Ir al contenido principal

14 Domingo TO B 2021

 REMOL.14º Domingo do tempo Ordinario

 

CANTOS

            Entrada.-  Eu soñei (  )

            Lecturas.- Ergo os meus ollos ( 112)

            Ofertorio.-  Déixate querer ( )

            Comuñón.- Non vou só ( 60)

 

MIRADA DE ESPERANZA

         Ofrécenos Paulo na lectura da carta aos Corintios que leremos hoxe unha mirada de realismo e sentido común, tan ausentes hoxe moitas veces das decisións e actitudes que se toman, que tomamos, cada día. Unha mirada de realismo porque fai baixar a aqueles cristiáns da comunidade de Corinto do poleiro no que se atopaban créndose mellores e superiores aos demais por ser cristiáns. De aí que non dubida Paulo en lembrarlle que a fraqueza e fraxilidade acompañan ás persoas cada día e sempre, e quen o esqueza acaba vivindo nun desengano permanente e nunha realidade aparente e ficticia.

            Como neste noso mundo, estas cousas as veces esquecémolas, comecemos a celebración poñéndonos na man do Deus que fixo da encarnación sinxeleza e humildade, para que, coma El, saibamos compartir as alegrías e vivir deixarnos axudar nas fraxilidades.

CORAZÓN DE MISERICORDIA

·      Por non querer asumir a nosa limitación e fraxilidade; SEÑOR, QUE NOS RECOÑEZAMOS PERSOAS NECESITADAS.

·      Porque somos fráxiles de memoria e non valoramos o moito de bo que recibimos das demais persoas; CRISTO, QUE NOS RECOÑEZAMOS PERSOAS NECESITADAS.

·      Porque á nosa mirada fáltalle moitas veces o realismo da humildade; SEÑOR, QUE NOS RECOÑEZAMOS PERSOAS NECESITADAS.

 

 

 

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

 

Mentres me estaba a falar, entrou en min un espírito que me puxo de pé, e escoitei o que estaba a falar.

Díxome: ‑Fillo de Adan, eu voute mandar onda os fillos de Israel, onda un pobo de rebeldes que se reviraron contra min ‑eles e mailos seus pais‑, que pecaron contra min, ata o mesmo día de hoxe. Estes fillos, ¡que duros son de cara! ¡Que obstinados de corazón! Voute mandar onda eles, e vaslles dicir: "Así fala o Señor, Iavé". Deste xeito, eles escóitente ou rexéitente, pois son casa rebelde‑ han saber de certo que hai un profeta no medio deles.  Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás: Debido á grandeza das revelacións, por iso, para que non teña soberbia, espetóuseme un aguillón na carne: un emisario de Satanás, para que me pegue lapotes, e así non teña orgullo. Por tres veces pedinlle ó Señor que o arredase de min, pero respondeume: "Chégache coa miña gracia; a forza vese cumprida na fraqueza". Daquela presumirei con gusto das miñas debilidades, para que así resida sobre min a forza de Cristo. E por iso gózome nas fraquezas, nas afrontas, nas necesidades, persecucións e angustias que sufro por Cristo; porque, cando estou débil, entón é cando son poderoso. .  Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

Saíndo Xesús de alí, foise para a súa vila, acompañado polos seus discípulos. Cando chegou o sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada:

‑¿De onde lle veñen a este todas esas cousas? ¿Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man? ¿Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as súas irmás non viven aquí connosco?

Estaban realmente escandalizados. Pero Xesús díxolles:

‑Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes.

E non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións, que fixo impoñendo as mans. Estaba sorprendido por aquela incredulidade. E dedicouse a andar polas aldeas dos arredores, ensinando. Palabra do Señor.

 

 

PALABRA REMOÍDA

·      A teimosía é unha actitude, na maioría das veces negativa, inda que pensemos o contrario, que nos impide avanzar e superar atrancos e ver novas posibilidades. Quen camiña na teimosía como actitude permanente acaba empobrecéndose e perdendo a capacidade de descubrir o novo, o que pode vir, o que nos abre camiños e esperanzas de futuro. Non sendo capaz de ver a novidade do evanxeo, porque a súa vida quedou varada na nostalxia do pasado, na rixidez do de sempre, no inmobilismo de crer que só hai unha e única forma de ver a realidade e de facer as cousas. Sendo esta unha actitude moi habitual sempre e en tódalas facetas da vida, neste momento no eido da fe e da vivencia relixiosa estanse a dar actitudes teimosas, recalcitrantes e inmobilistas que non só lles impiden a avanzar ás persoas que as viven, tamén consideran que deben xulgar, desde parámetros de condena, a quen non pensa coma elas e busca facer do evanxeo unha parede rochosa imposible de superar e non unha ponte de fraternidade que une e achega ás persoas. Preguntémonos en cal dos lados nos atopamos, porque se decidimos ser muro e non ponte, dificilmente estaremos no lado ao que nos invita a camiñar Xesús. Inda que insistamos, con teimosía, que ese é o único, exclusivo e auténtico.

 

·      Non nos enganemos, Xesús ía por outros moitos camiños, non tiña medo a arriscar, buscar ou descubrir novas posibilidades para mostrar que Deus faise dos nosos non para condenarnos á infelicidade das rutinas, e si para tendernos a man e facérno-la viaxe da vida moito más doada, feliz e leda. A fe é un guieiro de luz no mundo cheo de nos, non un atranco que nos fai persoas envexosas e incapaces de compartir a felicidade e ledicia con quen foi capaz de derrubar muros para construír pontes de solidariedade, humanidade compartida e gozo de quen sabe descubrir que Deus é un Deus de man tendida e non de tribunal condenatorio.

 

·      Como acabamos e escoitar no evanxeo, no tempo de Xesús tamén había xente que non só non quería intentar aledarse co ben que lle ía aos demais, senón que facía o posible para poñerlle atrancos e dificultades para que nunca lles fose ben. Por iso sempre tiñan algo que dicir: quen é este? Que se cre? De onde lle ven esa maneira de ser e facer?... sentíanse abraiados polo que vían dicir e facer a Xesús. Pero o seu non era un abraio de ledicia compartida pola esperanza e igualdade coas que trataba ás persoas; o seu era envexa por non ser capaces de que os escoitaban  lles fixeran caso. Isto foi hai dous mil anos, pero, para moitas persoas, parece que nada cambiou, seguen a querer ser así. Mágoa, porque inda que pensen que non: están moi lonxe do estilo e dos valores do reino do que Xesús quere que sexamos tamén construtores.

 

ORACIÓN COMPARTIDA

            Na invitación a vencer a rixidez teimosa, valoremos a forza da oración comunitaria e digamos: Señor, que nos afastemos de comportamentos ríxidos.

·      Para que a Igrexa sexa comunidade que tende pontes e derruba muros que impiden madurar, crecer e ser no mundo fermento do Reino. Oremos. Señor, que nos afastemos de comportamentos ríxidos.

 

·      Para que nos esforcemos para que nas nosas comunidades non nos sintamos nin mellores nin únicos e exclusivos pola nosa maneira de vivir e actuar. Oremos. Señor, que nos afastemos de comportamentos ríxidos.

 

·      Para que a sinxeleza, a capacidade de escoitar e entendernos, e a colaboración sexan eixes no noso xeito de vivir a fe. Oremos. Señor, que nos afastemos de comportamentos ríxidos.

Grazas, Señor, por axudarnos a limpar as escamas dos noso ollos, que tantas veces nos impiden ver  a humanidade que as persoas constrúen e buscan. Amén.

 

ECOS DE ESPERANZA

A sinxeleza do actuar chámanos a unha espiritualidade que sexa fermento na nosa vida, o que nos pon no camiño de:

o   Buscar e atopar a vontade de Deus sobre a miña vida. Non o máis perfecto obxectivamente, senón o que Deus quere de min.

o   Ensanchar o corazón cara ás dimensións do mundo, mais aterrando no concreto para non me perder en vaguidades ou en ideais irrealizábeis.

o   Coñecer a miña realidade o máis amplamente posíbel. De aí, examinar moito cada situación e tamén reflexionar moito sobre un mesmo.

o   Discernir, á luz da oración e da razón iluminada pola fe, como podo mellorar esa realidade para facela máis evanxélica.

o   Atopar a Deus en todo o creado, sendo contemplativos na acción. ( Xesuítas.es )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor