Ir al contenido principal

Santiago Apóstolo 2021

 No camiño sinodal da fe vivida na fala dunha terra compartida

CANTOS

Entrada.-  Sementar, sementarei

Lecturas.- Xurdirá (Nº 128)

Ofertorio.-  Na nosa terra ( 36)

Comuñón. Gracias, Señor, graciñas (Nº 50) 


MIRADA DE ESPERANZA

Comezamos cantando a sementeira. Porque a sementar invítanos o evanxeo; a sementar ao estilo de Xesús: desde as raíces, na fala da xente, en comuñón coa Casa común que compartimos crentes e non crentes. 

Neste día de Santiago, Apóstolo do camiño, e na festa de Galicia que nos lembra que non somos seres anónimos, que temos identidade. Unha identidade compartida e celebrada, desde a que se nos invita, como aos Zebedeos, a non ter medo de beber do cáliz da fe compartida por facer un mundo mellor, unha parroquia máis solidaria e unha familia na que a fraternidade se viva como comuñón de pluralidades.

Gocemos entón da celebración de hoxe agradecendo a Deus poder celebrar e compartir o agasallo da fe na terra que nos da identidade e historia.

CORAZÓN DE MISERICORDIA

  • Por non ter agarimado a nosa lingua, lingua da nosa árbore xenealóxica que nos mostra que temos raíz compartida. SEÑOR, QUE NON RENEGUE DAS MIÑAS RAÍCES.

  • Por non ser capaz de entender que a fe só pode vivirse desde o cercano, o próximo e con quen temos ao lado. CRISTO, QUE NON RENEGUE DAS MIÑAS RAÍCES.

  • Por deixar que reseque a ilusión de saber que o que somos ten a súa orixe na loita e no traballo, tantas veces incomprendido, dos nosos antepasados. SEÑOR, QUE NON RENEGUE DAS MIÑAS RAÍCES.

PALABRA PROCLAMADA

Palabra recollida na segunda carta de Paulo Apóstolo ós Corintios


Irmáns e irmás:

Levamos ese tesouro en vasos de barro. E así esa forza tan extraordinaria aparece como forza de Deus, e non nosa. Aprétannos por todas partes, mais non nos esmagan; andamos en apuros mais non desesperados; andamos perseguidos pero non abandonados; derrúbannos pero non nos rematan. Por todas partes levamos no noso corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste tamén no noso corpo. Porque a nós, estando vivos, entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal. E así a morte actúa en nós, e a vida en vós.

Mantendo, sen embargo, o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito ''creo e por iso falo'', tamén nós cremos e por iso falamos. Porque sabemos que Aquel que resucitou a Xesús nos ha resucitar tamén a nós con Xesús e nos ha colocar convosco onda El. Todo isto acontece por causa vosa, de modo que, ó estenderse a gracia, se multiplique o número dos agradecidos, para gloria de Deus. Palabra do Señor. Grazas a Deus.


Proclamación do santo Evanxeo segundo Mateo


Achegóuselle a Xesús a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos, prostrándose para pedirlle algo. El preguntoulle: -¿Que queres?

Respondeulle: -Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.

Respondeulle Xesús: -Non sabéde-lo que pedides. ¿Poderedes bebe-lo cáliz que eu teño que beber?

Respondéronlle: -Podemos.

Xesús replicou: -O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo: é para quen o meu Pai o ten preparado.

O escoitaren isto os outros dez, anoxáronse todos cos dous irmáns. Entón Xesús chamou por eles e díxolles: -Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan, e os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos: quen queira ser importante, que sirva ós demais; e quen queira se-lo primeiro, que sexa o máis servizal; porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entrega-la súa vida en rescate por todos. Palabra do Señor. Gloria a ti, Señor Xesús.



PALABRA REMOÍDA

  • Dinos Paulo na primeira lectura que a fe é un tesouro que levamos en vasos de barro. E como tal necesitamos coidalo e protexelo con moito mimo, con moita dedicación, con moita atención. Do mesmo xeito que pai e nai protexen, miman, coidan e están permanentemente pendentes desa filla ou dese fillo que tanto buscaron e que ve a luz froito do seu amor expresado e vivido na ilusión e con esperanza. Para eles esa nova vida, pequena e fráxil, que chega ao mundo e que collen no seu colo con alegría, si, pero tamén co medo de ferir esa fraxilidade, esíxelles total e permanente atención. Por iso terman sen contabilizar horas extras ou días festivos. Pois esta imaxe pódenos valer hoxe para entender o que Paulo lles dicía aos corintios sobre a fe. Tamén é fráxil e precisa ser coidada e mimada para que poida crecer e madurar, esforzándonos por integrala no noso xeito de vivir, actuar e comportarnos. Porque a fe non é unha palabra, tampouco unha ideoloxía, e moito menos un cúmulo de imposicións dogmatizadas e cheas de fanatismo; ao contrario, a fe é recendo que inunda cada día da nosa vida, e ilusiona e reafirma os proxectos; a fe é esperanza que non se deixa vencer do desánimo nin cae na frustración, é impulso de traballo en común para construír parroquias sinxelas pero comprometidos coas persoas, non coas ideas, e moito menos coas ideas excluíntes que se poñen por diante da vida, das preocupacións, das feridas, físicas ou morais das persoas. Por iso que fermosa é a imaxe coa que Paulo nos quere transmitir que, desde a súa fraxilidade, temos que ir alentando, integrando e dándolle oco e contido na nosa vida, sen supoñer que se reduce a un rito no que se nos molla a cabeza cando somos cativería. 

  • E que ben acaída nos vén esta lectura no día de hoxe, o día de Galicia. Dia no que rendemos homenaxe a tantas xeracións de antepasados e antepasadas que mantiveron viva esta fe e lla transmitiron ás diferentes xeracións sen deixarse levar polo desánimo nin caer no ritualismo baleiro. E todo feito desde unha terra concreta, a nosa, onde nos descubrimos crentes no proxecto de fraternidade e igualdade de Xesús; crentes que non temos vergoña de rezar, celebrar e compartir a alegría de saber que non estamos nin sos nin esquecidos. Nós celebramos e compartimos esta fe que como semente vai crecendo cada día e que precisa, para que non seque, ser regada, tamén cada día, co bo facer no noso actuar, coa solidariedade que se achega a quen nos precisa para tenderlle a man, e coa alegría de poder compartila e rezala xunto con outras persoas; que se saben tamén, coma nós, na fraxilidade. Camiñemos logo por este vieiro de fraxilidade e fortaleza comunitaria coa que nos agasalla a fe en Xesús e no seu proxecto!


  •  E para iso, como lle dixo Xesús aos Zebedeos, precisamos beber do mesmo cáliz ca El. É dicir, saber estar nas alegrías, que as hai, pero tamén nas dificultades; nas incomprensións, que chegan e ás que debemos facer fronte; no pequeno, humilde e sinxelo de ser unha comunidade aparentemente irrelevante, pero que non renuncia a seguir dando razón da esperanza na súa lingua, na súa terra e sentíndose mensaxeiros e mensaxeiras da misión que Xesús, no envío dos apóstolos, nos entregou: ide e anunciade. Anunciemos logo desde a fraxilidade, pero coa confianza de que nin imos sos nin quedamos ao pairo. El, e a comunidade, acompáñannos neste camiño sempre. Que creza a semente!.

ORACIÓN COMPARTIDA

Neste día de festa na nosa terra, e tendo a Santiago como o que abre o noso camiño cara Xesús, recemos comunitariamente dicindo:

SEÑOR, CON HUMILDADE DICÍMOSCHE QUE QUEREMOS BEBER DO TEU CÁLIZ

  • Para que a Igrexa recoñeza a súa fraxilidade e busque camiñar unida a todo proxecto que poña ás persoas no centro e procure o que une e humaniza. Oremos.


SEÑOR, CON HUMILDADE DICÍMOSCHE QUE QUEREMOS BEBER DO TEU CÁLIZ


  • Pola nosa terra, Galicia, que hoxe está de festa. Que a nosa sexa sempre alegría de corazón que busca o ben, a igualdade e a xustiza nas persoas. Oremos.

       SEÑOR, CON HUMILDADE DICÍMOSCHE QUE QUEREMOS BEBER DO TEU CÁLIZ

  • Para que nós valoremos a riqueza de poder compartir a fe na nosa lingua, esforzándonos por facer da nosa cultura non recuncho pechado, e si agasallo que enriquece e valora a universalidade de proxectos e esperanzas na Casa común que compartimos. Oremos.


SEÑOR, CON HUMILDADE DICÍMOSCHE QUE QUEREMOS BEBER DO TEU CÁLIZ

Grazas, Señor, pola alegría compartida deste día de festa na honra de Galicia e do Apóstolo Santiago. Por Cristo o noso señor. Amén.




ECOS DE ESPERANZA

A mirada de Paulo, que observa a cidade de Atenas “cos ollos da fe”, lévanos a preguntarnos sobre “a nosa forma de ver as nosas cidades”. Observámolas con indiferenza? Con desprezo? Ou coa fe que recoñece aos fillos de Deus no medio das multitudes anónimas?,”.

Paulo, no Areópago, realiza un exemplo extraordinario de inculturación da mensaxe da fe: proclama a Xesucristo aos adoradores de ídolos, e non o fai agredíndoos, senón facéndose pontífice, construtor de pontes…. proclama que Deus vive entre a cidadanía e non se esconde dos que o buscan con corazón sincero, inda que o fagan a tentas.

Pidamos hoxe ao Espírito Santo que nos ensine a construír pontes con quen no cre ou ten outra fe distinta á nosa. Pidamos a capacidade de inculturar con delicadeza a mensaxe da fe. Que o lume do seu amor que é capaz de inflamar o corazón máis endurecido abra os ollos dos que aínda non coñecen a Cristo.(Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...