Ir al contenido principal

3 Domingo de Advento 2018

Fagamos do Advento tempo no que a alegría do corazón  relouque na esperanza
Cantos 
Entrada.- Volve, Señor     ( 90  )
Lecturas.- Escoita ao Señor  ( 15 )
Ofertorio.- Acharte presente na vida ( 54 )
Comuñón. - Xesús chamado amigo ( 89)

Sinal de Advento
  No noso ir construíndo, ao redor da Palabra e a luz, a reflexión sobre o tempo de Advento, engadimos ao cartel a referencia á maiores. Tamén para eles este Advento ha ser tempo de luz e escoita da Palabra desde a acollida, que non o esquecemento.

Abrindo os ollos e mirando aos lados 
       Aledádevos e reloucade é o título da exhortación coa que Francisco nos agasallou hai uns meses. Un agasallo desde o que nos invita a camiñar  poñendo os pés no chan e o corazón nas persoas. Un agasallo que nos  lembra que a santidade non está en ser fundador@s de ordes relixiosas ou de pertencer a grupos e institucións de poder na Igrexa. O que nos di Francisco, é que a santidade é un proceso que imos construíndo e desenvolvendo cada un de nós desde as tarefas que temos que ir realizando, honesta e responsablemente, cada día .Un proceso no que nos esforzamos por facer ben as cousas, de xeito que a nosa vida sexa feliz e esperanzada. Como non imos aledarnos e reloucar ante esta invitación! Porque, a santidade, non é para a clase “vip” dos cristiáns, senón para todos e todas, para nós.
  Que a nosa participación na celebración de hoxe nos faga reloucar e aledarnos facéndolle oco a quen chega e chama na nosa porta para que relouquemos.
 
Corazón misericordioso
·      Porque nos deixamos levar da tristura. Señor, que non rexeitemos a túa chamada á esperanza.
·  Porque nos deixamos invadir polo pesimismo. Cristo, que non rexeitemos a túa chamada á esperanza. 
·     Porque nos deixamos engaiolar pola aparencia. Señor, que non rexeitemos a túa chamada á esperanza .

Palabra encarnada
·      Contra o que puidera parecer, o Advento, sendo un tempo  no que se nos invita á conversión e á  renovación interior, é tamén un tempo de alegría e esperanza. O que se pon claramente de manifesto nas lecturas que hoxe temos escoitado. Tanto  o texto do A.T. do profeta Sofonías, como a carta de Paulo aos Filipenses, volven lembrarnos que  a alegría ha de marcar a nosa vida – o que non pode ser un retrouso que escoitamos ou repetimos, pero sen pasalo pola corazón e a reflexión. Se Nadal, contra o que aparentemente puidera parecer, é celebrar que Deus se fai un dos nosos encarnándose. Deus nace, non gasta nin é espectáculo de luz e son - , como non imos estar alegres e reloucar ante esta gran nova! Non deixemos logo que ninguén secuestre o que é unha afirmación raíz e está no ADN do noso ser cristiáns:  Deus faise un de nós para aledar o corazón e para que non deixemos que a tristura do superficial nos invada e acampe nos nosos corazóns.
·      E iso é o mesmo que xa dicía Paulo hai dous mil anos  aos cristiáns de Filipos – contra o que os máis conservadores din unha e outra vez, non é verdade que  a fe cambie ou que nos esteamos afastando do Evanxeo . Ao contrario, segue a ser a mesma fe que imos proclamando e vivindo de forma diferente en cada momento da historia. Non nos afastamos, senón que seguimos facéndoa viva, relevante e actual no mundo de hoxe -. O estar alegres ha ser entón o que mostremos á hora de facer ben as cousas, á hora de colaborar en proxectos e propostas que poñen á persoas no centro, e non buscan  utilizalas para os seus propios fins e intereses. Estar alegres non pode logo ser un retrouso, ha ser a actitude permanente que nos mova e non nos desesperance; que nos ilusione e non nos paralice; que nos cambie, por fóra e por dentro, e non nos deixe indiferentes ante a dor, pero tamén ante a alegría das persoas coas que compartimos vida e tempo. Non desacouguemos ante o fracaso, intentémolo unha e outra vez. A perseveranza é sempre sinal de identidade do noso ser cristiáns. E que mellor que celebralo e gozalo neste Advento!
·      E desde alegría de corazón  iremos descubrindo que a solidariedade, o ben común, a participación e o comportarnos con xusteza han movernos a actuar e enchoupar o corazón de alegría. Como non imos reloucar con este proxecto que Deus nos invita a levar aos procesos que nos que imos desenvolvendo a nosa vida! Non deixemos nunca de agradecer, de valorar o que outros fan, de compartir tarefas que levan a non excluír nin a facer invisibles a ninguén, de... poñer sorrisos no noso corazón e  nos nosos ollos facendo posible o sorriso nos que están a pasar por dificultades e problemas . E: non escatimemos nunca tempo, se nos esforzamos poderá haber un oco na nosa axenda para compartir con quen necesita de ser acollido e escoitado! Non só no Advento, senón sempre.
Pés no chan e confianza en Deus 
      Invitad@s a compartir ledicias e esperanzas, rezamos xunt@s dicindo: Que construamos fogares de diálogo e escoita.
·      Para  a Igrexa sexa comunidade que se alegra e relouca no servizo e na denuncia  de todo intento de utilización das persoas. Oremos . Que construamos fogares de diálogo e escoita.
·      Para que nas nosas parroquias relouquemos e nos aledemos servindo, escoitando e visitando aos nosos maiores . Oremos. Que construamos fogares de diálogo e escoita.
·      Para que vaimos  construíndo os pasos da nosa vida desde as actitudes que nos fan reloucar e aledarnos facendo as cousas con honestidade, entrega, xenerosidade e servizo. Oremos . Que construamos fogares de diálogo e escoita.
       Acompaña, Señor, canto compartimos e rezamos comunitariamente. Por Cristo o noso Señor. Amén.

Aquecendo o corazón 
          6.-    Non pensemos nos que xa están beatificados ou canonizados. O Espírito Santo derrama a santidade, por toda a parte, no santo pobo fiel de Deus, porque « foi vontade de Deus salvar e santificar ás persoas, non individualmente, excluída calquera ligazón entre eles, mais constituíndoos en pobo que o coñecese na verdade e o servise santamente».[3] O Señor, na historia da salvación, salvou un pobo. Non hai identidade plena, sen pertenza a un pobo. Por iso, ninguén se salva só, como individuo illado, mais Deus atráenos tendo en conta a complexa rede de relacións interpersoais que se estabelecen na comunidade humana: Deus quixo entrar nunha dinámica popular, na dinámica dun pobo.
         7. Gusto de ver a santidade no pobo paciente de Deus: nos pais que crían os seus fillos con tanto amor, nos homes e mulleres que traballan a fin de traer o pan para casa, nos doentes, nas consagradas enfermas que continúan a sorrir. Nesta constancia de continuar a camiñar dia após dia, vexo a santidade da Igrexa militante. Esta é moitas veces a santidade «ao pé da porta», daqueles que viven preto de nós e son un reflexo da presenza de Deus, ou – por outras palabras – da «clase media da santidade».[4]
         8. Deixémonos estimular pelos sinais de santidade que o Señor nos presenta atraveso dos membros mais humildes deste pobo que «participan tamén da función profética de Cristo, difundindo o seu testemuño vivo, principalmente pola vida de fe e de caridade».
  (  Francisco, Exhortación Apostólica GAUDETE ET EXSULTATE  - Aledádevos e reloucade- )


Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...