Domingo 27 do Tempo ordinario
DEUS PÚXONOS NO MUNDO PARA QUE FAGAMOS O NOSO CAMIÑO EN IGUALDADE
CANTO GOZOSO
· Entrada.: Andarei
· Lecturas: Ditosos os que temen ao Señor
· Ofertorio.: Acharte presente
· Comuñón: Eu soñei
OLLOS ABERTOS
Non poucas veces no nome de Deus se lle teñen imposto ás persoas cargas insufribles, dolorosas e inhumanas. Disto vai o evanxeo de hoxe. Diante da intolerancia dos que se quedaban no simple cumprimento das normas, Xesús fala das persoas isto, inda que pareza mentira, non acabamos de entendelo ben os seus seguidores. Nós seguimos falando de normas, imposicións e sometemento, facendo, non poucas das veces, sufrir ás persoas.
Poñámonos logo no camiño de Xesús, e deixemos de mirar o que as outras persoas fan, segundo os nosos estritos criterios, mal, e busquemos poñernos na cultura do encontro e do diálogo, que fai das persoas centro e das normas medios.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Para que non poñamos cargas pesadas nos ombreiros dos demais; SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA CULTURA DO ENCONTRO.
· Para que deixemos de mirar tanto o que os demais fan, e nos esforcemos nós por facer as cousas mellor; CRISTO, QUE CAMIÑEMOS NA CULTURA DO ENCONTRO.
· Para que vivamos a fe con alegría e non desde o pesimismo; SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA CULTURA DO ENCONTRO.
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE
O Señor Deus pensou: ‑"Non está ben o home só. Vou facer para el unha axuda ó seu xeito". O Señor Deus formou de terra as feras do monte e os paxaros do ceo, e presentoullos ó home, para ver que nomes lles puña. Cada ser vivo levaría o nome que o home lle puxese. O home púxolles nomes ós animais domésticos, ós paxaros do ceo e ás feras do monte. Pero entre eles non había unha axuda ó seu xeito.
Entón infundiu o Señor Deus un sono profundo no home, e este adormeceu. Tiroulle unha costela e cerrou con carne o sitio. Da costela do home formou unha muller e presentoulla ó home.
O home exclamou: ‑"Agora esta é coma min, o mesmo óso, a mesma carne. Chamarase muller, porque foi tirada do home". Por iso deixa o home seu pai e súa nai para xuntarse coa súa muller e faceren un mesmo corpo.
Palabra do Señor. Grazas a Deus
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS
Irmáns e irmás:
Aquel que “rebaixaron só un chisco con respecto ós anxos”, Xesús, por aguanta-los padecementos da súa morte, está coroado de gloria e dignidade. Deste xeito, a súa morte foi unha bendición de Deus para todo home.
Efectivamente, conviña que Aquel para quen e por quen todo existe, se quería levar moitos fillos á gloria, levase á máxima perfección por medio do sufrimento o que ía ir á cabeza dos que se salvarían; pois o consagrante e os consagrados teñen que ser todos da mesma liñaxe. Por isto non se avergonza de lles chamar irmáns.
Palabra do Señor. Grazas a Deus
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Achegáronselle a Xesús algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido ó home repudia-la muller. El replicoulles:
‑¿Que foi o que mandou Moisés?
Respondéronlle:
‑Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.
Díxolles Xesús:
‑Tendo en conta a dureza de voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. Pero desde o principio da creación, fíxoos varón e femia. Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. O que Deus uniu, que non o separe o home.
Xa na casa, os discípulos volvéronlle a preguntar acerca disto. El díxolles:
‑O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. E se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.
Palabra do Señor. Gloria a ti Señor Xesús.
PALABRA REMOÍDA
· A primeira lectura ofrécenos unha clave fundamental para entender a proposta que o evanxeo nos ofrece respecto á sociabilidade. As persoas somos unhas con outras, precisámonos, colaboramos cando facemos traballos comunitarios... porque o camiño individual, ademais de non levar a ningunha parte, íllanos e redúcenos a ser simples pezas de xadrez no taboleiro do mundo. Pezas que ao moverse individualmente son/mos presa fácil para os predadores que buscan aproveitarse de quen é máis débil. E débiles somos cando non nos unimos, cando cada un vai polo seu lado, cando somos incapaces de pensar desde o sentido comunitario en todas e cada un dos ámbitos da vida: familia, parroquia, traballo.
· Este ser con ten que facernos ver que prescindir dos demais, darlle as costas aos proxectos comunitarios, pecharse en actitudes egoístas vainos afastando da proposta de Xesús. E isto é moi importante non esquecelo, porque está no ADN do camiño de Xesús e dos apóstolos. Teno claro o papa Francisco cando de maneira reiterada non deixa de falar da dimensión social do evanxeo, e do compromiso que este supón para que os cristiáns teñamos sempre actitudes que potencien toda acción que busque o ben común e a participación.
· A dureza do corazón, tal e como nos mostra o evanxeo, leva a ter actitudes insolidarias e dogmáticas. Isto fai que nunha relación entre home e muller se pense que o home é superior, manda, ten máis autoridade e pode impoñer o que queira. Pero Isto é unha das cousas que máis enfada e entristece a Xesús, porque na súa proposta somos imaxe de Deus, e polo tanto iguais en dereitos e dignidade. A testarudez no noso actuar ten feito que historicamente esta igualdade e dignidade non se teña respectado. Esforcémonos logo para poñer máis os ollos no Evanxeo e menos nas ansias de dominar e controlar.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Como comunidade poñemos agora as nosas angueiras na man do Señor dicindo:
QUE NUNCA NOS DEIXEMOS SOS.
· Para que traballemos naquelas propostas e proxectos que non axuden a ser felices e a facer felices aos demais. Oremos.
· Para que nos esforcemos por construír parroquias que se unan para axudarnos uns aos outros. Oremos..
· Para que nos non caiamos na tentación do individualismo, a indiferenza nin a intolerancia. Oremos..
Grazas, Señor, por este momento de oración comunitaria que nos fai sentir a ledicia da solidariedade. P.X.N.S. Amén.
ORACIÓN AGRADECIDA
Xesús, María e Xosé
en vós contemplamos
o esplendor do verdadeiro amor,
a vós, confiados, dirixímonos.
Santa Familia de Nazaret,
fai tamén das nosas familias
lugar de comuñón e cenáculo de oración,
auténticas escolas do Evanxeo
e pequenas igrexas domésticas.
Santa Familia de Nazaret,
que nunca máis haxa nas familias episodios
de violencia, de cerrazón e división;
que quen teña sido ferido ou escandalizado
sexa pronto consolado e curado. Amén. ( A.Laetitia )
Comentarios