Ir al contenido principal

3 domingo TO C 2021

 A IGREXA: UN QUEBRACABEZAS ONDE NON SOBRA NINGUNHA PEZA

CANTO GOZOSO

Entrada.- Non vou só (60 )
Lecturas.- As túas palabras, Señor, son Espírito e vida ( )
Ofertorio.- Na nosa terra ( )
Comuñón.- Quédate, Señor, connosco ( )


ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

Moitas e moitos de nós temos a experiencia de montar un quebracabezas (“puzzle”) e cando chegamos ao final decatámonos de que hai unha peza que non encaixa ou que nos falta. Isto provócanos certa frustración por non ter rematado ben o traballo. Tamén as lecturas de hoxe nos falan do quebracabezas eclesial, o que conformamos todas e todos nós e no que non sobra ningunha peza, pero si faltan moitas que se foron perdendo polo camiño.
Correspóndenos a nós, co noso testemuño de vida, facer o posible para que todas as pezas volvan ao seu sitio, evitando tamén que ningunha delas se perda ou quede desaxustada. Iso esixe de nós moita capacidade de empatía e menos dogmatismo, porque as cousas, inda que nos puidera parecer o contrario, non só son brancas ou negras, senón que teñen matices, e son eses matices os que fan posible que falemos de ser unha Igrexa plural, aberta e próxima.

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

· Polo dogmatismo que nos aparta do evanxeo. SEÑOR, ACÓLLENOS CON AMOR.
· Pola rixidez e dureza coa que xulgamos o que fan as demais persoas. CRISTO, ACÓLLENOS CON AMOR.
· Por ter unha mirada condenatoria para quen non pensa coma nós. SEÑOR, ACÓLLENOS CON AMOR.

PALABRA PROCLAMADA 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE NEHEMÍAS

O sacerdote Esdras trouxo a Lei diante da asemblea, onde se atopaban os homes, mulleres e todos cantos eran capaces de comprende-lo que oían. Era o primeiro día do sétimo mes.
El leu no libro, desde o amañecer ata o mediodía, ós homes, mulleres e a cantos tiñan uso de razón. Os oídos de todo o pobo estaban atentos ó libro da Lei.
O escriba Esdras estaba en pé sobre unha tarima de madeira, preparada con esta ocasión. Esdras abriu o libro á vista de todo o pobo, pois colocárase por cima da comunidade, e cando o abriu, o pobo púxose en pé. Entón Esdras bendiciu ó Señor, o gran Deus, e todo o pobo respondeu: ‑"Amén, amén", levantando as mans. Despois inclináronse e prosternáronse diante do Señor, rostro en terra.
Lían no libro da Lei de Deus, traducíndoo e facendo comprende-lo que lían.
Entón o gobernador Nehemías, o sacerdote-escriba Esdras e os levitas que explicaban a Lei ó pobo, dixeron a toda a asemblea:
‑"Este día está consagrado ó Señor, o voso Deus. Polo tanto, cesade no voso pranto e non choredes máis".
El díxolles: ‑"Ídevos e comede ben, e bebede excelentes viños, e levádelles tamén ós que non teñen nada preparado, pois este día está consagrado ó noso Señor. Nin sigades tristes, porque o gozo do Señor é a vosa forza". Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo. Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
Pois ben, o corpo non está formado por un único membro senón por moitos.
Ben, pois vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e mailos predicadores da palabra, decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, ilustre Teófilo, a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te instruíron.
Coa forza do Espírito Santo, Xesús voltou a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda a redonda.
Ensinaba nas sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.
Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para face-la lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
O Espírito do Señor está sobre min
porque El foi quen me unxiu
para proclamárlle-la Boa Nova ós pobres.
Mandoume para lles anuncia-la liberación ós secuestrados
e a vista ós cegos,
para lles dar liberdade ós asoballados,
e proclama-lo ano de gracia do Señor.

Pechando o libro, devolveullo ó encargado, e sentou. Tódolos ollos da sinagoga enteira estaban fixos nel. Logo empezoulles a dicir:
‑Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura. Palabra do Señor.

PALABRA REMOÍDA

· Se fósemos conscientes de que o gozo do Señor é a nosa forza, seguro que viviriamos a fe dun xeito distinto a como o estamos facendo. Preguntémonos cal é a razón que nos leva a que non sintamos nin a ledicia nin a esperanza de vivir a fe como unha expereincia persoal fraterna e esperanzada. Preguntémonos cal é a razón que nos leva a que as celebracións non sexan verdadeiramente participativas e expresión do que vivimos, do que nos preocupa, do que nos anima, do que... e sempre acabamos insistindo, non no significado e contido do que celebramos, e si no moito ou pouco que dura, e do pesado que foi quen a presidiu; ou se eramos moitos ou poucos. É tempo de darlle a volta a esta situación e de deixar de fixarnos no externo e superficial e comezar a darlle importancia ao que de verdade a ten: de que maneira a fe vai animando, alentando e facendo que a miña vida sexa máis humana, feliz e ilusionante.

· E unha das premisas que teñen que ir alentando este proceso de preguntarnos e avanzar na vivencia da fe é o de sentirnos comunidade. Non unha comunidade incomunicada, senón unha comunidade que se recoñece nos seus membros, que se sabe comprometida en renovarse e formarse; unha comunidade que non ten medo a recoñecerse plural, diversa, aberta pero sempre disposta a unir e non a desparramar. Acabamos de escoitalo na lectura de Paulo aos Corintios: somos un único corpo, pero con moitos membros diferentes, distintos, con proxectos ou maneiras de vivir diversos, pero unidos polo mesmo tronco: Xesús. Esforcémonos por volver os ollos á Palabra de Deus e non ter medo da pluralidade que nos fai estar na Igrexa de formas, maneiras e actuacións novas e creativas. Calquera mediación, cando pensa nas persoas, pode ser boa para manifestar e vivir o proxecto de Xesús.

· E do mesmo xeito que o Espírito do Señor estaba con Xesús, tamén ha estar con nós, de modo que nos convertamos en anunciadores de boa nova cun actuar e comportarnos sinxelo pero solidario, alegre pero sen deixar de mirar o que de nós poden precisar os demais, paciente pero sen esquecer que a renovación e a creatividade fan o evanxeo máis vivo e actual, tal e como precisamos hoxe. Nunha palabra, fagamos o posible para que ser crente hoxe sexa motor de renovación e traballo compartido por unha sociedade máis xusta, e aberta, onde ninguén se sinta invisible ou excluid@.

COMPARTINDO O QUE NOS UNE

Rezamos comunitariamente dicindo: SEÑOR, GRAZAS POR ILUSIONARNOS.
  • Para que a Igrexa non se crea nunca estrutura inamovible e uniforme. Oremos. SEÑOR, GRAZAS POR ILUSIONARNOS.
  • Para que as nosas parroquias non vivan permanentemente dos recordos do pasado. Oremos. SEÑOR, GRAZAS POR ILUSIONARNOS.
  • Para que nós non teñamos medo a vivir a fe de maneira creativa, novidosa e transformadora da nosa vida. Oremos. SEÑOR, GRAZAS POR ILUSIONARNOS.
Na túa man poñemos Señor a nosa oración de hoxe, coa convicción de que sempre acompañas o noso camiñar. Por Cristo o noso Señor. Amén.

AGRADECENDO O DON DA FE

A práctica da Hospitalidade é necesario entendela desde a acollida integral.
A integralidade implica responder positivamente á posibilidade de vivir realmente preocupados unhas persoas das outras. Apostar por verdadeiras comunidades de hospitalidade supón non só aprender a aceptar a diversidade como riqueza, senón abrirse a compartir espazos comunitarios, promover a participación, aceptar que co-protagonizamos o espazo de decisión nas nosas sociedades. A hospitalidade é un modo de convivir todas e todos xuntos creando sociedades fraternas. Debemos promover a cultura da hospitalidade a través da creación de auténticas comunidades de acollida.
Atopar a Cristo, obrigado a fuxir, nos rostros das persoas migrantes, desprazadas e refuxiadas é una continua fonte de esperanza.
(https://www.jesuits.global/es )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...