Ir al contenido principal

Cristo Rei 2019 Ciclo C

CONSTRUÍNDO REINADO DE DEUS ASENTADO NO DIÁLOGO E A INTEGRACIÓN

CANTOS


Entrada.- Veña o teu Reino (88)
Lecturas.- Moito me alegrei cando me dixeron 
Ofertorio.- Na nosa terra (36)
Comuñón.-  Señor Xesús, bendito sexas (52)

OÍDOS ATENTOS

Cando unha palabra se repite moitas veces e en tódolos sitios, corre o risco de converterse nun retrouso ao que ninguén lle presta atención nin lle fai caso. Isto é o que lle pode ocorrer á palabra diálogo que tanto usamos hoxe unh@s e outr@s. Si, porque de tanto apelar teoricamente á necesidade de dialogar na política, na Igrexa, na economía, na educación ... corremos o risco de que non lle prestemos a atención que merece. Porén, sen diálogo leal, sincero e responsable dificilmente podemos superar tensións, enfrontamentos, rancores ou odios ancestrais, o que nos fará seguir vivindo no desacougo interior de quen mantén permanentemente supurando as feridas do enfrontamento, a intolerancia e o desprezo.
Neste último domingo que pecha o tempo ordinario, Xesús móstrasenos como Aquel que achega e constrúe o dinamismo dun reinado que non se basea no autoritarismo nin na imposición, senón na autoridade de quen nos pide aprender a poñer pontes no canto de muros para superar así desacougos persoais

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Por ternos negado a ser construtores do teu Reino sendo persoas de paz. SEÑOR, QUE BUSQUEMOS ENTENDERNOS.
Por termos negado a ser construtores do teu Reino sendo persoas de misericordia. CRISTO, QUE BUSQUEMOS ENTENDERNOS.
Por termos negado a ser construtores de teu Reino sendo persoas de corazón servizal. SEÑOR, QUE BUSQUEMOS ENTENDERNOS.

PALABRA PARA REMOER

Pertencer a un grupo, un colectivo, unha institución deportiva, política, veciñal ou cultural establece entre os seus membros unhas relacións de dispoñibilidade, confianza e colaboración que vai facendo que se pase de ser persoas descoñecidas e desconectadas unhas de outras, a conformar colectivos que buscan, se ilusionan e traballan por pensar buscando sinerxías que aproveitan o que de bo aporta cada un/ha dos seus membros. Isto mesmo pasa na Igrexa, que como comunidade cristiá está chamada a enraizarse na vida e na cultura dos lugares onde se vai facendo presente, buscando facer confluencias que tomen en serio a posibilidade de buscar o ben común e a participación como elementos fundamentais da construción dese reino que na persoa e na mensaxe de Xesús vai facendo posible que a sociedade non se estanque e que ás persoas non se lles dean as costas.
Esta loita polo ben común, na que imos descubrindo que non podemos quedar á marxe, esíxenos un talante de esperanza e non de pesimismo negativo. Isto mesmo sentírono os membros do pobo de Israel cando mostraban a ledicia que lles comportaba non sentirse sos e esquecid@s, senón arroupados pola forza do compartir vida nas súas ledicias e tristuras, por iso achegábanse con ledicia a dar grazas de xeito comunitario. Seremos tamén nós capaces de facer da busca do que une o camiño polo que ir?, seremos capaces de superar o que foi para comezar a construír o que está sendo e o que será?, seremos capaces de deixar atrás os desencontros para poñernos a construír Reino de Deus buscando o que nos une e compartimos, sen ter medo a romper esquemas, iniciar novos camiños e colaborar, sen prexuízos, con quen nos mantemos afastados? Tentémolo logo para que o Reino non se estanque.
Paulo parece telo intentado, o que o leva a dar grazas, tal e como lles conta aos colosenses na súa carta. E dá grazas por ter sido capaz de romper co pasado para superar barreiras que parecían infranqueables e que impedían poder volver comezar unha nova xeira a percorrer de xeito harmonioso, corresponsable e verdadeiramente creativo e novo. O que ennegrece, o que pon escuridade nos corazóns, o que só sabe mirar para atrás non é camiño desde o que construír o Reino, pois non confía nas persoas nin é capaz de facer da reconciliación comezo de renovación persoal e comunitaria. Non fagamos logo coma os xefes que se moqueaban de Xesús; superemos unha visión do Reino de Deus asentada no inmobilismo e no individualismo perfeccionista que non fai máis que envolvernos nunha burbulla que nos afasta a uns dos outros e nos acaba facendo persoas soberbias e con  complexo de superioridade, incapaces de sentir nin de poñer en práctica a tenrura do Xesús que sempre ten as mans abertas para acollernos e dicirnos: “hoxe estarás comigo”.

ORACIÓN PARA COMPARTIR

Señor, invítasnos a ser persoas construtoras do teu Reino desde a colaboración e participación na busca do ben común. Respondendo a esta invitación dicimos agora: Que participemos na construción do teu Reino.
Para que non teñamos medo a ser unha Igrexa que se fai presente no medio do mundo, non para recriminar o que fan os demais, senón para recoñecer os seus erros e ofrecerse a colaborar na busca do ben común . Oremos. Que participemos na construción do teu Reino.

Para que sexamos verdadeiras persoas construtoras do teu Reino renovando a vida de fe das nosas parroquias, e buscando proxectos e propostas de colaboración e servizo comunitario. Oremos . Que participemos na construción do teu Reino.

Para que non deixemos esmorecer a chama da fe que comezou a alumear en nós o día do noso bautismo, de xeito que fagamos da vida compromiso ás persoas que están solas, son maiores e ás que ninguén lles presta atención. Oremos. Que participemos na construción do teu Reino
Grazas, Señor, por seguir confiando en nós invitándonos a ser testemuñas construtoras do teu Reino. Por Cristo o noso Señor. Amén.

BUSCANDO O ACOUGO INTERIOR

Xesús non elixiu os medios máis eficaces, xa que o medio fundamental que utilizou no cumprimento da súa misión foi a solidariedade. Por iso, o ministerio público de Xesús discorreu polo camiño do servizo, a colaboración e a participación.
Crer en Xesús é entón servilo; e seguilo é facer da vida un compromiso de seguimento e construción do seu Reino alí onde esteamos, poñendo á persoa no centro e facendo do traballo solidario o camiño de seguimento de quen pasou, sen sentir vergoña, facendo o ben.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...