Ir al contenido principal

28 domingo TO B 2021

 Abríndonos ao camiño sinodal: camiñemos sen excluír. O poliedro é moi amplo

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Pedras vivas / Unha parroquia nova

  • LECTURAS: Déixate querer

  • OFERTORIO: Recibe, Señor

  • COMUÑÓN: No colo da miña nai 

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

             Comeza hoxe en Roma unha andaina nova na Igrexa: o camiño sinodal que nos levará, coa participación de todo o pobo de Deus (papa, bispos, curas, relixiosos e relixiosas, segrares...) a facer unha reflexión conxunta, sen que ninguén quede fóra, sobre como queremos que sexa a Igrexa neste século, neste momento; e cal ha ser o noso compromiso de participación e implicación para que deixe de ser unha institución piramidal rexida por bispos e curas.

O Concilio deixouno moi claro: a Igrexa somos tod@s, porque somos pobo de Deus antes que calquera outra cousa. E isto, inda que pareza mentira, témolo esquecido, e non só os curas, inda que estes (nós), quizais moito máis. E se somos todas e todos por raíz compartida desde o bautismo, tamén temos que selo en participación, capacidade de decisión e responsabilidade á hora de tomar decisións que a todas e todos nos afectan.

Como Sínodo é camiñar conxuntamente, que tamén iniciemos nós este camiño sinodal sen medo a asumir responsabilidade, que non é mandar nin impoñer, nas nosas parroquias e na nosa realidade diocesana.

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

·        Para que non deixemos que outros tomen decisións porque nós temos renunciado a comprometernos; SEÑOR, QUE SAIBAMOS SER POBO DE DEUS.

·        Porque somos moito de criticar e pouco de comprometernos e facer cousas novas e diferentes; CRISTO, QUE SAIBAMOS SER POBO DE DEUS.

·        Porque non sempre estamos en disposición de comezar este camiño sinodal de asumir responsabilidades e deixar de ser un número na Igrexa; SEÑOR, QUE SAIBAMOS SER POBO DE DEUS.

 

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA

 

Roguei e foime dada a prudencia,

supliquei e veu a min o espírito da Sabedoría.

Preferina a cetros e tronos,

en comparanza a ela, coidei ser nada a riqueza;

non se lle asemella a alfaia de máis prezo,

pois todo o ouro, ó seu lado, é unha manchea de area,

e xunto a ela a prata é coma a lama.

Ameina por riba da saúde e da beleza,

escollín posuíla en troques da luz,

pois o seu raiolar non ten solpor.

Con ela viñéronme xuntos tódolos bens,

polas súas mans, riquezas incontables. Palabra do Señor. Grazas a Deus.


SALMO RESPONSORIAL

Danos, Señor a fartura da túa misericordia e saltaremos de alegría

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

No preciso momento en que Xesús se puña en camiño, chegou un a correr, que se axeonllou diante del e que lle preguntou:

-          Mestre bo, ¿que teño que facer para acada-la vida eterna?

Xesús contestoulle:

-          ¿E por que me chamas bo? Ninguén e bo, fóra de Deus. Xa sábe-los mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e maila túa nai.

El respondeu:

-          Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.

Entón Xesús pousou nel a súa ollada chea de cariño e engadiu:

-          Aínda che falta unha cousa: vai, vende todo o que tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.

Ante estas palabras mudóuselle o rostro e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens.

Xesús mirando todo arredor, díxolles ós discípulos:

-          ¡Que difícil lles vai ser ós ricos entrar no Reino de Deus!

E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu a insistir:

-          Fillos, ¡que difícil é entrar no Reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no Reino de Deus.

Eles, aínda moi asombrados, comentaban entre si:

-          Entón, ¿quen se vai poder salvar?

Xesús, mirando para eles fixamente, dixo:

-          Si, para os homes é imposible, pero non para Deus; pois todo é posible para Deus.

                                                        

Palabra do Señor

PALABRA REMOÍDA

Diciamos na reflexión do comezo da celebración que iniciamos na Igrexa un ano de/para camiñar conxuntamente –sinodal-. É importante que vaiamos interiorizando isto, porque non é esta unha afirmación superficial ou puramente retórica. Ao contrario: estásenos invitando a que deixemos atrás ese modo de ser católico no que viñemos camiñando durante moitos anos (que nos digan, que nos falen, que nos manden, que nos impoñan... e se me interesa xa farei ao meu xeito) e que foi dando lugar a que moitas veces nos mostremos coma crentes sen criterio, sen convicción, sen saber dar razón de por que cremos, ou por que paga a pena crer hoxe en día. E non só iso: tamén está a actitude de evadirnos, como se as cuestións de fe e de ser membros da Igrexa non fosen con nós; ou fosen algo puramente superficial e aparente.

Porén, Francisco, desde que chegou a Roma como pastor da Igrexa, de xeitos e maneiras diferentes, non ten deixado de invitarnos e de resaltar que a Igrexa non é unha pirámide, que é un poliedro, con forma de berce onde temos que acoller e ser acollid@s. Un poliedro no que cabemos todas e todos, e ninguén ten que ser excluído. Pero para que iso sexa así, precísase que as persoas que se consideran seguidoras de Xesús, nós, deixemos de comportarnos como se fósemos menores de idade e nos tiveran que mandar, dicir e indicar como e cando actuar. Como se non fósemos quen de ter criterio á hora de tomar decisións. Benia esta nova aventura na que nos invita a camiñar Francisco para que consigamos ser crentes que, desde a seriedade das nosas decisións e a madurez do noso actuar, rexeitemos o rutineiro, servil e infantilizante!!!!!!!

Isto esixe esforzarnos por dar o mellor de cada un e cada unha de nós, facendo da nosa sabedoría persoal fermento que levede na busca de sociedades máis evanxélicas. Porque a sabedoría non é unha calidade duns poucos, senón un don que temos recibido para poñelo ao servizo da xente. Porque todas as persoas somos co-partícipes da sabedoría que nos agasalla de humanidade, invitándonos a poñela ao servizo de quen a precise. Contra esa eiviña que as veces temos do vitimismo (non sei, non vallo, non podo, non...) poñamos as nosas capacidades, que son moitas e plurais, a favor dunha IGREXA MÁIS PARTICIPATIVA E DUNHA SOCIEDADE MÁIS SOLIDARIA E FRATERNA.

Fagámonolo sempre ao estilo de Xesús, que non é un estilo de rarezas, senón un estilo de facer o ben e de mostralo no actuar. Isto ábrenos a superar a tristura do rapaz do evanxeo que, porque tiña moitas cousas materiais, non foi capaz de sentir a alegría do compartir, pois para el era máis importante posuír que repartir. Que desde un compromiso de sinodalidade participativa, non deixemos nunca que a avaricia nos endureza o corazón que nos roube o sorriso.

COMPARTINDO O QUE NOS UNE

Participemos con alegría de corazón da nosa oración comunitaria dicindo:

QUE SINODALMENTE FAGAMOS A IGREXA MÁIS EVANXÉLICA

·        Para que a Igrexa non teña nunca medo en confiar responsabilidades ás persoas segrares; Oremos.

·        Para que as nosas sexan parroquias sinodais, onde participemos sen medo e con alegría; Oremos.

·        Para que nós non nos limitemos a cumprir ritos externos, e cambiemos o corazón para ser persoas máis solidarias e corresponsables das cousas que fagan posible que convivamos mellor; Oremos.

Grazas, Señor, por abrirnos os ollos á sinodalidade, que nos chama a participar en canto axude a deixarnos enriquecer pola forza do evanxeo. P.X.N.S. Amén.

AGRADECENDO O DON DA FE

Hoxe máis ca nunca é vital que, como Pobo de Deus, desde o encontro e o diálogo comunitario, discernamos novos camiños. Invitámosvos a camiñar xuntos como discípulos misioneiros sabendo que: “Existen diversos carismas, pero o Espírito é o mesmo. Existen diversos servizos, pero o Señor é o mesmo. Existen diversas funcións, pero é o Deus que obra todo en todos. A cada un, Deus lle concede a manifestación do Espírito en beneficio de todos” (1 Cor. 12, 4-7). Animámosvos a contribuír coa riqueza dos seus dons, coas vosas reflexións, observacións e propostas innovadoras ao discernimento común, exercendo a corresponsabilidade como membros do Pobo de Deus para que os nosos pobos teñan vida.

(asambleaeclesial.lat/wp-content/uploads/2021/03/espanol-documento-para-el-camino.pdf)


Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...