Ir al contenido principal

Celebración penitencial Coresma 2018


Celebración Penitencial de Coresma 2018
Canto.- EU sei de quen me fiei
No nome do Pai…

Saúdo
      Sabemos de quen nos fiamos, cantabamos no comezo desta celebración. Non é esta unha frase feita ou retórica, senón  un compromiso de confianza e acollida do amor de Deus na nosa vida.  El ofrécenos o seu perdón dándonos novas posibilidades de deixar atrás canto co noso xeito de actuar ten producido dor e tristura nos demais.
      Ao longo da coresma fomos reenchendo o sinal que nos axudaba a ver a necesidade de cambiar de palabras que se nos mostraban coma rochas que non nos deixaban avanzar ata a rbora da esperanza, Cristo resucitado. Así, palabras como comercio, vulgaridade, aparentar, ofender e superficialidade servíronnos de lóstregos para mirar ao noso interior e recoñecer que estamos necesitados de cambio, de deixar atrás actitudes que nin axudan nin nos axudan a achegarnos  a Xesús.
 Para Deus nunca é tarde para volver comezar, para volver atrás, para recoñecer que necesitamos da súa compaña e do seu perdón; El é misericordia, e desde ela convídanos esta tarde a revisarnos para saír desta celebración renovados e dispostos a vivir a próxima Semana Santa con sentido verdadeira e plenamente cristiáns.


Proclamación da Palabra

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

E Xesús saíu para o Monte das Oliveiras. Pero á alborada, presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; el sentouse e empezou a ensinar.
       Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e medio e preguntáronlle:
- Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. Moisés, na Lei, mandounos apedrar a esta xente. Ti que dis?
Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:
- Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra, E, abaixándose outra vez, escribía na terra. Pero eles, ó que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio. Ergueuse entón e preguntoulle:
- Muller ¿onde van? ¿Ninguén te condenou?
  Ela respondeulle:
- Ninguén, Señor.
Díxolle Xesús:
 - Tampouco eu non te condeno: vaite e desde agora non peques máis.


                        Palabra do Señor. Gloria a Ti, Señor Xesús.
Canto.-  Deixate querer ( 61).

Remoendo
·      Non hai moito celebramos tamén a experiencia de perdón para  dispor a vida  a participar da acollida e da alegría do Deus Neno. O Advento era a porta que nos ía levando cara o Nadal. Pero xa quedou atrás, e daquela ata a aquí descubrimos que hai cousas das que necesitamos pedir perdón; que moitas das nosas actitudes endureceron de tal xeito o noso corazón que xa non é posible que por el pase o sangue renovador da misericordia de Deus. E non é posible, non por culpa Del, senón por nós. Porque nos imos pechando nas nosas teimas, nos nosos retrousos, nas nosas faltas de sensibilidade para cos demais que por moito que El nos siga tendendo a man, non estamos dispostos a collerlla. Por iso estamos aquí hoxe, porque para El nunca é tarde, sempre hai unha segunda, terceira, cuarta... vez para achegarnos e sentir o agarimo da súa tenrura en forma de perdón.
·      Non cansa de dicirnos, como lle dicía á muller á que todos querían apedrar: eu non te xulgo/ condeno. Se El non o fai, por que nós si? Quizais puidera ser porque  non acabamos de deixar que a forza da súa palabra entre con fondura en nós e nos deixemos cambiar por ela; quizais poida ser tamén porque a dureza das rochas que hai no corazón nos fan tan insensibles que non somos capaces de mirar aos outros coa mirada e a capacidade de acollida e perdón coa que o fai Xesús. De tódolos xeitos, sexa polo que sexa, se hoxe estamos aquí quere indicar que polo menos  ímolo intentar.
·      . Como ocorría con Xesús, tamén o Espírito nos urxe a nós a conceder a perdoanza e a liberación a aqueles que temos ofendido co noso xeito de trata-los, coa nosa maneira de dicirlle as cousas, coa forma na que lle temos posto nos seus corazóns engano e esquecemento, tristura. Abrámonos entón a esta palabra que non quere ser proclamada ao aire nin ao chou, senón a cada un/a de nós, para que acolléndoa nos axude a ir descubrindo cales son as fendas que temos que ir tapando, e cara onde temos que dirixir a nosa disposición a recoñecernos necesitados do perdón de Deus e dos irmáns, por ternos afastado Dun e dos outros. O ano de graza do Señor ben pode ser o tempo de Pascua que xa albiscamos, e no que queremos que Xesús resucite dentro de nós, para converter o noso inverno interior en primavera que xermola traéndonos esperanza.
·      Deixemos entón que a palabra que acabamos de escoitar  resoe en nós. Busquemos a sinceridade ante Deus e ante nós mesmos. Que nin a aparencia, nin o comercio, nin a vulgaridade ,nin a ofensa nin a superficialidade acaden sitio na nosa vida. Loitemos contra esa tentación; non lle-lo poñamos fácil. Esforcémonos para que non sexan elas as que nos venzan senón todo o contrario. No evanxeo dicíasenos que comezando polos máis vellos, todos se foron indo porque sabían que acusaban a alguén como maneira de desviar o que era a súa propia vida, que tamén tiña moito mal que recoñecer e moito dano feito aos demais. Ante este momento de sinceridade por parte deles, Xesús queda só coa muller e o único que lle di é: eu tampouco te condeno, vai e comeza de novo. E iso que lle dicía a ela, ségueo a dicírnolo a nós un día e máis outro. Deixémonos atrapar pola súa tenrura!
                                                 ( silencio)
No teu cambio apareceu a esperanza
     Eu confésome pecador...
·      Por todo canto nos ten impedido a achegarnos á árbore da esperanza onde está a vida plena. Señor, que abandonemos as nosas teimas.

·      Por non acabar de entender que a fe que nos invitas a vivir é gratuidade e non comercio. Señor, que abandonemos as nosas teimas.

·      Porque pésanos máis a aparencia que a sinceridade. Señor, que abandonemos as nosas teimas.
Revisando actitudes e comportamentos
       Fagamos do silencio actitude verdadeiramente orante, para que a sinceridade golpee o noso corazón e nos faga tomar conciencia de que temos moitas cousas que cambiar.
       Revisemos a vida sen présa; porque si para o mal andamos as carreiras e sen que nos vexan; para o diálogo con Deus necesitamos tempo: tempo de paz, tempo de acougo, tempo de sinceridade; e tamén visibilidade. Que non nos dea vergoña recoñecer que estamos necesitados do amor, da paz e da misericordia do Deus do perdón.
1.  Porque  moitas veces non somos quen de poñer  amor, escoita,colaboración, perdón e diálogo na relación cos da casa .
2.  Porque as nosas oracións son interesadas e tratamos con Deus como se fose o dono do comercio, esquecendo que El, fundamentalmente e por riba de todo é Pai que escoita e acolle,sen deixarse levar polos cartos que lle poidamos ofrecer. Ámanos e desde o amor respéctanos e trátanos a todos por igual. Como nos custa entender isto!

3.  Desde pequenos estamos habituados a escoitar falar de Deus. Pero non do Deus do Evanxeo, senón dun algo que non o personalizamos no alguén que nos mira e acolle con cariño. O Deus que castiga, que o fiscaliza todo, que o ve todo de tal xeito que nos persegue sen deixarnos tranquilos, ese non é o Deus de Xesús; o Pai en cuxas mans El se puña. O deus de Xesús é o amigo, misericordioso, tenro, acolledor e sempre compañeiro na viaxe da vida. Por iso a nosa oración non ha ser de medo senón de confianza. Recoñezamos entón a necesidade de cambiar a nosa maneira de ver, achegarnos e relacionarnos con Deus. De rezar e poñer nas súas mans a nosa vida, como temos cantado ao longo desta coresma.

4.  Revisemos se no traballo demos o mellor de nós, ou se deixamos de facer o que nos correspondía para que o fixeran outros; mesmo se podendo facer e aproveitar o tempo, perdémolo sabendo que outros acabarían facendo o que nós non fixemos.

5.  Na vida da comunidade, nas parroquias son necesarias as mans e os esforzos de tod@s, pero moitas veces deixamos que outros fagan e cansen, namentres nós limitámonos a criticar sen aportar nada positivo. Revisemos por que actuamos así, e esforcémonos por cambiar e ofrecer o mellor de nós

6.  A vida é un marabilloso don que Deus nos deu a través dos noso pais. Facemos e poñemos todo o esforzo por conservala, por coidala, por facer posible que a tarefa de cada día axude a mostrar o compromiso por coidar do noso corpo sen danalo nin destruílo?


Palabra eficaz de Perdón
Neste momento, e unha vez acadado o clima de reflexión, respecto e interiorización, realízase o momento de proclamar a palabra eficaz de perdón a través das palabras da absolución que o sacerdote, no nome de Deus e da Igrexa, pronuncia.

Para axudar a manter este momento de intimidade e silencio, debe acompañarse con música que soe de fondo, e manteña o forza e profundidade do momento.

Absolución individual
( Música de fondo que axude á reflexión)

Grazas por acollernos!
Damos grazas a Deus polo perdón concedido e celebrado comunitariamente, e dicimos xunt@s: Señor, que a túa tenrura sexa espello para a nosa vida.
1.   Que a túa tenrura nos axude a tender tamén a man, no nome da Igrexa, aos homes e mulleres do noso mundo, desde a misericordia e o entendemeno. Oremos. Señor, que a túa tenrura sexa espello para a nosa vida.

2.   Que a túa tenrura nos leve a non sentir vergoña por esforzarmos en crear espazos de encontro nos que poidamos tomar conciencia de que  temos que comprometernos en estar presentes nos grupos e asociacións que traballan a prol dos demais, do comunitario. Oremos. Señor, que a túa tenrura sexa espello para a nosa vida.

3.   Que desde a túa tenrura, non deixemos oco na nsoa vida as presencias, a vulgaridade, , o comercio da fe, a ofensa e a especialidade, e nos esforcemos por ser man que acolle a non pasa de largo ante as necesidades dos demais. Oremos. Señor, que a túa tenrura sexa espello para a nosa vida.

Señor, só queremos dicirche, unha e mil veces: grazas, grazas, grazas porque  segues crendo e apostando sempre por nós. Por Cristo o noso Señor. Amén.


Paz.-
 Logo da oración comunitaria, achegámonos uns aos outros para dárnola aperta da paz, coa que queremos mostrar a nosa disposición a superar muros e a tender pontes na nosa relación de uns cos outros.

Imos ledos e renovados
      Grazas, Señor, por este momento no que nos tes invitado a revisar os nosos comportamentos. Grazas por saír ao noso encontro e tendernos a túa man. Grazas por non ser coma nós e por seguir ofrecéndonos poder gozar da túa misericordia.
Grazas porque non cansas, unha e outra vez de dicirnos que para Ti seguimos, inda que nós teimemos por mostrar o contrario,sendo importantes, e nos queres. Grazas por esta nova oportunidade de saír desta celebración co ánimo renovado, co corazón transformado e coas esperanzas abertas para non deixarnos vencer nin pola nugalla nin polo pesimismos que nos invisibiliza uns aos outros, impedíndonos sentir e crer na forza do teu perdón e da túa graza.


Canto final.- Gracias, Señor graciñas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...