Ir al contenido principal

16 domingo TO B 2018

XUNTAR, ALEDAR E UNIR. TRES ACTITUDES QUE DEFINEN A TODO PASTOR QUE QUEIRA ALENTAR A VIDA DAS COMUNIDADES

CANTO GOZOSO

    • ENTRADA: Con ledicia imos todos ao altar (Nº 2)
    • LECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
    • OFERTORIO: Pan do ceo (Nº 53)
    • COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)

    PARA NON PERDER O PASO
    Traballar para que as comunidades estean unidas, para que colaboren unhas persoas con outras, para que ningunha delas resulte indiferente ou estraña, é unha tarefa que ningunha das persoas que conformamos estas comunidades podemos deixar de lado. Pero especialmente esta tarefa teñen que tomala moi en serio aquelas persoas que están á fronte das mesmas, os seus pastores, porque se os que teñen a tarefa de unir, alentar e achegar son os que desunen, afastan e crean lea, dificilmente poderán ser promotores da Boa Nova de Xesús.
    Nesta mañá na que nos volvemos xuntar para compartir e agradecer a fe, participemos poñendo o mellor de nós, e colaboremos para que os nosos pastores sentan e vivan en cercanía aos problemas, dificultades, e tamén esperanzas, das persoas que imos conformando as comunidades cristiás.
    CO CORAZÓN FERIDO
      • Porque a nosa vida non mostra a alegría da fe en Xesús; SEÑOR, QUE AS TÚAS PEGADAS SEXAN O NOSO ALENTO.
      • Porque os nosos comportamentos espantan e afastan aos que non te coñecen; CRISTO, QUE AS TÚAS PEGADAS SEXAN O NOSO ALENTO.
      • Porque moitas veces non temos sido persoas de paz nin de esperanza; SEÑOR, QUE AS TÚAS PEGADAS SEXAN O NOSO ALENTO.
      UNHA PALABRA QUE AGROMA
      Desde hai non pouco tempo, as nosas comunidades cristiás esmorecen. Si, pouco a pouco van perdendo forza, ilusión, alegría e tamén sentido comunitario e participativo. Por unha banda, as divisións, a rutina, o acomodamento a unha vivencia de fe asentada en ritos e pouco personalizada; pola outra o afán de posuír, o ternos rendido ao mundo material do posuír: bens, información, prestixio... van facendo que vaiamos perdendo a alegría e a frescura que tiña que aportarnos sabernos persoas seguidoras do proxecto de Xesús, para actuar de forma distinta ao que fan tod@s; para romper coa nosa vida "stándar". Cando falamos Del parece que nos estamos a referir a alguén estraño que está moi, pero que moi lonxe da nosa vida, das nosas preocupacións, das nosas dúbidas, das nosas tristuras ou mesmo das ilusións e esperanzas. Xesús vén sendo unha imaxe do pasado que non somos capaces de situar no hoxe de cada unha das nosas decisións e maneiras de mirar o mundo e a cantos o conformamos. Por iso é tan importante volver sobre os textos da súa palabra: para recuperar o sorriso do corazón que nos motive, nos alente e nos faga vibrar en cada un dos pasos que imos dando cada día e que supoñen atoparnos con persoas coas que queremos traballar, facer proxectos que unan, participar de todo canto pon á persoa no centro e descubrila como igual, e polo tanto irmá coa que compartimos ao Pai >Deus que nos quere e fai da súa tenrura osíxeno que renova os pulmóns con canto nos fai persoas felices e xustas.


      Nesta tarefa de dar unha reviravolta sobre a vida das comunidades cristiás, non poden quedar esquecidos os pastores das mesmas. Non para volver facer xirar todo ao redor da súa persoa –o tempo das mitificacións e idealizacións dos curas xa foi quedando atrás, colaborar debe levarnos a humanizar tamén os nosos imaxinarios; para ben e para mal –senón para recoñecer que nin eles o saben todo nin nós debemos quedar á marxe do que ten que ser o desenvolvemento da vida nas nosas comunidades. O concilio díxonos que tod@s somos Pobo de Deus, inda que con tarefas e responsabilidades diferentes; por iso estamos chamad@s –todos/as- a unir e alentar, tamén a corrixir, para que ningún pastor senta nin a friaxe da indiferenza nin a quentura da súa superioridade. Non hai imprescindibles, pero si todas somos persoas necesarias. Xeremías, e xa van alá anos!, lémbrao con palabras claras e fortes: "Ai dos pastores que deixan que se perda o seu rabaño". Por iso neste século XXI tan pouco dado ao comunitario –inda que aparentemente non o pareza– reivindiquemos pastores con corazón aquecido polo cariño, o respecto, a escoita e o consenso pastoral. Un compromiso que supera todo intento de individualismo, e quere volver dar vida a unhas comunidades que parecen ter perdido a frescura á que ten que mover a persoa e o proxecto de Xesús.
      E para que esta tarefa poida ser crible e realizable é necesario que non se quede no simple activismo de facer moitas cousas, pero sen diferenciar o importante do accidental; o prioritario do secundario; o inminente do perdurable. Para iso necesitamos crecer no convencemento de que necesitamos ser comunidades orantes, reflexivas e sempre capaces de pensar sen premura cada un dos pasos que nos van axudar a volver a ver a Cristo como motor e forza de todo canto imos facendo. Como lles pasaba aos apóstolos, tamén nós necesitamos establecer e buscar espazos onde descansar para ter un diálogo sincero, profundo e desde a vida con Deus. Un diálogo que non se reduce a un rito semanal de media hora; un diálogo que leva a que a nosa relación co Deus de Xesús non sexa amo-escravo, senón a do amigo a quen lle contas, con quen compartes e de que quen sabes que vas recibir a axuda en forma de forza e esperanza coa que afrontar ledicias e tristuras da vida persoal e comunitaria. Aprendendo a buscar espazos de oración, "nada do verdadeiramente humano, deixará de ter eco no noso corazón". E como consecuencia no alento de Deus!

      DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA

      Desde o alento da comunidade, e sentindo a forza da presenza de Deus entre nós, dicimos:

      SEÑOR, QUE OS TEUS PASOS SEXAN OS NOSOS PASOS

      • Para que co esforzo de tod@s sexamos unha Igrexa que forma aos seus pastores con capacidade de escoitar, dialogar e renovar a invitación de Xesús de ser persoas que unan, animen e acompañen; OREMOS.

      SEÑOR, QUE OS TEUS PASOS SEXAN OS NOSOS PASOS

      • Para que vaimos conformando comunidades que superan a tentación do individualismo, e se van esforzando por traballar buscando o ben de tod@s, sen poñer apelido ningún a canto fan; OREMOS.

      SEÑOR, QUE OS TEUS PASOS SEXAN OS NOSOS PASOS

      • Para que nós non nos deixemos arrastrar pola desilusión e a falta de alegría á hora de rezar e manifestar coa nosa vida que crer non é sometemento, senón liberación e alento no medio dunha sociedade cada vez máis triste e falta de verdadeira solidariedade, OREMOS

      SEÑOR, QUE OS TEUS PASOS SEXAN OS NOSOS PASOS

      Grazas, Señor, por este espazo de encontro comunitario, no que facemos da oración experiencia de alegría e capacidade de expresar a fraternidade que compartimos na fe. PXNS. Amén.

      PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO
      O pastor segundo Xesús ten o corazón libre para deixar as súas cousas, non vive facendo contas do que ten e das horas de servizo: non é un contable do espírito, senón un bo samaritano en busca de quen ten necesidade. É un pastor, non un inspector da grei, e dedicarase á misión non ao cincuenta ou sesenta por cento, senón con todo o seu ser. Ao ir en busca, encontra, e encontra porque arrisca; non queda parado despois das desilusións nin se rende ante as dificultades; en efecto, é obstinado no ben, unxido pola divina obstinación de que ninguén se extravíe. Por iso, non só ten a porta aberta, senón que sae en busca de quen non quere entrar por ela. Como todo bo cristián, e como exemplo para cada cristián, sempre está en saída de si mesmo. O epicentro do seu corazón está fóra del: non é atraído polo seu eu, senón polo ti de Deus e polo nós da persoas (Francisco).

      Comentarios

      Entradas populares de este blog

      1 Advento 2024

      Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

      Epifania 2025

      A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

      Santos 2024

        Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...