega
ou descubre rutineiramente, senón que marca un cambio a unha relación cun Deus
persoal e comunitaria que imos incorporando á vida e a canto imos facendo. Non
imos de xeito illado e individualista, senón que somos pobo e camiñamos xunt@s.
E desde a individualidade de cadaquén concretamos e desenvolvemos a nosa
resposta ao seguimento do Deus que nos chama, e faino polo noso nome. Por iso é
un dobre compromiso de esixencia e fidelidade. A Alianza da que nos fala o
texto que hoxe temos escoitado non queda na superficialidade, non é algo sen
importancia, senón que marca, enchóupanos e lévanos a percibir a relación con
Deus, e desde El co mundo, doutro xeito. Supón implicarnos no que pasa ao noso
redor, preocuparnos do que lle está a ocorrer aos homes e mulleres que
conformamos o mundo, comprometernos en cambiar estruturas que co paso do tempo
se van viciando e esquecendo que o seu xurdir é en función do ben e da
felicidade das persoas, e non unha presión que as aprisiona. Todo isto é o que
se esforza o profeta en facerlles ver aos membros do pobo, para que non pasasen
polo mundo sen que este lles rozara. Facer lío, como nos lembra tantas veces
Francisco, vén sendo o mesmo que, con outras palabras e no nome de Deus, lle
dicía Xeremías aos membros do pobo de Israel, e tamén nos di hoxe a nós. E
nesta relación tomamos conciencia de que El é o noso Deus e nós os seu pobo. É
dicir con El e desde El imos facendo do mundo Casa común.
Unha
Casa común que renova o corazón, que non deixa que se endureza ata volverse
insensible, que non quere que permaneza na equidistancia de quen nin se achega
aos problemas nin se preocupa de nada máis que de si mesmo, como se ao redor
fósemos únicos e superiores a todo/s os demais. Se non superamos esta tentación
de superioridade nunca sentiremos nin experimentaremos a alegría de sabernos
salvados en Cristo e desde Cristo. A salvación produce alegría porque o que
busca non é transportarnos ao máis alá, senón asumir radicalmente o máis acá
como lugar de presenza e manifestación de Deus. Facer dos "sinais dos
tempos" experiencia de humanización e fondura na relación duns cos outros.
Deixémonos logo renovar desde o espírito firme do Deus que non nos esquece,
senón que se entenrece, non por nós, pero si con nós, como ben nos di o texto
aos Hebreos que tamén temos escoitado hoxe.
Dar
o paso dunha fe que se envolve, sen saír nunca deles, en rezos e máis devocións
afastadas da nosa realidade a unha fe que desde o rezo descubre a necesidade de
poñela ao servizo do ben común e da transformación humanizadora do noso actuar,
supón e esíxenos un plus de compromiso e esforzo que non sempre estamos
dispostos a dar. Dun xeito ou outro, sentímonos moito máis cómodos, instalados
quizais, nos nosos costumes que non cuestionan nin o que facemos nin o que
ocorre ao noso lado, pero que co paso do tempo vannos afogando no sensentido de
prácticas desconectadas da vida e da invitación que a Palabra de Deus nos fai
de non deixarnos abater polo desánimo e a inanición. Por iso, como ben nos di o
evanxeo de hoxe, temos que morrer a nós mesmos. Non nun morrer físico, senón un
morrer á acomodación, á preguiza, á comodidade, ao fácil, ao conforto no que
tantas veces nos movemos/caemos, para nacer ao risco por cambiar, por
cuestionar o de sempre, por non deixarnos levar da rutina na que temos metido a
Deus; para que nos poñamos en actitude de confesalo esforzándonos por dar
resposta aos retos que o ser crente no medio do mundo hoxe nos pide. E aí e
desde aí, iremos comezando a construír a eternidade dunha vida que nós queremos
ao lado deste Deus compañeiro de camiño.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Poñamos
o nos corazón nas mans de Deus, acheguémoslle a nosa oración para compartila
xunt@s e dicirlle:
QUE DEIXEMOS
ENCHOUPAR O CORAZÓN POLA TÚA PALABRA
Para
que todas as persoas que conformamos a Igrexa aprendamos a mirar a realidade
coa fondura que nos leva a achegarnos ao mundo con ollos que non xulgan, senón
con palabras e oídos que acollen e escoitan, OREMOS.
QUE DEIXEMOS
ENCHOUPAR O CORAZÓN POLA TÚA PALABRA
Polas
persoas que hoxe estamos a poñer o mellor de nós para que esta celebración sexa
leda, participativa e verdadeiramente universal, nos esforcemos por facer das
nosas accións e das nosas palabras non dardos ferintes, senón bálsamo que
refresca, deixando enchoupar o corazón pola túa palabra; OREMOS.
QUE DEIXEMOS
ENCHOUPAR O CORAZÓN POLA TÚA PALABRA
Para
que esta coresma nos estea a axudar a poñer a mirada na tarefa que tod@s temos
de rezar e tenderlle as mans a cantos nos poidan necesitar, para levarlles a
frescura e o sorriso fondo e transformador do actuar de Xesús; OREMOS.
QUE DEIXEMOS
ENCHOUPAR O CORAZÓN POLA TÚA PALABRA
Señor, que a oración
comunitaria que agora compartimos nos axude a poñer a nosa mirada e o noso
esforzo en cambiar canto descubrimos que non aleda senón que entristece a quen
o sofre. PXNS. Amén.
PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
Xesús non usou
os mandamentos para controlarnos ou dominarnos; senón que os ofrece como un
camiño cara á verdadeira felicidade. A súa única intención é que “a súa alegría
poida vivir en nós e que esta alegría poida ser completa” (Xoán 15-11). O selo
dun verdadeiro cristián é sen dúbida a alegría. Non ten sentido intentar amar
aos outros, sen que primeiro confiemos no moito que nós somos amados. Así é como
Xesús foi dicindo: “Como o Pai me ten amado a min, así vos amo eu a vós”.
Necesitamos permanecer no amor de Xesús para así aprender como debemos amar aos
demais.
Comentarios