Ir al contenido principal

Cristo Rei 2018

Pechamos para volver abrir
Cantos
Entrada.- Que ledos  ( 5 )
Lecturas.- Veña o teu reino ( 88 )
Ofertorio.- Eiqui están, Señor  ( 32  )
Comuñón.- Déixate querer  ( 61  )

Abrindo os ollos e mirando aos lados
Remata hoxe o ano litúrxico, ao longo del fomos reuníndonos e poñendo os nosos oídos en actitude de escoita para que a Palabra resoara de fóra  para dentro e de dentro para fóra. Unha Palabra que  nos mostraba como o proxecto de amor de Deus, chegado a nós  desde a encarnación de Xesús. Un amor que é necesario ilo convertendo en vida a través da nosa maneira de mira-lo mundo e o noso xeito de actuar e comportarnos uns en relación cos outros.
    Sen cansar, esta Palabra invitounos a  acoller, e ser sensibles á dor dos demais, a non deixarnos vencer  polo arrouto, a ... camiñar asumindo a nosa  limitación e a buscar con gozo canto podemos e sabemos facer de ben para que os demais se sentan recoñecidos e queridos.
    Compartamos entón este momento de fe e esperanza desde o agradecemento polo vivido e  na esperanza por canto temos por diante para compartir.
Corazón misericordioso
  • Porque somos moito de ira á présa e pouco de  facer as cousas con lentura. Señor, segue dándonos a man.
  • Porque nos perdemos en miradas que separan e non poñemos as lentes da achega e a cordialidade. Cristo, segue dándonos a man.
  • Porque cansamos rápido e  nos faltan gañas para a perseveranza. Señor, segue dándonos a man.

Palabra encarnada
  • Neste remate do ano litúrxico no que nos fomos reunindo para celebrar a fe e sentir o gozo do noso ser comunitario, temos escoitado moitas palabras. Pero foron palabras que fomos esquecendo porque eran palabras efémeras. Tan efémeras como a capacidade de prestarlles atención sen pasalas pola nosa vida. Fronte a estas moitas, e moitas veces baleiras palabras, foi capaz de permanecer unha Palabra que non fomos capaces de facela esmorecer, inda que moitas veces non supuxo a nosa atención cara ela nin tampouco o esforzo por pasala polo corazón e a razón para levala ás decisións e actitudes que foran modulando e conformando a nosa vida ao longo destes últimos doce meses. E fronte  as nosas rutinas, as nosas canseiras, os nosos lugares comúns e as nosas desconexións – naturais ou provocadas – Deus desde a súa Palabra seguiu invitándonos a continuar, a alentarnos, a non deixarnos levar do desánimo ou do desalento. Por iso esta Palabra, segue a facer que os corazóns de cantos a acollen sexan movidos a mirar a realidade desde a cultura que atopa, acompaña e descubre que mirar para os lados fai que descubramos que nin camiñamos sos nin nos creamos os mellores, máis perfectos e únicos. Por iso esta Palabra non pasa nunca, namentres as nosas moitas palabras, que en ocasións convértense simplemente na verborrea do falar sen dicir, acaban caendo na amnesia e no esquecemento.

  • E esta Palabra fálanos hoxe do compromiso, adquirido no día do noso bautismo, de ser construtores do reinado de Deus , a través do que facemos e dicimos; un reinado que aprende a achegarse a quen ten /mos ao lado, fronte á tentación do silencio ou a cabeza xirada para non ver, acoller e acompañar. Falar entón de reinado non é máis que esforzarnos por poñer en valor, vencendo a tentación de converternos en cristiáns “vergonzantes”, que seguen a ser as persoas, e non  o barullo, a mentira, as medias verdades ou a manipulación, as que movan o noso corazón  non renunciar nunca nin a calar cando as persoas son relegadas ou reducidas a números ou datos estatísticos. Construír o reino é saber dar a cara polo ben de tod@s e non só polo ben dos “nosos”. Que mellor ca hoxe para facer balance de como temos actuado ao respecto!

  • E neste camiño, nada doado, é verdade, tentaremos superar a présa para ilo realizando de xeito paseniño e deixándonos “enredar” pola compaña de Xesús. E para iso, como diciamos ao comezo, non ha ser nin a palabra do cura, bispo ou papa onde temos que poñe-la nosa atención, senón na Palabra que é Boa Nova e que se ten  encarnado en proxectos solidarios, tempos compartidos ou colaboración que busque atoparse e camiñar en sinodalidade – xunt@s – como constantemente insiste Xesús unha e outra vez. Unha Palabra que  nos invita a aprender a mirar para os lados, afastándonos da soberbia de quen só sabe e quere mirar de fronte para que o aplaudan, loen ou encumen. E só o amor desde Xesús e con Xesús, será capaz de que cambiemos e deixemos atrás os nosos egos para ser cristián en saída que sabemos estar no medio dos ambientes plurais e variados do noso mundo. Xa pasou o tempo de esperar e que veñan os demais; agora é tempo de que saiamos nós e nos integremos cos outros – cultura do encontro – buscando o que é xusto, participativo e comunitario. E desde aí sexamos capaces de dar testemuño auténtico da verdade, que non son palabras que se perden senón esixencia que fai visible que Deus móstrase sempre a través de cantos dicimos crer nel.

Pés no chan e confianza en Deus

Como construtores do reinado de Deus desde a Palabra que da vida e non esmorece, dicimos xunt@s: Que as túas palabras alenten os nosos pasos.
  • Para que  , sentíndonos tod@s Igrexa, traballemos para facer dela un poliedro no que non nos ignoremos, senón que nos recoñezamos, respectemos e traballemos xunt@s. Oremos. Que as túas palabras alenten os nosos pasos.

  • Para que sexamos sementadores dos valores do reinado de Deus nas nosas comunidades parroquiais, vencendo a tentación de separar e dividir, para  apostar por unir e participar no que une e achega. Oremos.  Que as túas palabras alenten os nosos pasos.

  • Para que nos esforcemos en pasar polo corazón e a reflexión as nosas accións. De xeito que o noso actuar non sexa nin arroutado nin contrario aos valores do Evanxeo. Oremos. Que as túas palabras alenten os nosos pasos.
Con agradecemento e quentura de corazón, poñemos  na túa man a nosa oración comunitaria desde a esperanza e coherencia á que Ti nos invitas. Por Cristo o noso Señor. Amén.
Aquecendo o corazón
Xesús non é un rei que manda, é un rei que convida docemente a seguilo. E respecta aos que rexeitan, pero desde a cultura do encontro, non da condena nin da demonización de quen pensa distinto;  El segue a abrir os brazos para acoller. Como Pai bo diante do fillo que volve, acolle sen pedir contas, facendo do silencio misericordia e perdón; ademais, non pasa factura polo seu tempo de espera. Ao contrario, o seu reinado é un permanente servizo de acollida, acompañamento e conversión do corazón. O seu reinado é un permanente ofrecemento de novas oportunidades. Porque o tempo sempre é máis importante ca o espazo; e nese tempo El sempre vai deixando o recendo da súa presenza, fagamos dese recendo permanente pegada de xenerosidade.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...