A HUMILDADE UNHA PALABRA PARA SER TESTEMUÑADA
CANTO GOZOSO
Entrada.- Camiñando pola vida (Nº 9)
Lecturas.- As túas palabras son espírito e vida (Nª113)
Ofertorio.- Eiqui están (Nº 32) )
Comuñón.- Quedate, Señor, connosco (Nº 63)
OLLOS ABERTOS
A gran tentación contra a que temos que loitar cada día as persoas é a da soberbia. Si, porque no fondo, ou non tan no fondo, gústanos impoñer a nosa opinión, distinguirnos dos demais, que nos fagan caso; nunha palabra, sobresaír. Porén, o evanxeo vai noutra dirección: para Xesús, a diferenza dos Zebedeos, o importante non é ter poder, senón servir.
Que tamén nós, seguindo a xeira de Xesús, nos esforcemos por ser persoas servidoras e non ditadoras.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Por ter esquecido que o servizo é unha actitude á que nos invita Xesús; SEÑOR, QUE APRENDAMOS A ESCOITAR.
Por non ter prestado atención a quen nos fala; CRISTO, QUE APRENDAMOS A ESCOITAR.
Por non ser capaces de compartir no canto de impoñer; SEÑOR, QUE APRENDAMOS A ESCOITAR.
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
O Señor quixo esmagalo co seu sufrimento:
si, entrega a túa vida en expiación polo pecado.
Pero el verá descendencia, alongará os seus días
e por medio del cumprirase a salvación do Señor.
Polos traballos da súa vida verá a luz,
alcanzará a sabedoría.
O Xusto volverá xusto o seu Servo
para o ben de moitos
e as iniquidades destes el soportará. Palabra do Señor. Grazas a Deus
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS
Irmáns e irmás:
Xa que temos un gran Sumo Sacerdote que xa penetrou no ceo, Xesús, o Fillo de Deus, manteñámo-la esperanza que profesamos.
Pois así é: nós non temos un Sumo Sacerdote que non se poida compadecer das nosas debilidades, senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado. Acheguémonos, con liberdade ó trono da gracia, para conseguirmos misericordia e atoparmos gracia para unha axuda no seu debido tempo. Palabra do Señor. Grazas a Deus
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Achegándose a Xesús os fillos de Zebedeo -Santiago e mais Xoán-, dixéronlle:
Mestre, nós queriamos que nos fixése-lo que che imos pedir.
El preguntou:
¿E logo, que é o que queredes que vos faga?
Contestáronlle:
Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda.
Respondeulles Xesús:
Vós non sabedes ben o que pedides. ¿Seredes capaces de bebe-lo cáliz que eu teño que beber, e recibi-lo bautismo que eu teño que recibir?
Respondéronlle:
Somos.
Xesús replicou:
O cáliz que teño que beber, si que o beberedes, e tamén recibiréde-lo bautismo que eu teño que recibir, pero o sentardes á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min o concedelo, senón que é para os que está reservado.
O escoitaren isto, os outros anoxáronse con Santiago e con Xoán. Entón Xesús chamounos e díxolles:
Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos, quen queira ser importante, que sirva os outros, e quen queira se-lo primeiro, que sexa o máis servicial. Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir, e a entrega-la súa vida en rescate por todos.
Palabra do Señor. Gloria a ti Señor Xesús.
PALABRA REMOÍDA
Esforzarnos por ser persoas xustas non é tarefa doada para ninguén. Supón un esforzo constante e permanente por non deixar que os arroutos nos venzan e acaben impoñéndose á reflexión. De todos os xeitos, ser capaz de entregar a vida ao servizo dos demais, pídenos un esforzo extra para non deixarnos levar do que moitas veces resulta ser o máis doado: caer na rede do común, o tópico, o que fan todas e todos. E isto é a antítese do comportamento xusto. Se queremos ser persoas marcadas pola xustiza,debemos facer oco en nós á servicialidade, pois é desde ela como comeza o camiño de respecto, da igualdade e do recoñecemento do ben e do bo que os demais fan e nos fan.
E o camiño deste actuar xusto, sinxelo e humilde marcounolo Xesús. El si que entendeu o que significaba renunciar a un/ha mesmo para xerar alegría, acougo e felicidade nos demais. A súa vida foi unha permanente entrega en xenerosidade empática buscando contar con todos e todas, e sen facer de menos a ninguén. El é o verdadeiro servo, prototipo do que se ha entender por xustiza e comportamento xusto. Nel vémonos reflictidose e urxidos a seguir a súa xeira. Non caiamos na tentación de poñernos nós no canto del.
Pero non sempre o testemuño de Xesús era entendido por aqueles e aquelas que estabn con el. E isto vémolo hoxe no evanxeo. Nos Zebedeos podemos vernos reflictidos calquera de nós coas nosas ansias de medrar por riba dos demais, e mesmo a costa deles; neles podemos descubrirnos tamén cando o que buscamos é o carreirismo de quen non converte a súa vida en servizo e si en poder. Os Zebedeos son hoxe para nós icona do que non debe ser quen se queira chamar seguidor de Xesús e facer da súa vida un verdadeiro servizo de fraternidade. E para vivilo non é necesario realizar ningún tipo de excentricidades. Na normalidade de quen fai ben as cousas e pon ás persoas no centro dese actuar é onde nós temos que poñer a mirada, o orazón e as mans. Por e nesa sinxeleza enchoupada de fraternidade é o vieiro polo que nos chama El a camiñar. E que ben acaído nos chega este evanxeo cando hoxe comezamos na nosa diocese o camiño sinodal que nos ha descubrir como membros activos das comunidades cristiás nas que todos e todas somos importantes e responsables dun camiñar común que nos vai descubrindo que non estamos sós e que todas as opinións han ser escoitadas.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Como comunidade, poñemos agora as nosas angueiras na man do Señor dicindo:
QUE O CAMIÑAR COMUNITARIO NÓS FAGA SENTIR IGREXA
Pola Igrexa, para que a experiencia de camiñar dando voz a todas as persoas que a conformamos, nos faga poñer os ollos no evanxeo do servizo e non no poder; Oremos.
Para que nas nosas parroquias non caiamos na tentación de crear novos clericalimos que desunen e rompen a fraternidade; Oremos.
Por nós, para que fagamos do servizo camiño polo que vaiamos avanzando na nosa vida; Oremos.
Grazas, Señor, por este momento de oración comunitaria que nos fai sentir a ledicia da solidariedade. P.X.N.S. Amén.
ORACIÓN AGRADECIDA
Un Sínodo para: encontrar, escoitar e discernir
Encontrar os rostros, cruzar as miradas, compartir a historia de cada persoa. Esta é a cercanía de Xesús. El sabe que un encontro pode cambiar a vida. E no Evanxeo abundan encontros con Cristo que reaniman curan”...
Aprender a escoitarnos mutuamente (…) evitando respostas artificiais e superficiais...
A Palabra, ilustra, “abrenos ao discernimento, iluminao, orienta o Sínodo para que non sexa unha ‘convención’ eclesial, unha conferencia de estudos ou un congreso político, senón un acontecimento de graza, un proceso de sanación guiado polo Espírito Santo” (Francisco)
Comentarios