CHAMAD@S A SER PROFETISAS E PROFETAS DE ESPERANZA NUN MUNDO LICUADO NA DESESPERANZA
CANTO GOZOSO
LECTURAS: Grazas, Señor, na mañá (Nº 117)
OFERTORIO: Benaventurados (Nº 119)
COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 58)
PARA NON PERDER O PASO
A desconfianza parece que acampou na nosa sociedade. Lonxe quedan os tempos nos que un apertón de mans ou unha palabra dada convertíanse no mellor e único notario para selar un acordo. Hoxe, por moitas palabras que nos digamos entre nós, xa non son palabras de fiar porque se incumpren, se esquecen ou se ignoran. Non temos máis que miran ao noso redor, sen necesidade de ter que estirar moito o pescozo para darnos conta do que vimos dicindo.
Fronte este desleixo da palabra e do compromiso aceptado e rachado; ou da palabra outorgada e negada, os textos que hoxe imos proclamar na celebración invítannos a non deixarnos ir por esta corredoira de negación dun mesmo senón a esforzarmos por incorporar ao noso xeito de actuar cotián a responsabilidade do compromiso, a permanencia da palabra manifestada e a fidelidade ao que son principios e valores que fomos aprendendo dese a sinxeleza dos fogares fundados polos nosos pais e nais e asentados no traballo, na capacidade de darse aos demais, do esforzo para que non pasaramos necesidade e da renuncia para que ninguén fora excluído ou marxinado. Na escola da familia, onde non se necesitan títulos nin mestrados, é cara onde deberamos mirar para que o líquido que con todo arrampla e para o que nada é permanente, non acabe por levarnos tamén a nós cos nosos proxectos e ilusións.A desconfianza parece que acampou na nosa sociedade. Lonxe quedan os tempos nos que un apertón de mans ou unha palabra dada convertíanse no mellor e único notario para selar un acordo. Hoxe, por moitas palabras que nos digamos entre nós, xa non son palabras de fiar porque se incumpren, se esquecen ou se ignoran. Non temos máis que miran ao noso redor, sen necesidade de ter que estirar moito o pescozo para darnos conta do que vimos dicindo.
CO CORAZÓN FERIDO
- Polas veces nas que me teño deixado levar polo superficial, desprezando o importante; SEÑOR, QUE NON ME DEIXE VENCER POLO APARENTE.
- Polas veces nas que non temos sido capaces de ser persoas agradecidas coa xente que puxo tempo, esforzo e ilusión en nós; CRISTO, QUE NON ME DEIXE VENCER POLO APARENTE.
- Polas veces nas que temos esquecido as nosas orixes, dándolle as costas á xente que tanto loitou por nós; SEÑOR, QUE NON ME DEIXE VENCER POLO APARENTE.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
- A forza do Espírito recibida como lévedo que nos dispón a non quedar quedos, senón a actuar na busca do que é ben para tod@s, fai que os crentes non sexamos persoas pasivas, aproveitadas do traballo que outros fan nin ditadores que non fan outra cousa máis que someter aos máis débiles. Ao contrario, a nosa tarefa é ir dando pequenos pasos que aseguren que non provocamos no nome de Deus violencia, senón reconciliación; enfrontamento, senón diálogo; sometemento, senón igualdade. Afastémonos da obstinación que non fai máis que converternos en persoas entristecidas e amargadas para camiñar na perseveranza que nos esperanza e nos vai achegando a quen quere facer do seu camiño un proxecto constante de buscar o que une e afastándose do que crea fendas e separación. O profetismo ao que hoxe se nos chama ten rostro humanizador, corazón aquecido e mans que unen e non abafan.
- Esforcémonos logo por poñer os ollos no Señor, que se manifesta en cada unha das persoas coas que nos imos atopando. Desde a mirada de Deus; mirada que nos invita a imitar, o importante é o que paga a pena, o que nos supón moitas enerxías e esforzos, o que ao cabo nos gratifica e enche. E ese importante non está no ter, senón no ser: persoa, amigo, fiel, coherente, responsable, libre, alegre, solidario, xusto, traballador... e en cada e con cada unha destas cousas imos crecendo, madurando e sentindo que paga a pena canto estamos a facer... pois supón que nos cambia a nós para mellor e abre camiños novos de acollida e acompañamento para cos demais. Poñer os ollos no Señor quere dicir que o mundo non é lugar para descastar e destruír, senón casa común desde onde compartir, descubrir e alentar a presenza de Deus. O que nos irá modelando, tal e como lles dicía Paulo aos Corintios, para que non sexamos nin soberbios, nin orgullosos nin tampouco avasaladores. A grandeza do crente non está en manifestarse mellor e superior, senón en ser lévedo de servizo, reconciliación e gratitude.
- Xesús non cansaba de poñer o seu tempo ao servizo de todo canto supuxera que os que estaban con el -os que o seguían e os que o escoitaban– non se sentisen desprezados ou tratados como cousas. El non cousificaba ás persoas, senón que o seu era un esforzo permanente por dignificar a cada unha daquelas persoas coas que se atopaba. Cando ensina non mira nin o ben vestidos que van nin tampouco a clase social á que pertencen. Para El a igualdade é o que marca o trato. Unha igualdade que se vai manifestando en todas e cada una das palabras que van saíndo da súa boca, e tamén en cada un dos feitos que vai realizando. O externo, o superficial, o aparente non son os criterios desde os que El se move nin guía. Todo o contrario dos que conformaban a “clase” dos importantes na súa terra e no seu tempo. Pare estes de quen viñas, a familia á que pertencías ou o poder que tiñas era o que marcaba o xeito de tratar a uns e a outros. Por iso, namentres os que se estrañaban do que facía e non atopaban nela as raíces do poder, da clase ou da riqueza, El dedicábase a atender e servir ás persoas. Para El eran o centro, a razón e o sentido da súa misión. E non deixa de dicilo constantemente; aínda mais, non deixa de explicarlles aos que escoitan que o camiño e a tarefa principal dos que queiran seguir as súas pegadas, ha ser tamén este mesmo: non poñer o centro do que se fai no de quen somos, senón no que somos: fillos e fillas de Deus, e polo tanto iguais en dignidade e merecedores do mesmo respecto. Aquí está a tarefa a realizar, este é o proxecto de Deus. En absoluto é un proxecto dogmático, exclusivo, prepotente ou clasista, no que durante moito tempo -mesmo tamén agora a para algúns-, o temos convertido os seus seguidores. Ser igrexa supón que temos que ser comunidade de persoas, non institución de poder. Cando teñamos, tod@s, isto claro seremos moito máis libres no noso actuar; moito máis responsables á hora de asumir as decisión que teñamos tomado; e moito máis fieis no seguimento das pegadas do que pasou polo mundo facendo o ben sen preocuparse de quen viña ou non viña sendo. O desprezo non foi con el. Por que tantas veces si vai con nós? Tamén nós escandalizamos cando o esforzo está en acoller, perdoar, ser misericordiosos e non en pasar factura polos erros do pasado e en negar novas, outras, mesmo algunha, posibilidade aos demais. Esta é unha das insistencias permanentes do papa Francisco: actuar con misericordia. Unha misericordia que se ha ir despregando cara todas as persoas, de xeito que non sexan nin os dogmatismos nin os adoutrinamentos os que acaben por secuestrar e silenciar a alegría do evanxeo, enchoupada sempre de xenerosidade, para poder ser profetas no noso mundo. Un profetismo no que non chegan só as palabras, senón que tamén se necesita a coherencia dos nosos feitos e do xeito de dicir as cousas. De que nos valerían os rezos se despois o que facemos é espantar, ferir ou ignorar ás persoas polas que temos rezado? A Xesús, os seus: os veciños, os que o coñecían de todas a vida non deixaban de criticalo e cuestionalo. Pero iso non foi capaz de derrubalo e apartalo do que para El era o importante: as persoas, especialmente aquelas aos que, “os que estaban moito tempo no templo” maltrataban, excluían, ignoraban ou perseguían, porque non eran “dos seus”, e polo tanto aos que non lles daban novas –ou ningunha– oportunidades.
DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA
Deus invítanos a facer da oración unha experiencia comunitaria. Respondendo a esta invitación dicimos:
SEÑOR, QUE DEIXEMOS PEGADAS DE XENEROSIDADE
Para que sexamos Igrexa en actitude activa de saber acompañar na construción dunha sociedade máis xusta, libre e pacífica, OREMOS.
SEÑOR, QUE DEIXEMOS PEGADAS DE XENEROSIDADE
Para que nos esforcemos por facer das nosas parroquias verdadeiras familias que desde a pluralidade de opinións e propostas, buscan entenderse para construír tecido comunitario, OREMOS.
SEÑOR, QUE DEIXEMOS PEGADAS DE XENEROSIDADE
Para que nós fomentemos cada día comportamentos e actitudes que defenden ás persoas das que ninguén se lembra: enfermas, solas, maiores, sen paga, sen país, sen comodidades nin familia..., respondendo así á invitación de Xesús de ser profetisas e profetas do noso tempo, OREMOS
SEÑOR, QUE DEIXEMOS PEGADAS DE XENEROSIDADE
Señor, segue a alentar en nós proxectos que desde a persoa van construíndo un mundo máis xusto e fraterno. P.X.N.S. Amén.
PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO
Aléntanos, Señor, para construír e compartir:Unha terra que non teña fronteiras,
senón mans que xuntas formen,
unha cadea máis forte do que a guerra e do que a morte.
Ti xa nos dixeches que o mellor camiño é o amor.
Aléntanos, Señor, para construír e compartir
Un país máis xusto, igualitario e máis fraterno,
onde fagamos a unión,
desde onde ninguén rexeite ás persoas, porque todas estamos convocadas na igualdade e non esquecemos, pois xa nolo dixeches: que o camiño é o amor.
Aléntanos, Señor, para construír e compartir
Unha comunidade nova e ilusionada,
sen medo nin vergoña a recoñecerte como guieiro.
Unha comunidade que fai do sorriso D.N.I. da vida,
que fai unha cadea non de escravitude,
senón de liberdade e compromiso.
Unha comunidade máis forte có odio e a división.
E xa sabemos que o camiño, como non cansas de dicirnos:
É o do amor.
Comentarios