Ir al contenido principal

Xoves Santo 2019

Somos comunidade que actualiza a festa da solidariedade do Deus pan compartido

Descarga o ficheiro
Canto para celebrar
Entrada.- O amor é o meirande
Lecturas.- Douvos un mandato novo
Ofertorio.- Pan do ceo, pan de vida
Comuñón.- Ti, é-lo pan do ceo
Adoración.- Salve, santo sacramento
Palabras para espertarnos
É Xoves Santo, un dos tres días do que se dicía que  relucía máis ca o sol. E máis alá de ditos ou frases feitas, si que é verdade que  hoxe é día central de celebra ión para nós os seguidores de Xesús. Nunha tarde de hai máis de dous mil anos, un grupiño de persoas ao redor dunha mesa deixáronnos un sinal que vimos repetindo nas comunidades cristiás para expresar que nós non estamos sos e que os noso pasos sempre teñen compaña. Xesús quixo quedar entre nós como  paso que acompaña e alimento que nutre cada día das nosas vidas . Desde El , tamén nós estamos chamados  a ser alimento que alente, anime, acolla e nunca deixe de lado a quen se nos achegue buscando tempo, escoita, sorriso e calquera outra axuda.
Porque o amor se vai construíndo desde a achega das persoas e o corazón engrandecido na solidariedade. Fagamos logo que hoxe o servizo das comunidades e pastor@s se converta en rostro de acompañamento con quen tende a súa man e busca respecto e dignidade.

Corazón de misericordia
  • Por ter sido moitas veces pan escondido e endurecido, no canto de selo compartido e celebrado. Señor, que non deixemos nunca de ser pan de fraternidade.
  • Por non facer da nosa relación cos demais mesa de acollida, senón círculo pechado. Cristo, que non deixemos nunca de ser pan de fraternidade.
  • Porque nos falta coraxe para dicir a verdade e ousadía para pedir perdón. Señor, que non deixemos nunca de ser pan de fraternidade
Ollos abertos e pés no chan
  • Israel reuniuse para celebrar e compartir. Tamén nós esta tarde nos reunimos para celebrar e compartir, inda que de xeito diferente. Nós queremos compartir a vida: o que pasa, o que nos doe, o que nos fai persoas moitas veces tristeiras e desacougadas. Persoas, como fomos mostrando ao longo da coresma ás que , moitas veces, o corazón se nos volve insensible ante a desesperanza, a soidade, a enfermidade, a vellez ou silenciadas. Persoas que hoxe son elas, pero que mañá, ou mesmo dentro dun pouco podemos ser nós. Por iso Xoves Santo, inda que esta sexa a tentación, non pode ser  unha rutina nin unha celebración sen vida .Estamos aquí non só para escoitar a Palabra, senón para  ver como a podemos converter en verdadeira vida que nos alente, nos estimule, nos alede e nos motive .Todo o contrario a mirar ao pasado coma se fose un museo ou ao futuro como se estiveramos a ver cine de ciencia ficción. Celebramos o presente, o aquí, o agora de cada un e cada unha de nós. Poñamos todo da nosa parte para que saiamos da celebración de hoxe non só con bos desexos, senón con compromisos reais de non ignorar a quen nos necesite.
  • Con Paulo tamén nós dicimos que recibimos do Señor, e a través do testemuño das persoas que nos foron mostrando o camiño da fe, o compromiso de facer do pan e do viño compartidos e celebrados sinais da presenza do Deus que en Xesús nos converte a nós en dignidade merecedora sempre de igual respecto. Coma Paulo, tamén nós recibimos a Palabra que se converte en xesto real de mirar aos ollos ás persoas, de dicir a quen nos necesita: aquí me tes para o que necesites; para acompañar a quen ve que todo se lle volve negro e a quen a sensación de fracaso parece non dar saído das súas vidas. Hoxe, coma Paulo, repetimos  aquel xesto e meditamos que segue a ter moita actualidade dese o noso camiñar mirando para as beiras, buscando pararnos e acoller ás persoas que van quedando nelas. O encargo de Xesús de facer o mesmo  na súa memoria, rompe calquera intento de condescendencia ou ritualización do que que pasou aquela tarde de Xoves santo en Xerusalén. Que pan e copa sexan Nova Alianza de vitalidade e humanización que nos leva a non dar as costas nin torcer a cara ante as situacións das persoas ás que ninguén lles fai caso e a que os poderosos esquecen, ignoran e menten.
  • A Xesús chegoulle a hora; a nós tamén. É a nosa hora, a hora dos que somos e estamos. Non é a hora de mirar atrás e laiarnos do que temos sido; dos que non están,; dos moitos que antes eramos; de... non deixar mirara ao pasado. A fe é presente, é agora, é realidade, é estar e camiñar sen pararse. Cada un ao seu ritmo, pero sen pararse. Porque esta é a nosa hora, como aquela foi a dos apóstolos. Eles entendérono, seremos nós tamén capaces? Comecemos por dispornos a lavar os pés de tantas persoas que xa os teñen feridos de tanto andar chamando ás portas de quen non lle quere abrir.

Fraternidade orante
No xesto de Xesús de lavarlle os pés aos discípulos quéresenos transmitir que tamén nós temos que estar dispostos a abaixarnos ante os pés feridos de tantas persoas neste noso mundo chan cheo de si mesmo e tan baleiro de humanidade. Por iso queremos dicir xunt@s: Señor, que fagamos da humildade camiño compartido.

  • Neste Xoves Santo de pan compartido, queremos ser Igrexa que fala e fai  da súa presenza servizo e solidariedade ante os esquecidos e silenciad@s da nosa sociedade. Oremos. Señor, que fagamos da humildade camiño compartido
  • Neste Xoves Santo de Servizo e dispoñibilidade, queremos ser Igrexa non institución que da normas, senón mesa compartida que serve, escoita, acolle e se fai voz dos sen voz. Oremos. Señor, que fagamos da humildade camiño compartido
  • Neste Xoves Santo de solidariedade, queremos traer a nosa oración ás persoas que reciben calor e presenza por parte dos voluntari@s dos grupos de Cáritas que dun cabo ao outro do mundo; na gran ou pequena parroquia, poñen o seu tempo, o seu sorriso e as súas mans para aquecer corazóns magoados. Oremos. Señor, que fagamos da humildade camiño compartido.
Aquí estamos, Señor, recoñecendo que  inda é moita a distancia entre o Evanxeo e a nosa vida. Que non deixemos nunca de seguir dando pasos que nos vaian achegando. Por Xesucristo o noso Señor. Amén.

Oración ante o Santísimo
Señor, de xeonllos ante Ti, queremos dicir que, cada día con máis forza, necesitamos que o Evanxeo resoe nos nosos corazóns, non só na boca das palabras bonitas e baleiras. Porque ser crente non é nin un rito nin unha palabra, senón un xeito de vivir e actuar. O que supón perde-lo medo a innovar, a ser creativos , a ser audaces. Con linguaxe, formas, e feitos que mostren que Ti es para nós vida; e sempre en abundancia.
Señor, o mundo cambia, as persoas tamén, por que non van cambiar tamén as maneiras de facer presente hoxe a Xesús  alí onde esteamos?

    Necesitamos perder medos, si. Pero tamén deixar de vivir de rendas. Deixar de mirar ao pasado, superar o “ isto sempre se dixo e fixo así”. De verdade estamos convencidos, se o aplicamos as diferentes situacións da nosa vida, a manter a coherencia desta afirmación? Non será que en moitas cousas da vida temos cambiado e non nos pasou ningunha catástrofe nin hecatombe?

Perdamos logo o medo; non nos escandalicemos polo que vemos, din, nos din... e poñamos o mellor de nós para que o Evanxeo chegue con toda a frescura ás xentes, nenos, mozos, adultos... de hoxe. E ante Ti, nesta tarde de servizo e solidariedade queremos dicircho e comprometernos a comezar xa.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...