Por camiños diferentes, pero cara un mesmo destino, deixémonos acompañar uns dos outros
Descarga o ficheiro
Cantos
Procesión.-Camiñarei
Salmo.- Canta aleluia
Ofertorio.- Xurdirá
Comuñón.- Grazas, Señor, graciñas
Saúdo fóra
Comezamos unha nova xeira de experiencia, a experiencia comunitaria da fe . Estamos fóra para poñernos en camiño, para ir dando pasos, os pequenos pasos de cada día, xunto coas persoas que temos ao lado . Sabemos cara onde imos, non estamos perdid@s, senón cada un dos pasos teñen orientación e vannos levando comunitariamente a encontrarnos co Señor .Facémolo ledos, xunt@s, ilusionados e preocupándonos uns dos outros porque somos unha familia: a familia dos que temos o corazón aquecido pola presenza do Señor .Camiñemos ao seu lado, fagámolo compañeiro desta viaxe que nos leva a entrar en Xerusalén para celebrar que só quen é capaz de poñerse en camiño, saberá pasar da morte á vida. Comecemos entón!
Proclamación do Evanxeo
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Xesús botou a andar diante camiño de Xerusalén.
E cando se aproximaban a Betfagué e a Betania, ó pé do chamado Monte das Oliveiras, mandou dous discípulos, dicíndolles: -Ide á aldea que tedes aí diante, e atoparedes atado un burriño que ninguén montou aínda nunca. Soltádeo e traédeo. E se alguén vos pregunta: "¿Por que o soltades?", respondédelle: "Precísao o Señor".
Foron os discípulos, e atoparon todo tal como lles dixera. E cando ceibaron o burriño, preguntáronlle-los donos: -¿Por que soltáde-lo burriño?
Eles contestaron: -Precísao o Señor.
Levárono onda Xesús, botaron os mantos sobre o burriño e axudárono a montar. 36E ó pasar el, a xente estendía os mantos polo camiño. Cando se aproximaban á baixada do Monte das Oliveiras, a multitude de discípulos, cheos de alegría, comezaron a louvar a Deus con grandes gritos, por tódalas marabillas que tiñan visto. Dicían: -¡Benia o que vén, coma rei, no nome do Señor. Paz no ceo, e gloria no máis alto!
Algúns dos fariseos que estaban entre a xente, dixéronlle:-Mestre, reprende a eses teus discípulos.
Pero el respondeulles:-Asegúrovos que se estes calan, falarán as pedras.
Palabra do Señor. Grazas a Deus
Bendición
Señor, imos poñernos en camiño e non queremos facelo sen pedir a túa bendición. Bendice cada un dos noso pasos; bendice os encontros coas persoas coas nos iremos atopando; bendice as nosas ilusións e proxectos; bendice as nosas familias; bendice, Señor, e non canses nunca de facelo porque somos de memoria esquecediza que nos perdemos moitas veces nas encrucilladas da vida. Cando nos prestamos atención e nos imos desviando do camiño. Non deixes que nos perdamos nin que nos separemos de Ti.
Que coa bendición destes ramos e palmas que hoxe traemos cantos participamos desta celebración, aprendamos a ser berce de escoita, solidariedade, entendemento e diálogo para as persoas coas que nos imos ou nos van atopando. Por iso erguéndoos cara o ceo, pedímosche que Bendigas + estes ramos e palmas, cos que comezamos o camiño que nos leva a participar comunitariamente de Semana Santa. Por Xesucristo o noso Señor.
Procesión.-Camiñarei
Acollida desde a misericordia
- Polos atrancos que poñemos moitas veces para comezar o camiño de acollerte e acoller a túa palabra. Señor, que os nosos pasos non recúen nunca.
- Porque desviámonos do teu camiño de perdón e misericordia moitas veces. Cristo, que os noso pasos non recúen nunca.
- Porque poñemos moitas dificultades e atrancos para recoñecernos necesitados de perdón. Señor, que os nosos pasos non recúen nunca.
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO MATEO
Compareceu Xesús ante o gobernador, que lle preguntou:
-¿Es ti o rei dos xudeus?
Xesús contestou: -Ti o dis.
E ós cargos que lle facían os sumos sacerdotes e mailos senadores, non respondeu nada. Entón preguntoulle Pilato: - Seica non oes todo o que están testemuñando contra ti?
Pero non respondeu a pregunta ningunha, deixando ó gobernador moi estrañado.
Resulta que pola festa tiña o costume de ceiba-lo preso que a xente lle pedise. Tiñan daquela un preso de moita sona chamado Xesús Barrabás. Pilato dirixiuse ó pobo reunido: - A quen queredes que vos solte, a Xesús Barrabás ou a Xesús, chamado o Cristo?
Pois el ben sabía que llo entregaran por envexa.
Mentres estaba sentado no tribunal, a súa muller mandoulle a dicir:
-Deixa en paz a ese xusto, que hoxe sufrín moito en soños por cousa del.
Pero os sumos sacerdotes e mailos anciáns persuadiron á xente, para que reclamasen a Barrabás e acabasen con Xesús. O gobernador insistiu:
-¿A quen queredes que vos libere?
Eles dixeron: -A Barrabás.
Díxolles Pilato: -¿E que fago eu con Xesús, chamado o Cristo?
E responderon todos: -¡Que o crucifiquen!
El replicou: -Pero, ¿que mal fixo?
Pero eles berraban máis forte dicindo: -¡Que o crucifiquen!
Vendo Pilato que non conseguía nada, senón que, pola contra, o barullo ía a máis, tomou auga e lavou as mans diante de todos dicindo: -Alá vós, eu non son responsable deste sangue.
Todo o pobo respondeu dicindo: -Pois que recaia o seu sangue sobre nós e sobre nosos fillos.
Entón soltoulles a Barrabás, e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Os soldados do gobernador levaron a Xesús ó Pretorio, e reuniron toda a compañía. Espírono, botáronlle enriba un manto escarlata; e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na man dereita unha cana. Axeonllándose diante del, dicíanlle moqueándose: -¡Saúde, rei dos xudeus!
Cuspíanlle e coa canivela dábanlle vergallazos na cabeza. Despois de faceren riso del, quitáronlle o manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.
O saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a leva-la cruz de Xesús. Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, que quere dicir: "lugar da Caveira", déronlle de beber viño mesturado con fel. Xesús probouno, pero non o quixo beber. Crucificárono, e repartiron entre eles a roupa botándoa a sorteo. Despois sentaron alí a ter conta del.
Puxéronlle tamén enriba da cabeza un escrito co motivo da condena: "Este é Xesús, o rei dos xudeus". Tamén crucificaron con el dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
Os que pasaban por alí, insultábano, abaneando a cabeza e dicindo:
-¡Vaites, vaites, o que destrúe o templo e o reconstrúe en tres días! Ora, sálvate a ti mesmo e baixa da cruz, se es fillo de Deus.
Do mesmo xeito os sumos sacerdotes, burlándose del xunto cos letrados e senadores, dicíanlle:
-¡Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! ¡É o rei de Israel! ¡Que baixe agora da cruz e creremos nel! Confía en Deus: pois que o salve agora, se é que de verdade o quere; ben que dixo: "Son fillo de Deus".
Tamén o aldraxaban os bandidos que estaban crucificados con el.
Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata as dúas e pico da tarde. E nesa hora Xesús berrou moi forte dicindo:-Elí, Elí ¿lemá sabactaní?
Isto é: Meu Deus, meu Deus, ¿por que me abandonaches?
E algúns dos que estaban alí, oíndo aquilo, comentaban: -Este chama a Elías.
Inmediatamente un deles foi correndo coller unha esponxa con vinagre e, espetándoa nunha cana, deulle de beber. Pero os demais dicían:
-Deixade, a ver se vén Elías salvalo.
Pero Xesús, dando de novo un grande berro, entregou a alma.
Entón o veo do Santuario rachouse en dous de arriba abaixo. Tremeu a terra, as rochas fenderon, e abríronse os sepulcros. Moitos corpos dos santos que estaban mortos resucitaron. E despois que el resucitou saíron dos sepulcros, entraron na cidade santa e aparecéronselles a moitos.
O centurión e mailos que con el gardaban a Xesús, vendo o terremoto e todo o que pasaba, dixeron aterrados:
-Verdadeiramente este era o Fillo de Deus. Palabra do Señor. Grazas a Deus.
Para abrirnos a súa Palabra
Hai cinco semanas, ao comezo do tempo de Coresma, o cartel do sinal deste tempo litúrxico íanos invitando a poñer ollos e corazón en distintas situacións polas que imos pasando as persoas en diferentes momentos da vida. Hoxe, no día do amor fraterno e do servizo, sincero e humilde, como expresión do noso sentir e vivir o seguimento de Xesús, este amor chámanos a saír tamén dos nosos tabernáculos particulares para facer da mesa da Eucaristía experiencia de compartir, escoitar e celebrar a vida.
- Compartir: porque , inda que moitas veces o individualismo agroma en nós, nunca conseguirá vencernos, porque non imos sos. Ao noso redor van tamén persoas que nos necesitan e ás que necesitamos. Coas debemos pararnos e prestarlles atención e deixar que tamén nola presten. A Eucaristía non é soidade senón comuñón.
- Escoitar: porque quen escoita aprende, descubre, coñece e descóbrese igual, superando a tentación de verse coma único, imprescindible e superior aos outros. Aprender a escoitar fainos máis humanos e realistas no noso día a día.
- Celebrar: porque a celebración é encontro, compañía, agradecemento, sinxeleza, amizade e por riba de todo o anterior, capacidade de descubrir a Deus ao lado, facéndose un de tantos; un dos nosos; un coma nós; un igual.
Que a proclamación da Paixón do Señor, atope oco en nós para que deixe o remol do seu eco como recendo que fai que poidamos pasar da escoita á acción desde o seguimento de quen non fixo outra cousa que o ben: acollendo, servindo e dándose aos demais.
Compartimos a oración
Logo de proclamar o credo no Deus amor e presenza, poñamos a oración comunitaria baixo a forza do seu amparo e digamos sen medo e na confianza: Que camiñemos na esperanza de sentirnos acompañados.
- Que a Palabra proclama enchoupe os noso corazóns e nos descubra unha Igrexa necesitada de sincera honestidade e servizo desinteresado. Oremos. Que camiñemos na esperanza de sentirnos acompañados.
- Que o noso esforzo nos axude a descubrir que non é a rutina senón a acollida libre e responsable, a que fai que a vida sexa sempre proxecto de encontro para camiñar xunt@s na busca do que dignifica e pon á persoas sempre no centro. Oremos.Que camiñemos na esperanza de sentirnos acompañados.
- Que tamén nós nos poñamos en camiño, e superemos a tentación do inmobilismo, a falta de creatividade e a renuncia a ser audaces na tarefa de facer do Evanxeo alegría solidaria e compromiso transformador do noso actuar Oremos. Que camiñemos na esperanza de sentirnos acompañados.
Neste Domingo de Ramos, no que a invitación é a de poñernos en camiño, non reneguemos desta tarefa que nos encomendas desde a urxencia de camiñar acompañando a quen sofre e se ve esquecido. Por Cristo o noso Señor. Amén.
Recendo agradecido
Non debemos deixarnos mediatizar polas aparencias senón pola actitude coherente ante a mirada de Deus. O domingo de Ramos ofrécenos a oportunidade de iniciar o camiño cara a Pascua; un camiño que ha ser encontro en ledicias e tristuras; en fracasos e esperanzas; en proxectos e frustracións. Nunha palabra: o camiño da vida que nós queremos facelo sentindo os seus pasos ao noso lado. Non hai sábado de Gloria sen Xoves e Venres Santo.
O que fai que non só a mirada – a fe non é unha proposta teórica – senón tamén os nosos pasos e o latexo do corazón, nos leven a atoparnos con outras persoas, para poder percorrer xuntas o camiño.
A nosa vida non se podería entender se non fose ao lado de outras persoas, tanto no ben coma no mal. Polo que é a complementariedade recíproca a que nos descubre e mostra o enriquecemento de camiñar sempre en compañía. Sigamos camiñando entón, na presenza do Señor.
Comentarios