Ir al contenido principal

16 Domingo TO B 2021

 16º Domingo  Tempo Ordinario

APACENTAR, NON ESCORRENTAR. UN RETO DA IGREXA HOXE

CANTOS

Entrada.-  Con ledicia vamos todos ao altar ( 2)

Lecturas.- O Señor é o meu Pastor ( 27 )

Ofertorio.-  Velaquí, Señor, o viño ( 37 )

Comuñón.- Acharte presente na vida (51  )

MIRADA DE ESPERANZA

De pastores e pastoreo fálannos hoxe as lecturas. Unha imaxe que comprendemos perfectamente porque non é allea a nosa realidade. Tampouco o era á do mundo no que se desenvolve a historia que nos vai narrando a Biblia. A partires desta imaxe podemos ir descubrindo que o labor do pastor ha ser sempre de servizo, presenza, acompañamento, capacidade de escoita, vivir entre, preocuparse con... moi lonxe do que teña que ver con funcionariado de xornada preestablecida, cartos, ritualismo litúrxico ou impertérrita distancia por crerse/nos por riba dos demais.

Os pastores, se quere/queremos ser dos do proxecto de Xesús, estan/mos chamados a humanizar humanizándonos, sen distancias, falsas aparencias ou busca de poder e recoñecemento.

Loitemos para que sexa así, e deixémonos acompañar evitando facer do noso pastoreo un traballo de oito a tres.

CORAZÓN DE MISERICORDIA

  • Por non buscar momentos de silencio e reflexión. SEÑOR, PASTORÉANOS SEMPRE.

  • Porque nos deixamos ir da rutina e renunciamos á creatividade que nos alente e anime; CRISTO, PASTORÉANOS SEMPRE.

  • Para que non nos creamos nin mellores nin máis importantes ca ninguén; SEÑOR, PASTORÉANOS SEMPRE.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

Ai dos pastores que deixan que se perda o rabaño

e que o espantan do meu pasteiro! -é o Señor quen fala-.

Por isto, así lles fala o Señor, Deus de Israel,

ós pastores que apacentan ó meu pobo:

-Vós espantáde-las miñas ovellas,

escorrentádelas e non coidades delas;

ollade que eu vos pedirei contas da maldade dos vosos feitos -é o Señor quen fala-.

Eu xuntarei o resto das miñas ovellas,

traéndoo de tódolos países a onde as esparexín,

e fareinas volver ós seus pasteiros,

onde criarán e se multiplicarán.

Para elas constituirei pastores que as apacenten,

de xeito que xa non volvan ter medo, nin se espanten,

nin se perda ningunha -é o Señor quen fala-.

Ollade que chegan os días -é o Señor quen fala-

en que farei abrollar de David un retoño lexítimo,

será rei de verdade e comportarase con prudencia,

administrará o dereito e a xustiza no país.

Desde os seus días Xudá vivirá a salvo,

e Israel vivirá en paz.

O título que se lle dará será este: "O Señor é a nosa xustiza".

Palabra do Señor. Grazas a Deus.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

Irmáns e irmás:

Pero vós, que antes estabades lonxe, agora gracias a Cristo Xesús estades cerca, no sangue de Cristo. El é a nosa paz: o que dos dous pobos fixo un só, derrubando a medianeira divisoria -a inimizade-, e abolindo na súa carne aquela Lei de mandamentos e normas, para crear en si mesmo cos dous unha nova humanidade, facendo a paz; e reconciliando con Deus ámbolos dous nun único corpo por medio da cruz, matando nel mesmo a inimizade. El veu e anunciou a paz: paz para vós -os de lonxe-, e paz para os que estaban cerca: porque por el temos uns e outros acceso ó Pai, nun mesmo Espírito. 

Palabra do Señor. Grazas a Deus.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Cando volveron a reunirse con Xesús, os apóstolos contáronlle canto fixeran e ensinaran. El díxolles:

  • Vide vós comigo a un lugar arredado, e descansade un pouco.

Eran moitos os que ían e viñan, e nin para comer atopaban tempo.

Fóronse sos na barca a un lugar arredado. Pero, ó velos marchar, a xente foinos seguindo por terra desde tódalas vilas, e chegaron primeiro ca eles. Así, cando desembarcaron, atopouse cunha grande multitude. El, conmovido, porque eran coma ovellas sen pastor, púxose a predicar ensinándolles moitas cousas. 

Palabra do Señor. Gloria a Ti, Señor Xesús.

Palabra remoída

  • Falar de pastores na Igrexa dá para moito, porque do mesmo xeito que a Igrexa é ampla, plural, distinta, multicultural; poliédrica, que diría o papa Francisco, así tamén o son os seus pastores. Porén, na maioría das veces cústanos diferenciar e descubrir esta pluralidade porque deixamos que as frases feitas, os comentarios universalizados ou coller a parte polo todo, acaben por levarnos a falar dos pastores como se todos fosen iguais, actuasen do mesmo xeito ou fosen froito dun mesmo e repetitivo patrón de actuación e comportamento. Pero a pouco que nos fixemos, que nos esforcemos por tentar ver cun pouco máis de profundidade, iremos descubrindo as diferenzas. Porque non é verdade que todos sexan iguais e busquen o mesmo. A primeira lectura que temos escoitado márcanos  a pauta do que nunca han ser os pastores. 

  • Escorrentar, asustar, dominar, controlar... non son, inda que ás veces poida parecelo, nin as actitudes nin as formas desde as que os pastores han desenvolver o seu ministerio, e porén enraizar a súa vida. Pero para que non sexa así precisan/mos colaboración, participación, creatividade... das persoas que conforman/mos as comunidades. Un só non vai moi lonxe. Compartindo o camiño e implicándonos na súa realización avanzaremos máis e sentirémonos non número indefinido e si persoas concretas que nos queremos, ilusionamos e participamos acompañando e deixándonos acompañar. 

  • Tentemos entón facer o esforzo por colaborar, participar, aportar... de xeito que as nosas poidan ser comunidades vivas, ledas, esperanzadas, non preocupadas por se somos moitos ou poucos, senón comprometidas por facer casa común e familiar, na que ninguén se senta fóra. Comunidades sinodais e co-participes onde ninguén impón e todos e todas colaboramos aportando ideas, tempo, gañas, para facer da fraternidade eixe do proxecto de salvación e humanidade de Xesús. Aquel que non xulgou e si escoitou, acompañou foi capaz de poñer ledicia e acougo nos corazóns dos que a El se achegaban.

Oración compartida

Un dos momentos verdadeiramente comunitarios da celebración é este, no que compartimos a oración. Poñamos logo a nosa vida na man de Deus para que a alente e a acompañe como Bo Pastor que é dicindo: 

PASTOR BO, GRAZAS POR CAMIÑAR CON NÓS

  • Para que entre todas e todos saibamos construír unha Igrexa servidora, humana e verdadeiramente sensible ante as dores e tristuras do noso mundo. Oremos. PASTOR BO, GRAZAS POR CAMIÑAR CON NÓS.

  • Para que non reneguemos nunca da tarefa de facer das nosas parroquias berces onde se aloumiñe e dea calor a quen se sinta necesitad@ de que se lle escoite e preste atención. Oremos. PASTOR BO, GRAZAS POR CAMIÑAR CON NÓS.

  • Para que nós nos esforcemos en colaborar cos pastores das nosas comunidades parroquiais ofrecéndolles as nosas ideas, propoñéndolle proxectos novos e transmitíndolles ilusión e gañas de facer cousas novas e distintas. Oremos. PASTOR BO, GRAZAS POR CAMIÑAR CON NÓS.

Señor, Pastor Bo, grazas por acompañar o noso crecemento como persoas implicadas na tarefa de non deixar nunca a ninguén á beira do camiño sen prestarlle a atención do noso tempo e a nosa escoita. P.X.N.S. Amén.

Ecos de esperanza

Para comprender, desculpar ou servir á xente de corazón,

é indispensable sandar o orgullo e cultivar a humildade.

Deus prefire ás persoas humildes.

Cando vivimos con humildade, El transforma os nosos pequenos esforzos e fainos grandes.

(Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...