A vida fíxose Evanxeo, e del xermolou a inclusión para que ninguén quedara nas beiras
Descarga o ficheiro
Esquema
- Bendición do lume e do cirio pascual
- Procesión
- Pregón pascual
- Liturxia da Palabra
- Homilía
- Liturxia da auga
- Ladaíñas
- Bendición da auga
- Renovación dos compromisos bautismais
- Aspersión da comunidade
- Preparación do altar. Ofrendas
- Noso pai
- Comuñón
- Aleluia Final
Cantos.-
- Ao prender o lume.- lumiño de lúa clara
- Na procesión cara o templo.- A Cristo cantamos na luz que alumea
- Lecturas
- 1º Manda o Teu espírito ( )
- 2º Ergo os meus ollos ( 112 )
- 3º.- As túas palabras, Señor ( )
- 5º.- Canto aleluia, aleluia ao Señor ( )
- Ofertorio.- Eu soñei ( 58 )
- Santo.- Santo, Santo, Santo es Ti
- Noso Pai.- No camiño do amor ( 43 )
- Paz.- Téndeme a túa man ( )
- Comuñón.- Gracias, Señor, graciñas ( 50 )
- Canto final á Virxe.- Salve, Raíña ( )
Unha palabra para acoller
Comezamos a celebración desta noite na que queremos compartir e agradecer a vida desde a esperanza que vence á morte; a esperanza que nos di que non son o fracaso nin a tristura as que van vencer neste mundo; a esperanza que, dun cabo ao outro do mundo, esta noite celebra que Xesús venceu , e que a vida comezou de novo a xermolar a través do compromiso dos crentes.
A pesares dos balbordos que tentan despistarnos e que esquezamos que outro xeito de vivir e facer as cousas cada día no noso mundo é posible. Por iso estamos aquí esta noite. Noite de lume e auga, da auga e pan. Noite de festa comunitaria que nos fará aquecer o corazón para cantar o aleluia da resurrección.
Deixemos logo que as pingueiras de esperanza que nos trae a resurrección de Xesús vaian enchoupando a nosa vida.
Bendición do lume e preparación do cirio
Comezamos bendicindo o lume no que prenderemos o cirio pascual. Nel está a luz que nos vai guiando ao longo da vida; a luz que mostrándonos o camiño, vai termando de nós para que non nos perdamos nas moitas encrucilladas da vida; a luz que fai que identifiquemos rostros, os rostros que nos acompañan porque van ao noso lado, e non nos son indiferentes. Coñecémolos, querémoslles, tendémoslle e téndennos, cando a necesitan ou a necesitamos, a man. A luz, nunha palabra, que da sentido á vida e nos orienta cara a plenitude, porque non só está, senón que ela é Cristo.
Canto.- Lumiño de lúa clara
Bendición
Señor, por medio do teu Fillo Xesús, déchesnos a terra, o aire, a auga e o lume. Neles estás Ti coma principio e orixe de todo. Coa presenza dos membros da nosa comunidade, queremos bendicilos +, para que sexan verdadeiro signo de transformación renovadora das nosas vidas, e que a pascua que agora comeza prenda en cada un de nós para poder abrir brazos e agarimar, no teu nome, a tantos irmáns e irmás que agardan de nós a aperta solidaria do teu amor. P.X. Noso Señor. Amén.
( Logo da bendición do lume, acéndese nel o cirio pascual. Uns poucos acenden as súas candeas no cirio, e van despois acendendo, coa súa candea a dos demais, ata telas todas acendidas. Momento no que comezamos a procesión cara a igrexa.)
Procesión cara a Igrexa.- Canto.- A Cristo cantamos na luz que alumea
Pregón pascual
( Proclamamos o pregón coas luces apagadas. Só mantemos prendidas a luz do cirio pascual e a das nosas candeas )
Aledémonos nesta noite a terra enteira,
Adornada coa auga de vida da primavera.
Aledémonos nesta casa común que compartimos
E onde ninguén quere quedar excluído.
Alédense os noso campos no tempo da sementeira,
xermolados polo sol e deste abril de augas mil.
Para que sexan alimento enchoupado de xenerosidade para a humanidade famenta.
Semente! Semente de esforzo compartido por facer mellor o mundo.
Alédense os toxos cheos do alecrin dos nosos montes,
As cerdeiras floridas da brancura limpa das nosas xentes.
Que sempre teñamos soños e proxectos polos que loitar por conseguir:
Para @ parad@ e a excluid@,
Para @l minusválid@ e a indixente.
Na acollida que sempre da apertas de benvida,
na casa común da fraternidade traballada e a liberdade loitada.
Refuxiad@s irmás, bienvenid@s entre nós!
Canto vos necesitamos!.
Alédense os paxaros co seu piar,
As pombas que traen a paz e a oliveira da acollida escoitada.
fagamos realidade os soños dos que descobren o amor
como encontro de proxecto compartido.
Que a vida corra fecunda nas nosas familias e na convivencia.
Hoxe chega onda nós: a quen deixando a morte atrás
Chámanos a buscar un novo ceo entre nós
De paz e solidariedade.
Señor da casa común
Que tezamos cada día, o pano que sempre tape,
A friaxe de quen na soidade, esquecid@ e silenciad@
dea calor abondo, de camiño compartido,
en diálogo e trenzado de xustiza e igualdade.
Camiñando sen nostalxia; construíndo sen queixarnos,
Traballemos cada día por facer do compartir:
Camiño, verdade e vida
Ao estilo de Xesús.
Que vencendo a morte quixo,
Facernos escoitar e acompañar, a to@s nós por igual.
Que entre as nosas parroquias, camiñemos sen cansar,
Por facer do entendemento, vieiro para camiñar,
Abrindo os regos da eterna sementeira.
Fogar e máis paraíso / sorriso e mais esperanza,
tamén para todo aquel que no cansazo da vida,
Poida atopar acollida de Evanxeo compartido, sen laio nin desesperanza.
Maiores, nen@s e moz@s, é tempo de esperanzar,
Xa non importan os anos, que non reneguemos nunca
Do don da fraternidade!
Primavera permanente de quen ofrecendo vida / entregouse ata morrer
Resucitando sempre á esperanza compartida de quen ama, ri e chora,
Sen nunca se deixar vencer, pola dureza da vida,
Da que non imos escapar.
Primavera permanente, Xesús da resurrección,
o remol necesario / Desa luz inesgotable ,
que nos leva a camiñar, vencendo a tentación
de sos querer andar.
Que esta noite nos esperte a loitar e combater, polo dereito de tod@s
Á dignidade laboral,
Da xustiza da igualdade da dignidade compartida
En xustiza e ben común.
Irmáns e irmás,
Nesta noite que da luz ao gran día.
É noite de paz, ledicia, resurrección e vitoria.
Que a xente nova das nosas parroquias
Sentan o espírito do Resucitado,
Da permanente chamada,
Do sentir fraterno con quen está ao noso lado.
Batamos palmas coa ledicia do corazón.
O que estaba morto ergueuse do sepulcro,
Para darnos vida.
Si, Xesús resucitou. E con El:
Tamén nós resucitamos!
( Ao final do pregón, acendemos as luces e cantamos/ rezamos o gloria)
Liturxia da Palabra
1ª Lectura
Lectura do libro da Xénese.- 1, 1. 26-31a
No principio creou Deus o ceo e a terra.
Despois dixo Deus: -"Fagámo-lo home á nosa imaxe e á nosa semellanza, e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos reptis todos da terra".
E creou Deus o home á súa imaxe, creou-no á imaxe de Deus, creouno varón e femia. E bendiciunos así: -"Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos reptis todos da terra". E díxolles aínda: -"Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e tódalas árbores que dan froito coa súa propia semente: serviranvos para a mantenza". As feras todas do monte, ós paxaros do ceo e ós reptís que viven na terra dóulle-la herba para a mantenza". E fíxose así. Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo.
Oremos.- Pai, que pos diante de nós o mundo e nos convertes en señor@s de canto fixeches, aleda o noso esforzo por facer del a casa de tod@s, onde ninguén se poida sentir estraño e desprazado.P.X.N.Señor. Amén.
- SALMO .- 1º Manda o Teu espírito
2ª Lectura
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO
O Señor díxolle a Moisés: -"¿Que queixas son esas cara a min? Manda ós israelitas que se poñan en marcha. Ti ergue a vara, alonga a man sobre o mar e párteo en dous, de xeito que os israelitas pasen polo medio a pé enxoito. Eu endurecerei o corazón dos exipcios, que seguirán perseguíndovos. E mostrareime glorioso á conta do faraón, á dos seus carros e á dos seus cabaleiros. O mostra-la miña gloria á conta deles, aprenderán os exipcios que eu son Iavé".
O anxo de Deus, que ía diante das hostes de Israel, cambiouse e púxose detrás. Tamén se moveu de diante para detrás a columna de nube. Púxose entre os exércitos de Exipto e os de Israel. A nube por unha banda era de tebra e pola outra alumaba a noite, de xeito que en toda a noite non puideron aproximarse os uns ós outros.
Moisés alongou a man sobre o mar, e o Señor removeuno cun vento forte do leste, que soprou toda a noite, ata seca-lo mar, coas augas partidas. Os israelitas entraron polo medio do mar a pé enxoito. As augas facían muros á súa dereita e á súa esquerda. 23Os exipcios que os perseguían, a cabalería do faraón, os carros e os cabaleiros, entraron no mar tras deles.
Cerca da madrugada, ollou o Señor desde a columna de nube e de lume para o campamento exipcio e cubriuno de confusión. Pexou as rodas dos carros, de xeito que non podían case que andar. Os exipcios entón dixeron: -"Fuxamos dos israelitas, pois Iavé loita por eles contra nós".
O Señor díxolle a Moisés: -"Estende a man cara ó mar, e as augas volveranse sobre os exipcios, os seus carros e os seus cabaleiros". Moisés alongou a man cara ó mar e, contra a mañá, este volveu ó seu sitio. Os exipcios, fuxindo, deron con el, e o Señor alagounos nas súas augas. As augas, ó xuntárense, cubriron os carros, os cabaleiros e todo o exército do faraón, que entrara no mar tras de Israel. Non quedou nin sequera un.
Os israelitas pasaron a pé enxoito polo medio do mar, mentres as augas facían muro á súa dereita e á súa esquerda. Aquel día salvou o Señor a Israel do poder dos exipcios. Israel puido ver na beira do mar os exipcios mortos. Israel recoñeceu con que man poderosa o Señor tratara ós exipcios. O pobo temeu ó Señor e creu nel e no seu servo Moisés.
Entón Moisés e os israelitas cantaron este canto ó Señor: -"Cantarei ó Señor, que se cubriu de gloria, cabalo e cabaleiro alagou no mar.
Oremos.- Tamén nós, Señor, temos desexado moitas veces saír de Exipto, é dicir, deixar atrás as nosas escravitudes que nos van atando e impedindo ser nós mesmo e verdadeiramente felices. Unhas escravitudes do efémero que van esmorecendo e deixándonos no máis absoluto dos baleiros.. P.X.N. Señor. Amén.
SALMO.- Ergo os meus ollos ( 112)
3ª Lectura
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL
Veume a palabra do Señor nestes termos:
"Estes son o pobo do Señor,
e tiveron que saír da terra del".
Entón eu tiven consideración co meu santo Nome,
o que profanara a Casa de Israel
entre os pobos onde fora.
Por isto, dille á Casa de Israel:
Así fala o meu Señor, Iavé:
-Casa de Israel, non por vós vou eu actuar,
senón por mor do meu santo Nome,
que vós profanastes entre as nacións onde fostes.
Pois vou facer que se recoñeza a santidade do meu grande Nome,
profanado entre as nacións nas que vós o profanastes.
Entón recoñecerán estas nacións que eu son o Señor
-é o meu Señor, Iavé, quen fala-,
cando eu vos faga recoñece-la miña santidade na súa presencia.
Pois recollereivos das nacións,
xuntareivos de tódolos países
e traereivos á vosa terra.
Asperxerei sobre vós auga purificadora e quedaredes puros;
de tódalas vosas impurezas e de tódalas vosas idolatrías heivos purificar.
Dareivos un corazón novo
e poñerei nas vosas entrañas un espírito novo;
sacarei da vosa carne o corazón de pedra
e poreivos un corazón de carne.
Porei nas vosas entrañas o meu espírito
e farei que camiñedes conforme os meus preceptos
e que gardéde-los meus mandamentos e os cumprades.
Viviredes no país que lles dei a vosos pais:
seréde-lo meu pobo e eu serei o voso Deus.
Oremos.- Os nosos feitos son, Señor, o mellor dos criterios para medir a nosa coherencia e fidelidade a Ti. Pon nos noso corazóns sementes que xermolen novos proxectos e ilusións que vaian facendo de nós, corazóns compartidos e mans solidarias.. P.X.N.Señor. Amén.
SALMO .- As túas palabras, Señor, son Espírito e vida ( )
4ª Lectura
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS
Irmáns e irmás:
Ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte del? Enterrámonos, logo, con el polo bautismo para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova. Pois se fomos enxertados nel pola semellanza dunha morte coma a del, seguro que tamén o seremos por unha resurrección semellante.
Tendo en conta isto, o noso home vello foi crucificado, para que fose destruído o corpo pecador, a fin de non servirmos máis ó pecado. Porque o que morre queda liberado do pecado.
Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El. Porque o seu morrer foi un morrer ó pecado para sempre, mais o seu vivir é un vivir para Deus. Así tamén, vós considerádevos mortos ó pecado, pero vivos para Deus en Cristo Xesús.
Oremos.- O bautismo, Señor, fai que non poidamos ser outra cousa máis ca comunidade; pero moitas veces estas nosas comunidades esmorecen pola nosa pouco alegría e a nosa indiferenza. Que está incorporación á vida nova da graza e esperanza na que fomos incorporados o día do noso bautismo, saibamos mantela viva en cada momento da nosa vida. . P.X.N.Señor. Amén.
EVANXEO
Proclamación do Evanxeo segundo Lucas
A madrugada do primeiro día da semana foron ó sepulcro, levando os perfumes que tiñan preparados. Pero atoparon quitada a lousa, arredada do sepulcro. Entraron, e viron que o corpo do Señor non estaba alí. Entón, mentres estaban todas perplexas por aquilo, apareceron dous homes con vestidos resplandecentes. Cheas de medo, miraban para o chan; pero eles preguntaron:
-Por que buscades entre os mortos a quen está vivo? Non está aquí; resucitou. Recordade o que vos dicía en Galilea: que cumpría que entregasen o Fillo do Home nas mans dos pecadores, que o crucificasen e que resucitase ó terceiro día.
A elas acordáronlles aquelas palabras súas, e, volvendo do sepulcro, anunciáronllelo ós Once e a tódolos demais. Eran elas: María Magdalena, Xoana, María a de Santiago. E tamén as outras que as acompañaban lles dicían o mesmo ós apóstolos; pero eles non lles daban creto: parecíalles un desatino das mulleres.
Mesmo así, Pedro ergueuse e foi correndo ó sepulcro; abaixándose, viu as vendas soas; e, todo abraiado polo acontecido, volveu para a súa casa.
Palabra do Señor. Gloria a Ti. Señor Xesús
Retrouso de esperanza
Acabamos de escoitar cinco textos da biblia. Textos que son pegadas de salvación no camiño que Deus nos foi abrindo para que os nosos pasos fosen pasos de continuidade transformadora; facendo das nosas pegadas, pegada de testemuño; pegada que esperanza a pesares das moitas situacións de desesperanza coas que imos topando cada día; pegada, nunha palabra, que faga posible que nos atopemos e poidamos camiñar xunt@s. Nesta noite somos invitad@s a non facer da rutina nin do costume os eixes de cada día.
Con Ezequiel tamén nós queremos deixar atrás o corazón de pedra para ir construíndo pingueiras de esperanza que vaian dando a nosa vida pequenos pasos de esperanza que nos convertan en persoas dialogantes e con capacidade de escoitar.
Que a sementeira desta noite, faga posible que a nosa vida xermolen propostas de alegría desde a xustiza do Deus que, facéndose un dos nosos, segue a camiñar ao noso lado. Pasemos da noite ao día, e esquezámonos das tebras . Chegou a luz para acolle e compartila!
Liturxia bautismal
- Monición
A auga, é sinal de vida, de purificación, de limpeza. Neste momento da celebración comezamos invocamos aos santos, testemuñas de xenerosidade e exemplo de entrega misericordiosa aos demais; e bendicimos a auga que levaremos par as nosa casas e nos lembrará que como bautizados fomos incorporados, non á morte, senón a vida nova inaugurada en Cristo.
- Ladaíñas
- Señor, ten piedade.
- Cristo, ten piedade.
- Señor, ten piedade.
- Xesús, Salvador e vida do xénero humano, dános as túas pingueiras de esperanza.
- Santa María, Nai de Deus, dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Miguel, dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Xosé, dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Pedro, dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Paulo, fai latexar de esperanza o noso corazón.
- San Francisco de Asís, dános as túas pingueiras de esperanza.
- Santa Clara, dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Andrés dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Breixo, dános as túas pingueiras de esperanza.
- Santa María Magdalena, dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Mamede, dános as túas pingueiras de esperanza.
- Sta. Comba. dános as túas pingueiras de esperanza.
- S.Fins, dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Bieito, dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Xoán Bautista dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Simón, dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Adrián, dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Mateu , dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Rosendo, dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Froilán dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Martiño dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Ignacio fai latexar de esperanza o noso corazón.
- Santa Tareixa de Ávila, dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Bieito dános as túas pingueiras de esperanza.
- Santa Catarina de Siena, dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Xoán XXIII , dános as túas pingueiras de esperanza.
- Santa Tareixa de Calcuta dános as túas pingueiras de esperanza corazón.
- San Óscar Romero de América, dános as túas pingueiras de esperanza.
- San Paulo VI, home de diálogo comunitario, dános as túas pingueiras de esperanza
- Dom Helder Cámara,Bispo do pobres, dános as túas pingueiras de esperanza.
- Ghandi, Luther King e demais testemuñas de paz e amor, dádenos as vosas pingueiras de esperanza .
- Tódolos homes e mulleres de ben, dádenos as vosas pingueiras de esperanza
- Pola túa morte e resurrección, dádenos as vosas pingueiras de esperanza
- Pola forza do Espírito Santo cada día en nós, dádenos as vosas pingueiras de esperanza
( Si hai bautizos )
- Para que o bautismo incorpore a estes fillos teus na comunidade, alenta o seu corazón.
- Para que a auga do bautismo sexa para eles símbolo de nova vida, alenta o seu corazón.
- Xesús, Fillo de Deus e amigo de Tod@s, alenta o noso corazón.
Que a túa eficacia se manifesta nestes sacramentos, Deus de vida e luz . Que o Espírito se faga presente nas súas vidas para alentalas a acompañalas. Que a túa man acompañe a acción de quen, no teu nome, os vai acoller na fe da Igrexa . P.X. Noso Señor. Amén.
- Bendición da auga
Señor da creación e do amor, que nos das a auga da vida, e ofrécesnos o bautismo como porta de entrada na comunidade cristiá. Acompaña este momento no que reunidos no teu nome queremos facer da auga sinal da túa presenza.
Señor da creación e do amor, que nos das a auga da vida, para lembrarnos que a través dela a forza do Espírito camiña sempre con nós.
Señor da creación e do amor, que nos das a auga da vida, que nos ofreces en Cristo unha nova creación na que deixemos atrás a angustia, o enfrontamento e as ansias de dominio de uns para cos outros.
Mira, Pai, esta comunidade que hoxe que quere renovarse coa forza da oración, e abre para ela a fonte do bautismo. Para que esta auga reciba , polo Espírito Santo, a graza do teu Fillo, de xeito que aqueles que creaches a túa imaxe e semellanza, polo bautismo morramos ao vello que levamos en nós e renazamos á luz dunha nova humanidade inaugurada en Xesús e plenificada na súa pascua.
Que a presenza do Espírito Santo, polo teu Fillo + descenda sobre esta auga que hoxe poñemos ao pé da pía bautismal, para que incorporados a Cristo, camiñemos cara a vida nova en esperanza.P.X.N.Señor.Amén.
- Renovación das compromisos bautismais / aspersión
Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos cheos de esperanza e vida:
- Estades dipost@s a loitar contra o mal que nos fai infelices e nos pecha no egoísmo? Si, estou disposto.
- Estades dispost@s a non deixarvos levar de canto nos aparta de Deus e fire aos irm@ns? Si, estou disposto.
- Estades dispost@s a que no voso corazón non aniñe a cobiza, a insolidariedade e a envexa? Si, estou disposto.
- Credes en Deus Pai e amigo da vida, que puxo nas nosas mans o mundo que El creou? Si, creo.
- Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María e pasou polo mundo facendo o ben, e que no seu amor e fidelidade entregou a súa vida para abrirnos a nós o camiño da resurrección? Si, creo.
- Credes na forza e presenza do Espírito Santo, na Igrexa, comunidade de fe e vida, na comuñón dos santos, no perdón e na resurrección que nos levará a gozar para sempre da presenza de Deus? Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida.P.X.N.Señor.Amén.
( Logo da renovación dos compromisos bautismais, aspérxese á comunidade coa auga que acabamos de bendicir)
- Oración dos fieis
Nesta noite de esperanza, luz e vida, na que Cristo nos invita a seguir as súas pegadas,, queremos, dicirlle xunt@s: Grazas polo teu alento.
- Grazas, Señor por invitarnos nesta noite a abrir o noso horizonte de vida, e ser Igrexa que acolle e non xulga nin condena. Oremos. Grazas polo teu alento.
- Grazas, Señor, porque nesta noite de auga e luz, chámanos a facer do noso actuar pingueiras que animan, alentan e tenden a man para camiñar xunt@s na solidariedade e a misericordia.. Oremos. Grazas polo teu alento.
- Grazas, Señor, para que desde a Palabra proclamada remoiamos o noso corazón, para que a pedra na que as veces se ten convertido, se transforme en latexo fraterno, liberador e disposto a acompañar a quen se atopa só ou esquecido. Oremos. Grazas polo teu alento.
- Grazas, Señor, polo testemuño de tódalas persoas que traballan unindo esforzos, ilusións e esperanzas para acompañar a quen está só e desacougado. Oremos. Grazas polo teu alento.
Grazas, Señor, por esta noite de luz, vida e esperanza. Que a forza da Palabra proclamada e compartida, faga que non esquezamos que a fe supón sempre achega e preocupación polos irm@ns, e non costume nin tradición baleira. Por Xesucristo o noso Señor. Amén.
( Pregaria Eucarística IV )
Reflexión
Xesús, viñeches a nosa terra
para revelarnos a teu Pai, o noso Pai,
e para ensinar a que nos amemos uns aos outros.
Envíanos ao Espírito Santo que nos prometiches.
Que El faga de nós,
neste mundo de guerra e división,
instrumentos de paz e unidade.
para revelarnos a teu Pai, o noso Pai,
e para ensinar a que nos amemos uns aos outros.
Envíanos ao Espírito Santo que nos prometiches.
Que El faga de nós,
neste mundo de guerra e división,
instrumentos de paz e unidade.
Xesús, ti chamáchesnos a seguirte
nunha comunidade de Fe e Luz.
Queremos dicirche "si".
Queremos vivir proxecto de amor
nesta gran familia que nos deches,
para compartir os nosos sufrimentos e dificultades,
As nosas ledicias e esperanzas.
Ensínanos a aceptar as nosas feridas e debilidades,
para que nelas se despregue a forza da túa compaña.
nunha comunidade de Fe e Luz.
Queremos dicirche "si".
Queremos vivir proxecto de amor
nesta gran familia que nos deches,
para compartir os nosos sufrimentos e dificultades,
As nosas ledicias e esperanzas.
Ensínanos a aceptar as nosas feridas e debilidades,
para que nelas se despregue a forza da túa compaña.
Ensínanos a descubrir o teu rostro e a túa presenza
nos nosos irmáns e irmás,
especialmente nos máis débiles.
Ensínanos a seguirte polo camiño do Evanxeo.
nos nosos irmáns e irmás,
especialmente nos máis débiles.
Ensínanos a seguirte polo camiño do Evanxeo.
Axúdanos a vivir da túa Resurrección. Amén.
( www.feyluz.org )
Canto final.- Salve, raíña
Comentarios