Ir al contenido principal

15 Domingo TO B 2018


SEGUIR UN CAMIÑO DIFERENTE
CANTO GOZOSO

    ENTRADA: Unha xuntanza de amor (Nº 7)
    LECTURAS: Eu soñei (Nº 58)
    OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
    COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)

    PARA NON PERDER O PASO
    A xente anda escapando do sufrimento, e procurando a felicidade, moitas veces a conta de pisar aos demais. Pero non podemos pasar a vida a fuxir; nin podemos ser felices pensando só en que son os outros quen teñen que estar ao noso servizo.
    O camiño de Xesús, que celebramos cada domingo, é un camiño diferente: Unha procura do ben da xente, poñéndonos nós ao servizo dos demais e mesmo aceptando que a incomprensión e o sufrimento forman parte dese servizo. Que a celebración de hoxe nos afaste dunha carreira que non leva a ningures e que nos dea azos para andar no camiño de Xesús.
    CO CORAZÓN FERIDO
      • Porque andamos tan as carreiras que non buscamos na nosa vida lugares e tempos para a reflexión repousada e serea da túa Palabra; SEÑOR, SEGUE A ENCHERNOS COA TÚA MISERICORDIA.
      • Porque entendemos que o poder e o diñeiro son os camiños do ben, cando o teu camiño leva sempre ao servizo dos demais; CRISTO, SEGUE A ENCHERNOS COA TÚA MISERICORDIA.
      • Porque soñamos a riqueza en vez de soñar a xustiza, soñamos o noso éxito e non o da comunidade; SEÑOR, SEGUE A ENCHERNOS COA TÚA MISERICORDIA.
      UNHA PALABRA QUE AGROMA

      As lecturas de hoxe chámannos a tomar conciencia da nosa tarefa de profetas do Señor no medio do mundo. Desde esta afirmación entendemos o que nos di Paulo de que fomos elixid@s na persoa de Cristo, para ser mediador@s da súa presenza, sendo a súa voz, o seu corazón e as súas mans. Esta mediación esíxenos honestidade no sentir e actuar de cada día, sendo capaces de ver a persoa de Cristo en todos aqueles que nos rodean, inda que isto, moitas veces non resulte doado, e pida de nós un esforzo de comprensión e verdadeira misericordia. Porque El nos elixiu, tod@s asumimos a responsabilidade de levar a Cristo no noso actuar e tamén no noso saber escoitar, acoller e traballar para ser fermento de esperanza diante de tantas tristuras e dificultades que a vida lle vai presentando ás persoas.

      Conscientes de que esa é a nosa tarefa, Xesús envíanos, como enviou aos apóstolos, para que sexamos esa presenza súa alí onde nos atopemos. O envío non é simplemente un ide, senón que pide de nós unha resposta persoal: aquí estou. E aí onde se fai presente a nosa reposta de dispoñibilidade e participación en canto supoña que o chamado de Xesús non é unha teoría imposible de vivir. Foron moitas as persoas, homes e mulleres, que nos dous mil anos de historia, e o que é máis importante, tamén hoxe, responderon e están a responder a este envío. Por que somos tan cegos para non velo?.

      Pero, ollo!. Xesús non envía aos seus discípulos de calquera xeito. Para colaborar no seu proxecto e para prolongar a súa misión deberán coidar o seu xeito de vida. Velaí algunhas recomendacións que nos lembra Marcos:
      • non lles dá poder sobre as persoas que irán atopando no seu camiño, senón autoridade para liberalas do mal; é dicir, os seus discípulos humanizarán a vida, aliviarán o sufrimento e farán medrar a liberdade e a fraternidade.
      • só levarán caxato e sandalias, Xesús imaxínaos como camiñantes, nunca instalados, sempre en camiño, sen atarse a nada, só co imprescindible.
      • sen pan, sen alforxa, sen cartos, para que non vivamos agoniados pola nosa propia seguridade, non vaia ser que un día se esquezan dos pobres e vivan encerrados no seu propio benestar.
      • sen túnica de reposto, para vestir coa sinxeleza dos pobres, para que sexan profetas no medio da xente, para que a súa vida sexa sinal da cercanía de Deus a todas as persoas, sobre todo ás máis necesitadas.
      Para @s seguidor@s de Xesús non é malo perder o poder, a seguridade e o prestixio social que tivemos cando a Igrexa o dominaba todo. Pode ser un factor positivo se nos conduce a unha vida máis fiel a Xesús. O poder non transforma os corazóns; a seguridade do benestar afástanos das persoas pobres; o prestixio énchenos de nós mesmos. Xesús, pola contra, imaxina aos seus seguidores doutro xeito: liberados de ataduras, identificados cos últimos, coa confianza posta totalmente en Deus, curando a quen sofre, buscando para todas as persoas a paz. Só así seremos quen de introducir no mundo o seu proxecto.

      DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA
      No teu camiño de entrega e de axuda, atopamos, Xesús, a razón da nosa vida e a nosa felicidade plena. Por iso dicimos cheos de gozo:
      GRAZAS POR ENVIARNOS A ANUNCIAR A BOA NOVA SERVINDO
      Grazas Xesús pola Igrexa, comunidade de persoas que senten o Evanxeo e que viven no teu camiño. Fai que continúe a promover camiños de solidariedade entre as persoas e entre os pobos; OREMOS.
      GRAZAS POR ENVIARNOS A ANUNCIAR A BOA NOVA SERVINDO
      Grazas pola nosa comunidade parroquial, onde aprendemos de maneira concreta a axudarnos mutuamente, na celebración, na catequese e no servizo aos máis pobres. Fai que atopemos un lugar para a participación e para a unión, OREMOS.
      GRAZAS POR ENVIARNOS A ANUNCIAR A BOA NOVA SERVINDO
      Grazas por estarmos aquí contigo, por escoitar a túa voz que nos convida a facernos servidores dos demais na nosa casa, no noso traballo, na nosa vida toda, OREMOS
      GRAZAS POR ENVIARNOS A ANUNCIAR A BOA NOVA SERVINDO
      Grazas, Señor, por invitarnos a valorar e sentir o gozo de sermos fill@s dun Deus que nos quere e nos invita a querer aos demais. PXNS. Amén.

      PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO 

      Para o camiño, Señor,
      non levo ouro nin prata, nin cartos no peto;
      fíome da túa palabra.

      Non teño alforxa,
      abonda coa túa compaña e co pan de cada día.

      Para apoiarme, un caxato e máis nada,
      que os irmáns e as irmás animan e dan a man
      cando o camiño se fai duro,
      cando sangro, tropezo e caio.


      Túnica, chega coa posta,
      pois non teño nada que agochar
      e o frío e a calor son máis liviáns en familia,

      E sandalias, unhas de quita e pon,
      ben axustadiñas para que non fagan callo as cousas,
      para andar lixeiro e non esquecer o chan que piso
      cando o teu Espírito me ergue, me leva e me arrastra.

      Case lixeiro de equipaxe...

      Sígote!!!!. Iso bástame.

      Comentarios

      Entradas populares de este blog

      Igrexa Diocesana 2025

        DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

      Corpus 2025

        MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

      Santos 2025

        BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...